DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 11 de xullo de 2025 Páx. 38897

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 4 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades no ano 2025 (código de procedemento CT200A).

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido nos números 22, 23 e 24 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de promoción do deporte e adecuada utilización do lecer, asistencia social e promoción do desenvolvemento comunitario. As ditas competencias, no ámbito da xuventude e do voluntariado, correspóndenlle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro do disposto no Decreto 42/2024, do 24 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

As subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do imposto sobre sociedades constitúen unha vía esencial de sostemento das axudas públicas para a realización de programas de interese xeral que, en Galicia, permitiu a execución, nos últimos anos, de importantes programas e significativos investimentos por parte dos departamentos da Xunta de Galicia que implementan as liñas de subvencións con cargo á dita asignación. Por isto, pódese concluír que esta actividade subvencional da Administración constitúe na nosa comunidade un verdadeiro instrumento de vertebración social no marco da asignación tributaria que a cidadanía realiza na súa declaración anual da renda.

Así, na presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de subvencións ás entidades xuvenís e de acción voluntaria sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades.

Existe crédito dispoñible para esta finalidade na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 42/2024, do 24 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2025 das axudas para a realización de programas de interese xeral que atendan fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades, xestionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.

2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Terá o código do procedemento CT200A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2025, crédito por importe total de un millón setecentos mil cincocentos trinta e oito euros (1.700.538 €) consignados nas aplicacións orzamentarias seguintes, en función das liñas de actuación subvencionables relacionadas no artigo 5:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe €

Liña I: Actuacións destinadas á xuventude

13.05.313A.481.0

665.960 €

Liña II: Actuacións destinadas ao voluntariado

13.05.312F.481.0

634.578 €

Liña III: Proxectos de investimento por parte das entidades xuvenís

13.05.313A.781.0

200.000 €

Liña IV: Proxectos de investimento por parte das entidades de acción voluntaria

13.05.312F.781.0

200.000 €

Total 1.700.538 €

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou ben cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Así mesmo, poderase reaxustar o crédito entre as distintas aplicacións orzamentarias no caso de resultar remanente nalgunha delas segundo o previsto no artigo 13.8, despois da tramitación da correspondente modificación, se é o caso.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. O importe da subvención concedida non poderá ser en ningún caso de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo do correspondente programa. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. En todo caso, deberán facerse constar de forma clara os conceptos e as partidas de gasto afectadas, así como os importes imputados a cada unha delas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao remate do prazo de xustificación establecido nos artigos 5.1 e 23.4 desta orde.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumprir os requisitos específicos establecidos no artigo 5 para cada liña de actuacións que se van subvencionar, se é o caso:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.

As entidades solicitantes de axudas para a realización de programas recollidos na liña I e/ou execución de proxectos de investimento recollidos na liña III deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís (REX) da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, agás no caso de entidades solicitantes de natureza fundacional legalmente constituídas que entre o seu obxecto social e finalidade inclúan, especificamente, a realización de actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da xuventude.

As entidades solicitantes de axudas para a realización de programas recollidos na liña II e/ou execución de proxectos de investimento recollidos na liña IV deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia (RAV) da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

No caso de federacións ou confederacións, entenderase cumprido este requisito se o cumpre a propia federación ou cada unha das entidades executantes do proxecto ou programa.

O cumprimento do requisito de inscrición no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico será comprobado de oficio polo órgano da Administración convocante.

Tratándose de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades executantes dos programas ou proxectos para os que se solicita a axuda.

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades que xa estivesen constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito sempre que a entidade transmitente estivese constituída con dous anos de antelación á data de publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven a súa función con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos números 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Figurar nos estatutos das entidades solicitantes que os seus fins institucionais corresponden á realización e á execución de programas sociais de similar natureza á dos programas de interese xeral para fins de carácter social para os que solicitan a subvención.

e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos no anexo I, liñas de actuación, dentro da mesma liña á cal concorre, e que se posúen os medios persoais e materiais necesarios para iso, mediante declaración responsable da persoa representante legal.

No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña III, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña I do dito anexo I.

No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña II do dito anexo I.

No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpran cada unha das entidades executantes dos programas/proxectos para os que se solicita a axuda.

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade que os transmite.

2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

3. No caso de entidades que formen parte de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de entidades sociais de ámbito autonómico, a solicitude das axudas realizarase sempre a través da entidade en que estea integrada e non de forma individual.

No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias delas para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante. En todo caso, cada unha das entidades executantes dos programas/proxectos para os que se solicita a axuda deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.

4. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais, nos seguintes termos:

a) Cada unha das entidades executantes que forme parte da agrupación deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.

b) As entidades que se agrupan deberán achegar un acordo en que se indiquen os compromisos de execución asumidos por cada unha delas como membro da agrupación, así como o importe da subvención para aplicar igualmente por cada unha delas, que terán, igualmente, a condición de entidades beneficiarias.

c) Deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Na execución de cada un dos programas presentados deben participar, cando menos, o 50 % das entidades que concorren agrupadas. No caso de se agruparen dúas entidades, estas deberán participar na execución de todos os programas que presenten, cunha porcentaxe mínima do 10 %.

5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Artigo 5. Requisitos e importe dos programas e actuacións subvencionables

1. As subvencións destinaranse a programas de interese xeral que teñan fins de carácter social. O contido dos programas deberá axustarse aos requisitos establecidos para as liñas de actuación sinaladas a continuación, segundo a tipoloxía de cada programa.

Os programas desenvolveranse integramente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2026, sendo a data límite de presentación da documentación xustificativa o 15 de marzo de 2027, segundo o estipulado no artigo 23.

2. O importe mínimo que pode solicitarse como subvención por cada programa/proxecto será de 5.000 €.

O ámbito de actuación, autonómico ou local/provincial, da federación, confederación, agrupación, entidade ou asociación determinará o número máximo de programas e proxectos para os que se poderá obter subvención, así como a contía máxima que se concederá para cada un deles.

Dentro de cada unha das liñas de actuación será o seguinte:

a) Para a liña I: Actuacións destinadas á xuventude:

1º. Ámbito local ou provincial: poderán presentar un máximo de 2 programas. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 20.000 €.

2º. Ámbito autonómico: poderán presentar un máximo de 4 programas. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 30.000 €.

b) Para a liña II: Actuacións destinadas ao voluntariado:

1º. Ámbito local ou provincial: poderán presentar un máximo de 3 programas. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 15.000 €.

2º. Ámbito autonómico: poderán presentar un máximo de 2 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 30.000 €.

c) Para a liña III: Proxectos de investimento por parte das entidades xuvenís:

1º. Ámbito local ou provincial: poderán presentar 1 proxecto de investimento como máximo. Cada proxecto poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 10.000 €.

2º. Ámbito autonómico: poderán presentar 1 proxecto de investimento como máximo. Cada proxecto poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 20.000 €.

d) Para a liña IV: Proxectos de investimento por parte das entidades de acción voluntaria:

1º. Ámbito local ou provincial: poderán presentar 1 proxecto de investimento como máximo. Cada proxecto poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 10.000 €.

2º. Ámbito autonómico: poderán presentar 1 proxecto de investimento como máximo. Cada proxecto poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 20.000 €.

3. Para os efectos desta orde, entenderase que unha agrupación, entidade ou asociación ten ámbito autonómico cando esta declare, no documento de información para a valoración das entidades (anexo V), que xestionou e executou programas sociais similares aos definidos no anexo I no ámbito das catro provincias galegas, durante un prazo mínimo de 2 anos.

4. Será requisito común para todos os programas das liñas de actuación subvencionables comprendidos nesta orde en que participe persoal voluntario a subscrición e vixencia dunha póliza de seguro de accidentes e de responsabilidade civil por parte da entidade a favor das persoas voluntarias que participen nos programas subvencionados, de conformidade co previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, durante toda a súa duración e que respondan dos prexuízos que se poidan causar durante o desenvolvemento da actuación subvencionable.

5. Para os programas referidos ás actuacións destinadas ao voluntariado na liña II e IV serán requisitos específicos:

a) Para a liña II: Indicar o número de persoas voluntarias e beneficiarias.

b) Para a liña IV: Indicar o número de persoas beneficiarias.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios.

b) Que se efectúen durante o ano 2026 e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 23.4, agás os impostos imputables á dita actividade devindicados con posterioridade á súa finalización e os gastos relacionados cos honorarios derivados da xustificación baixo a modalidade de conta xustificativa con achega de informe de auditoría recollida no artigo 23.5.

c) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos do persoal da entidade:

Polo que respecta ao persoal laboral da entidade, será subvencionable o custo total, que abranguerá as retribucións, indemnizacións e os custos de Seguridade Social correspondentes á entidade.

O importe das subvencións destinadas a financiar as retribucións do persoal laboral imputables á execución dos programas estará limitado polas contías determinadas para os diferentes grupos profesionais que se detallan nos convenios colectivos de aplicación en cada caso, incrementados nun máximo dun 15 %, de ser o caso.

Para xornadas inferiores á completa, realizarase o cálculo proporcional.

2º. Gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos: no relativo aos gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos, serán subvencionables as retribucións deste persoal, quedando afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas para o persoal laboral.

Esta modalidade admitirase nos casos en que, polas especiais características do programa, non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate polo persoal suxeito á normativa laboral.

Estas retribucións quedarán tamén afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas no punto anterior.

3º. Axudas de custo e gastos de viaxe: serán subvencionables dentro desta partida as axudas de custo e gastos de viaxe do persoal adscrito ao programa.

A contía das axudas de custo será a equivalente á establecida para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, actualizado pola Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023.

Polo que se refire ás axudas de custo no estranxeiro, observarase o disposto no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, sendo a contía destas a equivalente á establecida para o grupo 2 no referido Decreto 144/2001, do 7 de xuño, actualizado pola Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023.

As axudas de custo serán subvencionables sempre que estas non superen o 10 % do importe da subvención concedida para o desenvolvemento do programa, logo da súa reformulación ou modificación, de ser o caso, de acordo co establecido no artigo 20.2.

4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados co funcionamento habitual da entidade solicitante, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, sempre que non superen o 20 % do importe da subvención finalmente concedida para o desenvolvemento do programa, logo da súa reformulación ou modificación, de ser o caso, de acordo co establecido no artigo 20.2.

5º. Gastos derivados de auditorías externas sobre a xestión dos programas por parte da entidade, gastos derivados da revisión da conta xustificativa e da emisión do informe de auditoría e/ou gastos derivados da implantación de procedementos de calidade.

6º. Gastos de investimento no caso das liñas de actuación III e IV: Na execución de obras o importe total dos custos xerais (tales como honorarios de arquitectos e enxeñeiros) non poderán superar o 12 % do importe total da subvención finalmente concedida para o desenvolvemento do programa.

En ningún caso o custo de adquisición de equipamento ou material inventariable poderá ser superior ao valor de mercado.

7º. Bolsas de asistencia dirixidas a promover a participación das persoas beneficiarias nos programas de formación. A contía non poderá ser superior a 6 €/día.

8º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. Atendendo á natureza das actividades, as entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución total ou parcial da actividade subvencionada de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de aplicación e logo de comunicación ao órgano concedente.

Para estes efectos, entenderase por subcontratación o feito de que a actividade principal do programa a executen unha ou varias persoas xurídicas distintas da subvencionada, é dicir, cando a entidade se limite a obter a subvención e actúe de intermediaria con outra persoa xurídica, que é quen realmente executa en todo ou en parte as ditas actividades.

De acordo co previsto no artigo 23, a xustificación das actividades subcontratadas realizarase mediante a presentación do documento subscrito entre a entidade subvencionada e a entidade ou entidades subcontratadas, en que, necesariamente, deberán reflectirse a especificación das actividades que se subcontraten, a súa duración e o importe da subcontratación.

En todo caso, deberá contarse coas correspondentes facturas de gasto e xustificantes de pagamento, de conformidade co previsto na orde de convocatoria.

Así mesmo, as entidades beneficiarias das subvencións poderán concertar con entidades vinculadas a execución total ou parcial da actividade subvencionada, sempre que a contratación se realice de acordo coas condicións normais do mercado e logo de autorización do órgano concedente.

Artigo 7. Iniciación do procedemento. Solicitudes

1. As entidades deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo II, dirixida á dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado, á cal se xuntará a documentación complementaria indicada no artigo seguinte. A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta orde, así como na demais normativa aplicable.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e contrasinal Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. No formulario de solicitude, anexo II, asinado pola persoa representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable:

a) Identificación da entidade solicitante, da persoa representante, enderezo, datos bancarios.

b) Os datos dos programas ou proxectos respecto dos que se solicita subvención: liña, actuación, denominación e importe solicitado expresado en euros.

c) Declaracións sobre:

1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas: a entidade deberá declarar se solicitou ou se lle concederon outras axudas para os programas ou proxectos para os que se solicita subvención, con expresión do organismo concedente, ano, importe expresado en euros e disposición reguladora da axuda solicitada ou concedida. En caso contrario, a entidade deberá declarar que non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para os programas ou proxectos para os que se solicita subvención.

2º. Veracidade dos datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

3º. Inexistencia de causa que implique prohibición para ser entidade beneficiaria; estar ao día no pagamento de obrigas por reintegros de subvencións e, así mesmo, estar ao día no pagamento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte a Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4º. Cumprimento de requisitos establecidos na normativa vixente e da dispoñibilidade da documentación que así o acredite no caso de que sexa requirida pola Administración.

5º. Que as actuacións para as que solicita subvención se desenvolven de maneira real e efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.

6º. Condicións do persoal contratado que vai participar no programa: inexistencia de sentenza firme por calquera delito contra a liberdade e indemnidade sexuais tipificados no título VIII da Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, así como por calquera delito de trata de seres humanos tipificado no título VII bis do Código penal, en aplicación do artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia.

Polo que se refire ás persoas voluntarias que van participar nel e que estean relacionadas con menores de idade, non poderán ter antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou dos fillos/as, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas destes delitos, en aplicación do previsto nos puntos 4 e 5 do artigo 8 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, do voluntariado.

7º. Coñecemento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.

8º. Que nos programas que conten coa participación de persoal voluntario, a entidade subscribiu un seguro de responsabilidade civil e de accidentes que cubra as persoas voluntarias durante a duración da actuación subvencionable, de conformidade co previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, durante toda a súa duración e que respondan dos prexuízos que se poidan causar durante o desenvolvemento da actuación subvencionable.

9º. Que a entidade solicitante posúe, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, experiencia e especialización durante un prazo mínimo de dous anos na xestión e execución dos programas definidos no anexo I que se solicitan, así como os medios persoais e materiais necesarios para o desenvolvemento destes.

10º. Que a entidade se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente ao devandito recoñecemento ou exercicio.

11º. Que nos proxectos de execución de obras das liñas III e IV se dispón do título de propiedade sobre o inmoble ou dun contrato de arrendamento por un prazo non inferior a 5 anos, contado desde a data de publicación da convocatoria.

12º. Que nos proxectos de execución de obras das liñas III e IV a persoa representante da entidade solicitará as licenzas e permisos, no caso de que estes sexan exixidos pola normativa vixente de aplicación, segundo o tipo de obra de que se trate.

d) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 9.1.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa sobre o programa obxecto da solicitude de subvención (anexo III) para todos os programas das liñas I e II (no caso de achegar memoria complementaria da memoria explicativa, esta terá unha extensión máxima de 10 páxinas).

b) Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV), no caso de proxectos incluídos dentro das liñas III e IV do anexo I.

c) Información para a valoración das entidades (anexo V).

d) Estatutos debidamente legalizados, co obxecto de verificar que a entidade carece de ánimo de lucro e que os seus fins institucionais corresponden á realización e á execución de programas sociais de similar natureza á dos programas para os cales se solicita subvención, entre outros requisitos exixidos no artigo 4.

e) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.

f) No caso de solicitudes presentadas por federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de entidades sociais de ámbito autonómico, achegarase unha declaración responsable en que consten relacionadas as respectivas entidades asociadas ás que representan.

g) No caso de agrupacións sen personalidade xurídica, documento dos compromisos de execución asumidos por cada membro e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un.

h) Documentación acreditativa dos requisitos establecidos no anexo II:

1º. En relación coas subvencións para as liñas III e IV:

1º.1. Para a execución de obras:

1º.1.1. Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV).

1º.1.2. Proxecto ou anteproxecto de obras, axustado á normativa vixente de acordo coas especificacións legais, técnicas e arquitectónicas, adecuadas ás persoas usuarias do local.

Cando se trate de obras de menor contía, de acordo co establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberá presentarse, no seu lugar, un orzamento detallado e unha memoria abreviada asinada pola persoa contratista.

1º.2. Para a adquisición de bens inmobles:

1º.2.1. Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV).

1º.2.2. Orzamento detallado.

1º.2.3. Certificado da persoa taxadora independente debidamente acreditada, inscrita no correspondente rexistro oficial ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, en que se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

1º.3. Para a adquisición de subministracións, equipamentos ou vehículos:

1º.3.1. Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV).

1º.3.2. Orzamento da casa subministradora, con indicación do custo por unidade e do importe total das adquisicións que se pretenden realizar.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola/s persoa/s interesada/s, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da/das persoa/s interesada/s para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar á/ás persoa/s interesada/s a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento corresponderalle ao Instituto da Xuventude de Galicia, que realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se deba realizar a proposta de resolución.

Artigo 12. Emenda da solicitude e remisión da documentación á Comisión de Valoración

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Revisada a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, o órgano instrutor procederá a:

a) Elevar ao órgano competente para resolver unha proposta na que se reflictan os expedientes susceptibles de resolución de inadmisión e de declaración ou aceptación de desistencia, con indicación das circunstancias que concorran, para a emisión da resolución final do procedemento.

b) Remitirlle á Comisión de Valoración prevista no artigo seguinte aqueles expedientes respecto dos que se verificase a presentación da documentación en prazo e forma e o cumprimento de requisitos previos.

Artigo 13. Comisión de Valoración e regras para a valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular do Servizo de Voluntariado e Participación.

b) Secretaría: exercerá a secretaría unha das persoas vogais da comisión.

c) Vogalías: a persoa titular do Servizo de Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude e unha persoa funcionaria adscrita á Dirección Xeral de Xuventude.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, esta será substituída pola persoa designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. A Comisión de Valoración poderá requirirlles ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

3. A orde de prelación para a concesión das subvencións determinarase en función da puntuación obtida por valoración dos criterios establecidos no artigo 14. Non se concederá subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 60 puntos.

4. Para a determinación do importe da axuda que corresponde a cada un dos programas e proxectos que supere o limiar de puntuación mínima previsto no número anterior, procederase do seguinte modo:

a) A Comisión de Valoración determinará cal é o orzamento subvencionable de cada programa ou proxecto, sendo este igual á axuda solicitada coa exclusión daqueles gastos que non sexan elixibles ou que non sexan estritamente necesarios para acadar a finalidade da subvención.

b) Dentro de cada unha das liñas de actuación establecidas no artigo 5, ordenaranse os programas ou proxectos segundo a puntuación total acadada, de maior a menor.

5. Unha vez acadada a puntuación mínima exixida (60 puntos), os puntos finais obtidos por cada programa ou proxecto, co obxecto de promover aqueles que teñan unha maior calidade, serán o resultado de aplicar un índice corrector aos puntos obtidos de acordo cos criterios de valoración, aplicando a seguinte fórmula:

PF =SI(PCV >=85;2;SI(PCV >=75;1,5;SI(PCV >=60;1;0)))* PCV

PF= puntuación final do programa ou proxecto.

PCV = puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración.

6. Para realizar a distribución do orzamento consignado obterase o valor do punto. Este valor será o resultado obtido tras a división do crédito establecido para cada unha das liñas de actuación, entre a suma dos puntos finais obtidos por todos os programas ou proxectos avaliados.

Para determinar a contía da subvención correspondente a cada programa/proxecto os puntos finais obtidos por cada un deles multiplicaranse polo valor por punto. As cifras obtidas redondearanse a dous decimais.

No caso de que a contía que se vaia asignar a un programa/proxecto supere a cantidade solicitada para este, o exceso será redistribuído entre o resto dos programas/proxectos que non superasen a cantidade solicitada, obtendo así o novo valor do punto.

Este novo valor do punto multiplicarase polos puntos finais obtidos por cada programa/proxecto, resultando unha segunda contía a asignar a cada un deles.

De continuar existindo remanente procederase, da mesma maneira, a sucesivas reparticións ata esgotar o crédito dispoñible.

7. A Comisión de Valoración emitirá un informe cos resultados da citada avaliación, que presentará ao órgano instrutor para que este formule a correspondente proposta de resolución.

8. No caso de que tras calcular o importe que correspondería a cada un dos programas/proxectos quedase saldo de crédito dispoñible e fose insuficiente o previsto noutras aplicacións segundo o establecido no artigo 2, o importe resultante poderá ser obxecto de modificación orzamentaria, se é o caso, co fin de financiar programas a través deste saldo.

Artigo 14. Criterios de valoración

Para a adxudicación das subvencións teranse en conta os criterios obxectivos de valoración e a ponderación deles que a continuación se relacionan:

a) Criterios obxectivos de valoración das entidades solicitantes (ata 40 puntos).

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente os criterios obxectivos de valoración aplicaranse sobre as condicións e características da entidade transmitente.

A desagregación da puntuación é a seguinte:

1º. O ámbito territorial de implantación (máximo de 10 puntos). Valorarase o maior ámbito territorial das actuacións e programas realizados pola entidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos dous anos. Para estes efectos, outorgaranse:

1º.1. Ás entidades que desenvolvan actuacións en dúas provincias: 5 puntos.

1º.2. Ás entidades que desenvolvan actuacións en tres provincias: 7,5 puntos.

1º.3. Ás entidades que desenvolvan actuacións en catro provincias: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta, para os efectos de valoración, o seu ámbito territorial.

2º. A experiencia na xestión e execución de programas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia: (máximo 10 puntos). Valorarase a especialización e experiencia na xestión e execución de programas sociais, nos sete anos anteriores á publicación da convocatoria. Para estes efectos, outorgaranse:

2º.1. Ás entidades que teñan unha experiencia de tres anos: 2 puntos.

2º.2. Ás entidades que teñan unha experiencia de catro anos: 4 puntos.

2º.3. Ás entidades que teñan unha experiencia de cinco anos: 6 puntos.

2º.4. Ás entidades que teñan unha experiencia de seis anos: 8 puntos.

2º.5. Ás entidades que teñan unha experiencia de sete anos: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a experiencia da propia confederación, federación ou agrupación, ou a das entidades executantes que a integren, tendo en conta neste último caso que para acadar a puntuación anterior deben contar coa experiencia exixida en cada un dos tramos anteriores un mínimo do 30 % das entidades executantes que a integren.

3º. A calidade na xestión da entidade (máximo de 1,5 puntos). Valorarase con 1,5 puntos as entidades que conten con certificados de calidade en vigor en base á norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, outorgarase a máxima puntuación cando estas conten co certificado de calidade. Noutro caso, a puntuación outorgarase en función da porcentaxe de entidades asociadas executantes dos proxectos, para os que se soliciten as axudas, que posúan o citado certificado, de acordo cos seguintes tramos:

3º.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades executantes contan co certificado: 0,5 puntos.

3º.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades executantes contan co certificado: 1 punto.

3º.3. Máis do 70 % das entidades executantes contan co certificado: 1,5 puntos.

4º. A auditoría externa (máximo de 1,5 puntos). Valorarase con 1,5 puntos a entidade que conte con auditoría externa de contas no último exercicio pechado.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, outorgarase a máxima puntuación cando estas conten coa auditoría externa. Noutro caso, a puntuación outorgarase en función da porcentaxe de entidades asociadas executantes que conten coa dita auditoría externa, de acordo cos seguintes tramos:

4º.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades executantes conten con auditoría: 0,5 puntos.

4º.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades executantes conten con auditoría: 1 punto.

4º.3. Máis do 70 % das entidades executantes conten con auditoría: 1,5 puntos.

5º. O orzamento destinado aos programas no ano 2024 (máximo de 4 puntos). Valorarase o volume do orzamento da entidade no ano 2024 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa seguinte distribución:

5º.1. Orzamento anual de importe superior a 25.000 euros e igual ou inferior a 50.000 euros: 1 punto.

5º.2. Orzamento anual de importe superior a 50.000 euros e igual ou inferior a 100.000 euros: 2 puntos.

5º.3. Orzamento anual de importe superior a 100.000 euros e igual ou inferior a 150.000,00 euros: 3 puntos.

5º.4. Orzamento anual de importe superior a 150.000 euros: 4 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do orzamento de todas as entidades executantes que as integran, consonte o criterio establecido no artigo 4.1 da presente orde.

6º. O financiamento obtido doutras institucións destinado aos programas no ano 2024 (máximo de 1 punto). Valorarase o volume de ingresos procedente do financiamento obtido doutras entidades públicas ou privadas no ano 2024, de acordo cos seguintes tramos:

6º.1. 0,5 puntos ás entidades con, cando menos, o 5 % e ata o 10 % do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

6º.2. 1 punto ás entidades con máis do 10 % do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de financiamento obtido por todas as entidades executantes que a integran respecto do orzamento total de todas elas.

7º. A participación social e do voluntariado: (máximo de 3 puntos). Valorarase o maior número de persoas voluntarias inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que actúen en programas sociais da entidade solicitante, sempre e cando a dita entidade actúe nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde, de acordo co seguinte criterio:

7º.1. De 1 a 20 persoas voluntarias: 1 punto.

7º.2. De 21 a 50 persoas voluntarias: 1,5 puntos.

7º.3. De 51 a 100 persoas voluntarias: 2 puntos.

7º.4. De 101 a 200 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

7º.5. Máis de 200 persoas voluntarias: 3 puntos.

Para tal efecto, teranse en conta os datos de inscrición no dito rexistro na data de publicación desta orde.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do número de persoas voluntarias con que contan todas as entidades executantes que as integran, sempre e cando as ditas entidades actúen nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde e consonte os criterios establecidos no artigo 4.1.

8º. A adecuación de recursos humanos (máximo de 9 puntos). Valorarase o persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da C.A. de Galicia, na data de publicación desta convocatoria, conforme os seguintes criterios:

8º.1. Volume de recursos humanos. Valorarase o número de persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da C.A. de Galicia:

8º.1.1. De 1 e ata 10 persoas contratadas: 1,5 puntos.

8º.1.2. Máis de 10 e ata 25 persoas contratadas: 2 puntos.

8º.1.3. Máis de 25 e ata 50 persoas contratadas: 2,5 puntos.

8º.1.4. Máis de 50 persoas contratadas: 3 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta o número total de persoas contratadas de todas as entidades executantes que as integran.

8º.2. Proporción do persoal asalariado da entidade cunha antigüidade superior a 2 anos:

8º.2.1. Máis do 10 % e ata o 50 %: 0,5 puntos.

8º.2.2. Máis do 50 % e ata o 70 %: 0,75 puntos.

8º.2.3. Máis do 70 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoal asalariado cunha antigüidade superior a 2 anos de todas as entidades executantes en relación co cadro de persoal de todas elas.

8º.3. Proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas:

8º.3.1. Desde o 2 % ata o 10 %: 0,5 puntos.

8º.3.2. Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,75 puntos.

8º.3.3. Máis do 20 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades executantes en relación co cadro de persoal de todas elas.

8º.4. Emprego de persoas perceptoras de renda de inclusión social de Galicia ou que se atopen en situación ou risco de exclusión social conforme ao artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia. Outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada cando menos unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

8º.4.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades executantes contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,50 puntos.

8º.4.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades executantes contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,75 puntos.

8º.4.3. Máis do 70 % das entidades executantes contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 1 punto.

8º.5. Emprego de mulleres vítimas de violencia de xénero que non estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia. Outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada cando menos a unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

8º.5.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades executantes contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,50 puntos.

8º.5.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades executantes contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,75 puntos.

8º.5.3. Máis do 70 % das entidades executantes contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 1 punto.

8º.6. Emprego de maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos dous anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo con criterios seguintes:

8º.6.1. Máis do 10 % e ata o 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,5 puntos.

8º.6. 2. Máis do 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións para a puntuación terase como referencia o numero de contratacións de persoas empregadas maiores de 45 anos realizadas por todas as entidades executantes que as integran en relación co total de contratacións dos últimos dous anos e consonte os criterios establecidos no artigo 4.1.

8º.7. A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral valorarase con 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, outorgarase a máxima puntuación cando estas conten con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase en función da porcentaxe de entidades executantes asociadas que conten co citado plan de igualdade, consonte os criterios establecidos no artigo 4.1, e de acordo cos seguintes tramos:

8º.7.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades executantes contan con plan de igualdade: 0,50 puntos.

8º.7. 2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades executantes contan con plan de igualdade: 0,75 puntos.

8º.7. 3. Máis do 70 % das entidades executantes contan con plan de igualdade: 1 punto.

b) Criterios obxectivos de valoración dos programas das liñas I e II (ata 60 puntos), coa seguinte desagregación:

1º. A calidade técnica do programa (ata 39 puntos):

1º.1. Diagnóstico social: ata 6 puntos. Valorarase que o programa conte cun diagnóstico social da situación sobre a que se pretende intervir e a calidade deste.

1º.2. Obxectivos do programa: ata 10 puntos. Valoraranse os obxectivos que se pretenden acadar pola entidade solicitante, o impacto do programa, o número de usuarios e a poboación a que van dirixidos.

1º.3. Contido técnico do programa: ata 20 puntos. Valorarase o contido técnico do programa e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, a súa dimensión xeográfica, o calendario de realización, a adecuación dos recursos humanos, dos medios materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do programa, así como os indicadores de control e avaliación deste.

1º.4. Innovación: ata 3 puntos. Valoraranse os programas innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas polos recursos do sistema de servizos sociais ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que acheguen un maior valor ao programa.

2º. O ámbito do programa (ata 16 puntos):

2º.1. Ámbito temporal: ata 15 puntos. Valoraranse con 3 puntos por cada ano aqueles programas que, sendo continuidade doutros financiados na mesma liña nalgunha das últimos cinco convocatorias anteriores no marco destas subvencións, garanten a continuidade de atención ás persoas destinatarias, cando pola súa vulnerabilidade, a interrupción destes poida provocar situacións de grave empeoramento da súa situación persoal, social ou económica.

Para os efectos de valorar este punto, terase en conta a liña en que foi subvencionado o programa e a anualidade da convocatoria e non a de execución do programa subvencionado. Así mesmo, independentemente da denominación concreta do programa, o contido substancial deste deberá ser similar nos distintos anos de execución para ser obxecto de valoración.

Para os efectos do cálculo e concesión desta puntuación, o programa financiado nalgunha das últimas cinco convocatorias anteriores empregado como referencia de continuidade só poderá relacionarse cun único programa para o que a entidade solicite a subvención, polo que non se admitirán referencias a un único programa que pretenda dar continuidade a dous ou máis programas na presente convocatoria.

2º.2. No caso de que os programas se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de alta dispersión de acordo co Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento outorgarase 1 punto.

3º. O cofinanciamento do programa. Valoraranse os programas que conten con outras fontes de financiamento (ata 5 puntos) de acordo cos seguintes tramos:

3º.1. Outorgaranse 2,5 puntos para os programas que conten entre o 5 % e o 10 % do seu orzamento con outras fontes de financiamento.

3º.2. Outorgaranse 5 puntos para os programas con máis do 10 % do seu orzamento obtido con outras fontes de financiamento.

c) Criterios obxectivos de valoración dos proxectos de investimento, acondicionamento de locais e adquisición de equipamentos e material inventariable por parte das entidades de acción voluntaria e das entidades xuvenís das liñas III e IV (ata 60 puntos), coa seguinte desagregación:

1º. O contido e obxectivos do proxecto de investimento (ata 50 puntos):

1º.1. Fundamentación do proxecto: ata 8 puntos. Valoraranse as necesidades e razóns que fundamenten e xustifiquen a execución do proxecto presentado, tanto para as persoas destinatarias finais do servizo como para o centro ou entidade que o vai executar.

1º.2. Obxectivos do proxecto: ata 10 puntos. Valoraranse os obxectivos que pretende acadar a entidade solicitante, o impacto social do proxecto, o número de persoas usuarias ás cales van atender e a poboación a que van dirixidos.

1º.3. Contido técnico do proxecto: ata 30 puntos. Valorarase o contido técnico e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, a adecuación dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do proxecto.

1º.4. Innovación: ata 2 puntos. Valoraranse os proxectos innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas polos recursos do sistema de servizos sociais ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que aporten un maior valor.

2º. O ámbito territorial do proxecto de investimento (5 puntos).

No caso de que os proxectos de investimento se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de alta dispersión de conformidade co disposto no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, outorgaranse 5 puntos.

3º. O cofinanciamento do proxecto de investimento: valoraranse aqueles proxectos de investimento que conten con outras fontes de financiamento (ata 5 puntos), de acordo cos seguintes tramos:

3º.1. Outorgaranse 2,5 puntos para os proxectos de investimento que conten entre o 5 % e o 10 % do seu orzamento con outras fontes de financiamento.

3º.2. Outorgaranse 5 puntos para os proxectos de investimento con máis do 10 % do seu orzamento obtido con outras fontes de financiamento.

Artigo 15. Resolución

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e por proposta do órgano instrutor, segundo o previsto no artigo 13. No caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención requirirá a fiscalización previa pola Intervención Delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o dito prazo sen que recaia resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16. Publicación dos actos e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como a correspondente resolución.

Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos números seguintes.

2. As notificacións complementarias de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións, segundo o determinado no artigo 13.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a actuación subvencionable e non dea lugar á execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:

a) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e a esta xuntarase:

1º. Memoria explicativa (anexo III ou IV, segundo corresponda).

2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

3º. Orzamento modificado, se é o caso.

b) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros.

c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela. Así mesmo, a modificación solicitada deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos nesta orde e que deron lugar ao seu outorgamento, non podendo comprometer a viabilidade do programa/investimento, polo que se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

d) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente coa do expediente de gasto.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado, por proposta do órgano instrutor, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non afecten esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puideran ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar o programa/proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 23.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o programa/proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, destinar os ditos bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un prazo que non pode ser inferior a cinco anos no caso de bens susceptibles de inscrición nun rexistro público nin a dous anos para o resto de bens.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos orixinais da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Incorporar de forma visible no material de difusión dos programas ou investimentos subvencionados o seu financiamento por parte da Xunta de Galicia, de xeito que se cumpra a obriga de dar publicidade aos programas/investimentos subvencionados con cargo a esta convocatoria, nos termos establecidos no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Ter subscrito unha póliza de seguro de accidentes e de responsabilidade civil a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados, conforme o previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro.

j) Calquera outra obriga imposta ás entidades beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

Artigo 22. Pagamento

1. O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución.

2. De acordo coas letras f) e h) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da constitución da garantía prevista no artigo 63.2 da dita norma.

Artigo 23. Xustificación: obxecto, prazo e documentación

1. O programa ou investimento deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas reformulacións ou modificacións autorizadas e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

2. A xustificación comprenderá o custo total do programa ou investimento subvencionado de acordo coa última memoria explicativa autorizada, e non só a contía da subvención concedida. No caso de actividades financiadas con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá reflectirse na memoria económica que conterá unha relación detallada deles, con indicación do importe, procedencia e aplicación deles ás actividades subvencionadas.

A xustificación das actividades subcontratadas realizarase mediante a presentación do documento subscrito entre a entidade subvencionada e as entidades subcontratadas, no cal, necesariamente, deberán reflectirse a especificación das actividades que se subcontraten, a súa duración e o importe da subcontratación.

En todo caso haberá de contarse coas correspondentes facturas de gasto e xustificantes de pagamento.

3. Só será subvencionable o gasto realizado que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación determinado no número seguinte respecto do que se xustifique o pagamento, segundo o disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, mediante extractos ou certificacións bancarias.

4. A documentación xustificativa presentarase ante a dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado con data límite do 15 de marzo de 2027.

5. As entidades ás cales se lles concedese unha cantidade igual ou superior a 30.000 € (suma das subvencións concedidas para os programas e/ou proxectos de investimento) realizarán a xustificación a través de conta xustificativa que incorpore unha memoria de actuación e unha memoria económica abreviada, con achega de informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A emisión do informe de auditoría axústase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvención, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aprobou o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e ao disposto nesta orde.

6. A verificación que debe realizar a auditoría de contas terá, en todo caso, o seguinte alcance:

a) O cumprimento por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta orde e no resto da normativa que lle é de aplicación na xestión e aplicación da subvención.

b) A adecuada e correcta xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

c) A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada polas entidades beneficiarias, foron financiadas coa subvención.

d) O adecuado e correcto financiamento das actividades subvencionadas.

7. O informe da persoa auditora permitirá obter evidencia suficiente para poder emitir unha opinión sobre a execución dos gastos do programa/proxecto subvencionado, conforme estas bases. En todo caso, deberá comprobarse:

a) Que a conta xustificativa foi subscrita pola persoa representante legal da entidade ou persoa con capacidade, debendo anexar ao informe unha copia desta verificada pola persoa auditora.

b) Que existe concordancia entre a memoria de actuación e os documentos utilizados para realizar a revisión da xustificación económica.

c) Que o importe xustificado corresponde ao concedido, e que se atopa correctamente desagregado e identificado na conta xustificativa, con indicación das imputacións aplicadas. A revisión abarcará a totalidade dos gastos realizados incorridos na realización das actividades subvencionadas. No caso doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá indicar o seu importe e a súa procedencia.

d) Que o gasto declarado é real e elixible e que está debidamente acreditado e xustificado conforme a normativa vixente. Para os ditos efectos, o informe de auditoría deberá confirmar:

1º. Que os gastos realizados e imputados ao programa/proxecto gardan unha relación directa con este, sendo conformes coas normativas autonómica, nacional e comunitaria en materia de elixibilidade de gastos e subvencións.

2º. Que as facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente que figuran na relación de gastos contan cos datos requiridos pola lexislación vixente, sendo os devanditos gastos realizados e efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación, salvo aqueles que, pola súa propia natureza, deban liquidarse en datas posteriores.

e) Que a entidade beneficiaria utiliza un sistema de contabilidade separada ou codificación contable que permite a inequívoca identificación dos gastos realizados.

f) Que a entidade beneficiaria dispón de tres ofertas de diferentes persoas provedoras, nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e dunha memoria que xustifique razoablemente a elección da persoa provedora, naqueles casos en que non recaese na proposta económica máis vantaxosa.

g) No informe constará pronunciamento sobre a elixibilidade do IVE imputado ao proxecto e que non é susceptible de recuperación ou compensación.

h) Que existe acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

i) En caso de que o programa contase coa participación de persoal voluntario, existencia das preceptivas pólizas de seguros de responsabilidade civil e de accidentes que cubran estas persoas durante a duración da actuación subvencionable, ademais de que a entidade está ao día no pagamento das citadas pólizas.

8. As entidades ás cales se lles concedese unha cantidade inferior a 30.000 € (suma das subvencións concedidas para os programas e/ou proxectos de investimento) poderán optar, á súa elección, por realizar a xustificación a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría nos termos previstos nos números 5, 6 e 7, ou a través da conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Neste último caso, deberán xuntar:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) De ser o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

c) Certificación dos gastos polo importe total do programa e/ou proxecto de investimento, distribuídos por partidas orzamentarias, e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

d) Declaración responsable da persoa representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidades, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o programa e/ou proxecto de investimento subvencionado.

e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

f) Para os programas subvencionados en que participen persoas voluntarias, copia das pólizas e xustificante de estar ao día no pagamento dos contratos de seguros de responsabilidade civil e accidentes subscrito pola entidade que cubra as persoas voluntarias durante a duración do programa polos prexuízos que puidesen causarse durante o desenvolvemento da actuación subvencionable.

g) Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, deberán remitir copia do expediente de contratación, de ser o caso, e como mínimo tres ofertas de diferentes persoas provedoras con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

9. Os gastos das entidades terán que adaptarse aos conceptos de gasto consignados na memoria inicial presentada coa solicitude, ou na memoria adaptada, no caso de tela presentado, aínda que poderán admitirse desviacións na imputación de cantidades aos conceptos de gasto nunha contía máxima dun 30 %, en máis ou en menos, do importe da axuda finalmente concedida, sempre que non se modifique a contía total subvencionada nin a desviación se aplique a conceptos de gasto non autorizados.

Igualmente, no caso de que figuren varias entidades executantes, poderanse admitir desviacións nos gastos consignados para cada unha destas na memoria inicial presentada coa solicitude, ou na memoria adaptada, de ata un máximo dun 30 %, do importe da axuda finalmente concedida, sempre que non se modifique a contía total subvencionada nin a desviación se aplique a conceptos de gasto non autorizados.

No suposto de desviacións dunha entidade ou de varias entidades executantes indicado nos dous parágrafos anteriores, deberán respectarse as limitacións establecidas no artigo 6 para as axudas de custo e para os gastos de xestión e administración relacionados co funcionamento habitual da entidade solicitante.

O anterior entenderase sen prexuízo da obriga da entidade de solicitar, con carácter excepcional e sempre que resulte alterado o contido do programa, modificacións baseadas na aparición de circunstancias que alteren ou dificulten o desenvolvemento do programa, que deberán ser autorizados expresamente de acordo co establecido no artigo 20.

A documentación que xustifique os gastos efectuados con cargo á subvención concedida presentarase separada para cada un dos programas/proxectos subvencionados.

A entidade asignará un número de orde a cada xustificante de gasto e debe ter en conta que a suma de todos os importes totais correspondentes aos distintos conceptos de gastos debe xustificar o importe total de cada programa/proxecto, segundo a memoria adaptada no caso de tela presentado.

Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, a dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado poderá requirir aos beneficiarios que acheguen os orixinais dos xustificantes, que considere oportunos nos casos en que a normativa reguladora aplicable así o estableza.

Artigo 24. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Non dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento nos termos establecidos na letra h) do artigo 21: reintegro do 2 % da axuda concedida.

c) Aplicación da subvención a conceptos de gasto e a ámbitos territoriais doutras comunidades autónomas ou a programas diferentes aos que figuran na solicitude: reintegro do 100 % da axuda concedida.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nos puntos anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda Pública Galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF da entidade beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado a devolución voluntaria realizada.

Artigo 25. Comprobación, inspección e control

1. A dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado poderá levar a cabo as actividades de comprobación que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poderá requirir ás entidades beneficiarias, en calquera fase do procedemento, a documentación que se considere oportuna para os efectos de comprobación do cumprimento dos requisitos e obrigas contidos nesta orde, o que pode incluír a achega dos orixinais dos xustificantes que considere oportunos nos casos en que a normativa reguladora aplicable así o estableza.

2. No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano concedente realizará a comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto pola persoa representante da Administración como pola entidade beneficiaria.

3. Sen prexuízo do anterior, realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

As entidades deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 26. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento poderase obter información a través do teléfono 012, do enderezo electrónico ceroseteirpf.xuventude@xunta.gal, na dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado, así como na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións e Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

1. En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20 será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións e axudas públicas. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer un recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO I

Liñas de actuación

Liña I. Actuacións destinadas á xuventude

I.1. Actuacións de prevención de riscos contra a saúde dos mozos e mozas e promoción de hábitos de vida saudable neste colectivo.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas de educación para a saúde que establezan actuacións na prevención de enfermidades de transmisión sexual, trastornos da conduta alimentaria, embarazos non desexados e riscos contra a saúde da mocidade.

b) Programas de educación viaria que inclúan actuacións encamiñadas á sensibilización e prevención de accidentes de tráfico entre a xuventude.

c) Programas de fomento de hábitos de vida saudable entre a mocidade mediante a intervención socioeducativa.

I.2. Actuacións de mellora da empregabilidade dos mozos e mozas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas para mozos e mozas dirixidos á procura de emprego mediante a adquisición de valores, competencias e habilidades.

b) Programas que faciliten o acceso ao emprego por conta propia ou allea mediante o establecemento de itinerarios personalizados de inserción que combinen diferentes actuacións como información, orientación, formación e práctica laboral.

c) Programas de desenvolvemento de actividades formativas e seguimento laboral das mozas e mozos contratados.

d) Programas para o deseño e realización de accións integrais de orientación laboral e itinerarios personalizados de inserción laboral.

e) Programas que promovan a igualdade no emprego entre a poboación xuvenil.

f) Programas para mozas e mozos que cumpran cos obxectivos do Plan nacional de implantación da garantía xuvenil.

g) Programas que fomenten a cultura emprendedora, a creación de empresas e o autoemprego, entre os mozos e mozas.

h) Programas que conteñan accións de información, motivación e asesoramento na elaboración de proxectos empresariais.

i) Programas que desenvolvan accións formativas a emprendedores e emprendedoras.

I.3. Programas de educación non formal que faciliten a integración social dos mozos e mozas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas que desenvolvan contidos educativos e/ou aprendizaxes e experiencias que faciliten a adquisición de valores de solidariedade, convivencia, tolerancia, igualdade e participación comprometida entre os mozos e as mozas.

b) Programas dirixidos a desenvolver accións preventivas contra o racismo, a xenofobia e todo tipo de discriminación das persoas por razón de sexo, orixe racial ou étnica, nacionalidade, relixión ou crenzas, orientación ou identidade sexual, idade, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

c) Actuacións dirixidas á prevención, detección e loita contra a violencia entre iguais.

d) Programas que desenvolvan e/ou promovan sistemas de recoñecemento e validación formal das competencias e habilidades derivadas da participación en actividades de educación non formal.

Liña II. Actuacións destinadas ao voluntariado.

II.1. Actuacións de promoción da acción voluntaria:

Programas de promoción da acción voluntaria que fomenten a participación activa das persoas voluntarias en entidades de acción voluntaria.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas dirixidos a impulsar a participación como persoas voluntarias de colectivos que, pola súa específica experiencia profesional ou vital, poidan supoñer unha importante achega á esfera cotiá doutros colectivos con específicas necesidades sociais.

b) Programas que fomenten actividades solidarias e de participación social nos diferentes sectores de acción voluntaria establecidos no artigo 5 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, como instrumento de cambio e transformación social.

c) Promoción de programas innovadores no ámbito do voluntariado que permitan obter coñecementos en novos eidos de actuación ou impulsen novos mecanismos de participación dentro das distintas áreas de actuación da Estratexia galega de acción voluntaria.

d) Promoción de programas que favorezan e promovan pautas de relación entre entidades de acción voluntaria e entidades empresariais coa finalidade de proxectalos ao exercicio dun voluntariado corporativo e de fomento da responsabilidade social empresarial nesta materia.

II.2. Actuacións de formación das persoas voluntarias:

Programas dirixidos á formación das persoas voluntarias que permitan mellorar o itinerario da acción voluntaria, a formación e organización do voluntariado, así como a adquisición de experiencias que permitan obter novas habilidades e competencias ou que melloren as xa adquiridas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Formación do voluntariado en programas innovadores dentro dos diferentes sectores de acción voluntaria establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

b) Formación do voluntariado no medio rural como elemento dinamizador da realidade socioeconómica e social en que se desenvolve.

II.3. Actuacións de sensibilización en materia de voluntariado:

Programas dirixidos a sensibilizar a poboación en xeral sobre a importancia da acción voluntaria e o seu recoñecemento como axente de cambio e transformación social.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Sensibilización do voluntariado en materia ambiental.

b) Sensibilización do voluntariado en materia de atención e acompañamento a persoas maiores.

c) Sensibilización do voluntariado nas distintas áreas de intervención social establecidas na Estratexia galega de acción voluntaria.

Liña III. Proxectos de investimento por parte das entidades xuvenís.

III.1. Acondicionamento de locais e adquisición de equipamento, material inventariable ou vehículos, por parte das entidades xuvenís.

a) Proxectos de adquisición de equipamento, material inventariable ou vehículos de uso necesario para o funcionamento interno da entidade e para o desenvolvemento de actividades habituais destinadas á poboación moza, sempre e cando se xustifique convenientemente a necesidade.

b) Proxectos de investimento para a rehabilitación e acondicionamento de locais das entidades xuvenís destinados á prestación de servizos para a mocidade.

Liña IV. Proxectos de investimento por parte das entidades de acción voluntaria.

IV.1. Acondicionamento de locais e adquisición de equipamento, material inventariable ou vehículos, por parte das entidades de acción voluntaria.

a) Proxectos de adquisición de equipamento, material inventariable ou vehículos de uso necesario para o funcionamento interno da entidade e para o desenvolvemento de actividades habituais, sempre e cando se xustifique convenientemente a necesidade.

b) Proxectos de investimento para a rehabilitación e acondicionamento de locais das entidades de voluntariado, destinados á prestación de servizos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file