Mediante a Resolución do 7 de outubro de 2024 (DOG núm. 201, do 17 de outubro), deuse publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos préstamos parcialmente reembolsables para proxectos empresariais de investimento creadores de emprego previstos no instrumento financeiro do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, territorio P2 A Coruña, modalidade de pequenas e medianas empresas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408J).
As ditas bases establecen no seu artigo 17.4 que o acordo conxunto será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web do Igape no enderezo
https://igape.gal/gl/resolucions-definitivas
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo do Acordo conxunto do Consello de Dirección do Igape do 30 de xuño de 2025, relativo ao disposto no artigo 17.4 das bases reguladoras dos préstamos parcialmente reembolsables para proxectos empresariais de investimento creadores de emprego previstos no instrumento financeiro do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, territorio P2 A Coruña, modalidade de pequenas e medianas empresas (código de procedemento IG408J), no enderezo
https://igape.gal/gl/resolucions-definitivas
O texto completo do acordo non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Habilítase un prazo de dez días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo https://igape.gal/gl/resolucions-definitivas, utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar o seu acordo individual. Transcorrido o dito prazo desde a posta á disposición do acordo individual sen que se acceda ao seu contido entenderase rexeitado.
Segundo. Os acordos individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra eles poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao acceso ao acordo individual, ou desde que se entenda rexeitado polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se acceda ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer recurso de reposición ante o Consello de Dirección do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso ao acordo individual, ou desde que se entenda rexeitado polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
