O Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro de 2009, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común, se modifican os regulamentos (CE) nº 847/96, (CE) nº 2371/2002, (CE) nº 811/2004, (CE) nº 768/2005, (CE) nº 2115/2005, (CE) nº 2166/2005, (CE) nº 388/2006, (CE) nº 509/2007, (CE) nº 676/2007, (CE) nº 1098/2007, (CE) nº 1300/2008 e (CE) nº 342/2008, e se derrogan os regulamentos (CEE) nº 2847/93, (CE) nº 1627/94 e (CE) nº 1966/2006, define a «actividade pesqueira», no punto 1 do artigo 4, como o feito de «buscar peixe, largar, calar, remolcar ou halar unha arte de pesca, subir capturas a bordo, transbordar, levar a bordo, transformar a bordo, trasladar, engaiolar, engordar e desembarcar peixe e produtos da pesca», e o «traslado», no número 29 do mesmo artigo, como «as operacións de pesca en que as capturas, ou unha parte, son transferidas ou trasladadas de artes de pesca compartidas a un buque, ou da bodega dun buque ou as súas artes de pesca a unha rede de contención, un contedor ou unha gaiola fóra do buque onde as capturas se manteñan vivas ata o seu desembarque».
Ademais, o Regulamento (UE) nº 2023/2842 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de novembro de 2023, polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, e se modifican os regulamentos (CE) nº 1967/2006 e (CE) nº 1005/2008 do Consello e os regulamentos (UE) nº 2016/1139, (UE) nº 2017/2403 e (UE) nº 2019/473 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao control da pesca, no número 1 do seu artigo 58, sobre a rastrexabilidade, establece que «sen prexuízo dos requisitos en materia de rastrexabilidade establecidos no Regulamento (CE) nº 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, os operadores deberán dispor en lotes os produtos da pesca e a acuicultura, os cales deberán ser rastrexables en todas as fases das cadeas de produción, transformación e distribución, desde a captura ou a recolección ata a fase da venda ao retallo».
De igual modo, o número 4 do artigo 33 do Regulamento (CE) nº 404/2011, da Comisión, polo que se establecen as normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1224/2009, estipula que: «ao saír do porto, ou tras a finalización dunha operación de transbordo, e cando as capturas permanezan a bordo, indicaranse as cantidades de cada especie nunha nova páxina do caderno diario de pesca». Trasladando isto ao obxecto que regula esta orde, trátase de capturas mantidas en vivo no mar, fóra do barco e durante varios días de pesca, debido a que este non pode levar consigo as ditas capturas cada vez que sae faenar. Polo tanto, antes do seu desembarque, necesita xustificar e rexistrar debidamente o feito de deixar as capturas que se van almacenando en vivo no mar durante varios días.
Por outra parte, o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, ten como unha das súas finalidades regular o exercicio da actividade pesqueira de conformidade co establecido no artigo 3 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia. Neste sentido, a regulación da actividade pesqueira recollida neste decreto encádrase dentro da definición sinalada no número 1 do artigo 4 do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro de 2009. Igualmente, dentro do ámbito espacial da actividade pesqueira circunscríbense as operacións de «traslado» tamén definida no número 29 do artigo 4 da dita norma comunitaria. En conclusión, tanto a actividade pesqueira como o traslado constitúen operacións pesqueiras recoñecidas dento do conxunto das actividades reguladas na normativa anteriormente citada.
Á vista do anterior, na Comunidade Autónoma de Galicia estase a producir unha práctica reiterada no tempo, coñecida popularmente como «aviveiramento», entendida como o feito de manter almacenadas no mar e con vida as capturas de determinadas especies durante un período determinado, previo ao seu desembarque. Trátase dun caso particular realizado en diversos puntos da costa galega, consistente en que determinadas especies, cuxo valor á hora da súa comercialización depende de que se manteñan vivas, non son desembarcadas e permanecen almacenadas no mar ata que son levadas á lonxa no momento da poxa, permitindo deste modo que cheguen ao momento da venda vivas e en óptimas condicións.
As especies afectadas por estas prácticas son fundamentalmente: camarón, nécora, centola, boi, lumbrigante, lagosta, santiaguiño e anguía. Para o desenvolvemento desta actividade, o lugar en que se manteñen estas especies pode ser a propia borda da embarcación, unha boia de fondeo, ou naqueles lugares onde se efectúa a atracada permanente das embarcacións de pesca. Polo tanto, estes lugares onde se realizan as operacións de mantemento en vivo destas especies necesitan estar debidamente identificados de forma que as características básicas da embarcación que realiza o traslado sexan perfectamente visibles. Así mesmo, o período en que se manteñen vivas no mar as especies sinaladas varía segundo as localidades, poden estar desde unhas horas, en espera do momento da poxa, a varios días, en función da previsión dos prezos ou tamén, co fin de xuntar unha cantidade suficiente de especies que compense ao produtor o seu traslado á lonxa.
En consecuencia, cómpre regular e ordenar esta actividade de traslado na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de atender unha vella reclamación do sector e dar resposta ao baleiro existente neste caso particular, outorgando aos pescadores afectados e ao resto dos operadores que interveñen nas operacións de traslado das capturas no mar as pautas reguladoras mínimas que transcorren entre o momento do dito traslado e o desembarque destas para a súa venda. Dentro deste contexto, esta orde regula a actividade de traslado das especies sinaladas anteriormente e establece as operacións de traslado destas especies, constituídas basicamente pola declaración de traslado, polo rexistro de finalización da declaración de traslado e pola anulación da declaración de traslado. Neste sentido, e coa finalidade de rexistrar e controlar todas as operacións de traslado indicadas, resulta necesario crear dous documentos de rastrexabilidade denominados «declaración de traslado» e «rexistro da finalización da declaración de traslado». Así mesmo, a regulación da actividade de traslado aborda outros aspectos relevantes que se suceden durante as operacións de traslado: os lugares autorizados para almacenar as capturas obxecto de traslado, a duración máxima do almacenamento permitido para as especies sinaladas nesta orde, o número máximo de declaracións permitidas, o conxunto de condicións necesarias para o cumprimento das operacións de traslado e a rastrexabilidade das operación de traslado na cadea de comercialización.
Finalmente, esta orde respecta os principios de boa regulación establecidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, de acordo cos principios de necesidade, proporcionalidade, eficacia e eficiencia, esta norma explica os fins perseguidos coa súa aprobación, contén a regulación imprescindible para atender a súa finalidade, é o instrumento máis axeitado para garantir a súa consecución e non impón cargas administrativas á cidadanía. Igualmente, en virtude do principio de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico e, en cumprimento do principio de transparencia, identifícanse con claridade nela os obxectivos que se pretenden acadar e se deu participación á cidadanía e ás entidades representativas do sector no seu proceso de elaboración.
En consecuencia, en virtude das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da consulta ao sector afectado,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular a actividade de traslado no mar de determinadas especies na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. As disposicións contidas nesta orde serán de aplicación ás actividades de traslado desenvoltas desde que as especies son capturadas pola embarcación ata o momento previo ao seu desembarque.
2. As actividades de traslado serán de aplicación ás seguintes especies: centola, nécora, boi, camarón, lumbrigante, lagosta, santiaguiño e anguía.
Artigo 3. Definición
Para os efectos desta orde, enténdese por traslado das especies enumeradas no artigo 2 as operacións de pesca realizadas polo/a armador/a ou patrón/patroa, en que as capturas, ou unha parte delas, son transferidas ou trasladadas a unha rede de contención ou almacenamento, un contedor ou unha gaiola fóra da embarcación onde as capturas se manteñan vivas ata o momento do seu desembarque.
Artigo 4. Lugares de traslado
As capturas obxecto de traslado estarán debidamente amarradas ao buque, ou nunha boia de fondeo, ou naqueles lugares onde se efectúen atracadas permanentes. As boias ou lugares de atracada permanente deberán estar identificados de forma que sexan perfectamente visibles o nome, o folio e a matrícula da embarcación que realiza o traslado.
Artigo 5. Duración do período de mantemento en vivo no mar
A duración máxima permitida para o mantemento en vivo no mar das especies enumeradas no artigo 2 será de sete días consecutivos, que se computarán desde a data de expedición do documento de traslado ata a data de finalización do traslado recollida no artigo 7. Non obstante, durante as épocas de maior valor comercial das especies mantidas en vivo no mar, mediante resolución da dirección xeral con competencias en materia de pesca marítima poderase acordar un período de duración superior aos sete días consecutivos.
Artigo 6. Declaración de traslado
1. O rexistro e control das capturas trasladadas levarase a cabo a través dun documento de rastrexabilidade denominado declaración de traslado. O rexistro do inicio e da finalización das operacións de traslado realizaranse en tempo real, inmediatamente despois de seren realizadas.
2. As declaracións de traslado serán cubertas polo/a armador/a ou patrón/patroa, seguindo os campos recollidos no anexo. Non obstante, por resolución da dirección xeral con competencias en materia de pesca marítima poderán incorporarse novos campos á declaración de traslado.
3. A declaración de traslado será cuberta de xeito telemático, empregando a aplicación informática xestionada pola consellería con competencias en materia de pesca marítima. A dita declaración será válida en formato electrónico desde o mesmo momento en que a aplicación asigne automaticamente un código de identificación único e non será necesaria a súa impresión a papel.
4. Só se poderá expedir unha declaración de traslado por día e embarcación. O número máximo de declaracións permitidas será de cinco. Unha vez expedidas este número máximo de declaracións permitidas, o/a armador/a ou patrón/patroa que necesite expedir unha nova declaración de traslado deberá rexistrar a finalización dalgunha das declaracións que previamente estea en vigor.
5. Mediante resolución da dirección xeral con competencias en materia de pesca marítima, durante as épocas de maior valor comercial das especies almacenadas poderase acordar un número de declaracións de traslado superior a cinco.
6. Unha vez expedida a declaración de traslado non se poderá modificar o lugar de mantemento en vivo no mar.
7. Mediante resolución da dirección xeral con competencias en materia de pesca marítima, poderanse establecer con carácter xeral as condicións que permitan a modificación do lugar de mantemento en vivo das especies no mar.
Artigo 7. Rexistro da finalización da declaración de traslado
1. No momento en que o/a armador/a ou o/a patrón/patroa decida retirar as especies mantidas en vivo no mar para a súa venda, deberá rexistrar a finalización da declaración de traslado.
2. O rexistro de finalización do traslado será documentado no momento do desembarque das especies trasladas, cubrindo os campos indicados no anexo para o dito rexistro de finalización. O rexistro de finalización do traslado dará por finalizado o proceso de traslado. Non obstante, por resolución da dirección xeral con competencias en materia de pesca marítima poderán incorporarse novos campos ao rexistro da finalización da declaración de traslado.
3. A marxe de tolerancia autorizada das cantidades anotadas na declaración de traslado será do 10 % para todas as especies enumeradas no artigo 2, ou do 20 % cando a cantidade, para cada unha das especies, non supere os 100 quilos en equivalente de peso vivo.
A marxe de tolerancia establecida no parágrafo anterior será de aplicación para cada declaración de traslado.
Artigo 8. Anulación da declaración de traslado
A anulación da declaración de traslado realizarase sempre que se identifiquen erros no proceso de expedición durante as dúas primeiras horas, contadas a partir da data de expedición da declaración de traslado.
Artigo 9. Condicións para o cumprimento das operacións de traslado
1. A persoa responsable das operacións de traslado e do correcto uso dos artefactos empregados durante estas será o/a armador/a ou o/a patrón/patroa da embarcación.
2. Durante as operacións de traslado respectarase o límite diario de capturas permitidas para cada unha das especies enumeradas no artigo 2.
3. As operacións de traslado das especies enumeradas no artigo 2 só estarán permitidas durante o período de extracción autorizado para cada especie. As especies obxecto de traslado deberán ser retiradas, como máximo, o día seguinte ao do establecemento da veda correspondente.
4. Con carácter xeral, prohíbense as operacións de mantemento en vivo no mar nas canles de navegación, enfilacións, accesos aos portos e en zonas habituais de fondeamento establecidas nas cartas náuticas.
Artigo 10. Rastrexabilidade das operacións de traslado na cadea de comercialización
Para facilitar a rastrexabilidade dos lotes trasladados na cadea de comercialización, deberase reflectir o número de identificación da operación de traslado na información rexistrada nos documentos de control posteriores e asociados aos ditos lotes, como son os documentos de transporte, declaracións de recollida ou as notas de primeira venda.
Disposición adicional única. Incidentes e impedimentos técnicos
Cando se produzan incidentes ou impedimentos técnicos durante o uso da aplicación informática, a consellería con competencias en materia de pesca marítima habilitará unha canle de soporte a usuarios que permita recoller os principais datos da declaración e proceder á asignación do código de declaración, que se indicará ao usuario e valerá como referencia futura.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos
A Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o anexo I, para o caso dos buques pesqueiros, que queda redactado como segue:
«No caso de buques pesqueiros:
– Identificación do lugar e data da descarga:
Data da descarga.
Porto e lonxa ou centro de descarga.
Entidade concesionaria: CIF, enderezo e teléfono.
– Identificación do buque:
Nome, marcas de identificación externa e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques comunitarios e número interno do buque que figura no Rexistro Comunitario de Buques de Pesca, de ser o caso.
Nome, marcas de identificación externa, indicativo internacional de radio e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques de terceiros países.
Armador ou capitán do buque.
– Identificación do transportista:
Nome ou razón social, NIF e matrícula do vehículo.
– Identificación da lonxa ou centro de venda destino da mercadoría.
– Identificación das especies transportadas:
Zona xeográfica de captura.
Denominación científica e comercial de cada especie.
Cantidade de cada especie expresada en quilos.
– De ser o caso, identificación da declaración de traslado ou declaración de recollida».
Dous. Modifícase o anexo II, que queda redactado como segue:
«– Identificación do lugar e data da descarga:
Data da descarga.
Porto e lonxa ou centro de descarga.
Entidade concesionaria: CIF, enderezo e teléfono.
– Identificación do buque:
Nome, marcas de identificación externa e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques comunitarios e número interno do buque que figura no Rexistro Comunitario de Buques de Pesca, de ser o caso.
Nome, marcas de identificación externa, indicativo internacional de radio e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques de terceiros países.
Armador ou capitán do buque.
– Identificación do mariscador:
Nome, NIF e número de permiso de explotación.
– Identificación das especies:
Zona xeográfica de captura.
Denominación científica e comercial de cada especie.
Cantidade de cada especie expresada en quilos.
– Identificación do lugar ou lugares onde a mercadoría está almacenada, de ser o caso, referencia ao documento de transporte ou ao documento T2M correspondente.
– De ser o caso, identificación da declaración de traslado ou documento de transporte».
Disposición derradeira segunda. Competencias de desenvolvemento
Facúltase a dirección xeral con competencias en materia de pesca marítima para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
