DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 28 de xullo de 2025 Páx. 41636

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de xullo de 2025 pola que se suprime a Oficina do Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 33.3 que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro crearanse, modificaranse e suprimiranse mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas. De conformidade co artigo 8.2 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, tramitaranse previa proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, dependente da Secretaría Xeral Técnica, entre as cales consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, figura, entre outras, a oficina de Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, sita na actualidade no lugar da Barcia, Laraño, de Santiago de Compostela.

O día 13.6.2025 o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural solicitou a supresión da dita oficina de rexistro. A supresión foi informada positivamente pola Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía.

Tendo en conta a necesidade de optimización dos recursos públicos e o principio de eficacia que rexen a actuación da Xunta de Galicia, estímase conveniente a supresión da oficina de Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), sita no lugar da Barcia, Laraño, de Santiago de Compostela.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Suprímese a oficina de rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), sita no lugar da Barcia, Laraño, en Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes