Os plans de formación do profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia perseguen, como obxectivos xerais, mellorar a competencia profesional do profesorado, fomentar a reflexión crítica sobre a súa actividade cotiá e crear actitudes proclives á investigación e á experimentación educativas.
Coa finalidade de facilitar a participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante, a Consellería) organiza distintas actividades de formación orientadas a conxugar as necesidades derivadas do propio sistema educativo coas demandas xurdidas do mesmo profesorado.
Con independencia da oferta formativa desenvolvida pola Consellería, faise necesario, co fin de favorecer o desenvolvemento profesional do persoal docente, fomentar as iniciativas individuais cara á súa propia formación que redunden na mellora do sistema educativo e permitan aliñalas coas liñas prioritarias da formación en Galicia.
Polo indicado, procede establecer un sistema que permita a compensación, cando menos parcial, dos gastos orixinados pola asistencia a este tipo de actividades de formación do profesorado.
Polo anteriormente exposto, de conformidade coas competencias atribuídas polo Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas para financiar gastos derivados da participación como asistente a actividades de formación, que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro, entre os días 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2025 (código de procedemento ED303A). Así mesmo, ten por obxecto proceder á convocatoria para o ano 2025.
Poderase presentar unha solicitude de axuda para dúas actividades de formación distintas, indicando cal é a preferente. Terase en conta que a actividade non preferente soamente se tramitará se existe remanente orzamentario unha vez resoltas o resto das solicitudes.
2. En ningún caso se concederán as axudas reguladas nesta convocatoria para a asistencia aos seguintes tipos de actividades:
a) Organizadas polas estruturas de formación da Consellería.
b) De carácter regrado.
c) Que non poidan ser recoñecidas a nivel individual de acordo coa Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia (DOG do 22 de maio).
Artigo 2. Principios de xestión
A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería.
c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Artigo 3. Normativa aplicable
No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes disposicións:
– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.
E, suplementariamente:
– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.
– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.
– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
Artigo 4. Financiamento
1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.423A.780.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe máximo de 200.000 €.
Este importe vén determinado polo acordo asinado o día 11 de outubro de 2023 entre a Consellería e as tres organizacións sindicais asinantes, sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na LOE.
2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das axudas, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 5. Persoas beneficiarias
1. Poderá ser persoa beneficiaria das axudas o persoal docente funcionario de carreira que imparta as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con destino en centros docentes públicos e que exerza docencia directa co alumnado, equipos de orientación específicos, postos de asesoría dentro da estrutura administrativa da Consellería e na Inspección educativa.
2. O persoal docente funcionario en prácticas poderá solicitar unha axuda das reguladas nesta convocatoria para a realización de actividades formativas.
3. Así mesmo, poderá cursar solicitude o persoal docente funcionario interino. Estas persoas farán indicación expresa desta circunstancia no anexo I desta convocatoria.
4. O profesorado substituto poderá cursar a solicitude sempre que polo menos o 85 % da actividade subvencionable se desenvolva durante o período do seu nomeamento.
5. As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
6. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei.
7. As axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a persoa beneficiaria.
8. Para acceder ás axudas previstas nesta convocatoria as persoas beneficiarias deberán estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de axudas públicas.
9. Persoas excluídas:
a) Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas persoas que se encontren sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran en algunha prohibición legal que as inhabilite para iso, con inclusión das que se produzan por discriminación de sexo, de conformidade co disposto na disposición derradeira sexta da Lei 4/2005, do 18 de febreiro, para a igualdade de mulleres e homes.
Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán cumprir os restantes requisitos establecidos pola Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 6. Gastos subvencionables
Estas axudas cobren exclusivamente gastos de matrícula e desprazamentos, sen incluíren en ningún caso os gastos de mantenza e aloxamento.
Artigo 7. Actividades subvencionables
a) As axudas concederanse para actividades de formación directamente relacionadas coa igualdade, convivencia e inclusión, saúde e benestar, coas tecnoloxías da comunicación e información, ámbito STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), co plurilingüismo e o ámbito artístico.
b) Ademais, en función da dispoñibilidade orzamentaria, concederanse para aquelas actividades directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta a persoa solicitante e que sexan directamente trasladables á práctica docente ou teñan interese para as necesidades do centro educativo.
c) As actividades formativas subvencionables ao abeiro desta convocatoria son as que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2025. Por outra banda, se unha parte da actividade formativa para a que se solicita a axuda non se desenvolve integramente entre as datas citadas, aboarase exclusivamente a parte proporcional dos gastos debidamente xustificados dese período. Se remata no mes de decembro de 2025, aboaranse os gastos de matrícula ou inscrición, pero non o resto dos gastos que correspondan a ese mes.
Artigo 8. Contía das axudas
As axudas cubrirán ata o 100 % dos gastos de matrícula ou inscrición e desprazamentos, cos seguintes límites:
Tipo I, para actividades realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia, ata un máximo de 200 euros.
Tipo II, para actividades realizadas no resto do territorio español, ata un máximo de 325 euros.
Tipo III, para actividades realizadas no estranxeiro, ata un máximo de 750 euros.
Artigo 9. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. A presentación da solicitude supón a aceptación dos deberes regulados nesta orde para ser persoa beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
4. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2025.
2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.
Artigo 11. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
A. Se a actividade xa se realizou o último día do prazo de presentación de solicitudes:
a) Copia da certificación de asistencia e/ou aproveitamento expedida polo centro ou a institución onde se realizou a actividade de formación. No caso de actividades realizadas no estranxeiro deberá presentarse a tradución desta certificación.
b) Documentación para a comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos na Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia:
– No caso de actividades realizadas no territorio español non organizadas por unha universidade, documentación acreditativa de que a actividade conta co recoñecemento da correspondente Administración educativa.
– No caso de actividades organizadas por unha universidade e realizadas no territorio español, documentación acreditativa de que a actividade conta coa aprobación en Xunta de Goberno.
– No caso de actividades realizadas no estranxeiro, documentación acreditativa de que a actividade foi organizada por un organismo oficial, por unha universidade ou por unha institución de formación do profesorado oficialmente recoñecida e que conta con prestixio acreditado polas autoridades educativas do respectivo país.
c) Memoria da actividade desenvolvida. Esta memoria debe versar integramente sobre a actividade realizada e a repercusión desta actividade no desenvolvemento profesional da persoa solicitante, a relación coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta, a súa aplicación á práctica docente e o seu interese para as necesidades do centro educativo. Como tal, deberá ser unha elaboración persoal e individual sobre a totalidade da actividade formativa realizada en calidade de asistente, cun mínimo de 10 folios, a dobre espazo, tamaño de letra 12.
No caso de que varias persoas soliciten a axuda para a mesma actividade formativa, cada unha delas deberá presentar a súa memoria persoal e individual.
d) Relación numerada da documentación xustificativa dos gastos de matrícula ou inscrición na actividade e dos gastos de desprazamentos onde conste o concepto detallado de cada un dos gastos e o importe en euros correspondente, indicando a cantidade total xustificada.
e) Documentos que xustifiquen o pagamento realizado pola persoa solicitante da matrícula ou inscrición na actividade e que especifique o importe en euros do gasto realizado.
f) Xustificación dos gastos de desprazamentos, segundo corresponda:
– Documentación xustificativa do pagamento do billete de avión e tamén das tarxetas de embarque.
– Billete de tren, metro ou autobús.
– Factura de axencia de viaxes.
– Facturas de taxi.
– Declaración responsable asinada pola persoa solicitante de ter realizado os desprazamentos en vehículo particular, indicando:
• Nome e apelidos.
• DNI.
• Matrícula do vehículo en que se realizaron os desprazamentos.
• Localidade de saída.
• Localidade de destino.
• Quilómetros percorridos.
• Recibos de autoestrada, de ser o caso.
– Outros documentos xustificativos de gastos de desprazamentos.
A contía correspondente aos desprazamentos en vehículo particular será de 0,26 euros por quilómetro percorrido, de acordo co disposto no artigo 2 da Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia (DOG do 1 de decembro).
A documentación xustificativa dos gastos dos desprazamentos ten que estar a nome da persoa que solicita a axuda, de xeito que quede acreditado documentalmente que o pagamento destes gastos foi efectuado pola persoa solicitante.
B. Se a actividade non se realizou o último día do prazo de presentación de solicitudes:
a) Convocatoria da actividade de formación para a que se solicita a axuda, onde conste a denominación, as datas de inicio e finalización, o lugar de realización, a entidade organizadora, o programa e o número total de horas.
b) Orzamento da axuda, referido exclusivamente a gastos de matrícula ou inscrición e desprazamentos.
Neste caso, as persoas solicitantes terán de prazo para presentar a documentación xustificativa e as facturas correspondentes ata o día 5 de decembro de 2025, tendo en conta que a data límite de realización das actividades é o 30 de novembro.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. De non presentar a documentación referida neste artigo no prazo establecido, entenderase como non xustificada a axuda ou a parte dela que corresponda, o que comportará a perda do dereito ao seu cobramento, polo que a persoa titular da dirección xeral ditará resolución para o efecto que será notificada á persoa interesada.
7. No caso de que a documentación achegada relativa aos gastos de matrícula ou inscrición e desprazamentos non xustifique o total do importe concedido, o pagamento farase efectivo unicamente pola cantidade xustificada.
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 13. Emenda das solicitudes
De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o Servizo de Programas de Formación requirirá aquelas persoas cuxas solicitudes non sexan correctas para que, nun prazo de 10 días hábiles, emenden as faltas ou xunten os documentos preceptivos; de non o faceren, considerarase que desistiron da súa petición e arquivarase o expediente logo da resolución que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Publicidade das subvencións concedidas
As persoas interesadas poderán facer constar que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Instrución do procedemento
1. O procedemento para a concesión das axudas recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
2. Correspóndelle ao Servizo de Programas de Formación a instrución do procedemento de concesión destas axudas e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.
3. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles a cantidade resultante para o cumprimento da finalidade desta orde.
4. A adxudicación das axudas realizarase nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que, unha vez revisados os expedientes, o órgano instrutor daralle traslado daqueles que reúnan todos os requisitos á Comisión de Valoración.
5. A Comisión de Valoración das axudas estará formada polas seguintes persoas:
Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Centros, ou persoa en quen delegue.
Vogais:
– A persoa titular da Xefatura do Servizo de Programas de Formación.
– Unha persoa adscrita ao Servizo de Programas de Formación.
– Unha persoa adscrita á Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo.
– Unha persoa adscrita ao Servizo de Programas de Formación, que realizará as funcións de secretaría.
Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.
6. A Comisión de Valoración levantará unha acta en que conste a valoración efectuada e trasladaralla ao órgano instrutor.
Artigo 17. Criterios de valoración
1. A axuda concederase de forma individual de acordo coa adecuación das características das actividades ao previsto no artigo 7 desta convocatoria.
2. A súa contía fixarase tendo en conta os seguintes criterios: o lugar de realización, os gastos de matrícula ou inscrición e os gastos dos desprazamentos orixinados pola distancia ao centro de destino.
3. Terase en conta a seguinte prelación en canto ás persoas beneficiarias:
a) Resolverase de acordo cos criterios establecidos no punto 1:
• En primeiro lugar, as solicitudes do persoal funcionario de carreira e do persoal funcionario en prácticas que nunca gozasen desta axuda,
• E en segundo lugar, as solicitudes do persoal docente funcionario de carreira e do persoal docente funcionario en prácticas que obtivesen a axuda para esta finalidade en convocatorias anteriores a 2019.
b) Unha vez consideradas todas as solicitudes correspondentes á alínea a), sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria dentro do previsto nesta orde, resolveranse as solicitudes do persoal docente de carreira e do persoal funcionario en prácticas que gozasen destas axudas nas convocatorias de 2020 e 2024, por esa orde.
c) De existir remanente orzamentario, poderán considerarse as solicitudes do persoal docente interino que tivese esta condición no momento da solicitude e a manteña no momento da resolución de concesión prevista no artigo 18, de acordo cos seguintes criterios: terán preferencia as solicitudes do persoal interino que nunca gozase de desta axuda e, en segundo lugar, o persoal interino que gozase desta axuda nas convocatorias anteriores a 2018, e por último, o persoal interino que gozase desta axuda nas convocatorias de 2023 e 2024, por esa orde.
d) Poderán considerarse, por último, as solicitudes do profesorado substituto, sempre que polo menos o 85 % da actividade subvencionable se desenvolva durante o período do seu nomeamento.
4. En caso de que non exista crédito suficiente para atender a totalidade das solicitudes nalgún dos grupos de prelación establecidos nos apartados anteriores, as subvencións, para ese grupo de prelación, concederanse segundo a orde e presentación das solicitudes polas persoas interesadas, ata esgotar o crédito orzamentario.
Artigo 18. Resolución de concesión
1. A Comisión de Valoración elaborará un informe coas solicitudes que cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas, e os importes que lles corresponden, que deberán estar debidamente xustificados no caso de accións formativas xa rematadas, e xustificados a posteriori se as accións formativas aínda non están rematadas, de acordo cos criterios previstos na convocatoria.
2. En base ao dito informe, o órgano instrutor elevará a proposta de adxudicación das subvencións á persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a resolución de concesión das axudas.
3. A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, www.edu.xunta.gal, e por ela entenderanse notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As persoas beneficiarias terán que aterse ás obrigas de publicidade que impón a Lei 2/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
6. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses.
7. As solicitudes entenderanse desestimadas de non existir resolución expresa no prazo de catro meses, contados a partir da data de entrada na sede electrónica da solicitude da axuda.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de axudas están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 21. Publicación dos actos
A resolución da concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias
A condición de persoa beneficiaria obriga a esta nos seguintes termos:
a) Con carácter previo á concesión e ao pagamento da axuda, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Reintegrar, total o ou parcialmente, o importe da axuda no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería, ás de control financeiro que correspondan, de ser o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle ao Servizo de Programas de Formación as modificacións que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.
e) Comunicarlle ao Servizo de Programas de Formación a solicitude e, de ser o caso, a obtención doutras axudas para este mesmo concepto.
Para estes efectos, a persoa solicitante debe incluír no anexo I a declaración relativa a outras axudas e, con posterioridade á presentación da solicitude, comunicar a súa obtención, de ser o caso, no anexo II.
f) Subministrar á Administración concedente a información necesaria ao abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
g) Cumprir cos requisitos e obrigas recollidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, e coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.
Artigo 23 Xustificación e pagamento
1. No caso de que a acción formativa estea rematada, a documentación xustificativa deberá presentarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. Se non está rematada, a data tope de presentación será o día 5 de decembro de 2025.
2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en dúas fases:
1ª fase. As actividades formativas que estean rematadas e debidamente xustificados os seus gastos o último día do prazo de presentación das solicitudes, coa presentación da documentación recollida no artigo 11.1.a) desta orde.
2ª fase. As actividades formativas rematadas e xustificados os seus gastos despois do prazo de presentación das solicitudes, coa presentación da documentación recollida no artigo 11.1.b) desta orde.
3. Para a tramitación do pagamento, os solicitantes deberán achegar:
• A documentación recollida no artigo 11 desta orde.
• O anexo II debidamente cuberto.
Artigo 24. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20 será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións e axudas públicas.
Artigo 25. Controis
A consellería competente realizará actuacións de seguimento e control das axudas concedidas que considere oportunas, ben con medios propios ou externos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda e o destino definitivo. A persoa beneficiaria estará obrigada a colaborar no labor de control, para o que proporcionará os datos requiridos.
Artigo 26. Control e comprobación das axudas
1. O Servizo de Programas de Formación comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da axuda.
2. Será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 27. Perda total ou parcial do dereito ao cobramento da axuda
1. A persoa beneficiaria perderá de forma total ou parcial o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:
a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.
b) Incumprir os fins ou obxectivos para os cales se concedeu.
c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser persoa beneficiaria de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. De serlle concedida outra axuda para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a persoa beneficiaria terá que comunicarllo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da axuda se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % da actividade realizada.
3. No caso de que se revogue a axuda, a persoa beneficiaria terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 28. Réxime sancionador
Será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 29. Criterios de graduación das sancións
Segundo o artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase infracción moi grave a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para a súa concesión ou ocultando as que a impedirían ou limitarían. Esta infracción será sancionada con multa pecuniaria proporcional do dobre da cantidade da subvención indebidamente obtida.
Artigo 30. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código ED303A, poderase obter información a través dos seguintes medios:
a) A seguinte páxina web:
– www.edu.xunta.gal
b) O seguinte enderezo electrónico:
reintegros.fprofe@edu.xunta.gal
De acordo co establecido no artigo 14, apartado ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude.
Non obstante, os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do apartado 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición adicional segunda. Accións de colaboración, promoción e cooperación entre a Consellería e outras institucións
Cando do marco das accións de colaboración, promoción e cooperación establecidas entre a Consellería e outras institucións derive unha oferta de accións formativas para o profesorado, este poderá beneficiarse destas axudas nas condicións que se fixen nas correspondentes convocatorias.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional
