Antecedentes.
Primeiro. O 30 de maio de 2025 a Federación Aeronáutica Galega solicitou a ratificación da modificación dos seus estatutos, así como a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Segundo. A Asemblea Xeral da Federación Aeronáutica Galega aprobou a modificación proposta na sesión ordinaria do 24 de maio de 2025.
Terceiro. O 6 de xuño de 2025 requiriuse emenda de certos artigos da proposta de estatutos enviada e a Federación Aeronáutica Galega enviou a versión definitiva o 6 de xuño.
Consideracións legais e técnicas.
Primeira. Corresponde á Administración deportiva autonómica, segundo o artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno.
Segunda. O artigo 54.7 da dita lei establece que os estatutos das federacións deportivas galegas, así como as súas modificacións, publicaranse no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no rexistro.
Terceira. A solicitude presentouse no rexistro dentro do prazo de dous meses desde a aprobación da modificación estatutaria, tal e como exixe o artigo 20.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Cuarta. Vista a proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte, do 24 de xuño de 2025, que aproba a modificación dos estatutos da Federación Aeronáutica Galega e propón a publicación no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Primeiro. Aprobar a modificación dos estatutos da Federación Aeronáutica Galega.
Segundo. Ordenar a publicación dos estatutos, que se anexan a esta orde, no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
Estatutos da Federación Aeronáutica Galega
TÍTULO I
Disposicións xerais
CAPÍTULO I
Definición, composición e réxime xurídico
Artigo 1. Definición
1. A Federación Aeronáutica Galega (FAG) é unha entidade deportiva de carácter privado e natureza asociativa, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, consistentes na promoción, práctica e desenvolvemento das seguintes modalidades deportivas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Aeromodelismo.
b) Aerostación.
c) Ala delta.
d) Paracaidismo.
e) Paramotor.
f) Parapente.
g) Ultralixeiro.
h) Voo acrobático.
i) Voo a vela.
j) Voo con motor.
2. Ademais das súas propias atribucións, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo, actuando nestes casos como axente colaborador da Administración, e presenta o carácter de utilidade pública en Galicia.
3. A Federación Aeronáutica Galega está integrada na correspondente federación española, de acordo co procedemento e requisitos establecidos nos estatutos desta, gozando así do carácter de utilidade pública, de conformidade coa Lei do deporte estatal, representa na Comunidade Autónoma de Galicia a Real Federación Aeronáutica Española e ten a representación da Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas oficiais de carácter estatal e internacional celebradas dentro e fóra do territorio español.
Artigo 2. Composición
A Federación Aeronáutica Galega está integrada polos clubs deportivos, deportistas, adestradores, técnicos, xuíces e árbitros, e outros colectivos interesados estatutariamente establecidos, co obxectivo de promover, practicar e, en xeral, contribuír ao desenvolvemento da especialidade deportiva, que de forma voluntaria e expresa se afilien a través da preceptiva licenza.
Artigo 3. Domicilio social
1. A Federación Aeronáutica Galega está inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia. Ten o seu domicilio social na avenida Castelao, s/n, (Casa do Deporte), 15407 Ferrol, A Coruña.
2. O cambio de domicilio social necesitará do acordo da maioría de dous terzos dos membros da Asemblea Xeral, salvo que se efectúe dentro do mesmo termo municipal; nese caso poderá efectuarse por maioría simple. O cambio de domicilio deberá comunicarse ao Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.
Artigo 4. Emblemas
O emblema e a bandeira da Federación Aeronáutica Galega son os que figuran no anexo I dos presentes estatutos. Para a súa modificación ou cambio será necesario o acordo da Asemblea Xeral.
Artigo 5. Réxime Xurídico
A Federación Aeronáutica Galega réxese pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia; pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia; polo Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, modificado polo Decreto 171/2021, do 23 de decembro; polos presentes estatutos e os seus regulamentos; polos da Federación Aeronáutica Española, en que lle sexan aplicables, e polas disposicións que dite a Xunta de Galicia e, supletoriamente, a Administración do Estado.
Artigo 6. Funcións propias
1. A Federación exercerá as funcións que lle atribúan os seus estatutos, así como aquelas de carácter público que se deleguen por lei.
2. Son funcións propias da Federación as seguintes:
a) A convocatoria das seleccións deportivas da súa modalidade deportiva e a designación dos deportistas que as integran.
b) Colaborar coas administracións públicas e coa federación española correspondente, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción das súas respectivas modalidades.
c) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos deportistas galegos de alto nivel.
d) Se é o caso, e de conformidade coa normativa que sexa de aplicación, colaborar e/ou organizar as competicións oficiais e as actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Elaborar os regulamentos deportivos a nivel autonómico.
f) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na formación de adestradores, xuíces e árbitros, segundo a normativa que sexa de aplicación.
3. Os actos adoptados pola Federación Aeronáutica Galega no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso administrativo ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
Artigo 7. Funcións públicas delegadas
Son funcións públicas delegadas e exerceranse en réxime de exclusividade polas federacións deportivas galegas, as seguintes:
a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas da súa modalidade, de conformidade coa normativa que lle sexa de aplicación.
b) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.
c) Expedir licenzas deportivas para a práctica da súa modalidade deportiva nos termos establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.
d) Asignar as subvencións e axudas de carácter público concedidas a través da Federación e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.
e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigacións derivados do cumprimento dos seus respectivos estatutos.
f) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos pola presente lei e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo cos seus respectivos estatutos e regulamentos.
g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, as federacións deportivas galegas instruirán e resolverán os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se tramiten, de conformidade co establecido no título VIII da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.
i) Calquera outra que regulamentariamente se determine.
A Federación Aeronáutica Galega, sen a autorización da Administración competente, non poderá delegar o exercicio das funcións públicas delegadas, aínda que poderá encomendar a terceiros actuacións materiais relativas ás funcións previstas nas letras a), b) e c) do punto anterior.
Artigo 8. Outras funcións
A Federación Aeronáutica Galega, de conformidade co preceptuado na Lei do deporte de Galicia, exerce ademais as seguintes funcións:
a) Organizar e dirixir as competicións de carácter oficial e colaborar coa Administración autonómica no desenvolvemento de competicións oficiais e actividades deportivas que se celebren no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter estatal ou internacional, entendéndose estas autorizadas, logo de inscrición no rexistro correspondente.
b) Dispoñer canto conveña para a promoción e mellora da práctica das modalidades deportivas que recollan os presentes estatutos.
Artigo 9. Tutela da Administración Deportiva
Ao abeiro do disposto no artigo 57 da Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e co fin de garantir o cumprimento efectivo das funcións públicas atribuídas ás federacións deportivas galegas, a Administración autonómica ten as seguintes competencias e atribucións:
1. Realizar ou solicitar auditorías externas, inspeccionar os libros e documentos oficiais que compoñan a contabilidade e organización da Federación, para o que poderá solicitar dos órganos federativos toda a información que considere conveniente sobre estes e, en xeral, sobre as decisións e acordos adoptados pola presidenta ou o presidente, pola asemblea xeral ou por calquera outro órgano, unipersoal ou colexiado, da estrutura federativa. O seu alcance determinarase regulamentariamente.
2. Instar do Comité Galego de Xustiza Deportiva a suspensión provisional dos membros dos órganos federativos, para efectos de garantir a eficacia da resolución final que puidese recaer, cando se incoe contra eles un procedemento disciplinario por presuntas infraccións graves ou moi graves como consecuencia do exercicio das súas funcións no ámbito deportivo.
3. Convocar os órganos federativos cando non sexan convocados por quen teña a obriga de facelo nos prazos legalmente establecidos.
4. Convocar eleccións aos órganos de goberno e representación das federacións cando non o efectúe, como é preceptivo, o órgano que estatutaria ou legalmente teña atribuída esta competencia. A convocatoria poderá ir acompañada do nomeamento dunha comisión xestora específica para tal fin cando non fose posible a constitución da prevista con carácter xeral nas normas reguladoras dos procesos electorais.
5. Nos casos de notoria inactividade ou abandono de funcións ou abuso de poder por parte dunha Federación, ou dos seus órganos, que supoña incumprimento grave dos seus deberes legais ou estatutarios, a Administración autonómica poderá asumir en exclusiva as funcións da Federación Aeronáutica Galega para que se restaure o seu funcionamento legal e regular. Para tales efectos, se fose necesario, nomearase unha comisión xestora e convocaranse eleccións. De non ser posible o seu nomeamento ou de non alcanzar a súa finalidade, disolverase a federación e cancelarase a inscrición rexistral.
A Administración deportiva autonómica poderá, de forma motivada, revogar ou solicitar as funcións públicas delegadas pola presente lei nas federacións deportivas galegas.
6. A Administración da Comunidade Autónoma estará lexitimada para a impugnación ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, ou ante calquera órgano xurisdicional, das decisións e acordos dos órganos federativos que considere contrarios á legalidade vixente e, así mesmo, das omisións e da inactividade sobre as obrigas que lles correspondan consonte o ordenamento deportivo.
7. As prescricións que se conteñen nos puntos anteriores son independentes da responsabilidade disciplinaria en que puidesen incorrer polas condutas en cuestión.
TÍTULO II
Os membros da federación
CAPÍTULO I
A licenza federativa
Artigo 10. A licenza federativa
A licenza federativa é o documento mediante o que se formaliza a relación de especial suxeición entre a Federación Aeronáutica Galega e a persoa ou entidade de que se trate. Con ela acredítase documentalmente a afiliación e serve de título acreditativo para o exercicio dos dereitos e deberes recoñecidos polos presentes estatutos aos membros da Federación.
A perda polo seu titular da licenza federativa, por calquera das causas previstas, leva aparellada a da condición de membro da Federación Aeronáutica Galega.
Artigo 11. Expedición da licenza
1. A expedición e renovación das licenzas efectuarase no prazo dun mes desde a súa solicitude, sempre que o solicitante cumpra cos requisitos que fixan os presentes estatutos e os regulamentos federativos.
2. A Xunta Directiva acordará a expedición da correspondente licenza federativa ou a súa denegación. Entenderase estimada a solicitude se, unha vez transcorrido o prazo mencionado no punto anterior non fose resolta e notificada expresamente.
3. A denegación da licenza será sempre motivada e contra ela poderá interporse recurso de alzada ante o órgano competente da Administración deportiva.
Artigo 12. Perda da licenza
O afiliado á Federación Aeronáutica Galega perderá a licenza federativa polas seguintes causas:
a) Por vontade expresa do federado.
b) Por sanción disciplinaria.
c) Por falta de pagamento das cotas establecidas.
d) A perda da licenza pola causa sinalada na epígrafe c) requirirá a previa advertencia ao afiliado, con notificación fidedigna, e concederáselle un prazo non inferior a dez días para que proceda á liquidación do débito con indicación dos efectos que se producirían en caso de non atendela.
Artigo 13. Cobertura da licenza
As licenzas federativas levarán aparellado un seguro que garanta, como mínimo, a cobertura dos seguintes riscos:
a) Asistencia médico-sanitaria.
b) Responsabilidade civil fronte a terceiros derivados do exercicio ou con ocasión da practica deportiva.
Artigo 14. Cota federativa da licenza
Ademais, na licenza federativa establécese unha cota federativa por gastos de xestión, que será fixada esta, pola Asemblea Xeral.
CAPÍTULO II
Os clubs e seccións deportivas
Artigo 15. Requisitos dos clubs
Son clubs deportivos, para os efectos da presente lei, as asociacións privadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar, sen ánimo de lucro, integradas por persoas físicas ou xurídicas, que teñan como obxecto exclusivo ou principal a práctica dunha ou varias modalidades ou especialidades deportivas polos seus asociados, así como a participación en actividades e competicións oficiais.
As entidades públicas ou privadas dotadas de personalidade xurídica, con sede ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia e constituídas de acordo á súa respectiva normativa, poderán acceder ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia cando desenvolvan actividades deportivas de carácter accesorio en relación co seu obxecto principal mediante a creación dunha sección deportiva.
Artigo 16. Réxime dos clubs e as seccións deportivas
Os clubs e seccións deportivas integrados na Federación Aeronáutica Galega deberán someterse ás disposicións e acordos emanados dos seus órganos de goberno e representación, e estarán suxeitos á potestade disciplinaria da Federación de conformidade co disposto no seu regulamento disciplinario e demais normativa de aplicación.
Artigo 17. Participación en competicións oficiais
A participación dos clubs e seccións en competicións oficiais de ámbito autonómico rexerase polo disposto nos presentes estatutos, polos regulamentos federativos e demais disposicións de aplicación.
Artigo 18. Solicitude de integración na Federación
O procedemento de integración dos clubs e seccións deportivas na Federación, conforme o previsto nos artigos 10 e 11 destes estatutos, iniciarase mediante instancia dirixida ao presidente, á que se achegará o certificado do acordo da Asemblea Xeral en que conste o desexo da entidade de federarse e de cumprir os estatutos da Federación Aeronáutica Galega.
Artigo 19. Perda da condición de membro da Federación
1. Os clubs e as seccións deportivas poderán solicitar en calquera momento a baixa na Federación, mediante escrito dirixido ao presidente ao que acompañarán o acordo adoptado pola Asemblea Xeral no devandito sentido.
2. Así mesmo, perderán a condición de membro da Federación Aeronáutica Galega cando incorran nos seguintes supostos:
a) Por extinción do club.
b) Pola falta de aboamento da cota federativa no mes de xaneiro da tempada en curso, que deberá ser requirida, con notificación fidedigna, concedéndolle un prazo mínimo de dez días naturais para que procedan ao seu aboamento. En caso non o facer, procederase á baixa do membro na Federación, sen máis trámite.
c) Pola non tramitación do mínimo de tres licenzas federativas durante unha tempada e a non tramitación do mínimo de tres licenzas no mes de xaneiro da tempada seguinte, que deberá ser requirida, con notificación fidedigna, concedéndolle un prazo mínimo de dez días naturais para que procedan a tramitalas. En caso de non o fixer, procederase á baixa do membro na Federación, sen máis trámite. Os deportistas afectados poderán adscribirse a outro club nos termos establecidos no artigo 9.2 do Regulamento de licenzas.
Artigo 20. Dereitos dos clubs e seccións deportivas
Os clubs e seccións deportivas membros gozarán dos seguintes dereitos:
a) Participar nos procesos electorais aos órganos de goberno e representación da Federación e ser elixidos para eles nas condicións establecidas na normativa electoral deportiva da Xunta de Galicia e nos regulamentos electorais federativos.
b) Estar representados na Asemblea Xeral da Federación, con dereito a voz e voto.
c) Tomar parte nas competicións e actividades oficiais federativas, así como en cantas actividades sexan organizadas por esta.
d) Beneficiarse das prestacións e servizos previstos pola Federación para os seus membros.
e) Ser informado das actividades federativas.
f) Separarse libremente da Federación Aeronáutica Galega.
Artigo 21. Obrigas dos clubs e seccións deportivas
Serán obrigacións das entidades membros:
a) Acatar as prescricións contidas nos presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos da Federación.
b) Aboar, se é o caso, as cotas de entrada, así como as periódicas correspondentes ás licenzas de integración.
c) Cooperar ao cumprimento dos fins da Federación.
d) Poñer á disposición da Federación Aeronáutica Galega os deportistas federados do seu persoal ao obxecto de integrar as seleccións deportivas galegas, de acordo coa Lei do deporte de Galicia e disposicións que a desenvolven.
e) Poñer á disposición da Federación Aeronáutica Galega os seus deportistas federados, co obxecto de levar a cabo programas específicos encamiñados ao seu desenvolvemento deportivo.
f) Aqueloutras que lle veñan impostas pola lexislación vixente, polos presentes estatutos, ou polos acordos validamente adoptados polos órganos federativos.
CAPÍTULO III
Os deportistas, adestradores, técnicos, xuíces e árbitros
Sección 1ª. Disposicións xerais de integración e baixa
Artigo 22. Integración na Federación
Os deportistas, adestradores, técnicos, árbitros e xuíces, como persoas físicas e a título individual, poden integrarse na Federación Aeronáutica Galega mediante a súa pertenza a un club adscrito a esta e terán dereito, de acordo cos artigos 10 e 11 destes estatutos, a unha licenza da clase e categoría establecida nos regulamentos federativos, que servirá como ficha federativa e habilitación para participar en actividades e competicións deportivas oficiais, así como para o exercicio dos dereitos e obrigas recoñecidos aos membros da Federación Aeronáutica Galega.
Artigo 23. Perda da condición de membro da Federación
Os deportistas, adestradores, técnicos, xuíces e árbitros cesarán na súa condición de membros da Federación por falta de renovación da licenza federativa ou por outros motivos disciplinarios.
Sección 2ª. Os deportistas
Artigo 24. Definición
Considéranse deportistas aqueles que practican algunha das modalidades deportivas recollidas nos presentes estatutos, se respectan as condicións federativas e están en posesión da correspondente licenza.
Artigo 25. Dereitos dos deportistas
Os deportistas terán os seguintes dereitos:
a) Participar nos procesos electorais aos órganos de goberno e representación da Federación Aeronáutica Galega e ser elixidos para eles, nas condicións establecidas nos regulamentos electorais federativos.
b) Estar representados na Asemblea Xeral da Federación, con dereito a voz e voto.
c) Estar en posesión dun seguro médico que cubra os danos e riscos derivados da práctica das modalidades deportivas recollidas nos presentes estatutos.
d) Impugnar os acordos dos órganos de Goberno e representación da Federación que se consideren contrarios ás disposicións vixentes ou aos estatutos.
e) Tomar parte nas competicións e actividades oficiais federativas, así como en cantas actividades sexan organizadas por esta no marco das regulamentacións que rexen as modalidades deportivas recollidas nos presentes estatutos.
f) Acudir ás seleccións deportivas galegas cando sexan convocados.
g) Ser informado das actividades federativas.
h) Separarse libremente da Federación.
Artigo 26. Deberes dos deportistas
Os deportistas terán os seguintes deberes:
a) Acatar as prescricións contidas nos presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos federativos.
b) Aboar, se é o caso, as cotas de entrada, así como as periódicas correspondentes ás licenzas federativas.
c) Cooperar en todo momento ao cumprimento dos fins da Federación.
d) Acudir ás seleccións deportivas galegas e aos programas específicos federativos encamiñados a favorecer o seu desenvolvemento deportivo.
e) Aqueloutros que lles veñan impostos pola lexislación vixente, polos presentes estatutos ou polos acordos validamente adoptados polos órganos federativos.
Artigo 27. Controis antidopaxe
Os deportistas con licenza para participar en competicións oficiais de calquera ámbito estarán obrigados a someterse a controis antidopaxe durante as competicións ou fóra delas, por requirimento de calquera organismo con competencias para iso.
Sección 3ª. Os técnicos e adestradores
Artigo 28. Definición
Son técnicos/adestradores as persoas que, coa titulación recoñecida de acordo coa normativa vixente, exercen funcións de ensino, formación, perfeccionamento e dirección técnica dalgunha das modalidades deportivas recollidas nos presentes estatutos, respectando as condicións federativas e estando en posesión da correspondente licenza.
Artigo 29. Dereitos dos adestradores e técnicos
Os adestradores e técnicos terán os seguintes dereitos:
a) Participar nos procesos electorais aos órganos de goberno e representación da Federación Aeronáutica Galega e ser elixidos para eles, nas condicións establecidas nos regulamentos electorais federativos.
b) Estar representados na Asemblea Xeral da Federación, con dereito a voz e voto.
c) Ser beneficiario dun seguro médico que cubra os danos e riscos derivados das funcións que exercen en relación coa práctica das modalidades deportivas das que está titulado.
d) Ser informado das actividades federativas.
e) Impugnar os acordos dos órganos de Goberno e representación da Federación que se xulguen contrarios ás disposicións vixentes ou aos estatutos.
f) Separarse libremente da Federación.
Artigo 30. Deberes dos técnicos
Os técnicos terán os seguintes deberes:
a) Acatar as prescricións contidas nos presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos federativos.
b) Aboar, se é o caso, as cotas de entrada, así como as periódicas correspondentes ás licenzas federativas.
c) Cooperar en todo momento ao cumprimento dos fins da Federación.
d) Asistir ás probas e cursos aos que sexan convocados pola Federación.
d) Aqueloutros que lles veñan impostos pola lexislación vixente, polos presentes estatutos ou polos acordos validamente adoptados polos órganos federativos.
Sección 4ª. Os xuíces e árbitros
Artigo 31. Definición
Son xuíces/árbitros as persoas que, coas categorías que regulamentariamente se determinen, velan pola aplicación das regras do xogo, respectando as condicións federativas e estando en posesión da correspondente licenza.
Artigo 32. Dereitos dos xuíces e árbitros
Os xuíces/árbitros terán os seguintes dereitos:
a) Participar nos procesos electorais aos órganos de goberno e representación da Federación Aeronáutica Galega e ser elixidos para eles, nas condicións establecidas nos regulamentos electorais federativos.
b) Estar representados na Asemblea Xeral da Federación, con dereito a voz e voto.
c) Ser beneficiario dun seguro médico que cubra os danos e riscos derivados das funcións que exercen referentes á práctica das modalidades deportivas das que están titulados.
d) Ser informado das actividades federativas.
e) Impugnar os acordos dos órganos de Goberno e representación da Federación Aeronáutica Galega que se consideren contrarios ás disposicións vixentes ou aos estatutos.
f) Separarse libremente da Federación.
Artigo 33. Deberes dos xuíces e árbitros
Os xuíces/árbitros terán os seguintes deberes:
a) Acatar as prescricións contidas nos presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos federativos.
b) Aboar, se é o caso, as cotas de entrada, así como as periódicas correspondentes ás licenzas federativas.
c) Cooperar en todo momento ao cumprimento dos fins da Federación.
d) Asistir ás probas e cursos aos que sexan convocados pola Federación.
e) Aqueloutras que lles veñan impostas pola lexislación vixente, polos presentes estatutos ou polos acordos validamente adoptados polos órganos federativos.
TÍTULO III
A estrutura orgánica
CAPÍTULO I
Órganos federativos
Artigo 34. Órganos federativos
Son órganos da Federación Aeronáutica Galega:
a) De goberno e representación:
1. A Asemblea Xeral.
2. A Xunta Directiva.
3. O presidente.
b) Administración:
1. O secretario xeral.
2. O tesoureiro.
c) Técnicos:
1. O Comité Técnico de Árbitros ou Xuíces.
2. O Comité de Técnicos e Adestradores.
3. Os comités específicos.
d) Os comités disciplinarios.
e) As delegacións territoriais.
CAPÍTULO II
A Asemblea Xeral
Artigo 35. A Asemblea Xeral
A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno e representación e está integrada por clubs e seccións deportivas, deportistas, adestradores, técnicos, xuíces e árbitros.
Artigo 36. Composición
Estará composta polo número de membros que se determine no Regulamento electoral federativo, consonte o disposto na normativa electoral deportiva da Xunta de Galicia.
A representación na Asemblea Xeral dos distintos estamentos, de acordo co establecido no artigo 34.3 do Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, responderá ás seguintes proporcións:
• Representantes de entidades deportivas inscritas na federación, entre o 40 % e 70 %.
• Representantes de deportistas, entre o 20 % e 40 %
• Representantes de adestradores e adestradoras, técnicos e técnicas, entre o 5 % e 20 %.
• Representantes de árbitros/as, xuízas e xuíces, entre o 5 % e 10 %.
• Outros colectivos, se os houbese, ata un 5 %.
Artigo 37. Elección a membros da Asemblea Xeral
Os membros da Asemblea Xeral serán elixidos, cada catro anos, coincidindo cos anos de celebración dos Xogos Olímpicos de Inverno, mediante sufraxio libre, secredo e directo, entre e polos compoñentes de cada estamento da Federación e de conformidade coas proporcións que se establezan no regulamento electoral federativo.
1. Constituirase, de forma simultánea á convocatoria de eleccións, unha xunta electoral por federación, cos criterios que estableza o regulamento electoral.
2. A Xunta Electoral estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na Asemblea Xeral entre as persoas que presenten a súa candidatura a membros da Xunta Electoral. As candidaturas deberanse presentar na mesma asemblea en que se celebre a súa elección, e poderán estar os candidatos presentes nela.
3. No caso de non presentación de candidatos a membros da xunta electoral, o presidente da Federación propoñerá á Asemblea os membros necesarios para completala, os cales deberán, así mesmo, reunir os requisitos definidos no punto anterior.
4. Actuarán como presidente e secretario da Xunta Electoral os membros de maior e menor idade, respectivamente. As decisións da Xunta Electoral tomaranse por maioría de votos. A asistencia á xunta electoral é obrigatoria, salvo causa xustificada.
Os requisitos que deberán reunir os membros da Xunta Electoral, as súas funcións, así como outras cuestións non relacionadas nos presentes estatutos, serán fixados no Regulamento electoral.
Artigo 38. Electores e elixibles
1. Poderán ser electores e elixibles:
a) No caso dos estamentos constituídos por persoas físicas (deportistas, técnicos/adestradores, xuíces/árbitros), os que reúnan os seguintes requisitos:
• Ser maior de idade na data de convocatoria das eleccións.
• Ter licenza federativa en vigor e tela nas dúas tempadas deportivas anteriores á de convocatoria de eleccións.
• Participar nas dúas tempadas anteriores á de celebración de eleccións nun mínimo dunha competición deportiva oficial en cada tempada. Este requisito non é exixido para as persoas que teñan a condición de xuíces/árbitros. As federacións que, por causa de forza maior, non puidesen desenvolver competicións ou actividades deportivas no período indicado anteriormente deberán atender ao último calendario oficial desenvolvido.
b) No caso do estamento de entidades deportivas: aqueles clubs que estean inscritos desde o mes de xaneiro dos dous anos anteriores á celebración de eleccións, na federación correspondente e no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia e participasen desde o mes de xaneiro dos dous anos anteriores ao de celebración das eleccións, en polo menos unha competición deportiva oficial por cada tempada. Nas federacións que, por causa de forza maior, non puidesen desenvolver competicións ou actividades deportivas no período indicado anteriormente bastará con participar nunha competición deportiva oficial na tempada do último calendario oficial desenvolvido.
2. Para os efectos deste artigo entenderase por competición deportiva, ou actividade deportiva naquelas federacións en que as actividades deportivas máis relevantes non sexan actividades competitivas, as competicións ou actividades que estivesen reflectidas nos correspondentes calendarios deportivos aprobados pola Asemblea Xeral.
3. Os membros da Federación que pertenzan a dous ou máis estamentos no censo provisional deberán optar por un deles mediante un escrito ante a xunta electoral, que se cursará no período de reclamacións ao censo. O regulamento electoral deberá especificar os criterios para identificar os electores nun único estamento, no caso de non existir a proposta individual.
Artigo 39. Causa de baixa na Asemblea Xeral
Os membros da Asemblea Xeral causarán baixa nos seguintes casos:
a) Expiración do período de mandato.
b) Falecemento.
c) Dimisión.
d) Incapacidade que impida o desempeño do cargo.
e) Sanción disciplinaria ou resolución xudicial que comporte inhabilitación para ocupar cargos na organización deportiva ou privación da licenza federativa.
f) Cambio ou modificación da situación federativa que implique a alteración das condicións e os requisitos exixidos para a súa elección. Será un requisito necesario a apertura do correspondente expediente contraditorio con audiencia ao interesado durante o prazo de dez días. Transcorrido este, a Xunta Directiva da Federación Aeronáutica Galega resolverá sobre a mencionada baixa. Esta resolución comunicarase á Secretaria Xeral Para o Deporte o día seguinte ao da súa adopción e notificaráselle ao interesado, quen poderá interpoñer un recurso contra ela ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva da Xunta de Galicia no prazo de cinco días naturais desde a súa notificación.
Artigo 40. Competencias
Son competencias exclusivas e indelegables da Asemblea Xeral:
a) A aprobación das normas estatutarias e as súas modificacións.
b) A aprobación do orzamento anual, a súa modificación e a súa liquidación.
c) A elección do presidente.
d) A resolución da moción de censura do presidente.
e) Adoptar o acordo de disolución voluntaria da Federación ou coñecer da disolución non voluntaria e articular o procedemento de liquidación.
f) O outorgamento da cualificación oficial das actividades e as competicións deportivas e a aprobación do calendario deportivo e a memoria deportiva anual.
g) Aprobar as normas de expedición e a revogación das licenzas federativas, así como as súas cotas.
h) Aprobar as operacións económicas que impliquen o gravame ou alleamento dos seus bens inmobles ou que impliquen comprometer gastos de carácter plurianual.
i) A aprobación e a modificación dos seus regulamentos deportivos, electorais e disciplinarios.
j) Resolver aqueloutras cuestións que fosen sometidas á súa consideración na convocatoria e estean recollidas na orde do día.
k) Calquera outra que se lle atribúa nos presentes estatutos ou se lle outorguen regulamentariamente.
Artigo 41. Sesións
A Asemblea Xeral reunirase en sesión plenaria e con carácter ordinario polo menos unha vez ao ano para a aprobación das contas e da memoria das actividades deportivas do ano anterior, así como do calendario, programas e orzamento anuais. Poderán convocarse reunións de carácter extraordinario por iniciativa do presidente ou dun número de membros da Asemblea Xeral non inferior ao 25 %.
Artigo 42. Convocatoria
1. A convocatoria deberá efectuarse mediante comunicación escrita a todos os membros da Asemblea Xeral con expresa mención do lugar, do día e da hora de celebración en primeira e segunda convocatoria, así como a orde do día dos asuntos que se van tratar. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá mediar unha diferenza de polo menos trinta minutos.
2. As convocatorias efectuaranse cunha antelación de quince días naturais, salvo casos de urxencia debidamente xustificados.
3. As sesións dos órganos de goberno e de administración da Federación poderán celebrarse por videoconferencia ou por conferencia telefónica múltiple, sempre que todos os membros do órgano dispoñan dos medios necesarios e o secretario do órgano recoñeza a súa identidade, e así o exprese na acta que remitirá de inmediato aos enderezos de correo electrónico de cada un dos concorrentes. A mesma regra será de aplicación ás comisións delegadas e ás demais comisións obrigatorias ou voluntarias constituídas. A sesión entenderase celebrada no domicilio social da Federación.
4. Os acordos dos órganos de goberno e de administración da Federación poderán adoptarse mediante votación por escrito e sen sesión, sempre que o decida o presidente, e deberán adoptarse así cando o soliciten, polo menos, dous membros do órgano. A mesma regra será de aplicación ás comisións delegadas e ás demais comisións obrigatorias ou voluntarias constituídas. A sesión entenderase celebrada no domicilio social da Federación. Será de aplicación a todos estes acordos o establecido no artigo 100 do Real decreto 1784/1996, do 19 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Mercantil.
Artigo 43. Constitución
A Asemblea Xeral quedará validamente constituída cando concorran en primeira convocatoria a maioría dos seus membros ou, en segunda convocatoria, a terceira parte.
Artigo 44. Presidencia
O presidente da Federación presidirá as reunións da Asemblea Xeral e moderará os debates, regulando o uso da palabra e sometendo a votación as proposicións ou medidas que se van adoptar. O presidente resolverá as cuestións de orde e procedemento que puidesen expoñerse.
2. Antes de entrar a debater os asuntos previstos na orde do día procederase ao reconto de asistentes, mediante a verificación dos asembleístas de conformidade coa normativa de aplicación.
Artigo 45. Asistencia de persoas non asembleístas
O presidente, por iniciativa propia ou por petición dun terzo dos membros da Asemblea Xeral, poderá convocar ás sesións desta persoas que non sexan membros dela, para informar sobre os temas que se soliciten.
Así mesmo, poderán asistir ás reunións da Asemblea Xeral, con voz e sen voto, os membros da Xunta Directiva da Federación que non o sexan da Asemblea Xeral.
Artigo 46. Acordos
1. Os acordos deberán ser adoptados, con carácter xeral, por maioría dos votos emitidos, salvo que estes estatutos prevexan outra cousa.
2. O voto dos membros da Asemblea Xeral é persoal e indelegable.
3. A votación será secreta na elección do presidente, na moción de censura, na cuestión de confianza e a adopción de acordo sobre a remuneración do presidente. Será pública nos casos restantes, salvo que a décima parte dos asistentes solicite votación secreta.
4. O presidente terá voto de calidade, en caso de empate, na adopción dos acordos da Asemblea Xeral.
Artigo 47. Secretaría
O secretario da Federación Aeronáutica Galega serao tamén da Asemblea Xeral. Na súa ausencia, actuará como secretario o membro da Asemblea que designe o presidente.
Artigo 48. Acta
1. A acta de cada reunión especificará os nomes dos asistentes, as persoas que interveñan e o contido fundamental das deliberacións, así como o texto dos acordos que se adopten e o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios aos acordos adoptados.
2. Poderá ser aprobada ao finalizar a sesión da reunión correspondente, sen prexuízo da súa posterior remisión aos membros.
3. A acta remitirase a todos os membros da Asemblea Xeral nun prazo máximo de trinta días, a partir dos cales comezará a contar o prazo de impugnación. Se transcorridos trinta días desde a súa remisión non foi impugnada, considerarase aprobada.
4. A impugnación da acta non suspenderá a eficacia dos acordos adoptados, os votos contrarios aos acordos adoptados ou ás súas abstencións motivadas, eximirán a quen os emita de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.
5. Os acordos da Asemblea Xeral poderán ser impugnados polos interesados ante os organismos competentes segundo o disposto nestes estatutos.
6. Pasados os prazos de impugnación, publicaranse as actas na sección de Transparencia da páxina web da Federación, para xeral coñecemento dos deportistas, técnicos, xuíces e clubs adscritos á Federación, e para a difusión entre os seus asociados.
CAPÍTULO III
O presidente
Artigo 49. O presidente
O presidente da Federación Aeronáutica Galega é o órgano executivo desta. Desempeña a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación, e executa os acordos tomados nestes.
Así mesmo, desempeña a representación da entidade e a dirección superior da administración federativa, contratando o persoal administrativo e técnico que se precise, asistido pola Xunta Directiva.
2. O presidente nomea e cesa os membros da Xunta Directiva da Federación, presidentes de comités e comisións, así como os delegados territoriais.
3. Ao presidente, como executor dos acordos dos órganos de goberno e como representante legal da FAG, correspóndelle a representación xurídica da Federación e pode, en consecuencia, realizar actos e realizar os contratos que sexan necesarios ou convenientes para a consecución dos obxectivos da Federación, sen exceptuar os que traten sobre a adquisición de bens, mesmo inmobles, logo de acordo da Asemblea Xeral ou da Comisión Delegada.
Se é o caso, concertar toda clase de préstamos con liberdade de pactos e condicións coa banca privada ou pública ou oficial, institutos de crédito, caixas de aforros, etc., con acordo previo da Asemblea ou da Comisión Delegada en sesión plenaria, de acordo á contía do préstamo solicitado.
Outorgar poderes a procuradores dos tribunais e avogados e persoas que libremente designe con facultades especiais, logo de acordo da Xunta Directiva.
Representar a Federación ante toda clase de organismos da Xunta de Galicia, provincia ou municipio, ter a representación ante xulgados e tribunais, e exercer as accións civís, criminais, económico-administrativas e contencioso-administrativas en todas as instancias, abrir contas correntes, cancelar as constituídas e nomear e destituír persoal que preste servizo na Federación.
Artigo 50. Mandato
O presidente da Federación será elixido cada catro anos, no momento de constitución da Asemblea Xeral, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de Inverno.
A persoa titular da presidencia será elixida mediante sufraxio libre, igual e secreto polos compoñentes da Asemblea Xeral, sen que teña que ser membro desta, e non poderá desempeñar ningunha outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa.
Artigo 51. Candidatos
Poderá presentar candidatura para presidente da Federación Aeronáutica Galega calquera persoa física, maior de idade, sen que teña que ser membro da Asemblea Xeral, en pleno uso dos seus dereitos civís, que non incorrese en ningunha sanción deportiva que o inhabilite e que non estea inhabilitado para o desempeño dun cargo público por sentenza xudicial firme.
Se algún membro da Comisión Xestora presentase a súa candidatura á presidencia, deberá, previa ou simultaneamente, cesar nesta.
Artigo 52. Elección
1. No día e na hora fixados na convocatoria correspondente, constituirase a Asemblea Xeral en primeira ou segunda convocatoria, que terá como únicos puntos da orde do día a elección a presidente e a membros da Comisión Delegada. O presidente da Federación será elixido mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto polos membros da Asemblea Xeral presentes no momento da elección.
2. Na votación á elección de presidente non se admitirá o voto por correo nin a delegación de voto. A representación dos clubs realizarase conforme o establecido na orde que regula os procesos electorais, e non se admitirá que unha persoa teña a representación de máis dun club.
3. Comezada a sesión e constituída a mesa electoral, o presidente presentará os candidatos, e iniciarase, seguidamente, o proceso de votación.
4. A continuación, se así se prevé no regulamento electoral, os candidatos expoñerán os seus programas, e procederase posteriormente á votación en urna para a elección do presidente, que será secreta.
5. A Xunta Electoral determinará o modelo de papeleta. Cada membro da asemblea só poderá votar un candidato.
6. O proceso de votación está formado por un máximo de tres votacións:
a) Na primeira votación son elixibles todos os candidatos da lista definitiva. Aqueles que obteñan un mínimo do 10 % dos votos dos membros presentes pasarán á seguinte votación. No suposto en que ningún candidato alcance o 10 % dos votos, pasarán á seguinte votación aqueles dous candidatos que conten cun maior número de votos. No suposto de que soamente sexa un candidato o que obteña o 10 % dos votos, pasará tamén á seguinte votación o seguinte candidato en número de votos. De alcanzar algún candidato a maioría absoluta dos votos, nesa primeira votación, será proclamado presidente.
b) En segunda votación soamente serán elixibles aqueles que, como xa está exposto e coas excepcións recollidas, obtivesen polo menos o 10 % dos votos dos membros presentes. Será elixido presidente o candidato que nesta fase obteña a maioría absoluta dos votos.
c) No caso de que na votación anterior ningún candidato obtivese a maioría absoluta, procederase a unha nova votación entre os dous máis votados, no prazo establecido no regulamento electoral, resultando elixido o que obteña a maioría de votos.
7. Terminada cada unha das votacións realizadas, a mesa electoral procederá ao reconto de votos e levantará a oportuna acta.
8. No caso de existir soamente dous candidatos, resultará elixido o que obteña a maioría simple dos votos. O regulamento electoral de cada federación deberá establecer o procedemento de desempate.
9. No caso de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación.
10. Se non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas, a Comisión Xestora administrará a Federación e convocará e realizará novas eleccións a presidente no prazo máximo de tres meses.
11. Finalizada a elección, a acta do resultado desta será remitida á Xunta Electoral. Transcorridos os prazos de presentación de posibles recursos e resoltos estes, a Xunta Electoral proclamará presidente o candidato máis votado e comunicará os resultados á Secretaría Xeral Para o Deporte no prazo máximo de dez días.
12. Unha vez proclamado definitivamente o novo presidente, a Comisión Xestora deberá poñer á disposición deste no prazo máximo de cinco días hábiles, contados desde a proclamación definitiva, toda a documentación relativa á Federación, e levantará acta da documentación entregada e remitiralle unha copia desta á Secretaría Xeral Para o Deporte.
13. Tras a súa proclamación, o presidente designará os demais órganos e comités de acordo cos estatutos da Federación, e debe comunicarlle a súa composición á Secretaría Xeral Para o Deporte no prazo máximo de dez días hábiles desde o seu nomeamento.
Artigo 53. Substitución
En caso de ausencia, enfermidade ou vacante, substituirao o vicepresidente, sen prexuízo das delegacións que considere oportuno realizar.
Artigo 54. Cesamento
O presidente cesará por:
a) Polo transcurso do prazo para o que foi elixido.
b) Por falecemento.
c) Por dimisión.
d) Por incapacidade legal sobrevida.
e) Por prosperar unha moción de censura, nos termos que se regulan nos presentes estatutos.
f) Por inhabilitación ou destitución do cargo acordada en sanción disciplinaria firme en vía administrativa.
g) Por incorrer nas causas de inelixibilidade ou incompatibilidade establecidas nos presentes estatutos ou na lexislación vixente.
Artigo 55. Vacante
No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a Presidencia por calquera causa que non sexa a finalización do mandato ou por prosperar unha moción de censura, a Asemblea Xeral Extraordinaria, que se celebrará no prazo dun mes, procederá a elixir un novo presidente, que terá que ser membro electo da Asemblea Xeral, polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ao mandato ordinario.
Artigo 56. Moción de censura
1. A moción de censura contra o presidente da Federación deberá formularse por escrito, mediante solicitude ao presidente da Federación, e nela constarán as sinaturas e os datos necesarios para a identificación dos promotores, que serán, como mínimo, un 25 % da Asemblea Xeral.
A moción de censura deberá incluír necesariamente un candidato alternativo a presidente.
2. No prazo de trinta días a Xunta Directiva constituirá unha mesa integrada por dous membros da Xunta Directiva, designados por esta, os dous primeiros asinantes da moción de censura e un quinto membro, elixido pola Xunta Directiva entre federados de recoñecida independencia e imparcialidade, que actuará como presidente, sendo secretario o máis novo dos restantes.
3. Comprobada pola Mesa a legalidade da moción de censura, solicitaralle á Xunta Directiva que convoque Asemblea Xeral Extraordinaria, o que fará en quince días, para a súa celebración nun prazo non superior a un mes desde a constitución da Mesa.
4. A Asemblea, os seus debates e a votación serán dirixidos pola Mesa, que resolverá, por maioría, cantos incidentes e reclamacións se produzan. Finalizada a votación, a Mesa realizará o escrutinio. Para ser aprobada, a moción de censura require o voto favorable da maioría absoluta de todos os membros da Asemblea Xeral.
Se así ocorre, o candidato alternativo será elixido presidente da Federación.
5. Só caberán impugnacións, calquera que fose a súa natureza, unha vez concluída a Asemblea, tras ser rexeitada ou prosperar a moción de censura. Tales impugnacións deberán formularse, no prazo de cinco días, ante o Comité de Xustiza Deportiva da Xunta de Galicia, que as resolverá e, se é o caso, proclamará definitivamente o presidente, sen prexuízo dos recursos administrativos e xurisdicionais que procedan.
As mesmas impugnacións e recursos proceden contra a decisión da Mesa de non tramitar a moción de censura.
6. Unicamente poderán formularse dúas mocións de censura en cada mandato da Asemblea, e entre elas deberá transcorrer, como mínimo, un ano.
Artigo 57. Remuneración
O cargo de presidente poderá ser remunerado, sempre que tal acordo, así como a contía da remuneración, sexa aprobado en votación secreta pola maioría absoluta dos membros da Asemblea Xeral, para cada mandato.
En todo caso, a remuneración do presidente concluirá, co fin do seu mandato, sen poder estenderse máis alá da duración deste. En ningún caso esta remuneración poderá ser satisfeita con cargo a subvencións públicas.
Artigo 58. Incompatibilidade
O cargo de presidente da Federación Aeronáutica Galega será incompatible co desempeño de calquera outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa, e non poderá simultanearse a presidencia dun club deportivo coa presidencia da Federación na que se integre o devandito club.
Artigo 59. Responsabilidade
1. O presidente será persoalmente responsable fronte á propia Federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:
a) Das obrigas contraídas pola Federación e que non teñan ou tivesen o adecuado respaldo contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e alcance da obriga en cuestión, e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.
b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.
c) En xeral, dos actos ou omisións que supoñan un prexuízo para a Federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.
2. A responsabilidade descrita no punto anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.
3. A responsabilidade regulada neste artigo é independente da responsabilidade disciplinaria en que se puidese incorrer, e que se exixirá conforme as disposicións xerais da Lei para o deporte.
CAPÍTULO IV
A Xunta Directiva
Artigo 60. A Xunta Directiva
4. A Xunta Directiva é o órgano colexiado de xestión da Federación. Estará presidida polo presidente.
5. A Xunta Directiva asiste o presidente no cumprimento das súas funcións e, en particular, na confección do proxecto de orzamento e das contas anuais da Federación, elaboración da memoria anual de actividades, coordinación das actividades das distintas delegacións territoriais (de existir), designación de técnicos das seleccións ou equipos galegos, concesión de honras e recompensas e na adopción de disposicións interpretativas dos estatutos e regulamentos federativos.
Artigo 61. Composición
O seu número non poderá ser inferior a cinco nin superior a quince, e estará composta como mínimo polo presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e un vogal.
Artigo 62. Nomeamento e cesamento
Os membros da Xunta Directiva serán nomeados e cesados libremente polo presidente. De tal decisión informarase á Asemblea Xeral.
Artigo 63. Convocatoria e constitución
Corresponde ao presidente, por iniciativa propia ou por instancia da terceira parte dos seus membros, a convocatoria da Xunta Directiva, que conterá o lugar, a data e a hora da súa celebración, así como a orde do día.
A convocatoria deberá ser comunicada, polo menos, con sete días de antelación, salvo nos casos urxentes, en que abondará unha antelación de corenta e oito horas.
Quedará validamente constituída cun mínimo de tres membros asistentes, sempre que un deles sexa o presidente ou o vicepresidente.
Igualmente, quedará validamente constituída a Xunta Directiva, aínda que non se cumprisen os requisitos de convocatoria, se concorren todos os seus membros e así o acordan por unanimidade.
Artigo 64. Actas
Das reunións levantaranse as correspondentes actas, que se someterán á súa aprobación ao final da sesión respectiva ou ao comezo da seguinte sesión como primeiro punto da orde do día.
Artigo 65. Acordos
Os acordos da Xunta Directiva serán adoptados por maioría simple. O presidente terá voto de calidade en caso de empate.
Artigo 66. Incompatibilidade
Non poderán desempeñar cargos directivos na Federación aquelas persoas que obteñan proveito material derivado de actividades económicas, comerciais ou industriais procedente de entidades mercantís que desenvolvan actividades relacionadas cos deportes aéreos.
Artigo 67. Responsabilidade
1. Os membros das xuntas directivas ou dos órganos de dirección que puidesen estatutariamente establecerse serán persoalmente responsables fronte á propia Federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros.
a) Das obrigas que contraese a Federación Aeronáutica Galega e que non teñan ou tivesen o adecuado respaldo contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e alcance da obriga en cuestión, e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.
b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.
c) En xeral, dos actos ou omisións que supoñan un prexuízo para a Federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.
2. A responsabilidade descrita no punto anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.
3. A responsabilidade regulada no presente artigo é independente da responsabilidade disciplinaria en que se puidese incorrer, e que se exixirá conforme as disposicións xerais da Lei para o deporte.
CAPÍTULO V
O secretario xeral
Artigo 68. O Secretario Xeral
O secretario xeral é o órgano administrativo da Federación Aeronáutica Galega que, ademais das funcións que se especifican nos artigos 65 e 66, estará encargado do seu réxime de administración conforme os principios de legalidade, transparencia e eficacia, con suxeición aos acordos dos órganos de goberno, aos presentes estatutos e aos regulamentos federativos.
O secretario xeral serao tamén da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, con voz, pero non voto, salvo que fose membro electo destes.
Artigo 69. Nomeamento e cesamento
O secretario xeral será nomeado e cesado polo presidente da Federación Aeronáutica Galega e exercerá as funcións de dar fe dos actos e acordos, así como de custodia dos arquivos documentais da Federación.
En caso de ausencia, será substituído pola persoa que designe o presidente.
Artigo 70. Funcións
Son funcións propias do secretario xeral:
a) Levantar acta das sesións dos órganos nos cales actúa como secretario.
b) Expedir as certificacións oportunas, co visto e prace do presidente, dos actos e acordos adoptados polos devanditos órganos.
c) Velar polo cumprimento dos acordos citados no anterior punto.
d) Levar os libros federativos.
e) Preparar as estatísticas e a memoria da Federación Aeronáutica Galega.
f) Resolver e despachar os asuntos xerais da Federación Aeronáutica Galega.
g) Prestar o asesoramento oportuno ao presidente nos casos en que fose requirido para iso.
h) Ter a xefatura do persoal da Federación.
i) Preparar a documentación e os informes precisos para as reunións dos órganos nos que actúa como secretario.
j) Coordinar a execución das tarefas dos órganos federativos.
k) Velar polo cumprimento da xestión administrativa que afecten a actividade da Federación, solicitando o asesoramento externo necesario para a boa marcha dos distintos órganos federativos.
l) Velar pola boa orde das dependencias federativas, adoptando as medidas precisas para iso, asignando as funcións e os labores entre os empregados e vixiando o estado das instalacións.
m) Facilitarlles aos directivos e aos órganos federativos os datos e os antecedentes que precisen para os traballos da súa competencia.
n) Coidar das relacións públicas da Federación exercendo tal responsabilidade, ben directamente, ben a través dos departamentos federativos creados para o efecto.
o) Aquelas que lle sexan asignadas polo presidente da Federación.
CAPÍTULO VI
O tesoureiro
Artigo 71. O tesoureiro
O tesoureiro é o órgano administrativo da Federación que, ademais das funcións que se especifican nos artigos 69 e 70, estará encargado levar a contabilidade da Federación.
Exerce as súas funcións, conforme os principios de legalidade, transparencia e eficacia, con suxeición aos acordos dos órganos de goberno, aos presentes estatutos e aos regulamentos federativos.
O tesoureiro poderá asistir ás reunións dos órganos federativos, con voz, pero sen voto, salvo que fose membro electo destes.
Artigo 72. Nomeamento e cesamento
O tesoureiro será nomeado e cesado polo presidente da Federación Aeronáutica Galega e exercerá as funcións de control e fiscalización da xestión económico-orzamentaria dos distintos órganos da Federación, así como de custodia dos arquivos documentais contables da Federación.
En caso de ausencia, será substituído pola persoa que designe o presidente.
Artigo 73. Funcións
Exercerá como funcións propias:
a) Levar a contabilidade da Federación.
b) Exercer a inspección económica de todos os órganos da Federación.
c) Elaborar e presentar balances á comisión delegada do estado contable da Federación.
d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos da Federación Aeronáutica Galega e a lexislación.
No caso de que na Federación Aeronáutica Galega non exista tesoureiro, o presidente será o responsable de exercer estas funcións, e poderá delegalas na persoa que considere oportuno.
CAPÍTULO VII
O Comité Técnico de Xuíces
Artigo 74. O Comité Técnico de Xuíces
No seo da Federación Aeronáutica Galega constituirase o Comité Técnico de Xuíces, que estará formado polos membros do estamento de xuíces representantes na Asemblea.
O presidente do Comité será elixido e revogado polos representantes membros da Asemblea, pertencentes ao Comité de Xuíces.
O seu número non poderá ser inferior a tres nin superior a cinco.
O presidente elixido designará o secretario e un número mínimo dun vogal. De non haber un número suficiente de xuíces na Asemblea, poderá elixilos entre os xuíces federados.
Os seus acordos serán adoptados por maioría simple. O presidente terá voto de calidade en caso de empate.
Os membros do comité técnico de xuíces que non teñan a súa licenza tramitada o último día de xaneiro da tempada en curso serán requiridos, con notificación fidedigna, concedéndolles un prazo mínimo de dez días naturais para que procedan á súa tramitación, con indicación da perda da condición de membro do comité se non a tramita no dito prazo.
Artigo 75. Funcións
Correspóndelle ao Comité Técnico de Xuíces as seguintes funcións:
a) Establecer os niveis de formación dos xuíces, de conformidade cos fixados pola Federación Aeronáutica Española.
b) Propoñer a clasificación técnica dos xuíces e a adscrición ás especialidades e categorías correspondentes.
c) Propoñer os métodos retributivos destes.
d) Coordinar coas federacións deportivas españolas os niveis de formación.
e) Designar, atendendo a criterios obxectivos, os árbitros ou os xuíces nas competicións oficiais de ámbito galego.
CAPÍTULO VIII
O Comité de Técnicos e Adestradores
Artigo 76. O Comité de Técnicos e Adestradores
No seo da Federación Aeronáutica Galega constituirase o Comité de Técnicos e Adestradores, que estará formado polos membros do estamento de técnicos e adestradores representantes na Asemblea.
O presidente do Comité será elixido e revogado polos representantes membros da asemblea pertencentes ao Comité de Técnicos e Adestradores.
O seu número non poderá ser inferior a tres nin superior a cinco.
O presidente elixido designará o secretario e un número mínimo dun vogal. De non haber un número suficiente de xuíces na asemblea, poderá elixilos entre os técnicos federados.
Os seus acordos serán adoptados por maioría simple. O presidente terá voto de calidade en caso de empate.
Os membros do Comité de Técnicos e Adestradores que non teñan a súa licenza tramitada o último día de xaneiro da tempada en curso serán requiridos, con notificación fidedigna, concedéndolles un prazo mínimo de dez días naturais para que procedan á súa tramitación, con indicación da perda da condición de membro do comité se non a tramita no dito prazo.
Artigo 77. Funcións
O Comité de Técnicos e Adestradores ten as funcións de goberno e representación dos adestradores e técnicos da Federación e terá, entre outras, as seguintes funcións:
a) Propoñer, de conformidade coas normas vixentes, os métodos complementarios de formación e perfeccionamento.
b) Emitir informe razoado sobre as solicitudes de licenza formalizadas polos técnicos e adestradores en Galicia.
c) Propoñer e, se é o caso, organizar cursos ou probas de perfeccionamento e actualización para técnicos e adestradores.
CAPÍTULO IX
Os comités específicos
Artigo 78. Comités específicos
1. Poderanse crear comités específicos por cada modalidade ou especialidade deportiva existente na Federación ou para asuntos concretos de especial relevancia.
a) Os comités específicos estarán compostos polos membros compoñentes da Asemblea Xeral pertencentes a cada especialidade.
b) Os presidentes dos comités serán elixidos e revogados polos representantes membros da Asemblea Xeral pertencentes a cada unha das especialidades.
c) O seu número non poderá ser inferior a tres nin superior a cinco.
d) Os presidentes elixidos designarán o secretario e un número mínimo dun vogal. De non haber un número suficiente de membros desa especialidade na Asemblea, poderá elixilos entre os membros da Federación pertencentes a esa especialidade.
e) Cando non se puidese constituír un comité, ou non se alcanzase un acordo para a elección do presidente, as funcións e competencias do Comité serán directamente asumidas pola Xunta Directiva da FAG ata que se constitúa o Comité e se elixa o presidente.
2. Corresponderá a estes comités o asesoramento do presidente e da Xunta Directiva en cantas cuestións afecten a modalidade ou especialidade que representan ou a materia para a que foi creado, así como a elaboración de informes e propostas relacionados coa planificación deportiva, regulamentos de competicións ou asuntos que se lle encomende.
3. Os membros dos comités específicos que non teñan a súa licenza tramitada o último día de xaneiro da tempada en curso serán requiridos, con notificación fidedigna, concedéndolles un prazo mínimo de dez días naturais para que procedan á súa tramitación, con indicación da perda da condición de membro do comité se non a tramita no dito prazo.
CAPÍTULO X
Os comités disciplinarios
Artigo 79. Comités disciplinarios
1. Os comités disciplinarios da Federación Aeronáutica Galega son o xuíz único e o Comité de Apelación.
2. O xuíz único resolverá en cuestións disciplinarias.
3. O Comité de Apelación estará formado por dous membros, dos que polo menos un será licenciado en Dereito.
4. Serán designados pola Asemblea Xeral e elixirán entre eles o seu presidente e o seu secretario.
5. A condición de membro dun destes comités será incompatible coa pertenza a outro, e a pertenza a calquera destes co desempeño de calquera cargo directivo na Federación.
Artigo 80. Funcións
1. Correspóndelle ao xuíz único a resolución en primeira instancia das cuestións disciplinarias que se susciten como consecuencia da infracción ás regras do xogo ou competición e ás normas xerais deportivas.
2. Ao Comité de Apelación correspóndelle o coñecemento de todas as impugnacións e recursos interpostos contra as resolucións adoptadas polo xuíz único, esgotando as súas resolucións a vía federativa, contra as que se poderá interpoñer recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva da Xunta de Galicia.
CAPÍTULO XI
Organización territorial
Sección 1ª. As delegacións territoriais
Artigo 81. A estrutura territorial
A estrutura territorial da Federación poderase acomodar, de así acordarse, pola Asemblea Xeral, á organización territorial da Comunidade Autónoma, articulándose a través das delegacións territoriais.
Artigo 82. As delegacións territoriais
As delegacións territoriais, de existir, estarán subordinadas xerarquicamente aos órganos de goberno e representación da Federación, e terán a representación dela no seu ámbito.
Artigo 83. Réxime xurídico
As delegacións territoriais rexeranse polas normas e regulamentos emanados desta Federación Galega.
Sección 2ª. O delegado territorial
Artigo 84. O delegado territorial
Á fronte de cada delegación territorial poderá existir un delegado, que será designado e cesado polo presidente da Federación.
Artigo 85. Requisitos
O delegado territorial deberá ter a condición de membro da Asemblea Xeral, agás no suposto de que o sexa da Xunta Directiva.
Artigo 86. Funcións
Son funcións propias dos delegados todas aquelas que lles sexan asignadas especificamente polo presidente.
CAPÍTULO XII
Disposicións xerais
Artigo 87. Incompatibilidades dos cargos
Sen prexuízo das demais incompatibilidades previstas nestes estatutos, o exercicio do cargo de presidente, membros da Xunta Directiva, delegado territorial, secretario, tesoureiro e presidentes dos comités e comisións existentes na federación, será incompatible:
• Co exercicio doutros cargos directivos nunha federación galega ou española distinta á que pertenza aquela onde se desempeñe o cargo.
• Co desempeño de cargos ou empregos públicos directamente relacionados co ámbito deportivo.
• Coa realización de actividades comerciais directamente relacionadas coa Federación.
• Coa realización de actividades comerciais directamente relacionadas coa Federación ou cos deportes aéreos.
TÍTULO IV
Os procesos electorais
Artigo 88. Procesos electorais
Para a realización dos procesos electorais, será de aplicación o contido no Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, modificado polo Decreto 171/2021, do 23 de decembro.
As disposicións contidas nesta orde serán de aplicación no desenvolvemento dos procesos electorais para a elección dos seus órganos de goberno e representación, de acordo cos seus respectivos regulamentos electorais, que deberán axustarse ao disposto nesta normativa.
Como paso previo a calquera proceso electoral, a Federación elaborará o regulamento electoral. Unha vez aprobado por parte da Asemblea Xeral da Federación, presentarase á Secretaría Xeral Para o Deporte para a súa aprobación.
O regulamento electoral regulará todas as cuestións recollidas no Decreto 171/2021, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, referente ao proceso electoral e, entre elas, no seu artigo 5, atópase a designación da Xunta Electoral, que cita:
1. Constituirase, de forma simultánea á convocatoria de eleccións, unha xunta electoral por federación, de acordo cos criterios que estableza o regulamento electoral.
2. A Xunta Electoral estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na Asemblea Xeral, entre as persoas que presenten a súa candidatura a membros da Xunta Electoral. As candidaturas deberanse presentar na mesma asemblea na que se celebre a súa elección, e os candidatos poden estar presentes nela.
Os membros da xunta deberán reunir os requisitos seguintes:
a) Ser maior de dezaoito anos.
b) Ter o título de bacharelato superior ou equivalente.
c) Non presentarse como candidato a membro da Asemblea Xeral.
d) Non ter relación contractual ou profesional coa federación deportiva correspondente.
e) Non estar a cumprir sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que leve sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.
3. No caso de non presentación de candidatos a membros da Xunta Electoral, o presidente da Federación propoñerá á Asemblea os membros necesarios para completala, os cales deberán, así mesmo, reunir os requisitos definidos no punto anterior.
4. Actuarán como presidente e secretario da Xunta Electoral os membros de maior e menor idade, respectivamente. As decisións da Xunta Electoral tomaranse por maioría de votos. A asistencia á Xunta Electoral é obrigatoria salvo causa xustificada.
TÍTULO V
As competicións oficiais
Artigo 89. Competicións oficiais
1. A cualificación da actividade ou competición como oficial corresponde, de oficio ou logo de solicitude, en exclusiva á Federación.
2. Para obter o carácter de oficial, será requisito indispensable o acordo para tal efecto da Asemblea Xeral cada tempada ou período anual.
Artigo 90. Requisitos da solicitude de cualificación
No suposto de solicitude de cualificación dunha competición como oficial, deberán especificarse as razóns polas que se formula e, así mesmo, as condicións en que se desenvolverá tal actividade ou competición. Será requisito mínimo e indispensable que estea aberta a todos sen discriminación ningunha, sen prexuízo das diferenzas derivadas dos méritos deportivos.
Artigo 91. Cualificación de competicións oficiais
Para cualificar unha actividade ou competición deportiva como de carácter oficial, teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios:
a) Existencia dunha modalidade ou especialidade deportiva oficialmente recoñecida.
b) Desenvolvemento de todas as probas e encontros nas instalacións e lugares apropiados conforme a normativa vixente.
c) Capacidade e experiencia organizativa e de xestión dos promotores.
d) Nivel técnico e relevancia da actividade ou competición no ámbito deportivo galego.
e) Garantía de medidas de seguridade contra a violencia.
f) Control e asistencia sanitaria.
g) Seguro de responsabilidade civil, de acordo coa lexislación vixente.
h) Conexión ou vinculación da actividade ou competición deportiva con outras actividades e competicións deportivas de ámbito estatal e internacional.
i) Dispoñibilidade de regulamentación específica para o seu desenvolvemento, incluíndo a disciplinaria.
j) Previsión de fórmulas de control e represión de dopaxe.
TÍTULO VI
Exercicio das funciones públicas delegadas
Artigo 92. Procedemento
1. Os actos que dita a Federación Aeronáutica Galega no exercicio das funcións públicas delegadas axustaranse aos principios inspiradores das normas reguladoras do procedemento administrativo común.
2. Na falta de regulación expresa nestes estatutos ou nos regulamentos federativos sobre os procedementos para o exercicio das funcións públicas delegadas, fíxase un trámite de audiencia aos interesados durante un período mínimo de cinco días hábiles e un prazo de resolución, para os iniciados mediante solicitude dos interesados, que non poderá ser superior a un mes.
Artigo 93. Recurso
Os actos ditados pola Federación Aeronáutica Galega no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso nos termos establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.
TÍTULO VII
Réxime disciplinario
Artigo 94. Ámbito disciplinario
1. A potestade disciplinaria é a facultade de investigar e, se é o caso, sancionar os suxeitos que formen parte da organización deportiva con ocasión de infraccións das regras do xogo ou competición ou das normas xerais de conduta deportiva establecidas nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.
2. Enténdese por infraccións das regras do xogo ou da competición as accións ou omisións que durante o curso do xogo, da competición ou da proba, vulneren, impidan ou perturben o seu normal desenvolvemento.
3. Son infraccións das normas xerais de conduta deportiva as accións ou omisións que supoñan un quebrantamento de calquera norma de aplicación no deporte non incluída no punto anterior ou dos principios xerais da conduta deportiva recollidos nesta lei.
4. A potestade disciplinaria esténdese ás entidades deportivas e aos seus deportistas, técnicos e directivos, aos xuíces e árbitros e, en xeral, a todas aquelas persoas e entidades que, en condición de federados ou inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas, desenvolvan a modalidade deportiva correspondente no ámbito da Comunidade Autónoma.
5. O exercicio da potestade disciplinaria deportiva correspóndelles:
a) Aos xuíces ou árbitros durante o desenvolvemento dos encontros ou probas.
b) Aos clubs e ás seccións deportivas sobre os seus socios ou asociados, deportistas ou técnicos e directivos ou administradores.
c) Ás federacións deportivas de Galicia, a través dos seus órganos disciplinarios, sobre todas as persoas que forman parte da súa estrutura orgánica e, en xeral, sobre todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolven a actividade deportiva correspondente ao ámbito autonómico.
d) Ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, sobre as mesmas persoas e entidades que as federacións deportivas galegas, sobre estas e os seus directivos, e sobre todas aquelas persoas e entidades que estean inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou que desenvolvan ou participen na actividade deportiva nas formas previstas nesta lei.
A competencia do Comité Galego de Xustiza Deportiva articúlase en vía de recurso contra as decisións federativas ou en primeira instancia cando así o determine nesta lei.
Artigo 95. Órganos disciplinarios competentes e normativa aplicable
1. O exercicio da potestade sancionadora en materia administrativo-deportiva correspóndelle á Administración deportiva autonómica a través do Comité Galego de Xustiza Deportiva, sobre calquera persoa física ou xurídica pola comisión das infraccións administrativas tipificadas nesta lei.
2. No exercicio desta potestade son de aplicación os principios xerais da potestade sancionadora establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 96. Procedemento disciplinario
A imposición de sancións pola comisión das infraccións previstas no capítulo III do título VII da Lei 3/2012 do deporte en Galicia, axustarase aos procedementos que se conteñen neste capítulo.
Artigo 97. Clases de procedementos
Os procedementos para a imposición de sancións serán o abreviado e o ordinario.
1. O procedemento abreviado é aplicable para a imposición das sancións por infracción das regras do xogo ou da competición. A súa concreción deberá realizarse atendendo o previsto no artigo 106 da Lei 3/2012 e, na súa regulación, deberá asegurar o normal desenvolvemento da competición. En todo caso, deberá asegurarse o trámite de audiencia ás persoas interesadas e o dereito ao recurso.
2. O procedemento ordinario será de aplicación para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.
Artigo 98. Regras comúns aos procedementos
1. No non previsto nesta lei, serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Os procedementos sancionadores respectarán a presunción de inexistencia de responsabilidade administrativa mentres non se demostre o contrario.
3. As sancións impostas a través do correspondente procedemento disciplinario serán inmediatamente executivas, salvo que o órgano encargado da resolución do recurso acorde a suspensión.
4. As actas subscritas polos xuíces ou árbitros do encontro, proba ou competición constituirán o medio documental necesario en conxunto da proba das infraccións ás regras e normas deportivas. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a aquelas. As manifestacións do árbitro ou xuíz plasmadas nas citadas actas presúmense certas, salvo proba en contrario.
Artigo 99. Procedemento abreviado
As regras ás que debe axustarse o procedemento abreviado son as seguintes:
Iniciación:
a) O procedemento abreviado iníciase coa notificación da acta da proba ou competición, que reflicta os feitos que poden dar lugar á sanción, subscrita polo xuíz ou árbitro, e polos competidores ou polos delegados dos clubs.
No caso de que os feitos que poidan dar lugar á sanción non estean reflectidos na acta, senón mediante anexo, o procedemento iníciase no momento en que teña entrada na correspondente federación o anexo da acta do partido ou documento en que queden reflectidos os feitos obxecto de enxuizamento.
Ademais, designarase unha persoa instrutora, que exercerá as funcións de impulso na ordenación do expediente e de secretaria ou secretario, e serán aplicables as causas de abstención e recusación reguladas na Lei 39/2015, do 1 de outubro.
b) Tamén pode iniciarse, por instancia da parte interesada, sempre que a denuncia se presente nas dependencias da Federación correspondente dentro do segundo día hábil seguinte ao día en que se realice a proba ou competición.
2. Tramitación e resolución:
a) No prazo de dous días, que se contarán desde a notificación prevista no punto anterior, as persoas interesadas poderán formular alegacións en relación cos feitos consignados na acta, no anexo ou na denuncia. Tamén poderán propoñer ou achegar, se é o caso, as probas pertinentes.
A proba deberá practicarse no prazo máximo dos dous días hábiles seguintes ao da súa admisión.
b) O órgano instrutor trasladará, no prazo máximo de dous días, que se contarán a partir da presentación de alegacións ou da práctica da proba ou da súa denegación, ao órgano competente para resolver a proposta de resolución, para que, dentro do día seguinte, se dite unha resolución na cal se deben expresar os feitos imputados, os preceptos infrinxidos e os que habilitan a sanción que se impoña. Así mesmo, deben expresarse na mesma resolución os motivos de denegación das probas non admitidas se non se realizou con anterioridade.
A resolución deberáselles notificar ás persoas interesadas, con expresión dos recursos que se poidan formular contra ela e do prazo para a súa interposición.
Artigo 100. Procedemento ordinario
As regras ás cales debe someterse o procedemento ordinario son as seguintes:
1. Iniciación:
a) O procedemento iníciase por acordo do órgano competente, de oficio ou por instancia de persoa interesada.
b) O acordo que inicie o procedemento conterá a identidade do instrutor, se é o caso, do secretario, da autoridade competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberá serlle notificado á persoa interesada.
Serán de aplicación ao instrutor e ao secretario as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Tramitación:
a) Durante a tramitación do procedemento, o órgano competente para incoalo, de oficio ou por instancia do instrutor, poderá acordar en resolución motivada as medidas que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer.
b) O acordo de iniciación notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para contestar os feitos e propoñer a práctica das probas que conveña á defensa dos seus dereitos e intereses.
c) Practicaranse de oficio ou admitiranse por proposta da persoa interesada cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Soamente poderán declararse improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.
d) Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución, ben apreciando a existencia dalgunha infracción imputable (e neste caso conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer) ou ben propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivamento das actuacións.
A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para formular alegacións e presentar os documentos que consideren pertinentes.
3. Resolución:
a) Recibidas polo instrutor as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, elevará o expediente ao órgano competente para resolver.
b) A resolución do órgano competente pon fin ao procedemento común e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.
4. En función das propias características de cada federación deportiva, os seus estatutos poderán reducir os prazos previstos nos puntos anteriores e a simplificación dos trámites previstos nestes.
Artigo 101. Lexitimación para recorrer as sancións
Están lexitimadas para interpoñer recurso en materia disciplinaria as persoas directamente afectadas pola sanción. Enténdese, en todo caso, por tales os deportistas, as súas entidades deportivas e as entidades deportivas participantes na competición.
Artigo 102. Órganos disciplinarios
Os estatutos das federacións deportivas determinarán a denominación, a composición e o réxime de funcionamento dos seus órganos disciplinarios. Poderán ser unipersoais ou colexiados.
A elección dos membros dos órganos disciplinarios efectuarase conforme o establecido nos estatutos da federación deportiva correspondente.
Artigo 103. Natureza e clasificación das infraccións
1. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves. As sancións correspondentes aplicaranse en función da clasificación das infraccións.
2. Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:
a) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba, encontro ou competición.
b) Os comportamentos e actitudes agresivos e antideportivos ou discriminatorios dos xogadores ou técnicos, cando se dirixan ao árbitro, aos xurados, a outros xogadores, aos técnicos ou ao público.
c) Os quebrantamentos de sancións impostas.
d) A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas de cada deporte cando poidan alterar a seguridade da proba, encontro ou competición, ou poñan en perigo a integridade das persoas.
e) Non executar ou desobedecer as resolucións no ámbito disciplinario do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
f) A inasistencia sen xusta causa dos deportistas ás convocatorias da selección galega ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.
g) A aliñación indebida e non comparecer ou retirarse inxustificadamente das probas, encontros ou competicións.
h) A reincidencia na comisión de faltas graves. Enténdese que hai reincidencia na comisión cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola Comisión de tres ou máis infraccións graves no período dun ano.
Da infracción a que se refire a letra e) poderá ser responsable o presidente da Federación, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.
3. Consideraranse infraccións graves as seguintes:
a) A falta de remisión en prazo ou de forma manifestamente incompleta, sen xusta causa, dos expedientes ou da información requirida polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.
b) O incumprimento de ordes e instrucións dos órganos deportivos competentes.
c) Actuar de forma pública e notoria contra a dignidade e decoro propios da actividade deportiva.
d) A reiteración de faltas leves. Entenderase que hai reiteración cando sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións leves no período dun ano.
Das infraccións a que se refiren as letras a) e b) poderá ser responsable o presidente da Federación, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.
4. Consideraranse infraccións leves as seguintes:
a) As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.
b) A incorrección co público, os compañeiros e os subordinados.
c) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de xuíces, árbitros e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.
Artigo 104. Sancións
1. Pola comisión de faltas moi graves impoñeranse as seguintes sancións:
a) Multa en contía non superior a 1.500 euros.
b) Perda de puntos ou postos de clasificación.
c) Perda de ascenso de categoría ou división.
d) Clausura do recinto deportivo por un período máximo dunha tempada.
e) Suspensión ou privación da licenza federativa ou, se é o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, ou da habilitación para ocupar cargos nunha federación deportiva por un prazo máximo de cinco anos.
f) Privación da licenza federativa, cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou privación da habilitación para ocupar cargos na federación deportiva a perpetuidade. Esta sanción só poderá ser acordada, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.
g) Inhabilitación por un período de dous a catro anos, cando as infraccións sexan cometidas por directivos.
h) Destitución do cargo, cando as infraccións sexan cometidas polos directivos.
2. Pola comisión de faltas graves imporanse as seguintes sancións:
a) Amoestación pública.
b) Multa en contía non superior a 1.000 euros.
c) Clausura do recinto deportivo ata un máximo de catro encontros ou tres meses.
d) Suspensión ou privación da licenza federativa e/ou, se é o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e inhabilitación para ocupar cargos dun mes a dous anos.
3. Pola comisión de faltas leves imporanse as seguintes sancións:
a) Apercibimento.
b) Inhabilitación para ocupar cargos federativos ou suspensión de ata un mes, ou de tres encontros ou probas.
4. As federacións deportivas poderán establecer un sistema de infraccións e sancións que, como mínimo, deberá recoller o disposto nesta lei.
5. As multas soamente poderán imporse ás entidades deportivas e a quen, conforme esta lei, sexan considerados deportistas profesionais ou técnicos profesionais.
Artigo 105. Principio de proporcionalidade
1. No establecemento de sancións pecuniarias deberase prever que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas.
2. Na determinación do réxime sancionador, así como na imposición de sancións polas administracións públicas, deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada.
3. Para graduar as sancións, teranse en conta as circunstancias concorrentes, a natureza dos feitos, as consecuencias e os efectos producidos, a existencia de intencionalidade, a reincidencia e a concorrencia de circunstancias agravantes ou atenuantes.
4. En función das circunstancias previstas nos puntos anteriores, as sancións aplicaranse nos seus graos máximo, mínimo ou medio. Se é o caso, de concorrer circunstancias atenuantes cualificadas, poderase aplicar a sanción inferior nun grao á prevista.
Artigo 106. Circunstancias modificativas da responsabilidade
1. Serán consideradas como circunstancias atenuantes o arrepentimento espontáneo e a existencia de provocación suficiente inmediatamente anterior á comisión da infracción.
2. Serán consideradas como circunstancias agravantes da responsabilidade a reincidencia, o prezo, o prexuízo económico ocasionado e o número de persoas afectadas pola infracción respectiva.
3. Entenderase producida a reincidencia cando a persoa infractora cometa, polo menos, unha infracción da mesma natureza declarada por resolución firme, no termo dun ano.
4. Os órganos disciplinarios sancionadores poderán, no exercicio da súa función, aplicar a sanción no grao que consideren adecuado, ponderando, en todo caso, a natureza dos feitos, a personalidade do responsable, as consecuencias da infracción e a concorrencia de circunstancias atenuantes ou agravantes.
Artigo 107. Causas de extinción da responsabilidade
A responsabilidade disciplinaria extínguese:
a) Polo cumprimento da sanción.
b) Polo falecemento da persoa inculpada.
c) Por disolución da entidade ou da federación deportiva sancionadas.
d) Por prescrición das infraccións ou sancións.
Artigo 108. Prescrición de infraccións e sancións
1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos; as graves, ao ano; e as leves, ao mes.
2. O termo de prescrición comeza a contar o día en que se cometeron os feitos e interrómpese no momento en que se acorda iniciar o procedemento sancionador. O seu cómputo renovarase se o expediente permanecese paralizado durante un mes por causa non imputable ao presunto responsable.
3. As sancións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves, respectivamente. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde o momento en que se quebrantase o seu cumprimento, se este xa comezase.
TÍTULO VIII
Réxime económico-financeiro da federación
Artigo 109. Orzamento e patrimonio
As federacións deportivas galegas teñen o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, séndolles de aplicación, en todo caso, as seguintes regras:
a) Poden promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ao público, debendo aplicar os beneficios económicos, se os houbese, ao desenvolvemento do seu obxecto social.
b) Poden gravar e transferir os seus bens inmobles, tomar diñeiro o préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que estes negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. En todo caso, cando a súa contía exceda o 25 % do orzamento anual da federación, ademais do acordo da Asemblea Xeral será imprescindible o informe favorable da Secretaria Xeral Para o Deporte. Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados en todo ou en parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega, será preceptiva a autorización da Secretaria Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.
c) Poden exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servizos e destinar os seus bens e recursos aos mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.
d) Non poderán comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa da Secretaria Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere o 10 % do seu orzamento ou exceda o período de mandato do presidente.
Artigo 110. Orzamento
O orzamento deberá elaborarse anualmente, correspondendo a súa aprobación á Asemblea Xeral, que deberá realizarse durante o último trimestre do seu exercicio económico, o correspondente ao seguinte exercicio, enviándose á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.
Non se poderán aprobar orzamentos deficitarios. Excepcionalmente, a Secretaria Xeral para o Deporte poderá autorizar o carácter deficitario de tales orzamentos.
Elaborarase unha memoria en que se incluirá a liquidación do orzamento, que analizará fielmente a actividade económica da Federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se vai desenvolver, e informar separadamente, como mínimo, sobre os seguintes aspectos:
1. Diferenciación dos ingresos e achegas segundo:
a) Subvencións públicas.
b) Subvencións, doazóns, herdanzas, legados ou premios que lles sexan outorgados por entidades públicas ou privadas.
c) Venda de activos.
d) Ingresos procedentes de organización de competicións.
e) Ingresos por servizos prestados pola Federación, permisos, licenzas e outros.
f) Ingresos financeiros.
g) Cotas federativas.
h) Calquera outro recurso que lles poida ser atribuído.
2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo, como mínimo, os grupos de custo ou investimentos seguintes:
a) Administración da Federación.
b) Dirección e servizos da directiva, incluíndo viaxes.
c) Competicións.
d) Axudas a clubs e outras entidades.
e) Axudas para actos deportivos.
f) Construcións e outros inmobilizados.
g) Formación de deportistas e técnicos.
h) Deportistas de elite e profesional.
i) Xuíces e árbitros.
j) Órganos xurisdicionais.
3. O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.
4. O importe das garantías e os avais comprometidos.
5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.
Artigo 111. Inspección da Contabilidade
Por requirimento da Secretaria Xeral Para o Deporte, nas condicións en que esta determine, as federacións deportivas galegas deberán someterse á inspección do seu réxime documental establecido no artigo 7.j) desta orde, así como auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos.
Artigo 112. Contas anuais
As contas anuais que se pechasen o 31 de decembro de cada exercicio económico e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da Federación cunha antelación mínima de quince días previos á celebración da Asemblea, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, e entregaráselles copia antes da celebración desta.
TÍTULO IX
Réxime documental da Federación
Artigo 113. Libros
1. A Federación Aeronáutica Galega levará os seguintes libros:
a) Libro de rexistro de clubs, no que se fará constar a súa denominación, domicilio social, nome e apelidos do seu presidente e membros da Xunta Directiva, con indicación das datas de toma de posesión e cesamento. Neste libro inscribiranse tamén as seccións deportivas integradas na Federación.
b) Libro de actas, no que se incluirán as actas das reunións da Asemblea Xeral, da Xunta Directiva e demais órganos colexiados da Federación. As actas especificarán necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e de tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.
c) Libro de entrada e saída de correspondencia, no que se fará o correspondente asento de todo escrito que sexa presentado ou se reciba na Federación, e tamén se anotará a saída de escritos da Federación a outras entidades ou particulares. Os asentos practicaranse respectando a orde temporal de recepción ou saída. O sistema de rexistro garantirá a constancia en cada asento, xa sexa de entrada ou de saída, dun número, epígrafe expresiva da súa natureza, data de entrada ou de saída, identificación do remitente e destinatario, e referencia ao contido do escrito.
d) Libros de contabilidade, de conformidade coa normativa de aplicación.
e) Calquera outros que procedan legalmente.
2. Con independencia dos dereitos de información e acceso dos membros da Federación, e sinaladamente dos asembleístas, que, no que incumbe á súa específica función deberán dispoñer da documentación relativa aos asuntos que se vaian tratar na Asemblea Xeral cunha antelación suficiente á súa celebración, os libros federativos están abertos a información e exame, de acordo coa lexislación vixente, cando así o dispoñan decisións xudiciais dos órganos competentes en materia deportiva e, se é o caso, dos auditores.
TÍTULO X
A disolución da Federación
Artigo 114. Causas de disolución
A Federación disolverase polas seguintes causas:
a) Acordo da Asemblea Xeral, convocada en sesión extraordinaria e con ese único punto da orde do día.
Este acordo, que debe ser adoptado necesariamente por maioría cualificada de dous terzos dos membros da Asemblea, así como a certificación acreditativa do estado da tesouraría, comunicarase ao órgano administrativo deportivo competente da Xunta de Galicia, para os efectos previstos na normativa aplicable.
b) Integración noutra federación deportiva galega.
c) Revogación administrativa do seu recoñecemento.
d) Resolución xudicial.
e) Aqueloutras previstas no ordenamento xurídico.
Artigo 115. Destino do patrimonio neto
No acordo de disolución, a Asemblea Xeral designará unha comisión liquidadora do patrimonio da Federación con capacidade para administrar, conservar e recuperar os bens e dereitos da entidade, efectuar pagamentos e, en xeral, exercer aqueloutras accións imprescindibles para practicar a liquidación final. En todo caso, o patrimonio neto resultante, se o houbese, destinarase ao fomento e á práctica de actividades deportivas, salvo que por resolución xudicial se determine outro destino.
TÍTULO XI
Aprobación e modificación dos estatutos e regulamentos federativos
Artigo 116. Acordo
Os estatutos e os regulamentos federativos serán aprobados pola Asemblea Xeral, do mesmo xeito que as súas modificacións, mediante o acordo da maioría cualificada de dous terzos dos seus membros.
Artigo 117. Procedemento de modificación
1. O procedemento de modificación dos estatutos iniciarase por proposta do presidente, da Xunta Directiva ou dun terzo dos membros da Asemblea Xeral.
Esta proposta, acompañada dun informe detallado que motive as causas que a orixinan, será sometida á Asemblea Xeral, en convocatoria extraordinaria e con expresa inclusión desta orde do día.
2. A modificación dos regulamentos seguirá o procedemento establecido no punto anterior.
Artigo 118. Inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia
1. Os acordos de aprobación ou de modificación adoptados serán remitidos para a súa ratificación ao órgano administrativo competente en materia deportiva da Xunta de Galicia. Así mesmo, solicitarase a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
2. As disposicións aprobadas ou modificadas só producirán efectos fronte a terceiros desde a data de inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Disposición derogatoria
Quedan derrogados os anteriores estatutos da FAG. Igualmente, queda derrogada calquera norma ou regulamento da FAG que no seu contido se opoña ás disposicións contidas nos presentes estatutos.
Disposición adicional
Calquera votación producida en reunións de órganos ou estamentos integrados na FAG, cando non estea expresamente recollido a forma de proceder dalgún dos artigos dos presentes estatutos, efectuarase mediante o sistema de maioría simple dos votos presentes.
Disposición derradeira
Sen prexuízo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, estes estatutos terán efectos fronte a terceiros unha vez ratificados pola Secretaria Xeral para o Deporte.
ANEXO I
Emblema e bandeira da Federación Aeronáutica Galega

