DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 11 de xullo de 2025 Páx. 38956

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 4 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades no ano 2025 (código de procedemento CT200A).

BDNS (Identif.): 844775.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/844775

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumprir os requisitos específicos establecidos no artigo 5 para cada liña de actuacións que se van subvencionar, se é o caso:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación na data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.

As entidades solicitantes de axudas para a realización de programas recollidos na liña I e/ou execución de proxectos de investimento recollidos na liña III deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís (REX) da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, agás no caso de entidades solicitantes de natureza fundacional legalmente constituídas que entre o seu obxecto social e finalidade inclúan, especificamente, a realización de actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da xuventude.

As entidades solicitantes de axudas para a realización de programas recollidos na liña II e/ou execución de proxectos de investimento recollidos na liña IV deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia (RAV) da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

No caso de federacións ou confederacións, entenderase cumprido este requisito se o cumpre a propia federación ou cada unha das entidades executantes do proxecto ou programa.

O cumprimento do requisito de inscrición no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico será comprobado de oficio polo órgano da Administración convocante.

Tratándose de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades executantes dos programas ou proxectos para os que se solicita a axuda.

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades que xa estivesen constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito sempre que a entidade transmitente estivese constituída con dous anos de antelación á data de publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu obxectivo con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos números 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Figurar nos estatutos das entidades solicitantes que os seus fins institucionais corresponden á realización e a execución de programas sociais de similar natureza á dos programas de interese xeral para fins de carácter social para os que solicitan a subvención.

e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de cando menos un programa dos definidos no anexo I, liñas de actuación, dentro da mesma liña á cal concorre, e que se posúen os medios persoais e materiais necesarios para iso, mediante declaración responsable da persoa representante legal.

No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña III, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de cando menos un programa dos definidos na liña I do dito anexo I.

No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña II do dito anexo I.

No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpran cada unha das entidades executantes dos programas/proxectos para os que se solicita a axuda.

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade que os transmite.

2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

3. No caso de entidades que formen parte de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de entidades sociais de ámbito autonómico, a solicitude das axudas realizarase sempre a través da entidade en que estea integrada e non de forma individual.

No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias delas para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante. En todo caso, cada unha das entidades executantes dos programas/proxectos para os que se solicita a axuda deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.

4. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais, nos seguintes termos:

a) Cada unha das entidades executantes que forme parte da agrupación deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.

b) As entidades que se agrupan deberán achegar un acordo en que se indiquen os compromisos de execución asumidos por cada unha delas como membro da agrupación, así como o importe da subvención que se vai aplicar igualmente por cada unha delas, que terán, igualmente, a condición de entidades beneficiarias.

c) Deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Na execución de cada un dos programas presentados deben participar, cando menos, o 50 % das entidades que concorren agrupadas. No caso de se agruparen dúas entidades, estas deberán de participar na execución de todos os programas que presenten, cunha porcentaxe mínima do 10 %.

5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2025 das axudas para a realización de programas de interese xeral que atendan fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades, xestionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.

2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Terá o código de procedemento CT200A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Terceiro. Base reguladora

Orde do 4 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades no ano 2025 (código de procedemento CT200A).

Cuarto. Financiamento

Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2025, crédito por importe total de un millón setecentos mil cincocentos trinta e oito euros (1.700.538 €) consignados nas aplicacións orzamentarias seguintes, en función das liñas de actuación subvencionables relacionadas no artigo 5:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe €

Liña I: Actuacións destinadas á xuventude

13.05.313A.481.0

665.960 €

Liña II: Actuacións destinadas ao voluntariado

13.05.312F.481.0

634.578 €

Liña III: Proxectos de investimento por parte das entidades xuvenís

13.05.313A.781.0

200.000 €

Liña IV: Proxectos de investimento por parte das entidades de acción voluntaria

13.05.312F.781.0

200.000 €

Total 1.700.538 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Consideraranse como gastos subvencionables os que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios e que se efectúen durante o ano 2026 e sexan efectivamente pagados antes do 15 de marzo de 2027.

O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución.

O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva e non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 60 puntos.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude