BDNS (Identif.): 844784.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/844784
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentación da solicitude de axuda.
Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as empresas en crise, segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizantes igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente convocatoria.
Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea, conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.
Segundo. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2025-2026, en réxime de concorrencia non competitiva. As axudas concedidas no marco da presente orde axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 27 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2025 e 2026 (código de procedemento TR302D).
Cuarto. Actuacións subvencionables
1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.
2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais realizadas no marco da Axenda galega de capacidades para o emprego.
3. As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo póñense á disposición as seguintes ligazóns:
• https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento
• https://www.sepe.es/HomeSepe/es/formacion-trabajo/catalogo-especialidades-formativas.html
4. A entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100.
Quinto. Financiamento
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de dous millóns de euros (2.000.000 €) distribuído en dúas anualidades, con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.03.323B.470.0, código de proxecto 2023 00105.
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2025 |
Anualidade 2026 |
Total |
|
14.03.323B.470.0 |
600.000 € |
1.400.000 € |
2.000.000 € |
2. As axudas previstas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 1: emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social; obxectivo específico ESO4.4: promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde, e medida 1.D.01: Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras.
Sexto. Período de realización das accións formativas
O período de realización das accións formativas subvencionables, tendo en conta o establecido no artigo 5.1, comprenderá:
• Para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2025: desde o día seguinte ao da publicación da presente orde ata o 31 de outubro de 2025, ambos incluídos.
• Para aquelas accións formativas que se desenvolvan entre 2025 e 2026 ou exclusivamente no ano 2026: desde o 1 de novembro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, ambos incluídos.
Non serán subvencionables as accións formativas que se realicen antes da presentación da solicitude de axuda.
Sétimo. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, comezará o quinto día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de setembro de 2025, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
