DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 18 de xullo de 2025 Páx. 40521

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para financiar os gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento ED303A).

BDNS (Identif.): 846407.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/846407

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá ser persoa beneficiaria das axudas o persoal docente funcionario de carreira que imparta as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con destino en centros docentes públicos e que exerza docencia directa co alumnado, equipos de orientación específicos, postos de asesoría dentro da estrutura administrativa da Consellería e na Inspección educativa.

O persoal docente funcionario en prácticas poderá solicitar unha axuda das reguladas nesta convocatoria para a realización de actividades formativas.

Así mesmo, poderá cursar solicitude o persoal docente funcionario interino. Estas persoas farán indicación expresa desta circunstancia no anexo I desta convocatoria.

O profesorado substituto poderá cursar a solicitude sempre que polo menos o 85 % da actividade subvencionable se desenvolva durante o período do seu nomeamento.

Segundo. Obxecto

Convocar en réxime de competencia competitiva axudas para financiar gastos derivados da participación como asistente a actividades de formación non organizadas polas estruturas de formación da consellería que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro, entre os días 1 de xaneiro e 30 de novembro de 2025.

Estas axudas cobren exclusivamente os gastos de matrícula e desprazamento, sen incluíren os gastos de manutención e aloxamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das axudas

O importe global previsto na orde é de 200.000 euros.

As axudas concederanse segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Tipo I, para actividades realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia, ata un máximo de 200 euros.

Tipo II, para actividades realizadas no resto do territorio español, ata un máximo de 325 euros.

Tipo III, para actividades realizadas no estranxeiro, ata un máximo de 750 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional