A Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2025 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B), publicada no Diario Oficial de Galicia número 19, do 29 de xaneiro de 2025, establece no seu artigo 2 que ás axudas obxecto desta convocatoria se destina un orzamento total de 31.993.512 € que se imputará á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.13 distribuído nas seguintes cinco anualidades:
|
Ano 2025 |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
Ano 2028 |
Ano 2029 |
|
5.450.912 € |
13.368.700 € |
8.742.600 € |
4.371.300 € |
60.000 € |
A devandita orde establece ademais que o crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.
Dada a insuficiencia de crédito da Orde do 30 de decembro de 2024 para facer fronte ao importe que supón atender todas as solicitudes presentadas e vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa, parece oportuno incrementala para atender todas as solicitudes presentadas ao existir crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.13 que cumpre os requisitos establecidos no referido artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Con este incremento preténdese dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de Apoio á Natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia que é facilitar á cidadanía o acceso a axudas económicas que contribúan a paliar o custo que leva aparellado a crianza e coidado dos fillos e fillas.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,
RESOLVO:
Artigo único. Incremento dos créditos
Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2025 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).
O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.13 e na anualidade 2025 é de 2.500.538 euros ascendendo así a contía total do orzamento para a dita anualidade a 7.951.450 euros e o crédito total da convocatoria a 34.494.050 euros.
A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
