DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 22 de xullo de 2025 Páx. 41144

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de xullo de 2025, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e, definitivamente, o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable Vigo-Nigrán na PO-325, de clave PO/22/211.06.

Antecedentes:

Con data do 18 de outubro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 202 o Anuncio do 26 de setembro de 2024 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable Vigo-Nigrán na PO-325, de clave PO/22/211.06, así como a relación individual de bens, dereitos e as persoas propietarias afectadas polo proxecto referido.

Actuación susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de xullo de 2025, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e, definitivamente, o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable Vigo-Nigrán na PO-325, de clave PO/22/211.06, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, se poida formular recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de xullo de 2025, polo que se
aproba o trámite de información pública e o informe das administracións
afectadas e, definitivamente, o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable Vigo-Nigrán na PO-325, de clave PO/22/211.06

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable Vigo-Nigrán na PO-325, de clave PO/22/211.06, coa seguinte modificación respecto do trazado sometido a información pública:

• Dotar dunha encrucillada peonil regulado por semáforos a encrucillada da avenida Ricardo Mella cara á escola infantil Lúa, no punto quilométrico 1+020.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable Vigo-Nigrán na PO-325, de clave PO/22/211.06, cun orzamento base de licitación de catro millóns oitocentos noventa e un mil oitocentos sesenta e dous euros con sesenta e sete céntimos (4.891.862,67 €), IVE incluído.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Nigrán e Vigo, nos cales se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se poidan aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.