DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 16 de xullo de 2025 Páx. 40042

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e das puntuacións provisionais da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

A base oitava das resolucións deste centro directivo do 19 de decembro de 2023 (DOG núm. 241, do 21 de decembro, e DOG núm. 246, do 29 de decembro) e 19 de abril de 2024 (DOG núm. 85, do 30 de abril) polas que se convocaron concurso-oposicións para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario, establece un prazo de cinco días hábiles seguintes ao da publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, anula algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste caso serán tidas en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Á vista das reclamacións presentadas en prazo, este centro directivo, de conformidade coa antedita base,

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ao modelo definitivo de respostas, aprobado polo órgano de selección, correspondente a cada un dos exercicios que integran a fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso nas seguintes categorías polas diferentes quendas de acceso:

– Persoal sanitario non facultativo:

Técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética, técnico/a superior en documentación sanitaria e técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico.

– Persoal de xestión e servizos:

Grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e grupo auxiliar da función administrativa (en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual).

Segundo. Publicar, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes presentados/as aos exercicios da fase de oposición dos correspondentes procesos selectivos.

Terceiro. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da súa publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para o efecto de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, apreciase algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante, poderá proceder á súa corrección.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos