A Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (2000/c 364/01) inclúe, dentro do dereito á educación (artigo 14), o dereito de toda persoa á educación e ao acceso á formación profesional e permanente, en consonancia cos principios contidos na Proclamación interinstitucional sobre o piar europeo de dereitos sociais (2017/C 428/09). Concretamente, o primeiro principio establece que toda persoa ten dereito a unha educación, formación e aprendizaxe permanente, inclusiva e de calidade, co fin de manter e adquirir capacidades que lle permitan participar plenamente na sociedade e xestionar con éxito as transicións no mercado laboral. O cuarto principio establece que toda persoa ten dereito a recibir asistencia personalizada e oportuna, co fin de mellorar as súas perspectivas de emprego ou de traballar por conta propia, e isto inclúe o dereito a recibir axuda para a formación e a reciclaxe.
A Unión Europea está a impulsar o modelo de experiencias curtas de aprendizaxe a través das microcredenciais. Considera que poden ser un instrumento clave para facer realidade ese dereito á formación e á aprendizaxe permanente, tal e como xa se recolle na Axenda Europea de Capacidades para a Competitividade Sostible, a equidade social e a resiliencia (COM 2020 274), contribuíndo a un triplo obxectivo: a inclusión social, a adaptación ás novas exixencias dun mercado laboral en continuo cambio e a mellora da competitividade da economía na Unión Europea.
Nesa liña, o Consello da Unión Europea, na súa Recomendación do 16 de xuño de 2022, relativa a un enfoque europeo das microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade (2022/C 243/02), recomenda aos Estados membros adoptaren medidas ao nivel adecuado para permitir que as persoas adquiran, actualicen e melloren os coñecementos, capacidades e competencias que necesitan para prosperar nun mercado de traballo e sociedade cambiantes, para beneficiarse plenamente dunha recuperación socialmente xusta e dunhas transicións xustas cara á economía ecolóxica e dixital, e para estaren mellor preparadas para facer fronte aos retos presentes e futuros.
Tal e como recolle esta recomendación, cada vez son máis as persoas que necesitan actualizar e mellorar os seus coñecementos, capacidades e competencias para reducir a fenda entre a súa educación e formación e as necesidades dunha sociedade e un mercado de traballo en rápida evolución; uns dos principais retos que afrontan as empresas e os empregadores e empregadoras é a oferta insuficiente de capacidades pertinentes no mercado de traballo e, ao mesmo tempo, as persoas traballadoras estanse enfrontado a cambios sen precedente na organización do traballo. Ademais, os perfís das tarefas e das capacidades requiridas están a cambiar de forma radical debido ás transicións dixital e ecolóxica. O perfeccionamento e a reciclaxe continuos son esenciais para que as traballadoras e traballadores respondan ás necesidades do seu emprego actual ou para a transición a novos empregos e sectores en expansión.
En liña co anterior, o Goberno galego quere asegurarse de que as persoas teñan as habilidades que necesitan para prosperar; por iso, seguindo as directrices europeas, está a despregar unha Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, co obxectivo de mellorar as capacidades das persoas, para fortalecer a competitividade das empresas, garantir a equidade social e desenvolver a nosa resiliencia.
Con carácter previo e co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre as necesidades de capacitación do tecido produtivo galego, realizou o Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego.
Este estudo levouse a cabo durante o ano 2021 co obxectivo de elaborar unha proposta de cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro. A detección e análise de necesidades baseouse na implantación de 14 tecnoloxías emerxentes, especialmente potenciadas polos efectos da COVID, para tratar de prever os futuros requirimentos formativos que serán demandados desde o noso mercado de traballo.
Coa mesma finalidade e co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre as necesidades dos sectores produtivos que non están a ser cubertas polas ofertas formativas actuais, e no marco das actuacións da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, leváronse a cabo mesas de traballo sectoriais a través dun proceso participativo orientado a capturar a información do tecido produtivo para detectar as necesidades de capacitación. Estas mesas de traballo permitiron identificar cinco focos claros de necesidades: o ámbito dixital (tanto necesidades de nivel básico e medio como necesidades cun elevado compoñente técnico de especialización, etc.), o ámbito industrial (manexo de maquinaria, prototipado, inspección, fabricación, etc.), o ámbito da xestión empresarial (necesidades asociadas á xestión de proxectos e equipos, recursos humanos e xestión do talento, contabilidade ou tarefas administrativas, etc.), o ámbito da venda e os servizos (atención ao cliente, atención telefónica, necesidades asociadas ao desempeño de accións de venda ou prestación de servizos profesionais, etc.) e o ámbito asistencial (prestación de asistencia, coidados e servizos sanitarios, etc.).
Nesta nova edición da convocatoria incorpórase un novo ámbito de capacitación prioritario, relativo ás competencias nas tecnoloxías limpas e eficientes no uso dos recursos, para deste xeito abordar a necesidade de formación en competencias en tecnoloxías críticas, como as de cero emisións netas.
Co coñecemento adquirido, xustifícase a pertinencia da presente convocatoria de axudas, co obxectivo de asegurar que as persoas teñan as capacidades adecuadas, mobilizando e incentivando as empresas a adoptaren accións para a mellora e a reciclaxe profesional das persoas en idade de traballar e dese modo resolver as necesidades de perfís capacitados por parte das empresas.
Nese sentido, tamén cómpre facer referencia ao aliñamento desta convocatoria coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, a cal aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega; para darlles resposta a eses retos, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se desenvolverán, integrados nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos ou ser horizontais en relación cos retos e prioridades. No que se refire en concreto ao obxectivo estratéxico 4, este aposta polas persoas como activo principal, pois a súa finalidade é desenvolver o talento das persoas, capacitándoas nos ámbitos de prioridade de futuro. En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027 e responde aos tres retos e ás tres prioridades e ao obxectivo estratéxico 4, integrándose, polo tanto, no programa Persoas e talento da RIS3 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Trátase de deseñar medidas que axuden ás empresas a xestionar o talento persoal e organizativo e a xerar vantaxes competitivas. Un aspecto básico do talento refírese aos coñecementos do persoal das empresas, de aí a importancia da formación para garantir a preparación adecuada e a transmisión interna do coñecemento, optimizar o desempeño individual e global, mellorar a competitividade da empresa e garantir o desenvolvemento profesional dos empregados e empregadas.
Con este obxectivo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon ao dispor das empresas os Bonos Talento empresa como un instrumento para mellorar a xestión do talento, financiando accións de capacitación que atendan ás necesidades do seu negocio e acompañen o desenvolvemento profesional dos seus empregados e empregadas.
Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, recolle entre as súas consideracións que o FSE+ debe promover oportunidades flexibles para que todos poidan mellorar as súas capacidades e adquirir capacidades novas e diferentes e que, en consonancia coa Axenda de Capacidades para Europa e a Recomendación do Consello relativa aos itinerarios de mellora das capacidades, o FSE+ debe apoiar itinerarios flexibles, entre eles a formación modular, específica, de curta duración e accesible que dea lugar a certificados, co fin de proporcionar ás persoas as capacidades que se axustan ás necesidades do mercado de traballo e dos ecosistemas industriais, ás transicións ecolóxica e dixital, á innovación e o cambio social e económico, á facilitación da reciclaxe, á mellora das capacidades e da empregabilidade, ás transicións profesionais e á mobilidade xeográfica e sectorial e apoiar, en particular, as persoas pouco capacitadas, as persoas con discapacidade ou as persoas adultas pouco cualificadas. O FSE+ tamén debe facilitar a prestación de axuda ás persoas en materia de capacidades integradas, incluídas as persoas traballadoras por conta allea, traballadoras por conta propia e desempregadas, a través de instrumentos como as contas individuais de aprendizaxe.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería, dispón no seu artigo 1.a), relativo ao seu ámbito competencial, que lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e a Constitución, entre outras, o exercicio das competencias e funcións de proposta, deseño, coordinación e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral e do emprego, que engloba, entre outras, as competencias en materia de políticas activas de emprego, formación para o emprego, orientación, colocación e intermediación laboral.
As axudas recollidas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 1: emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social; obxectivo específico ESO4.4: promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde, e medida 1.D.01: Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras.
Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados, conforme o disposto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
Desde o punto de vista de axudas de Estado, tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias e das persoas destinatarias finais do programa, así como as características das actuacións que se van realizar, as subvencións previstas ampáranse no artigo 31 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito. A convocatoria financia accións formativas referidas a un ámbito relevante para as empresas e non cuberto polos instrumentos actuais. O proceso participativo de diálogo coas empresas para coñecer as súas necesidades e o estudo a que se alude nesta exposición de motivos identificaron os ámbitos que as accións formativas han de abordar para responder as necesidades de formación demandada polas empresas. Estas necesidades son comúns a todas elas pois non existe ningún aspecto vinculado a tamaño da empresa, ao sector a que pertence ou a calquera outra característica que permita establecer unha prelación e sobre a base dela fixar criterios de concorrencia. Neste escenario, que a Administración estableza un criterio sería arbitrario e contrario ao obxectivo, que non é outro que dar resposta a necesidades de formación específica, comúns a todas as entidades beneficiarias a que se dirixe a convocatoria.
Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento¸ e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. No que resulte de aplicación, someterase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Tamén é de aplicación a normativa específica do FSE+: Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e política de visados; Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013; Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
En consecuencia, consultados a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, obtidos os informes preceptivos na tramitación e autorizado por acordo do Consello da Xunta o carácter plurianual, así como a exención de garantías, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2025-2026, en réxime de concorrencia non competitiva. As axudas concedidas no marco da presente orde axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
Artigo 2. Principios de xestión
Os principios que rexen a xestión da presente convocatoria de axudas son:
a) Publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
c) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Artigo 3. Definicións
1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, entenderase por empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.
2. Microempresa, pequena empresa e mediana empresa (peme): segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, considerarase:
• Medianas empresas: aquelas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
• Pequena empresa: aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.
• Microempresa: aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
Para o cálculo deses efectivos deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
3. Empresa en crise: a que así se defina conforme o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUEC núm. 249, do 31 de xullo), ou documento que o substitúa.
4. Empresa vinculada: son empresas vinculadas, segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:
• Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto das persoas accionistas ou socias da outra empresa;
• Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros dos órganos de administración, dirección ou control da outra empresa;
• Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre a outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa;
• Unha empresa, accionista ou asociada á outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outras persoas accionistas ou socias da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto das súas persoas accionistas ou socias.
Presumirase que non existe influencia dominante cando as persoas investidoras enunciadas no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.
As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou coas persoas investidoras enumeradas no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.
Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se tales empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.
5. Empresa asociada: son empresas que manteñen lazos significativos de asociación financeira con outras empresas, sen que ningunha exerza, directa ou indirectamente, un control efectivo sobre a outra.
Son asociadas as empresas que nin son autónomas nin están vinculadas entre si.
A empresa solicitante é asociada doutra empresa no caso de que:
• Posúa unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da dita empresa, ou se a dita empresa posúe unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da empresa solicitante.
• E as empresas non son empresas vinculadas, o que significa, entre outras cousas, que os dereitos de voto dunha delas na outra non supera o 50 %.
• E a empresa solicitante non elabora contas consolidadas que inclúan a dita empresa por consolidación, nin está incluída por consolidación nas contas da dita empresa nin nas de ningunha empresa vinculada a ela.
6. Persoas traballadoras autónomas: con base no artigo 1 do título I da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, terán esta consideración as persoas físicas que realicen de forma habitual, persoal, directa, por conta propia e fóra do ámbito de dirección e organización doutra persoa, unha actividade económica ou profesional a título lucrativo, e para os efectos das axudas previstas na presente orde, dean ocupación a persoas traballadoras por conta allea.
7. Persoa traballadora ocupada por conta allea: persoa que presta servizos nunha empresa no marco dunha relación laboral con esta, figurando inscrita no réxime xeral da Seguridade Social e percibindo remuneración a cambio do seu traballo, con independencia do tipo de relación laboral establecida coa empresa (persoal fixo, temporal, a xornada completa ou parcial). Esta condición virá determinada pola situación laboral en que se atope ao comezo da acción formativa financiada polo Bono Talento.
8. Competencias transversais: aquelas habilidades relacionadas co desenvolvemento persoal, que non dependen dun ámbito temático ou disciplinario especifico, senón que aparecen en todos os dominios da actuación profesional.
9. Acción formativa de carácter non formal de curta duración: proceso de formación estruturado que non conduce a unha titulación, acreditación ou certificación oficial e cuxa duración mínima será de 16 horas e máxima de 100 horas.
10. Proxecto formativo: aquel que estea integrado por un máximo de tres accións formativas de carácter non formal de curta duración.
Artigo 4. Réxime xurídico
1. Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
2. Así mesmo tamén serán de aplicación:
a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e política de visados.
c) Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013.
d) Regulamento delegado (UE) nº 2023/1676 da Comisión, do 7 de xullo de 2023, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo á definición de custos unitarios e importes a tanto global e tipos fixos e financiamento non vinculados aos custos para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte da Comisión.
e) Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
f) Normativa sobre protección de datos persoais: Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.
g) Calquera outra norma da Unión Europea, ou normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.
Artigo 5. Financiamento
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de dous millóns de euros (2.000.000 €) distribuído en dúas anualidades, con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.03.323B.470.0, código de proxecto 2023 00105.
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2025 |
Anualidade 2026 |
Total |
|
14.03.323B.470.0 |
600.000 € |
1.400.000 € |
2.000.000 € |
As accións formativas subvencionables que se inicien e rematen entre o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria e ata o 31 de outubro de 2025 incluído serán financiables con cargo ao orzamento da anualidade 2025; as accións formativas que se inicien e rematen entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de setembro de 2026 incluído serán financiables con cargo ao orzamento da anualidade 2026.
2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, despois de aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo do informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos). Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.
3. As axudas recollidas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 1: emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social; obxectivo específico ESO4.4: promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde, e medida 1.D.01: Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras.
Artigo 6. Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a que solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentar a solicitude de axuda.
Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración realizará as comprobacións necesarias para verificar se as entidades beneficiarias teñen a condición de microempresa, pequena, mediana ou grande empresa e, de ser o caso, que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.
2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente convocatoria.
Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea, conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.
Artigo 7. Requisitos das entidades beneficiarias
Para obter a condición de beneficiaria destas subvencións requirirase:
a) Asumir a totalidade de dereitos e obrigacións inherentes a tal condición, derivada da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
b) Cumprir co estipulado nestas bases reguladoras.
c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Non ter débedas por reintegro de axudas ou préstamos coa Administración, ou estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Artigo 8. Actuacións subvencionables
1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.
2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:
a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.
b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.
c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.
d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posvenda, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.
e) As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.
f) As competencias nas tecnoloxías limpas e eficientes no uso dos recursos (tecnoloxías avanzadas de materiais, fabricación e reciclaxe; tecnoloxías de baterías e almacenamento de enerxía; tecnoloxías de hidróxeno; tecnoloxías de eficiencia enerxética....).
Destro das accións formativas orientadas á adquisición de competencias nalgún/s dos 6 ámbitos de capacitación prioritarios, co fin de integrar a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, recoméndase incluír contidos como os seguintes: tratamento da dixitalización da economía con perspectiva de xénero dentro das competencias dixitais, preparación da máquina en atención á persoa usuaria, feminización dos sectores industriais máis masculinizados dentro das competencias en procesos industriais, xestión en igualdade de xénero dentro das competencias en xestión empresarial, autocoidado da/a coidador/a, prevención do burnout dentro das competencias no ámbito asistencial, etc.
3. As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo estará dispoñible nas seguintes ligazóns:
• https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento
• https://www.sepe.es/HomeSepe/es/formacion-trabajo/catalogo-especialidades-formativas.html
4. Ao abeiro da presente convocatoria, a entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a corenta horas, cun límite máximo diario de oito horas. A participación nas accións subvencionadas ao abeiro da presente orde non terá custo ningún para a persoa participante.
5. Estas accións formativas deberán ser executadas en modalidade presencial e poderanse impartir na súa totalidade ou parcialmente mediante aula virtual. Para estes efectos, considérase aula virtual a contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e as alumnas e alumnos interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.
A impartición da formación mediante aula virtual deberase estruturar e organizar de forma que se garanta en todo momento que exista conectividade sincronizada entre as persoas formadoras e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.
Cando a formación se desenvolva mediante aula virtual, esta deberá contar cun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifiquen, para cada acción formativa desenvolta a través deste medio, as persoas participantes na aula, así como as súas datas e tempos de conexión, así como contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de realización da aula por parte dos órganos de control, para os efectos das actuacións de seguimento e control que procedan.
Para a impartición en aula virtual deberá empregarse o Campus Virtual de Formación para o Emprego que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon á disposición. En todo caso, as persoas participantes deberán dispor dos medios técnicos necesarios e adecuados para poder asistir con aproveitamento á actividade e, para estes efectos, deberán dispor de micrófono e cámara web, que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo da acción formativa.
Non poderán impartirse en aula virtual aqueles contidos que requiran a utilización de espazos, instalacións e/ou equipamento para a adquisición de destrezas prácticas.
6. O control de asistencia realizarase do seguinte xeito: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora da entrada e da saída da acción formativa, así como pola persoa representante da entidade, conforme o modelo de acta de asistencia que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. No caso de facer uso da aula virtual, a consellería comprobará, ademais, o rexistro de conexións do alumnado na plataforma do Campus Virtual de Formación para o Emprego correspondentes aos días da acción formativa.
As actas de asistencia de todas as accións formativas remitiranse xunto coa xustificación final para a liquidación da subvención, tal e como se establece no artigo 28.3.d) desta orde.
7. As actividades formativas poderán conter módulos de aprendizaxe baseadas na experiencia a través de xornadas de intercambio de boas prácticas, estadías temporais, visitas, formación in company e sesións de mentoring con empresas ou profesionais que sexan referentes ou constitúan un caso de éxito na aplicación dos coñecementos e/ou técnicas a que se refire a actividade formativa. Do mesmo xeito poderase incluír como módulo práctico, cuxa duración máxima subvencionable non superará as catro horas, a asistencia a feiras, congresos e exposicións vinculadas coa temática obxecto da formación; para os efectos do control de asistencia nestes supostos, será suficiente unha certificación da persoa representante da entidade solicitante xunto cunha declaración responsable da persoa participante conforme participou nesa actividade, achegando, se é o caso, os datos de inscrición na actividade.
8. A formación realizada deberá incluír probas de coñecemento sobre os contidos. Deberá realizarse, como mínimo, unha proba por cada 8 horas, cando a duración da acción formativa sexa inferior a 24 horas, e cada 16 horas cando a duración da acción formativa sexa igual ou superior a 24 horas.
9. As persoas participantes nas accións formativas terán dereito a recibir a acreditación correspondente de ter participado sempre que cumpran o requisito de asistir, como mínimo, ao 80 % do total de horas da acción formativa e ter realizadas as probas de coñecemento correspondentes.
Esa acreditación terá o seguinte contido:
a) Identificación da persoa participante.
b) Título da formación recibida.
c) Contidos impartidos.
d) Volume de horas de teoría asociadas á formación recibida.
e) Volume de horas de traballo práctico asociadas á formación recibida.
f) Resultados de aprendizaxe.
g) Empresa beneficiaria da subvención que promoveu a acción formativa.
h) Lugar de expedición.
i) Data de expedición.
Esta acreditación, posto que se trata de formación non formal, só terá efectos a nivel laboral, en ningún caso académicos, ou que dea lugar a formar parte dun rexistro de formacións específicas propias doutros organismos ou administracións públicas.
10. Non estarán incluídas dentro do obxecto da presente orde as accións de formación, acreditacións ou certificacións que resulten de obrigado cumprimento para as empresas ou persoas traballadoras autónomas por contrato ou convenio colectivo.
11. A participación nas accións formativas será completamente gratuíta para as persoas destinatarias e en ningún caso as entidades beneficiarias lles poderán cobrar por calquera concepto.
Artigo 9. Proxecto formativo
1. De acordo co establecido no artigo 3.10 da presente orde, enténdese por proxecto formativo aquel que estea integrado por un máximo de tres accións formativas. Por cada acción formativa, as entidades beneficiarias deberán presentar un anexo II, en que constará a seguinte información:
a) Denominación da acción formativa; lugar de impartición da formación e, de ser o caso, uso do aula virtual a través do campus virtual da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. No caso de que se descoñeza o lugar de impartición no momento de presentar a solicitude de axuda, deberá comunicarse, á Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego cunha antelación mínima de 7 días naturais ao inicio da impartición.
b) O calendario, duración en horas de formación e horas de salario e número de alumnos.
c) Ámbito de competencias da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.
d) Obxectivos, contidos e probas de coñecemento previstas: número de probas e tipoloxía.
e) Perfís profesionais das persoas traballadoras que participarán nas accións formativas.
f) Persoa ou entidade responsable da impartición da formación: no caso de que se descoñeza a entidade que impartirá a formación no momento de presentar a solicitude de axuda, deberá indicarse o perfil xeral desta e, posteriormente, comunicarase a entidade seleccionada á Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para Emprego.
Artigo 10. Persoas destinatarias das accións formativas
Poderán participar nas accións formativas obxecto de financiamento:
a) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias destas axudas e estean adscritas ao centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que estean contratadas baixo a modalidade de fixas descontinuas poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación.
A consideración como persoas traballadoras ocupadas por conta allea virá determinada pola situación laboral en que se atopen na data de comezo da acción formativa.
Artigo 11. Criterios para a determinación da contía da subvención
1. A metodoloxía para calcular a contía da subvención, para os efectos da súa concesión, xustificación e liquidación, así como para a determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, axustarase ao método de custos simplificados establecido segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 e, concretamente, conforme os artigos 51.c) e 94.4 do devandito regulamento.
2. De acordo co establecido nos artigos 3.9 e 8.4 da presente orde, cada acción formativa terá unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100 horas, e a entidade poderá solicitar un proxecto formativo composto por un máximo de tres accións formativas.
3. O gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase mediante a suma de:
a) 16,70 euros por hora de formación polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que realizan a acción formativa.
b) 17,93 euros por hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que participan na acción formativa.
Estes dous módulos de custo unitario resultan da aplicación do Regulamento delegado (UE) nº 2023/1676 da Comisión, do 7 de xullo de 2023, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo á definición de custos unitarios e importes a tanto global e tipos fixos e financiamento non vinculados aos custos para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte da Comisión.
4. En todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada, en aplicación do establecido no artigo 31.4.b) e 31.5 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, está limitada a:
• 50 % dos custos subvencionables para as grandes empresas.
• 60 % dos custos subvencionables para as medianas empresas.
• 70 % dos custos subvencionables para as pequenas empresas e microempresas.
• 100 % para empresas do sector do transporte marítimo, sempre que se cumpran as seguintes condicións:
a) Que os beneficiarios da formación non sexan membros activos da tripulación, senón supernumerarios a bordo.
b) Que a formación se imparta a bordo de buques inscritos nos rexistros da Unión.
A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000 euros.
5. O gasto máximo subvencionable da solicitude será o resultante de sumar os gastos máximos subvencionables das accións formativas que o comprenden. De acordo co establecido no artigo 8.4 da presente orde, cada entidade poderá solicitar só un proxecto formativo, que poderá estar composto por un máximo de tres accións formativas.
6. Unha vez executadas as actuacións subvencionadas, para os efectos do cálculo da contía da subvención no momento da súa xustificación e liquidación, así como da determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, ademais de aplicar o disposto nos puntos anteriores deste artigo, teranse en conta as regras establecidas nos artigos 28 e 30 da presente orde.
Artigo 12. Período de realización das accións formativas
O período de realización das accións formativas subvencionables, tendo en conta o establecido no artigo 5.1, comprenderá:
• Para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2025: desde o día seguinte ao da publicación da presente orde ata o 31 de outubro de 2025, ambos incluídos.
• Para aquelas accións formativas que se desenvolvan entre 2025 e 2026 ou exclusivamente no ano 2026: desde o 1 de novembro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, ambos incluídos.
Non serán subvencionables as accións formativas que se realicen antes da presentación da solicitude de axuda.
Artigo 13. Subcontratación das accións formativas
1. A entidade beneficiaria poderá subcontratar, total ou parcialmente, a impartición das accións formativas obxecto da subvención e a subcontratación axustarase ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Non poderá realizarse a subcontratación con persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias consignadas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as establecidas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.
3. No contrato ou convenio subscrito para acordar a subcontratación, deberá acreditarse que se recollen as garantías precisas para o tratamento de datos de carácter persoal, debendo incluír as cláusulas necesarias para o seu cumprimento, conforme o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
4. En ningún caso se poderá concertar, total ou parcialmente, a prestación ou adquisición de servizos ou subministracións necesarios para a execución da actividade subvencionada cunha persoa ou entidade vinculada coa entidade beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:
a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
A carga de proba de que a contratación se realiza en condicións normais de mercado corresponderá á entidade beneficiaria. A Administración actuante determinará a suficiencia ou insuficiencia da xustificación presentada.
Artigo 14. Réxime de concesión
1. O procedemento de concesión de subvencións tramitarase e resolverase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
De acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a instrución e resolución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia e ata o límite da dotación orzamentaria, de ser o caso, salvo que aquelas tivesen que ser obxecto de corrección por non reuniren os requisitos ou non se acompañaren da documentación requirida, para o que se considerará, na orde de prelación que se siga para a súa resolución, a data en que as solicitudes reúnan os requisitos e/ou documentación requirida, unha vez emendada a ausencia ou insuficiencia que, de ser o caso, apreciase o órgano convocante.
As axudas outorgaranse conforme os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. A súa xestión realizarase con criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
2. Nos supostos en que se esgotase o crédito dalgunha anualidade orzamentaria da correspondente convocatoria, as entidades beneficiarias poderán optar por cambiar as accións formativas para seren impartidas noutro exercicio orzamentario diferente do solicitado, sempre que sexa posible, respectando os calendarios establecidos no artigo 12 desta orde, salvo que na súa solicitude a entidade manifeste expresamente que non se acepta cambio de anualidade, caso en que se entenderá que desisten da súa solicitude de axuda para a acción formativa afectada.
Artigo 15. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Esta obrigación de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios soamente terán validez se están debidamente asinados pola persoa que exerce a representación legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicional das presentes bases reguladoras.
4. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. As entidades beneficiarias realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:
i. Relación doutras axudas concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto ou conceptos obxecto de solicitude.
ii. A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.
iii. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
iv. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
v. Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
vi. Que a entidade solicitante posúe un centro de traballo en Galicia e desenvolverá en Galicia as actividades para as que se solicita a axuda.
vii. Que a entidade solicitante coñece que as persoas ou empresas provedoras non poderán estar asociadas nin vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren nelas ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.
viii. Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.
ix. Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados.
x. Coñecer que as axudas solicitadas ao abeiro desta convocatoria están cofinanciadas polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 nun 60 %.
xi. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
xii. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
xiii. Non atoparse en ningunha situación que a configure como empresa en crise e, polo tanto, a exclúa de ser beneficiaria, conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
xiv. Non estar incursa nun procedemento de concurso de acredores.
xv. Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
xvi. Cumprir cos criterios de definición de microempresa, pequena, mediana ou grande empresa, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).
xvii. Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
xviii. Estar validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria. No caso das persoas traballadoras autónomas, estar de alta ininterrompidamente cunha antigüidade mínima de tres anos no réxime da Seguridade Social correspondente.
xix. A actividade que se subvenciona non causa un prexuízo significativo (Do no significant harm) aos obxectivos ambientais nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088, e restante normativa de aplicación.
xx. A actividade que se subvenciona non está incluída na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
xxi. A entidade solicitante non celebrou ningún tipo de acordo contractual, nin compromiso xurídico firme antes da presentación desta solicitude.
Artigo 16. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, comezará o quinto día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de setembro de 2025, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
2. O esgotamento de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, producirá a imposibilidade de continuar outorgando subvencións ao abeiro desta e constituirá motivación suficiente para a denegación do resto de subvencións non concedidas.
Artigo 17. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude da axuda (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II (memoria proxecto formativo).
b) Anexo III (ficha de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas).
c) Anexo IV, declaración da condición de peme: mediana, pequena empresa ou microempresa, para os efectos de calcular a porcentaxe de intensidade máxima (50, 60 ou 70 %) do gasto subvencionable, en función do tamaño da empresa, segundo o indicado no artigo 11.2. Deberán cubir este anexo IV todas as entidades solicitantes, independentemente de se son empresas ou autónomos/as. Non é necesario que o cubran as grandes empresas, ás que se lles aplicará a intensidade do 50 %.
d) Unicamente no caso de ser pemes vinculadas ou asociadas ou participadas, segundo as definicións recollidas nos artigos 3.4 e 3.5 desta orde, de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar, ademais do anexo IV:
• Os anexos IV-A e IV-A.1, no caso de empresas asociadas, e/ou
• Os anexos IV-B e IV-B.1, no caso de empresas vinculadas,
• Tamén se deberá achegar, en ambos os casos, como documentación complementaria, para cada unha das empresas vinculadas e/ou asociadas, a documentación das alíneas f), g), h) e i) deste artigo.
e) Cando se actúe mediante representación, documento público acreditativo do poder con que actúa a persoa representante da entidade solicitante (escrituras, poder coa suficiencia verificada, entre outros).
f) No caso das entidades que estean obrigadas á inscrición no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público, nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizadas, en que se especifiquen a data de constitución, o obxecto social, sede social e clasificación CNAE. No suposto de que sexan empresas que non están obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público ou que non teñan o domicilio social en Galicia, deberán presentar documentación acreditativa da constitución, en que se especifique a data en que se produciu esta. No caso de persoas traballadoras autónomas, informe de vida laboral actualizado.
g) Declaración completa do último exercicio fiscal pechado do imposto de sociedades (modelo 200), do imposto da renda das persoas físicas (modelo 100) ou da declaración informativa (modelo 184), segundo corresponda pola forma xurídica da entidade solicitante.
h) Informe de traballadores/as en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data de solicitude da axuda.
i) Informe do cadro de persoal medio anual, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do ultimo exercicio fiscal pechado.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.
Artigo 18. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente, con carácter previo á concesión, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
j) Imposto de actividades económicas (IAE).
k) Consulta da vida laboral de todos os códigos de conta de cotización da entidade solicitante, referidos ás persoas participantes nas accións formativas obxecto da subvención.
l) DNI ou NIE da persoa participante na acción formativa.
m) Consulta de la vida laboral da persoa participante na acción formativa.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás empresas ou ás persoas traballadoras autónomas a presentación dos documentos correspondentes.
4. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha das administracións, será requirida para que, no prazo de dez días, regularice a situación e presente o correspondente certificado.
Artigo 19. Representación
1. As persoas físicas que realicen a sinatura ou a presentación electrónica de documentos en representación das entidades solicitantes ou beneficiarias deberán exercer a representación necesaria para cada actuación, nos termos establecidos no artigo 5 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. A persoa asinante da solicitude deberá acreditar que, no momento da súa presentación, posúe poder bastante en dereito para actuar en nome e representación da persoa xurídica solicitante. O incumprimento desta obriga, de non emendarse, dará lugar a que se teña por desistido da solicitude, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 20. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo de correo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 22. Instrución e emenda
1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
2. A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.
3. No caso de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa ou entidade interesada para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.
4. En aplicación dos principios de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada polo establecido no punto 1 do artigo 14 da presente orde.
Artigo 23. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigacións de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 24. Resolución e recursos
1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
2. O prazo máximo para resolver e notificar será de dous meses, que se computará desde a presentación da solicitude pola persoa interesada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. No caso de existiren solicitudes que non logren a subvención, por esgotarse o crédito dispoñible, formarase unha lista de espera coas entidades solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento do crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos bonos inicialmente concedidos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado aos Bonos Talento, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
5. En todo caso, deberáselle notificar a cada entidade beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurarán a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).
Cando proceda, tamén se informará a entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
6. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 25. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e aos requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.
Artigo 26. Obrigas das entidades beneficiarias
Son obrigas mínimas das entidades beneficiarias as seguintes:
1. As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os compromisos e obrigas establecidos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable.
2. Son tamén obrigas mínimas das entidades beneficiarias as seguintes:
a) Executar a actuación que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido segundo o disposto nestas bases.
b) Comunicar ao órgano instrutor, a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, con polo menos sete días naturais de antelación ao inicio de cada acción formativa, o calendario completo do curso, que inclúa todas as sesións formativas.
c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación definida no artigo 1 e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
d) Comunicar ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
e) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, os espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración Cofinanciado pola Unión Europea. Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.
f) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración-Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego) e pola Unión Europea. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás persoas usuarias ou participantes.
g) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+). Así, deberán realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057.
Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.
Para estes efectos, facilitaráselle á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.
Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na aplicación informática Participa 2127.
Tamén deberá facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros as enquisas do INE.
h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e deberán achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
i) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
j) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
k) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
l) Subministrar toda a información necesaria para que o órgano concedente poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei. Facilitar calquera outra información relacionada coa medición dos indicadores dos instrumentos de planificación que sexan de aplicación.
m) Garantir no desenvolvemento e na difusión das accións de formación a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, e do uso dunha linguaxe non sexista, consonte o establecido na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
n) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
o) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.
Artigo 27. Pagamento
1. Unha vez ditada e notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar un anticipo de ata o 60 % da subvención concedida, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria.
A porcentaxe restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.
A contía do importe do referido anticipo calcularase sobre a base do importe concedido para o total do proxecto formativo, entendido este como o conxunto das accións formativas que o integren obxecto da subvención.
2. Nos termos do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os anticipos non poderán superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e, polo tanto, o pagamento poderá ser dividido en dúas anualidades para respectar ese límite, para o cal se adoptarán as correspondentes medidas de xestión orzamentaria que permitan a percepción do importe total do anticipo ou suma de anticipos a que se teña dereito.
3. Os gastos realizados con cargo aos anticipos deberán referirse á anualidade orzamentaria para a que foron concedidos e deberán xustificarse dentro dos prazos establecidos no artigo 28 da presente orde.
4. Os anticipos deberán ser solicitados polas entidades beneficiarias mediante o modelo que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
5. A concesión do anticipo quedará condicionada ao cumprimento, por parte da entidade beneficiaria, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. O órgano concedente poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación da execución da actuación subvencionada que considere convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade beneficiaria os presentase, o órgano convocante iniciará o correspondente procedemento de decaemento no dereito de cobramento.
7. En aplicación do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituíren garantías para a realización e cobramento dos anticipos.
Artigo 28. Xustificación final da subvención e liquidación
1. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados, segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 e, concretamente, conforme os artigos 51.c) e 94.4 do devandito regulamento.
2. As entidades beneficiarias presentarán, ante a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, a xustificación do cumprimento das actuacións subvencionadas e dos gastos realizados, de acordo cos seguintes límites:
a) Accións formativas iniciadas e rematadas entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria e o 31 de outubro de 2025 incluído: a data límite para a presentación da xustificación será o 15 de novembro de 2025.
b) Accións formativas que se desenvolvan entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de setembro de 2026: a data límite para a presentación da xustificación será o 15 de outubro de 2026.
3. A xustificación presentarase por vía telemática, de acordo co artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a entidade beneficiaria, para xustificar a realización da actividade subvencionada, presentará a seguinte documentación, cuxos modelos ou documentos tipo estarán dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego:
a) Solicitude de pagamento debidamente cuberta e asinada pola persoa responsable da entidade beneficiaria, que incluirá unha declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.
b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos e dos programas da formación impartida con detalle da planificación temporal.
c) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes datos:
1º. Certificación ou declaración pola entidade beneficiaria da relación de persoas que participaron en cada acción formativa, indicando para cada persoa o período de permanencia e as horas totais reais de asistencia a cada acción formativa, así como a relación das probas de coñecemento realizadas.
2º. Contía global da subvención xustificada, calculada sobre a base das actividades cuantificadas no punto anterior, e conforme os módulos de custo unitario recollidos no artigo 11.3 da presente orde.
A liquidación non poderá superar a contía global da subvención concedida. O cálculo realizarase multiplicando o número de persoas participantes na acción formativa polo número de horas de participación acreditadas por cada persoa e polos módulos de custo unitario correspondentes establecidos no artigo 11.3 da presente orde e, en todo caso, tendo en conta os límites establecidos no artigo 11.4.
d) As actas de asistencia de todas as sesións formativas, que deberán estar asinadas polo alumnado á entrada e á saída da acción formativa e pola persoa representante da entidade, mediante as que quedará constancia do control diario da asistencia. No caso de facer uso da aula virtual, comprobarase, ademais, o rexistro de conexións do alumnado na plataforma do Campus Virtual de Formación para o Emprego correspondentes aos días da acción formativa.
Os modelos da acta de asistencia que se empregarán, así como da solicitude de pagamento, memoria de actuacións e memoria xustificativa, serán os que estean dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
e) Informe de vida laboral do código ou códigos de cotización correspondente á entidade beneficiaria, que inclúa todas as persoas traballadoras participantes nas accións formativas obxecto de subvención, desde cando menos o día anterior ao inicio da primeira das accións formativas que realizasen ao abeiro da presente convocatoria e ata a data de xustificación, co obxecto de xustificar a situación laboral de alta como traballadores ocupados por conta allea na empresa beneficiaria durante todo o período de tempo que dura a formación.
f) No caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou no suposto de non prestar o consentimento a que se refire o artigo 18 desta orde, deberán presentar un certificado de estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non teren pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de que están ao día no pagamento das obrigacións por reintegro, de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
g) Calquera outra documentación xustificativa ou informes que, de acordo coa normativa autonómica, nacional ou europea, resulten exixibles.
4. Ao amparo do disposto no artigo 55 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 79 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, as entidades beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentar libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obriga da entidade beneficiaria de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo o disposto no artigo 14.1.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, así como de calquera outra obriga derivada da normativa autonómica, estatal ou da Unión Europea que así o exixa.
5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.
A Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, logo de solicitude da entidade beneficiaria, poderá autorizar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non poderá exceder a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente verificar o cumprimento dos requisitos fixados na presente orde dentro do exercicio orzamentario.
6. O persoal técnico da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego realizará a correspondente comprobación técnico-económica. No caso de que a documentación presentada sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírtese que, de non facelo, logo de resolución, se revogará a subvención concedida e, se é o caso, deberá reintegrar as contías percibidas en concepto de anticipo e os xuros de demora.
Así mesmo, se da devandita comprobación resultase o incumprimento, total ou parcial, dos fins para os que foi concedida a subvención, das obrigas previstas ou dos requisitos establecidos para a xustificación, comunicarase tal circunstancia á entidade beneficiaria xunto cos resultados da comprobación técnica e económica e iniciarase, se é o caso, o procedemento de reintegro total ou parcial da subvención.
Artigo 29. Réxime de incompatibilidades
As subvencións reguladas na presente orde serán incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto formativo procedentes de calquera Administración pública ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais.
Artigo 30. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas
1. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións esenciais da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora e sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.
f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) No caso de condicións referentes á contía da subvención, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao número de horas de formación e/ou salario non xustificadas documentalmente, e no caso de ter recibido un anticipo, deberanse reintegrar as cantidades percibidas que superen a contía da subvención efectivamente xustificada. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o dito incumprimento é total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.
b) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para o mesmo proxecto formativo.
c) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente.
d) Procederá o reintegro dun 2 % do importe da axuda concedida no caso do incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 34 destas bases reguladoras.
Artigo 31. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 32. Control da fraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer estes feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/CA-UACI/SNCA/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx
Mentres non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
Artigo 33. Fiscalización e control
As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control, incluída a consulta aos sistemas de información, que realice o órgano convocante, con anterioridade ou posterioridade á concesión da subvención, para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos da entidade beneficiaria fixados no artigo 28, e ás de comprobación material e control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea.
Así mesmo, as entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e control e facilitarán toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 34. Seguimento
Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento das accións obxecto da presente convocatoria.
Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normativa vixente que resulten de aplicación.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obrigación e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
1. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
2. A Base de datos nacional de subvencións cederá información ao Sistema de fondos europeos, segundo as previsións normativas contidas na normativa europea e nacional que resulte de aplicación.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
