BDNS (Identif.): 846365.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/846365
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:
a) Os concellos, as mancomunidades de concellos ou as entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2024 superior a 400 persoas no ámbito territorial do proxecto.
Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.
Poderán concorrer agrupacións de concellos nos seguintes casos:
• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.
• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.
As agrupacións de concellos non poderán superar os 10 membros.
b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2025, das subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, para lles facilitar ás persoas traballadoras en situación de desemprego os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, que as activen laboralmente e que lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral. Todas as persoas participantes nestes programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Os programas integrados de emprego están destinados a atender 100 persoas desempregadas. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 % das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.
De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea e acumulen, mediante un ou varios contratos iniciados no dito período, unha duración non inferior a:
• No caso de tratarse de contratos a xornada completa, 100 días de cotización na vida laboral.
• No caso de contratos a tempo parcial, 70 días de cotización en vida laboral.
• No caso de que se combinen contratos a tempo completo e parcial e non se acade a duración dos dous puntos anteriores, 85 días de cotización en vida laboral.
Tamén se considera inserción laboral cando inicien, durante este mesmo prazo de 12 meses ou dentro dos 3 meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, que acade unha duración non inferior a seis meses.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 16 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento TR332A).
Cuarto. Importe
O importe total da convocatoria ascende a 10.268.000 euros e financiarase con cargo ás aplicacións 13.50.322A.460.3 e 13.50.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) polos importes de 1.000.000 e 1.567.000 euros, respectivamente, na anualidade de 2025, e 3.000.000 e 4.701.000 euros, respectivamente, na anualidade de 2026, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
A contía máxima da subvención que se concederá será de 220.000 euros por programa.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
