O 9 de maio de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985H).
O prazo para a presentación de solicitudes era de dous (2) meses. O dito prazo comezou a contar unha vez que transcorreron oito días naturais desde o seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o día 18 de xullo de 2025.
Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, resulta aconsellable, para promover e facilitar a participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 18 de agosto de 2025. Ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, a ampliación do prazo de presentación de solicitudes non causa prexuízo a terceiros.
Con carácter xeral o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Modifícase o artigo 10.2 das bases reguladoras da Resolución do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985H), no referente ao prazo de presentación de solicitudes, de maneira que a data límite de presentación de solicitudes se amplía ata o 18 de agosto de 2025.
Segundo. Publicidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. Recursos
De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Cuarto. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
