DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 17 de xullo de 2025 Páx. 40297

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 8 de xullo de 2025 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), anunciada pola Orde do 9 de maio de 2025.

Mediante a Orde do 9 de maio de 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 97, do 22 de maio, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Consellería de Facenda e Administración Pública que se detalla no anexo desta orde.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 5 a 8 e 25 a 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Resolver a convocatoria pública efectuada por Orde desta consellería do 9 de maio do 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 97, do 22 de maio) e designar a persoa funcionaria, cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, para ocupar o posto que tamén se especifica.

Segundo. O prazo para tomar posesión do novo destino é de tres días se non implica cambio de residencia ou de sete días se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso o servizo activo, o prazo será dun mes.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data na que se comunique a resolución do traslado á comunidade autónoma, para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita data.

O cómputo dos prazos iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se concedesen á persoa; no caso de incapacidade temporal, a partir da data da alta.

Terceiro. A xefatura de persoal do centro onde cause baixa o persoal funcionario, así como a daquel en que acada o destino, efectuarán, dentro dos prazos sinalados no punto anterior, as dilixencias de cesamento e de toma de posesión e, a seguir, realizaranse os trámites para a súa alta na nómina.

As dilixencias de cesamento e toma de posesión efectuadas serán tramitadas a través do sistema electrónico que xestiona o Rexistro Único de Persoal e de Postos de Traballo.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, conforme a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

• Datos do persoal funcionario:

Nome e apelidos: Susana Martínez Iglesias.

Número de rexistro de persoal: 7700075124 A2051.

Corpo ou escala: xeral.

Subgrupo: A2.

• Datos do posto de traballo:

Denominación: Xefatura do Departamento de Sistemas de Nómina e Contratación.

Código do posto: PX.A11.00.009.15770.035.

Nivel: 28.

Centro directivo ou dependencia: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Localidade: Santiago de Compostela.