Antecedentes:
Primeiro. O 12 de xuño de 2025 a Federación Galega de Atletismo solicitou a ratificación da modificación dos seus estatutos, así como a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Segundo. A Asemblea Xeral da Federación aprobou a modificación do artigo 22.6 dos estatutos, en sesión extraordinaria con data do 10 de maio de 2025.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Corresponde á Administración deportiva autonómica, segundo o artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno.
Segunda. O artigo 54.7 da dita lei establece que os estatutos das federacións deportivas galegas, así como as súas modificacións, se publicarán no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no rexistro.
Terceira. A solicitude presentouse no rexistro dentro do prazo de dous meses desde a aprobación da modificación estatutaria, tal e como exixe o artigo 20.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Cuarta. Vista a proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte, do 8 de xullo de 2025, que aproba modificación dos estatutos da Federación Galega de Atletismo e propón a publicación no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Primeiro. Aprobar a modificación dos estatutos da Federación Galega de Atletismo.
Segundo. Ordenar a publicación dos estatutos, que se anexan a esta orde, no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
Estatutos da Federación Galega de Atletismo
TÍTULO I
CAPÍTULO I
Denominación, domicilio, obxecto, natureza
Artigo 1
A Federación Galega de Atletismo, de agora en diante, FGA, constituída o día 27 de marzo de 1921, é unha entidade asociativa privada que carece de ánimo de lucro, e que ten por obxecto, mediante a integración de atletas, adestradores/as, técnicos/as, xuíces/xuízas, clubs, organizadores e outros colectivos interesados estatutariamente establecidos que se dediquen á práctica do atletismo, o fomento, o desenvolvemento, a xestión e a organización do atletismo con carácter exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia, onde ten, tamén con carácter exclusivo, a representación da Real Federación Española de Atletismo, de agora en diante, RFEA, e que ademais das atribucións de seu exerce, por delegación, funcións públicas de carácter administrativo.
As especialidades de atletismo desenvoltas pola FGA son as seguintes:
a) Probas de pista.
b) Carreiras en estrada ou ruta.
c) Marcha atlética.
d) Carreiras de campo a través.
e) Carreiras de trail-running: carreiras a pé en calquera contorno ou superficie, carreiras de montaña, camiños, bosques, deserto, praias, asfalto, se non supera o 20 % do percorrido, e outras superficies.
f) Atletismo en praia.
Así como todas aquelas que sexan recoñecidas pola Asociación Internacional de Federacións de Atletismo no Regulamento de competición IAAF.
Artigo 2
A FGA é unha entidade de utilidade pública. Esta declaración comportará os efectos establecidos na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. Asemade, posúe personalidade xurídica e capacidade de obrar de seu para o cumprimento dos seus fins, que se rexe pola Lei 10/1990, do 15 de outubro, e as disposicións ditadas no seu desenvolvemento. Tamén pola Lei 3/2012, do deporte de Galicia e polos presentes estatutos e acordos adoptados validamente polos seus órganos, sendo de aplicación en todo aquilo que non teñan regulado as disposicións legais que correspondan con total garantía dos principios democráticos e representativos.
Artigo 3
A FGA acata as regras do Comité Olímpico Español. Así mesmo, a FGA acata as normas xerais da RFEA relativas a fichaxes, participación, inscricións, reclamacións de carácter técnico de competición, e calquera outra de ámbito nacional, no que non se opoña ao disposto nos estatutos.
Artigo 4
O domicilio da FGA establécese na Coruña, praza Agustín Díaz s/n, Complexo Deportivo de Elviña, 15008, e pode ser trasladado a outro lugar, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, por acordo dos dous terzos da Asemblea Xeral.
Artigo 5
A FGA non establecerá nin promoverá ningún tipo de discriminación entre os seus membros por razón de nacemento, raza, sexo, opinión ou calquera outras circunstancias de natureza individual ou colectiva.
CAPÍTULO II
Funcións
Artigo 6. Funcións propias
1. A FGA ten como función propia fundamental a de promover, facilitar, planificar, administrar e dirixir, con carácter exclusivo, a práctica do atletismo na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A FGA desempeña, respecto dos/das seus/súas asociados/as, as funcións de tutela, control, coordinación e supervisión que lle recoñecen estes estatutos, as disposicións da RFEA, da IAAF e as normas legais de carácter deportivo.
3. A FGA é a única competente, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, para regulamentar, organizar, xestionar e controlar as competicións oficiais de atletismo. Son competicións oficiais federadas de ámbito autonómico aquelas que, realizándose en Galicia, sexan incluídas no calendario oficial.
4. A convocatoria das seleccións galegas de atletismo e a designación dos/das deportistas que as integren.
5. Colaborar coas administracións públicas e coa RFEA, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción das súas respectivas modalidades.
6. Colaborar coa administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos/das deportistas galegos/as de alto nivel.
7. De ser o caso, e conforme a normativa que sexa aplicable, colaborar e/ou organizar as competicións oficiais e actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
8. Elaborar os seus propios regulamentos deportivos.
9. Colaborar coa administración deportiva autonómica na formación de adestradores/as e xuíces/xuízas segundo a normativa que sexa aplicable.
Artigo 7. Funcións públicas delegadas
1. A FGA, ademais das súas competencias propias de goberno, administración, xestión, organización e regulamentación do atletismo, exerce en réxime de exclusividade as seguintes funcións públicas delegadas:
a) Cualificar e organizar, se é o caso, as actividades e as competicións de ámbito autonómico. Para estes efectos, a organización de tales competicións enténdese referida á regulación do marco xeral destas, segundo se estableza na normativa federativa correspondente.
b) Promoción xeral do atletismo en todo o territorio da Comunidade Autónoma.
c) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas da súa modalidade, consonte a normativa que lle sexa aplicable.
d) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas de atletismo.
e) Expedir licenzas deportivas para a práctica do atletismo nos termos establecidos nesta lei.
f) Asignar as subvencións e as axudas de carácter público concedidas a través da federación e controlar que os/as seus/súas asociados/as lles dean unha correcta aplicación.
g) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento dos seus respectivos estatutos.
h) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos por esta lei e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo cos seus respectivos estatutos e regulamentos.
i) Executar, de ser o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
j) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, no control e na represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, a FGA instruirá e resolverá os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se substancien, consonte o establecido no título VIII da Lei 3/2012, do deporte de Galicia.
k) Calquera outra que regulamentariamente se determine.
l) Calquera outra que lle sexan atribuída pola lexislación vixente.
2. Os actos adoptados pola FGA no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso administrativo ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
3. Os acordos dos órganos colexiados da FGA serán comunicados a todos os estamentos a través da súa páxina www.atletismo.gal, así coma a través dos medios electrónicos oficiais da FGA mediante circulares oficiais. Calquera membro da Federación Galega de Atletismo poderá exercer o seu dereito de impugnación contra un acordo contrario á normativa legalmente en vigor, ante as instancias federativas, administrativas e xurisdicionais competentes
CAPÍTULO III
Licenzas
Artigo 8. Requisitos, dereitos e deberes dos colectivos federados
1. Para a participación nas actividades ou competicións atléticas oficiais de ámbito autonómico, será preciso estar en posesión de licenza expedida pola FGA e, polo tanto, ao día no pagamento das cotas establecidas para a FGA e o seguro de accidentes deportivos obrigatorio. A súa contía será fixada pola Asemblea da FGA. As retribucións producidas por estes conceptos irán dirixidas prioritariamente a financiar a estrutura e o funcionamento da FGA.
a) Todos os membros dos diferentes estamentos (atletas, clubs, adestradores/as, xuíces/xuízas, organizadores e outros colectivos estatutariamente establecidos) que forman parte da Asemblea Xeral deberán estar en posesión da correspondente licenza expedida pola FGA.
b) A licenza é o vínculo de integración de cada un dos membros dos diferentes estamentos coa FGA. A dita vinculación efectúase por petición propia a través da FGA.
c) A FGA resérvase o dereito, de forma previa á expedición dunha licenza de atleta, de establecer, conforme se determine regulamentariamente, a obrigatoriedade dun recoñecemento médico do/da deportista que determine a inexistencia de contraindicacións para a práctica do atletismo.
2. A adscrición e a integración na FGA, a través da subscrición ou renovación da licenza federativa ou por disposición legal ou regulamentaria, constitúe a base xurídica para o tratamento dos datos de carácter persoal e implica a aceptación ou o consentimento libre, específico, informado e inequívoco dos/das federados/as (interesados/as) sobre o seguinte:
a) De acordo co disposto polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE os datos proporcionados polos estamentos físicos federativos, serán incorporados e tratados nos diversos ficheiros dos que é titular a FGA.
b) A finalidade da recolleita e do tratamento dos datos é a de tramitar e xestionar licenzas deportivas e posibilitar o exercicio das funcións que ten atribuídas a FGA polos presentes estatutos e pola lexislación aplicable contida, entre outras normas, na Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e na normativa de desenvolvemento da mesa, no Regulamento IAAF e nas disposicións e regulamentos reguladores dos procedementos electorais, na medida en que o devandito tratamento de datos sexa necesario para iso. Os devanditos datos unicamente serán cedidos e transferidos a terceiros no ámbito deportivo para cumprir os fins que exclusivamente se deriven do exercicio das funcións e obrigacións da FGA.
c) Os/as interesados/as asumen e acatan o artigo 30 do Regulamento IAAF (ámbito do Regulamento antidopaxe) e a súa obediencia a todo canto dispoñan as disposicións do Regulamento IAAF, en especial, á facultade que se recoñece ás federacións nos artigos 38 a 41 do Regulamento IAAF (procedementos disciplinarios), para comunicar á IAAF os seguintes datos: nome do atleta, data de sometemento a controis de dopaxe, resultado analítico adverso dos devanditos controis e contido da resolución dos procedementos administrativos sancionadores e xudiciais incoados como consecuencia dos devanditos resultados.
d) Serán públicas tanto a relación de inscricións de competicións como a relación de resultados destas, nas que aparecerán publicados os datos dos/das interesados/as referidos ao nome, dous apelidos, número de licenza, data de nacemento ou idade, sexo, nacionalidade, comunidade autónoma de procedencia, cidade de procedencia, cidade de nacemento, club de pertenza e resultados deportivos.
e) Poderán producirse cesións ou transferencias internacionais de datos que non conten cunha decisión de adecuación ou de garantías adecuadas a países sedes de competicións internacionais de atletismo que non conten con lexislación de protección de datos equiparable á lexislación española ou á lexislación europea. A finalidade desta comunicación é cumprir cos requisitos exixidos pola entidade organizadora ou autoridade gobernativa ou lexislativa do país correspondente para participar en tales competicións. Os/as interesados/as coñecen, asumen e consenten os posibles riscos existentes para eles/as que implican tales transferencias de datos, entre os que se atopan os seguintes:
1º. Que a entidade receptora dos datos non conte con medidas técnicas e organizativas apropiadas, concibidas para aplicar de forma efectiva os principios de protección de datos e integrar as garantías necesarias no tratamento de datos en termos equiparables á lexislación española ou europea;
2º. Que a entidade receptora dos datos non conte con medidas técnicas e organizativas apropiadas concibidas para garantir os dereitos de protección de datos dos/das interesados/as en termos equiparables á lexislación española ou europea;
3º. Que a entidade receptora dos datos non conte con medidas técnicas e organizativas apropiadas con miras a garantir que, por defecto, só sexan obxecto de tratamento os datos persoais que sexan necesarios para os fins específicos do tratamento;
4º. Que a entidade receptora dos datos non conte con medidas técnicas e organizativas apropiadas para garantir un nivel de seguridade adecuado ao risco que comporte o tratamento para os dereitos e liberdades dos/das interesados/as;
5º. Que o país no que se atope a entidade receptora de datos non conte cunha autoridade de control en materia de protección de datos.
f) Os datos de carácter persoal dos/das interesados/as conservaranse polo tempo necesario para o cumprimento das finalidades referidas anteriormente, e en tanto non exista unha revogación ou retirada do consentimento dos/das interesados/as para o tratamento dos seus datos. No entanto, ese prazo de conservación estará afectado e poderá ser alterado por outros elementos tales como: os prazos de prescrición de delitos e infraccións por dopaxe e de caducidade de procedementos, os prazos de prescrición de infraccións en materia de disciplina deportiva e de caducidade de procedementos, os prazos de prescrición para as accións de revogación e/ou reintegro de subvención, os prazos de tramitación de procedemento de revogación e/ou reintegro de subvención, os prazos de tramitación de ulteriores recursos administrativos e procedementos xudiciais e a obrigación de conservación para poñer datos á disposición das administracións públicas, xuíces/as e tribunais, para a atención das posibles responsabilidades nadas do tratamento, durante o prazo de prescrición destas.
g) Os/as interesados/as teñen dereito a retirar ou revogar o consentimento para o tratamento de datos (a dita retirada do consentimento non afectará a solicitude do tratamento previo a tal retirada e a dita retirada do consentimento tampouco supoñerá a supresión dos datos por existir a obrigación legal de conservalos a disposición das administracións públicas, xuíces/as e tribunais, para a atención das posibles responsabilidades nadas do tratamento, durante o prazo de prescrición destas) e os/as interesados/as teñen dereito:
1º. A ter acceso aos seus datos persoais.
2º. Á rectificación dos seus datos persoais.
3º. Á supresión dos seus datos persoais.
4º. Á limitación do tratamento dos seus datos persoais.
5º. A opoñerse ao tratamento dos seus datos persoais.
6º. Á portabilidade dos datos.
7º. A presentar reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos, todo iso nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016. O exercicio destes dereitos deberá exercitarse conforme as regras da boa fe e sen incorrer en fraude de lei. O exercicio dalgúns dos devanditos dereitos pode dar lugar á extinción da relación xurídica federativa dos/das interesados/as coa FGA e dos dereitos e deberes dimanantes de tal relación; non obstante, iso non impedirá nin o inicio ou continuación de calquera procedemento administrativo, arbitral e/ou xudicial en que os/as interesados/as puidesen acharse involucrados/as nin a utilización dos datos de carácter persoal en tales procedementos.
h) Cesión de dereitos de imaxe, voz e nome: ao abeiro do disposto na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, no ámbito das competicións oficiais de atletismo os/as interesados/as consenten e autorizan a cesión dos seus dereitos de imaxe, voz e nome (incluíndo tamén idade ou data de nacemento, lugar de nacemento, nacionalidade, club de pertenza e demais datos que puidesen ser recollidos con ocasión da súa intervención nas competicións oficiais e sexan de interese xeral), así como a súa captación, gravación, reprodución, difusión, emisión e retransmisión utilizando todos os medios técnicos e soportes coñecidos na actualidade, particularmente, os soportes escritos, audiovisuais e electrónicos, incluídas a internet e as redes sociais, tanto as vixentes como as que puidesen desenvolverse no futuro. Este material poderá ser utilizado en:
1) Accións promocionais e/ou publicitarias da competición deportiva directamente pola FGA ou en colaboración cos seus patrocinadores, colaboradores e medios e canles de comunicación;
2) Realización de materiais audiovisuais promocionais en distintos formatos da competición deportiva e outros soportes de comunicación/publicidade propiedade da FGA para campañas ou actividades promocionais e comerciais;
3) Na páxina web da FGA www.atletismo.gal, e nos perfís sociais da FGA en redes sociais (a título enunciativo e non exhaustivo: Facebook, Twitter, Instagram, LinkedIn, Pinterest e Youtube). Todo iso coa única excepción e limitación daquelas utilizacións que poidan atentar ao dereito ao honor nos termos previstos na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A referida cesión de dereitos é consentida e autorizada con carácter gratuíto e desinteresado, por tempo ilimitado, sen límite territorial e con facultade da FGA para a súa cesión a terceiros.
Os datos de carácter persoal obtidos coa gravación ou captación de imaxe, voz e nome (incluíndo tamén a idade ou a data de nacemento, o lugar de nacemento, a nacionalidade, o club de pertenza e demais datos que puidesen ser recollidos con ocasión da súa intervención nas competicións oficiais de atletismo e sexan de interese xeral), serán tratados de acordo co disposto e coas finalidades descritas no parágrafo anterior e os datos conservaranse por tempo ilimitado dadas as condicións da cesión de dereitos.
Os/as interesados/as autorizan e consenten que os devanditos datos sexan comunicados:
1) Ao público en xeral.
2) Ás produtoras, distribuidoras ou prestadores de servizos involucrados na gravación e difusión dos vídeos e fotografías.
3) A provedores de servizos de aloxamento de vídeos e fotografías en internet incluíndo as redes sociais (algúns destes terceiros poderán estar situados en países que non conten con lexislación de protección de datos equiparable á lexislación española ou á lexislación europea.
4) Os patrocinadores e colaboradores (doantes, portadores, etc.) da FGA.
Os/as interesados/as poderán exercitar os seus dereitos conforme regras da boa fe e sen incorrer en fraude de lei, e non impedirá nin o inicio ou continuación de calquera procedemento administrativo e/ou xudicial en que os interesados puidesen acharse involucrados nin a utilización dos datos de carácter persoal ou as gravacións ou imaxes en tales procedementos.
3. A perda da condición de federado/a producirase no momento no que expire o prazo de vixencia da licenza.
4. Todos os membros federados da FGA terán os dereitos e deberes que os presentes estatutos e o Ordenamento xurídico lles recoñeza ou impoña.
5. Con carácter xeral, todos/as os/as federados/as teñen dereito a recibir a tutela da FGA na protección e garantías dos seus intereses deportivos lexítimos, a gozar dos seus servizos e a participar nas súas actividades e no seu funcionamento interno a través dos medios e procedementos establecidos para o efecto.
6. Os colectivos federados deberán aceptar e cumprir os estatutos da FGA en todos os seus termos. Asemade, someterse á autoridade dos seus órganos federativos en relación coas materias do seu ámbito de competencia, sen prexuízo do dereito a impugnar ou recorrer as súas decisións ante as instancias federativas, administrativas e xurisdicionais competentes.
TÍTULO II
Órganos de goberno, representación e administración
CAPÍTULO I
Normas xerais
Artigo 9
Os órganos de goberno e representación da FGA son os seguintes:
a) A Asemblea Xeral e a súa Comisión Delegada.
b) O/a presidente/a da Federación Galega de Atletismo.
1. Os membros dos órganos de goberno e representación da FGA gozarán dos seguintes dereitos no exercicio dos seus cargos:
a) Participar nas deliberacións dos correspondentes órganos, expresando as súas opinións.
b) Exercer o seu dereito ao voto, razoándoo no caso de emitilo de xeito particular nalgunha cuestión.
c) Desempeñar libremente as súas funcións en canto membros do órgano ao que pertenzan.
2. En canto aos seus deberes, ademais dos que poidan establecerse por vía legal ou regulamentaria, serán os seguintes:
a) Acudir ás sesións dos órganos aos que pertenzan.
b) Emitir responsablemente o seu voto en todas as cuestións debatidas.
c) Asumir con dilixencia os labores que lles foron encomendados.
d) Gardar segredo en todos aqueles asuntos que así o requiran.
Artigo 10
Son órganos complementarios dos de goberno e representación da FGA, para asistir ao presidente:
a) A Xunta Directiva.
Artigo 11
Son órganos de funcionamento da FGA:
a) O Comité Galego de Xuíces.
b) O Comité Técnico.
c) A Comisión de Clubs.
d) A Comisión de Atletas.
e) A Comisión de Delegados da FGA.
f) A Comisión de Adestradores.
g) O xuíz único disciplinario ou o Comité de Disciplina.
h) O Comité de Apelación.
i) O Comité de Atletas Máster.
j) A Escola Galega de Adestradores.
k) A Comisión de Xuíces.
l) A Comisión de Organizadores.
m) Os demais órganos, comités e comisións que considere oportunos o/a presidente/a.
Artigo 12
Serán órganos electivos, o/a presidente/a, a Asemblea Xeral e a Comisión Delegada. Os demais órganos serán designados e revogados libremente polo presidente da FGA.
Artigo 13
Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano de Goberno da FGA, sen prexuízo dos establecidos regulamentariamente, os seguintes:
a) Ter a condición política de galego/a, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.
b) Ter acadado a maioría de idade.
c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.
d) Non estar suxeito/a á corrección disciplinaria de carácter deportivo que o/a inhabilite.
e) Non ter sido condenado/a mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.
f) Non estar incurso/a en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nestes estatutos.
g) Reunir os requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.
CAPÍTULO II
A Asemblea Xeral e a Comisión Delegada
Sección 1ª. Natureza, composición e réxime da Asemblea
Artigo 14
A Asemblea Xeral é o órgano superior de goberno e representación da FGA, composta polo presidente da FGA, polos representantes de clubs, de atletas, de adestradores/as, de xuíces/as e de organizadores.
Artigo 15
A Asemblea Xeral da FGA está integrada polo/a presidente/a e os representantes dos distintos estamentos nas seguintes proporcións sempre que non se opoñan os criterios de composición contidos nas disposicións normativas que en cada momento regulen os procesos electorais das federacións deportivas galegas:
a) Entre o 50-70 % membros representantes do estamento de entidades.
b) Entre o 20-40 % membros representantes do estamento de atletas.
c) Entre o 5-10 % membros representantes de adestradores/as.
d) Entre o 5-10 % membros representantes de xuíces/as.
e) Organizadores ou outros colectivos se os houber: ata o 5 %.
A suma de todos os membros constituirá o quórum total e absoluto da Asemblea Xeral da FGA.
Artigo 16
Os membros da Asemblea Xeral, presidente/a e Comisión Delegada, serán elixidos cada catro anos, segundo establezan as disposicións normativas de pertinente aplicación, mediante sufraxio libre, igual, directo secreto, entre e polos compoñentes de cada estamento atlético, de acordo coas proporcións indicadas no artigo 15 destes estatutos.
As vacantes que se produzan na Asemblea Xeral antes da finalización do mandato serán cubertas mediante o sistema que sexa establecido nos regulamentos electorais, de acordo co disposto nas disposicións legais de pertinente aplicación.
Sección 2ª. Asemblea Xeral: clase de xuntanzas
Artigo 17
A Asemblea Xeral poderá reunirse:
a) En Pleno con carácter ordinario ou extraordinario.
b) En Comisión Delegada.
Sección 3ª. Asemblea Xeral Ordinaria. Competencias
Artigo 18
1. A Asemblea Xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da FGA, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre esta, con sometemento ás regras de competencia e procedemento.
2. A Asemblea Xeral Ordinaria terá a competencia nas seguintes materias:
a) Aprobación do calendario deportivo, bases e regulamentos xerais das competicións e memoria das actividades anuais.
b) Aprobación da liquidación do orzamento do exercicio anterior.
c) Aprobación do proxecto de orzamento do exercicio seguinte, en reunión que se realizará no trimestre que determine a lexislación vixente.
d) Análise, e se é o caso, aprobación das propostas presentadas pola Xunta Directiva e os membros da Asemblea Xeral, presentadas na forma e nas condicións que regulamentariamente se determinen.
e) A aprobación do gravame ou alleación dos bens inmobles da FGA, cando o importe da operación sexa igual ou superior ao 10 % do seu orzamento ou 55.000 euros. Este acordo necesitará un mínimo de 2/3 dos/das votantes presentes.
As materias enumeradas baixo as letras a), b) e c) deberán ser tratadas preceptiva e inescusablemente unha vez ao ano en Asemblea Xeral Ordinaria.
A documentación relativa ás letras a), b) e c) deberá ser enviada aos membros da Asemblea Xeral, polo menos, con sete días de antelación á data de realización.
3. Poderán tratarse en Asemblea Xeral, cando concorran razóns de especial urxencia, asuntos ou propostas que presente o/a presidente/a ou a Xunta Directiva ata o mesmo día da sesión.
Sección 4ª. Asemblea Xeral Extraordinaria: competencias
Artigo 19
1. A Asemblea Xeral reunirase en sesión extraordinaria cantas veces sexa preciso, por iniciativa do/da presidente/a da FGA ou da Comisión Delegada, por acordo adoptado por maioría, ou por petición dun número de membros da Asemblea Xeral non inferior ao 30 % nos termos regulados regulamentariamente.
Con carácter enunciativo e non limitativo, a Asemblea Xeral en sesión extraordinaria terá as seguintes competencias:
a) Aprobar a convocatoria de eleccións á Asemblea Xeral, á Comisión Delegada e ao/á presidente/a, nos termos que legal e estatutariamente estean regulados.
b) O voto de censura ao/á presidente/a na forma regulada nestes estatutos. Este acordo precisará un mínimo dos 2/3 dos votos presentes.
c) Decidir sobre a proposta de cambio de domicilio de FGA.
d) Calquera outro asunto que non estea expresamente atribuído polos presentes estatutos a outro órgano.
e) A disolución e liquidación da FGA nos termos regulados nestes estatutos.
f) A aprobación e a modificación dos estatutos da FGA. Este acordo necesitará, como mínimo, de 2/3 dos votos presentes.
2. Poderán tratarse en Asemblea Xeral, cando concorran razóns de especial urxencia, asuntos ou propostas que presente o/a presidente/a o a Xunta Directiva ata o mesmo día da sesión.
Sección 5ª. Comisión Delegada da Asemblea Xeral: competencias. 
Quórum para a adopción de acordos. Réxime
Artigo 20. Composición e funcións
1. A Comisión Delegada da Asemblea Xeral, composta por nove membros elixidos entre os estamentos de clubs, atletas, adestradores e xuíces da Asemblea Xeral, ademais do presidente da FGA, reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses, e terá as seguintes competencias:
a) A elaboración dun informe previo á aprobación do orzamento do exercicio seguinte.
b) O seguimento da actividade atlética e xestión económica da FGA.
c) A modificación do calendario atlético.
d) A modificación do orzamento.
e) A aprobación e a modificación dos regulamentos da FGA.
f) Autorizar o gravame ou alleamento dos bens inmobles da FGA, sempre que o importe da operación sexa inferior ao 10 % do seu orzamento ou 55.000 euros. Este acordo precisará un mínimo de 2/3 dos votos presentes.
g) A Asemblea Xeral poderá encomendar expresamente á Comisión Delegada calquera outra cuestión que non sexa competencia exclusiva desta.
2. A proposta sobre os asuntos numerados baixo as letras c), d) e e) corresponden exclusivamente ao/á presidente/a da FGA ou aos dous terzos dos membros da Comisión Delegada.
Artigo 21
1. Os membros da Comisión Delegada poderán delegar por escrito o seu voto noutro membro da Comisión Delegada. Ningún membro da Comisión Delegada poderá ter a delegación de máis de dous votos.
2. As vacantes que se produzan de cada estamento poderán ser substituídas anualmente por e de entre os membros da Asemblea Xeral, pertencentes ao mesmo estamento no cal se produciu a baixa.
3. Para a constitución, a elección, a renovación e o funcionamento da Comisión Delegada da Asemblea Xeral, haberá que aterse ao disposto nestes estatutos e ao que legal e regulamentariamente se determine.
Sección 6ª. Do réxime das convocatorias á Asemblea Xeral e Comisión Delegada. Constitución da reunión.
Artigo 22. Antelación mínima de convocatoria
1. A Asemblea e a Comisión Delegada deberán ser convocadas coa seguinte antelación mínima respecto da data prevista para a súa celebración.
a) A Asemblea Xeral Ordinaria 15 días naturais e a Extraordinaria 10 días naturais.
b) A Comisión Delegada da Asemblea convocarase polo menos con sete días naturais.
2. De atoparse reunidos, aínda que fose sen previa convocatoria, a totalidade dos membros da Asemblea Xeral ou da Comisión Delegada, por acordo unánime poderán constituírse en sesión, e en tal caso, aprobar en primeiro lugar a orde do día da reunión.
3. Na convocatoria será preciso facer constar os puntos da orde do día, con expresión do día, hora de cada unha das dúas convocatorias e lugar de realización da reunión. Salvo que fose previamente aprobada na propia reunión, deberá incluírse na orde do día da Asemblea Xeral a aprobación da acta anterior, a reunión e a designación de dous delegados escrutadores.
4. A convocatoria realizarase mediante notificación remitida, a poder ser por medios electrónicos, aos membros integrantes da Asemblea Xeral e Comisión Delegada.
5. As reunións da Asemblea Xeral, tanto en sesión ordinaria como extraordinaria, rexistraranse en soporte apto para a gravación e reprodución de imaxe e son. As reunións presenciais da Comisión Delegada rexistraranse en soporte apto para a gravación e reprodución do son.
6. A Comisión Delegada –e tamén a Asemblea Xeral cando concorran circunstancias que o aconsellen– poderán ser convocadas polo presidente para constituírse e adoptar acordos por medios electrónicos considerándose como tales tamén os telefónicos ou audiovisuais sempre que aseguren a identidade dos intervenientes, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen e a intercomunicación entre eles en tempo real. Entre outros considéranse incluídos entre os medios electrónicos válidos as audioconferencias e as videoconferencias.
Na acta da reunión telemática ou electrónica deixarase constancia dos acordos adoptados, o sistema seguido para formar a vontade do órgano e o sentido do voto emitido por cada membro, entendéndose realizada a sesión no domicilio da FGA.
Así mesmo, poderanse adoptar os acordos da Asemblea Xeral e a Comisión Delegada mediante votación por escrito, sempre que o decida a presidencia e o medio de votación que se vaia empregar sexa o correo electrónico ou plataforma electrónica que permita rexistrar o sentido dos votos. Os votos remitiranse nos dez días naturais seguintes á data na que se reciba a solicitude de emisión do voto, entendéndose non emitido o voto recibido for do antedito prazo. Estes acordos entenderanse adoptados no domicilio da FGA en sesión realizada na data de finalización do prazo de remisión dos votos.
Artigo 23
1. Para que as sesións da Asemblea Xeral e a Comisión Delegada queden validamente constituídas, será preciso que asistan, en primeira convocatoria, como mínimo, a metade dos seus membros de pleno dereito. En segunda convocatoria, en canto á Asemblea Xeral, quedará constituída calquera que sexa o número de asistentes, e en canto á Comisión Delegada deberán concorrer, presentes ou representados, polo menos un terzo dos seus membros e, como mínimo, media hora máis tarde de ambos os supostos.
2. Salvo naquelas materias nas que estea expresamente excluída tal posibilidade, a representación das entidades deportivas que integren a Asemblea Xeral ou Comisión Delegada corresponderalle o/a seu/súa presidente/a ou a calquera outra persoa en quen este/a delegue mediante escrito asinado polo/a propio presidente/a do club, no que se indique expresamente que a dita representación se delega para participar nunha determinada Asemblea Xeral ou Comisión Delegada, con indicación da data e lugar desta.
3. O/a presidente/a da FGA, por iniciativa propia ou por petición dun terzo dos membros da Asemblea Xeral, poderá convocar ás sesións desta a persoas que non formen parte dela.
Artigo 24
As votacións no seo da Asemblea Xeral e Comisión Delegada da FGA, realizaranse na forma e pola orde que a Presidencia estableza, sendo esta a que decidirá se serán nominais ou secretas; se, polo menos, o vinte e cinco por cento dos/das asistentes solicita unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da Asemblea Xeral ou Comisión Delegada. No caso de empate, o voto do/da presidente/a será de calidade.
Artigo 25
De todos os acordos adoptados na Asemblea Xeral e na Comisión Delegada, o/a secretario/a redactará a acta destas, e especificará o nome das persoas que tivesen intervido e as demais circunstancias que se consideren oportunas, contido dos acordos adoptados o resultado das votacións, e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.
Os votos contrarios ao acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán a quen os emita de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.
Artigo 26
Os acordos da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada serán vinculantes e de obrigado cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a FGA e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.
Sección 7ª. Do cesamento dos membros da Asemblea Xeral 
e Comisión Delegada
Artigo 27
Os membros da Asemblea Xeral e a Comisión Delegada cesarán polas seguintes causas:
a) Por defunción.
b) Por disolución da entidade á que representan ou non renovación da súa licenza federativa.
c) Por expiración do mandato para o que foron elixidos.
d) Por renuncia voluntaria ou dimisión.
e) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estatuaria.
f) Por sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ten.
CAPÍTULO III
O/a presidente/a
Artigo 28
O/a presidente/a da FGA, que o será tamén da Asemblea Xeral, a súa Comisión Delegada e Xunta Directiva, é o órgano executivo desta que asume a súa alta dirección en todos os asuntos que o requiran segundo os estatutos e os acordos dos órganos de Goberno.
Artigo 29
O/a presidente/a terá as seguintes funcións e atribucións:
a) Ter a representación legal da FGA, ante os membros integrantes da Federación e ante toda clase de autoridades, organismos, tribunais, entidades, corporacións e particulares.
b) Convocar e presidir os órganos de goberno e representación da FGA con voto de calidade en caso de empate na adopción de acordos, e executar estes, asumindo a presidencia dos devanditos órganos.
c) Estimular e coordinar a actuación dos distintos órganos federativos.
d) Ordenar os pagamentos a nome da Federación, asinando co/ca tesoureiro/a e/ou secretario/a xeral ou persoa expresamente designada polo/a presidente/a para substituílos/as.
e) Coidar de que os órganos federativos axusten a súa actuación ao disposto nestes estatutos e nos regulamentos que os desenvolven.
f) Conferir poderes especiais ou xerais a letrados/as, procuradores/as ou calquera outra persoa mandataria para que desempeñe a súa representación legal, tanto en xuízo como fóra del.
g) Convocar a Asemblea Xeral, a súa Comisión Delegada, a Xunta Directiva e os demais órganos complementarios dos de goberno, que presidirá.
h) Nomear e cesar os/as delegados/as das delegacións da FGA.
i) Designar o/a secretario/a xeral e o/a tesoureiro/a.
j) Designar e cesar os membros da Xunta Directiva e dos demais órganos non electivos da FGA e crear e suprimir órganos, comisións o comités e nomear e cesar os seus membros.
k) Propoñer á Comisión Delegada da Asemblea Xeral:
1º. A modificación do calendario deportivo.
2º. A modificación dos orzamentos.
3º. A aprobación e modificación dos regulamentos.
l) Ademais, todas aquelas atribucións conferidas por todos os órganos superiores de goberno e as que se deriven destes estatutos e as leis.
Artigo 30
O/a presidente/a será elixido/a cada catro anos, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto polos membros da Asemblea Xeral, sen que teña que ser membro desta, e non poderá desempeñar ningunha outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa. Non se poderá compaxinar a presidencia dun club deportivo coa presidencia da federación na que se integre o devandito club. No caso de que, excepcionalmente, quede baleira a Presidencia antes de que transcorra o prazo, dos catro anos mencionados, a Asemblea Xeral procederá a unha nova elección para cubrir a devandita vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ao mandato ordinario, sempre que este prazo sexa superior a seis meses dentro de cuxo prazo as funcións da Presidencia serán realizadas pola Comisión Xestora.
Artigo 31
O procedemento de elección do/da presidente/a axustarase ao previsto no Regulamento electoral.
Artigo 32
O/a presidente/a cesará no seu cargo:
a) Polo cumprimento do prazo para o que resultou elixido/a.
b) Polo falecemento ou incapacidade física ou mental declarada legalmente.
c) Por petición propia.
d) Por aprobación de moción de censura pola Asemblea Xeral.
e) Por ocupar cargo directivo en entidade ou clubs suxeito á disciplina federativa ou en asociación deportiva allea ao atletismo.
f) Polas demais causas que determinen as leis.
Artigo 33
A moción de censura ao/a presidente/a, que será construtiva, deberá ser solicitada por un terzo dos membros da Asemblea Xeral. A moción de censura será presentada de forma razoada ao/a presidente/a, quen deberá convocar, con carácter extraordinario, a Asemblea Xeral, para que esta se reúna nun prazo non inferior a 15 nin superior a 30 días naturais, coa moción como único punto da orde do día.
De o/a presidente/a non convocar a Asemblea Xeral, a convocatoria correspondente poderá ser solicitada á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. A sesión da Asemblea Xeral na que se debata a moción de censura será presidida polo membro de máis idade.
CAPÍTULO IV
A Xunta Directiva
Artigo 34
A Xunta Directiva é o órgano colexiado de xestión da FGA así como de asistencia ao/a presidente/a, e os seus membros son designados e revogados libremente polo/a presidente/a da Federación, que a presidirá.
Artigo 35
A Xunta Directiva da FGA comporase, por criterio do/da presidente/a, por un número de membros non inferior a 5 nin superior a 20, incluído el/ela mesmo/a, dos que todos e todas terán voz e voto, agás os cargos remunerados, que terán voz, pero non voto. Procurará que a presenza de mulleres na Xunta Directiva sexa, como mínimo, proporcional ao número de licenzas que teñan.
Artigo 36
1. O/a presidente/a elixirá entre os membros da súa Xunta Directiva uns/unhas vicepresidentes/as, que o serán tamén da Federación, os cales substituirán o/a presidente/a por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal, un/unha secretario/a, así como un/unha tesoureiro/a e os vogais que considere pertinentes. Tales cargos, en canto que baseados na confianza, poderán ser reemprazados polo/a presidente/a cando o considere conveniente.
2. Todos os cargos serán honoríficos, agás os de xerente, secretario/a e tesoureiro/a, que serán retribuídos. Nos demais casos, de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos membros da Xunta Directiva, deberá ser expresamente acordada pola Asemblea Xeral e constar de xeito diferenciado no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a Federación.
Artigo 37
Os membros da Xunta Directiva que non sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás sesións da Asemblea Xeral, con dereito a voz, pero sen voto.
Artigo 38
O/a presidente/a, o/a secretario/a xeral e o/a tesoureiro/a da Xunta Directiva non poderán ocupar cargo directivo ningún nas asociacións deportivas dedicadas ao deporte atlético, salvo o da representación que teñan nos órganos das entidades nacionais ou internacionais do atletismo federado.
Artigo 39
1. É competencia da Xunta Directiva:
a) Preparar os relatorios e documentos que sirvan de base á Comisión Delegada da Asemblea para que esta exerza as funcións que lle corresponden.
b) Preparar os relatorios e os documentos que sirvan de base á Asemblea Xeral, para que esta exerza as funcións que lle corresponden.
c) Preparar os relatorios e os documentos á Comisión Delegada, para a aprobación dos regulamentos internos da FGA e os relativos aos órganos, comisións, comités e Escola Galega de Adestradores.
d) Propoñer o traslado de domicilio da FGA dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) A elaboración do proxecto do orzamento da FGA para a súa presentación á Asemblea Xeral, logo de paso pola Comisión Delegada.
f) Colaborar co/ca presidente/a na dirección económica, administrativa e deportiva da FGA e na execución dos acordos dos demais órganos colexiados superiores de goberno e representación desta.
g) Aprobar o balance de gastos e ingresos das distintas actividades que desenvolvan os distintos órganos, comités, comisións e Escola Galega de Adestradores.
h) Estudar e redactar as propostas que se teñan que someter á Asemblea Xeral.
i) Aprobar os textos das bases de competición específicas.
j) Aprobar as sedes de celebración dos Campionatos de Galicia.
k) Regular a concesión de distincións, honores e recoñecementos.
2. Os membros da Xunta Directiva teñen a obriga de manter o segredo das deliberacións e das votacións. A dita obriga perdurará despois de cesar no seu cargo. O incumprimento constituirá unha infracción disciplinaria moi grave. No caso de se producir prexuízo, dará dereito a reclamar o resarcimento deste.
Artigo 40
O/os vicepresidente/s colaborarán co/ca presidente/a da FGA no desempeño das misions que lles encomende e substituirano en todos os casos de ausencia ou enfermidade pola súa orde. Os/as vogais da Xunta Directiva cooperarán na xestión dos asuntos que a esta corresponden e desempeñarán as misións que se lles encomende por acordo desta ou do/da seu/súa presidente/a.
Artigo 41
Poderán asistir ás reunións da Xunta Directiva, se son chamados polo/a seu/súa presidente/a, con voz, pero sen voto, os representantes dos órganos federativos que non formen parte desta, así como aquelas persoas que o seu informe poida ao seu xuízo, resultar conveniente en relación co punto ou puntos determinados da orde do día.
Artigo 42
1. A Xunta Directiva reunirase:
• Despois da elección do/da presidente/a, e unha vez designados por este os membros dela, de cara á toma de posesión dos respectivos cargos.
• Para fixar a orde do día e os relatorios da Asemblea Xeral.
• Despois de celebrada a Asemblea Xeral de cara á execución dos textos que recollan os acordos adoptados nesta.
• Tantas veces como proceda.
A convocatoria, que corresponde ao/a presidente/a, deberá ser notificada aos seus membros, polo menos, con 7 días naturais de antelación, salvo casos de urxencia, acompañando a orde do día.
As sesións convocadas en caso de urxencia, serán sempre notificadas, polo menos, con 48 horas de antelación.
2. A Xunta Directiva poderá ser convocada polo/a presidente/a para constituírse e adoptar os acordos por medios electrónicos, considerándose como tales tamén os telefónicos ou audiovisuais, sempre que aseguren a identidade dos intervenientes, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen e a intercomunicación entre eles en tempo real. Entre outros considéranse incluídos, entre os medios electrónicos válidos, o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.
Na acta da reunión telemática ou electrónica considerarase como data e hora de adopción de acordos as que figuren como data e hora de peche de votación.
Artigo 43
A validez das reunións da Xunta Directiva requirirá que concorran en primeira convocatoria a maioría dos seus membros e, en segunda, un terzo destes. Os seus acordos tomaranse por maioría simple dos votos presentes. En caso de empate, o voto do/da presidente/a, que será o último en emitirse, será dirimente.
O/a presidente/a dirixirá as deliberacións da Xunta Directiva concedendo e retirando a palabra aos asistentes, cabendo a limitación pola súa parte do tempo de intervención ou do número destas, sinalando as normas de orde a seguir e sometendo os asuntos a votación cando considere que foron suficientemente deliberados, tomando cantas decisións poidan conducir á maior eficacia e orde das reunións.
Artigo 44
Os membros da Xunta Directiva cesarán:
a) Por defunción.
b) Por petición propia.
c) Por revogación do nomeamento por parte do/da presidente/a.
d) Por expiración do prazo de mandato do/da presidente/a da FGA.
e) Por incorrer en causa de inelixibilidade.
f) Por incorrer nunha das causas de incompatibilidade cando non renuncien á actividade ou cargo incompatible.
Artigo 45
Réxime de responsabilidade dos/das presidentes/as e dos membros das xuntas directivas das federacións autonómicas.
1. O/a presidente/a e os membros das xuntas directivas ou dos órganos de dirección que se puidesen establecer estatutariamente serán persoalmente responsables, fronte á propia federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:
a) Das obrigas que contraese a federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado apoio contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas, ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e o alcance da obriga en cuestión, e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.
En consonancia coa Lei 3/2012, do deporte de Galicia, a FGA non incluirá ningunha proba no calendario oficial de competicións que se celebren no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sen que exista previamente o aval documental asinado polo patrocinador e/ou organizador, no formato aprobado pola súa Xunta Directiva, e que permita facer fronte aos gastos xerados pola súa organización. Nese documento especificaranse as condicións e os momentos en que se deberán aboar os custos á FGA.
b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.
c) En xeral, dos actos ou das omisións que supoñan un prexuízo para a federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.
2. A responsabilidade descrita na liña anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles/as que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles/as que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.
3. A responsabilidade regulada neste artigo é independente da responsabilidade disciplinaria na que se puidese incorrer, e que se exixirá consonte as disposicións xerais desta lei.
CAPÍTULO V
O/a secretario/a xeral
Artigo 46
Será designado/a e revogado/a libremente polo/a presidente/a da FGA. Asistirá o/a presidente/a da FGA en todas as actividades propias do seu cargo. Será retribuído e quedará suxeito á lexislación vixente.
Artigo 47
Ao/a secretario/a xeral correspóndelle exercer as funcións de fedatario e asesor da FGA, a preparación e despacho material dos asuntos, así como a dirección e organización das funcións administrativas. Serán funcións da persoa titular da secretaría a redacción das actas, a custodia destas e dos arquivos da federación, o control e a fiscalización interna da xestión económica-financeira e orzamentaria, así como a da contabilidade e tesouraría, en caso de non existir a figura do tesoureiro/a.
Artigo 48
Ao/a secretario/a xeral, como secretario/a nato dos órganos, comisións, comités e Escola Galega de Adestradores da FGA, que asiste ás reunións con voz, pero sen voto, salvo que pertenza de pleno dereito a estes, correspóndelle:
a) Informar verbalmente ou por escrito, contestando as consultas que se lle fagan sobre os asuntos pendentes nos órganos da FGA e dos que forma parte e das reunións que teñan lugar os distintos órganos federativos.
b) Redactar unha acta de todos os acordos e unha vez aprobados, asinar co visto e prace dos respectivos presidentes e pasalos aos libros correspondentes.
c) Expedir as certificacións da FGA.
d) Coordinar a actuación dos distintos órganos da FGA.
e) Emitir os informes que lle soliciten.
f) As funcións que lle encomenden as normas regulamentarias da FGA, ou lle sexan delegados polo/a presidente/a desta.
g) Custodiar os libros de Actas e Rexistros da FGA.
h) Remitir ao órgano administrativo correspondente en materia de deportes, actas das reunións da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada, ou calquera outro órgano, cando así veña obrigado polo ordenamento vixente.
O/a secretario/a xeral poderá delegar o exercicio das súas funcións noutros/as funcionarios/as da FGA ou entre os membros dos órganos, comisións e comités, se fose preciso, ou no caso de ausencia ou enfermidade.
CAPÍTULO VI
O/a tesoureiro/a
Artigo 49
Ao/á tesoureiro/a da FGA, correspóndelle:
a) Gardar os fondos federativos e ter ao día a contabilidade e vixiar por ela, axustada ás normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás federacións deportivas.
b) Custodiar os libros e os documentos relativos á contabilidade da FGA vixiando a súa exacta xestión.
c) Coidar de que os pagamentos que ordene o/a presidente/a correspondan cos gastos autorizados no orzamento.
d) Cobrar cantidades e asinar os recibos correspondentes.
e) Elaborar o anteproxecto do orzamento para a súa análise e a súa aprobación pola Xunta Directiva e Asemblea Xeral e confeccionar o balance con especificación e desagregación de gastos e retribucións.
f) Exercer a inspección económica da Federación e propoñer medidas disciplinarias en caso de infracción.
g) Exercer de tesoureiro/a de todos os órganos de funcionamento, comisións, comités, e Escola Galega de Adestradores.
CAPÍTULO VII
A Xerencia
Artigo 50
1. A Xerencia da FGA é o órgano de Administración desta. Á súa fronte estará o/a xerente e, cando exista, asistirá o/a presidente/a da FGA en todas as actividades propias do seu cargo. Será retribuído/a e quedará suxeito/a á vixente lexislación.
2. Sen prexuízo das funcións que lle asigne expresamente o/a presidente/a correspóndelle ao/á xerente:
a) Desempeñar a dirección de persoal de todos os servizos.
b) Coordinar a execución das funcións de todos os órganos federativos.
c) Velar polo cumprimento de todas as normas xurídico-deportivas e de recoller suxestións e experiencias para estudar a súa posible aplicación.
d) Coidar da boa orde de todos os departamentos federativos, e adoptar as medidas precisas para iso, repartindo funcións e finalidades entre os empregados e vixiando o bo estado das instalacións.
e) Presentar verbalmente ou por escrito os informes que sexan requiridos polo/a presidente/a.
f) Exercer cantas funcións lle encomenden os estatutos e normas regulamentarias da FGA.
3. O/a xerente terá acceso ás reunións da Xunta Directiva e ás da Asemblea Xeral, con dereito a voz, pero sen voto.
CAPÍTULO VIII
O/a director/a técnico/a
Artigo 51
Ao/á director/a técnico/a correspóndelle exercer a dirección e organización das funcións técnicas da FGA. O/a director/a técnico/a asistirá á Xunta Directiva e Asemblea Xeral, con voz, pero sen voto, salvo que pertenza de pleno dereito a estas.
Ao/á director/a técnico/a correspóndelle:
a) Realizar propostas de actividades que vai desenvolver a FGA, tales como: calendario de competicións, concentracións, proxectos de promoción, cursos de reciclaxe e formación de técnicos, así como o seu seguimento.
b) Elaborar as normas técnicas xerais das competicións.
c) Seleccionar os atletas das distintas seleccións autonómicas.
d) Elixir os/as técnicos/as que integrarán a Comisión Técnica da FGA, que presidirá, e establecer as súas funcións.
e) Elaborar o calendario de competicións da FGA.
f) Autorizar a inclusión no calendario de todas as probas organizadas por delegacións, clubs ou outros organismos e entidades públicas ou privadas.
g) Supervisar e aprobar os regulamentos particulares de todas as competicións incluídas no calendario oficial da FGA.
h) Informar a Xunta Directiva, a Comisión Delegada e a Asemblea Xeral sobre o desenvolvemento das actividades que se atopen baixo a súa dirección.
CAPÍTULO IX
Os órganos de funcionamento
Artigo 52
Os órganos de funcionamento da FGA rexeranse polo disposto nestes estatutos e os seus regulamentos respectivos, propostos polos membros de cada un deles, e presentados polo/a presidente/a da FGA á Comisión Delegada para a súa aprobación. Estes regulamentos rexerán tanto os obxectivos e o funcionamento da Comisión ou do Comité como os dereitos e obrigas dos membros de cada estamento.
Artigo 53
Todos os presidentes dos comités serán nomeados e cesados libremente polo/a presidente/a da FGA.
Artigo 54
Os órganos reuniranse con carácter ordinario, polo menos, unha vez ao ano, e poderán facelo con carácter extraordinario se son convocados polo/a seu/súa presidente/a ou por proposta da metade máis un dos/das seus/súas vogais.
Artigo 55
Os órganos consideraranse validamente constituídos se foron convocados polo/a seu/súa presidente/a con, polo menos, 48 horas de antelación e asisten a metade máis un dos seus compoñentes. Quedarán, non obstante, validamente constituídos, aínda que non se cumprisen os requisitos de convocatoria, se concorren todos os seus membros e así o acordan por unanimidade.
Artigo 56
Os órganos, comisións, comités e Escola Galega de Adestradores son órganos consultivos da FGA e informarán a Xunta Directiva de todos os acordos. Así mesmo, as comisións e os comités poderán formular propostas á Xunta Directiva para a súa consideración pola Asemblea Xeral.
Artigo 57
A previsión de gastos ordinarios para o desenvolvemento das súas actividades formarán parte do orzamento xeral da FGA. O balance de gastos e os ingresos das distintas actividades que desenvolvan os distintos órganos, comités, comisións e a Escola Galega de Adestradores deberán ser aprobados pola Xunta Directiva e a Comisión Delegada da FGA e controladas polo/a tesoureiro/a da FGA.
O/a secretario/a xeral e o tesoureiro/a da FGA, ao serán tamén dos distintos órganos de goberno, comisións, comités e Escola Galega de Adestradores, e poderán delegar as súas funcións.
CAPÍTULO X
Normas xerais de funcionamento
Artigo 58
1. En todas as reunións dos órganos de Goberno, representación e Administración da FGA, cada membro terá dentro do órgano do que forme parte voz e voto, con excepción dos supostos que se establecen nestes estatutos.
2. A asistencia ou a intervención nas reunións ou nas sesións de órganos de goberno, órganos de complementarios dos de goberno e órganos de funcionamento nos que estea prevista a gravación das súas sesións ou reunións en formato de vídeo e/ou audio (Asemblea Xeral, Comisión Delegada, Xunta Directiva e aquelas na que se considere logo de aviso) constitúe a base xurídica para o tratamento de datos de carácter persoal e implica a aceptación ou o consentimento libre, específico, informado e inequívoco dos/as intervenientes.
a) Os datos referidos á imaxe, voz, nome, apelidos, cargo e estamento, cedidos para as gravacións das sesións ou reunións, serán incorporados e tratados nos diversos ficheiros dos que é titular a FGA.
b) A finalidade da recolleita e o tratamento dos datos é a de servir de axuda para a redacción das actas correspondentes ás sesións e reunións dos diferentes órganos ou para resolver impugnacións ou reclamacións que se poidan suscitar no momento de ratificar as referidas actas ou na impugnación dos acordos adoptados nelas.
c) Os datos de carácter persoal dos/das interesados/as conservaranse polo tempo necesario para o cumprimento das finalidades referidas anteriormente, e en tanto non exista unha revogación ou unha retirada do consentimento dos/das interesados/as para o tratamento dos seus datos. Non obstante, o prazo de conservación estará afectado e poderá ser alterado por outros elementos tales como: 1. Os prazos de prescrición, de caducidade e de tramitación de accións e/ou procedementos administrativos ou xudiciais e 2. A obriga de conservación para poñer os datos á disposición das administracións públicas, xuíces e xuízas e tribunais, para a atención das posibles responsabilidades nadas do tratamento, durante o prazo de prescrición destas.
Os/as interesados/as teñen dereito a retirar ou revogar o consentimento para o tratamento de datos (a dita retirada do consentimento non afectará a licitude do tratamento previo á tal retirada e a dita retirada do consentimento tampouco supoñerá a supresión dos datos, por existir a obrigación legal de conservalos a disposición das administracións públicas, xuíces/xuízas e tribunais, para a atención das posibles responsabilidades nadas do tratamento, durante o prazo de prescrición destas); e os/as interesados/as teñen dereito:
1º. A ter acceso aos seus datos persoais.
2º. Á rectificación dos seus datos persoais.
3º. Á supresión dos seus datos persoais.
4º. Á limitación do tratamento dos seus datos persoais.
5º. A opoñerse ao tratamento dos seus datos persoais.
6º. Á portabilidade dos datos.
7º. A presentar reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos. O exercicio dos devanditos dereitos deberá exercese conforme regras de boa fe e sen incorrer en fraude de lei, e non impedirá nin o inicio ou continuación de calquera procedemento administrativo e/ou xudicial en que o/a interesado/a puidese acharse involucrado/a nin a utilización dos datos de carácter persoal ou as gravacións en tales procedementos.
Artigo 59
1. Os acordos serán adoptados, como regra xeral, por maioría simple, salvo naqueles casos nos que sexa precisa maioría cualificada, de conformidade con estes estatutos.
2. As decisións dos órganos da FGA fornecerán efecto desde o día seguinte ao da súa notificación, salvo disposición expresa en contra.
Artigo 60
De todos os acordos dos órganos colexiados da FGA o/a secretario/a do órgano do que se trate redactará unha acta especificando o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado e cantas circunstancias se consideren oportunas.
Os votos contrarios ao acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que puidesen derivarse, se é o caso, dos acordos dos órganos colexiados. Todos os acordos dos órganos superiores colexiados de goberno e representación da FGA serán públicos, salvo cando estes decidan, excepcionalmente o contrario, por unha maioría de tres cuartas partes dos seus membros.
TÍTULO III
A Xunta Xestora
Artigo 61
De quedar vacante o cargo de presidente/a antes da finalización do seu mandato natural, constituírase unha xunta xestora, composta polos membros da Xunta Directiva, co obxecto de exercer as facultades propias da Presidencia de forma interina e para convocar eleccións, seguindo as prescricións do regulamento electoral, no prazo máximo de trinta días. A Xunta Xestora designará, de entre os seus membros, a un/unha presidente/a e os seus acordos reflectiranse no correspondente libro de actas da FGA.
Se os membros da Xunta Directiva non quixesen facerse cargo desta misión deberán dimitir dos cargos que teñan e asumir tal función, a título de Xunta Xestora, os membros da Comisión Delegada. Realizadas as eleccións, o/a novo/a presidente/a terá un mandato coa duración igual ao tempo que lle reste por cumprir ao seu predecesor, transcorrido o cal deberán convocarse novas eleccións.
TÍTULO IV
As eleccións á Asemblea Xeral, á Presidencia 
e á Comisión Delegada
CAPÍTULO I
Normas xerais
Artigo 62
Son órganos electivos o presidente, a Asemblea Xeral e a súa Comisión Delegada.
Artigo 63
Cada catro anos convocaranse as eleccións á Asemblea Xeral.
Artigo 64
1. O proceso electoral desenvolverase segundo o previsto no regulamento electoral aprobado de conformidade coas disposicións e normativas vixentes coas seguintes particularidades.
2. A Xunta Electoral estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos pola Asemblea Xeral entre as persoas que presenten a súa candidatura.
TÍTULO V
Os clubs, atletas, adestradores/as, xuíces/xuízas e outros colectivos
Artigo 65
Os clubs, atletas, adestradores/as, xuíces/zas, organizadores e outros colectivos integraranse, por petición propia, na FGA a través da delegación que lles corresponda pola súa situación xeográfica e o seu domicilio legal, sempre que se axusten á lexislación vixente e se comprometan a cumprir os estatutos e os regulamentos da FGA e a someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.
Artigo 66
Para a autorización ou a denegación da integración doutros colectivos na FGA, teranse en conta os seguintes criterios:
a) O interese deportivo do colectivo para o desenvolvemento do atletismo.
b) A existencia do correspondente recoñecemento legal da actividade.
c) A aprobación pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta Directiva co quórum exixido para a modificación de estatutos.
A integración efectuarase por petición propia cos mesmos criterios e requisitos que para os restantes colectivos, coas particularidades que lles considere propias a Asemblea Xeral ou se establezan regulamentariamente.
Artigo 67
A integración na FGA producirase mediante a concesión por parte desta da correspondente licenza federativa. A devandita concesión será acordada pola Xunta Directiva da delegación a que corresponda. A súa denegación, que haberá ser motivada, será recorrible ante a Xunta Directiva da FGA.
Artigo 68
Todos os membros da FGA teñen o dereito a recibir a tutela desta con respecto aos seus intereses deportivos lexítimos, así como o de participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo con estes estatutos e cos regulamentos internos daquela.
Os membros da FGA teñen, pola súa vez, o deber de acatar os acordos dos seus órganos, sen prexuízo de recorrer ante as instancias federativas competentes e, se é o caso, ante a Comisión de Arbitraxe que no seu momento se estableza e, no seu defecto, o que resolva ao respecto o organismo competente da Xunta de Galicia. Os clubs quedan obrigados a facilitar á FGA a asistencia dos seus atletas ás convocatorias que han ter lugar para formar parte das distintas seleccións galegas. Así mesmo, os atletas quedan obrigados a participar (salvo lesión ou outra causa xustificada), en todas as convocatorias de seleccións galegas.
TÍTULO VI
CAPÍTULO I
O réxime económico. O patrimonio e os recursos económicos
Artigo 69
O patrimonio da FGA está integrado polos bens e dereitos que lle corresponden na súa titularidade.
Artigo 70
Os recursos económicos da FGA están constituídos:
a) Polas subvencións ordinarias ou extraordinarias da Xunta de Galicia e da RFEA.
b) Polas subvencións e donativos doutros organismos públicos, entidades privadas ou particulares.
c) Polas herdanzas, legados e doazóns que se lle outorguen.
d) Polos avais feitos efectivos, cando non proceda regulamentariamente a súa anulación.
e) Polas cotas das licenzas dos seus afiliados (atletas, adestradores/as, xuíces/zas, clubs e colectivos interesados estatutariamente establecidos) e dereitos que se aproben pola Asemblea Xeral, así como as recargas de demora e as multas ou calquera outra sanción de carácter pecuniario.
f) Polas cotas e dereitos de inscrición das competicións incluídas no calendario oficial da FGA.
g) Polas cotas de amortización de anticipos e polos préstamos concedidos pola Federación con cargo aos seus recursos: as rendas de inmobles e dos valores da súa carteira, xuros de conta corrente e produtos de alleación de bens adquiridos con recursos propios.
h) Polos froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.
i) Préstamos e créditos que se lle concedan.
j) Os beneficios que produzan os actos deportivos que organice a FGA.
k) Os beneficios que produzan as actividades que desenvolva.
l) Calquera outro tipo de retribución que non se opoña ao propio carácter da FGA.
CAPÍTULO II
O orzamento
Artigo 71
A vida económica da FGA axustarase ao orzamento que se aprobe na Asemblea Xeral e é obrigatorio aprobalo durante o último trimestre do seu exercicio económico anterior ou no período marcado pola Xunta de Galicia. Este orzamento debe ser equilibrado e non deficitario e enténdese condicionado, no que ás subvencións públicas se refire, ás condicións de aprobación dos orzamentos de Galicia.
O devandito orzamento deberá remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.
A administración do orzamento responderá ao principio de caixa única, e deberá dedicar as retribucións de seu de forma prioritaria aos seus gastos de estrutura. Para estes efectos a Xunta Directiva presentará anualmente á Asemblea Xeral Ordinaria o oportuno proxecto. Ao devandito proxecto acompañarase:
a) O estado de diferenza en relación co orzamento vixente e a Memoria explicativa deste.
b) O avance da liquidación do orzamento do ano.
Artigo 72
Os proxectos do orzamento presentaranse nivelados e clasificados por capítulos, artigos e conceptos. As partidas autorizadas no orzamento de gastos teñen carácter limitativo e, polo tanto, non poderán acordarse gastos que excedan as previsións.
Artigo 73
A aprobación de gastos e a ordenación de pagamentos corresponderá ao/á presidente/a da FGA.
Os actos de disposición de bens inmobles, concerto de préstamos, emisión de títulos transmisibles de débeda e parte alícuota patrimonial precisarán a aprobación da Asemblea Xeral Ordinaria, requirindo o voto favorable dos 2/3 dos asistentes.
Artigo 74
O saldo final do exercicio dos orzamentos liquidados figurará no seguinte orzamento ordinario.
CAPÍTULO III
O balance e a contabilidade
Artigo 75
A Xunta Directiva presentará o balance para a súa aprobación pola Asemblea Xeral Ordinaria, con suficiente especificación de partidas e dentro deses conceptos concretos de modo que se traduza non só o déficit, superávit ou equilibrio no seu conxunto, senón tamén o das diversas partidas e conceptos. Cada exercicio económico da federación iniciarase cada 1 de xaneiro e pechará o 31 de decembro do mesmo ano.
Artigo 76
A FGA levará os libros de contabilidade de aplicación ao sistema oficial contable, así como os de carácter auxiliar que consideren oportunos, axustándose ás normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade co fin de que se poida coñecer en calquera momento o estado de contas.
Nos libros de contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigas, retribucións e gastos con especificación da orixe daqueles e o destino destes.
Artigo 77
Os fondos depositaranse necesariamente en conta corrente, nun establecemento bancario ou caixa de aforros, a nome da FGA. Non obstante, poderán conservarse en caixa as sumas, que, dentro do límite que discrecionalmente sinale o presidente, se consideren precisas para atender pequenos gastos. As disposicións de fondos con cargo ás devanditas contas correntes deberán autorizarse por dúas sinaturas de entre as do/da presidente/a e as persoas autorizadas por el/ela mesmo/a.
TÍTULO VII
O réxime documental
Artigo 78
A FGA deberá levar polo menos, ademais dos correspondentes libros de contabilidade e auxiliares, os correspondentes de rexistro de delegacións, de rexistro de clubs, de actas e inventario de bens mobles e inmobles.
Artigo 79
O libro de Rexistro das delegacións deberá reflectir as denominacións das mesmas, ámbito territorial, o seu domicilio e os nomes e apelidos dos cargos de representación con especificación da datas de toma de posesión e cesamento destes.
Artigo 80
Nos libros de actas consignaranse as reunións que teña lugar a Asemblea Xeral, a Comisión Delegada, a Xunta Directiva, e demais órganos colexiados, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As actas serán subscritas, en todo caso, polo/a presidente/a e o/a secretario/a.
Artigo 81
Os libros federativos quedarán custodiados no domicilio da FGA a disposición dos membros integrados nela, para o seu exame ou consulta.
TÍTULO VIII
O réxime disciplinario
Artigo 82
A Federación en materia de disciplina deportiva ten potestade sobre todas as persoas que formen parte da súa estrutura orgánica, as entidades deportivas e os seus deportistas, técnicos e directivos e, en xeral, todas aquelas persoas ou entidades, que, estando federados (incluídas as licenzas de día nas probas que así o permitan), desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Constituída a organización deportiva da FGA, con base na afiliación voluntaria dos seus compoñentes, todos eles recoñecen a súa disciplina e quedan obrigados a acatar as decisións dos seus órganos disciplinarios que deberán actuar de acordo coa Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e posteriores regulamentos que se desenvolvan, e poderáno impugnalas a través dos recursos que legalmente procedan.
Artigo 83
Son órganos competentes para exercer a potestade disciplinaria da FGA:
a) Os/as xuíces/xuízas, durante o desenvolvemento das competicións, de acordo coas regras establecidas nas disposicións do regulamento técnico de atletismo.
b) O Xurado de Apelación da competición, nos casos que estea designado.
c) O xuíz único disciplinario ou Comité de Disciplina da FGA.
d) O Comité de Apelación.
As resolucións do Comité de Apelación da FGA esgotan a vía federativa. Contra estas resolucións caberá interpor recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
Artigo 84
1. Todo o relativo ao réxime disciplinario da FGA, tipificación de faltas e sancións, competencias dos órganos disciplinarios da FGA e normas de procedemento será desenvolto no Regulamento de réxime disciplinario deportivo de conformidade co disposto nas disposicións legais vixentes en cada momento, de acordo coa Lei 3/2012, do deporte de Galicia.
2. As diferentes infraccións e as súas correspondentes sancións serán ás tipificadas no Regulamento de réxime disciplinario.
3. No exercicio da súa función, os órganos disciplinarios da FGA, dentro do establecido para a infracción de que se trate e no caso de que para esta se sinalen máximos e mínimos aplicables, poderán impor a sanción no grao que consideren máis xusto, para este efecto tomarán en consideración a natureza dos feitos e a concorrencia ou non de circunstancias agravantes ou atenuantes da responsabilidade.
4. Non poderá impoñerse sanción ningunha por accións ou omisións non tipificadas como infracción con anterioridade ao momento de producirse; nin tampouco poderán impoñerse sancións que non estean establecidas por norma anterior á perpetración da infracción.
5. Non poderá impoñerse máis dunha sanción polo mesmo feito, salvo as previstas como accesorias e só nos casos en que así se determine.
6. As disposicións disciplinarias teñen efecto retroactivo en canto favorezan ao infractor, aínda que, ao publicarse aquelas, recaese resolución firme.
7. No Regulamento de réxime disciplinario desenvolveranse os distintos procedementos de tramitación e imposición, se é o caso, de sancións respectando os principios do procedemento administrativo sancionador:
a) Aplicarase o procedemento abreviado para, se é o caso, a sancións de todas aquelas accións ou omisións, que, durante o curso da competición, vulneren, impidan ou perturben o seu normal desenvolvemento. Polas propias características do atletismo, este procedemento terá os prazos reducidos e trámites simplificados que se conteñen no Regulamento de réxime disciplinario.
b) O procedemento ordinario aplicarase para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.
TÍTULO IX
A modificación dos estatutos
Artigo 85
Os estatutos da FGA unicamente poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral, logo de inclusión expresa na orde do día. Acompañarase á convocatoria o texto da modificación.
Artigo 86
A proposta de modificación dos estatutos á Asemblea Xeral poderá ser realizada:
a) Por unha cuarta parte dos membros da Asemblea Xeral.
b) Pola Comisión Delegada.
c) Pola Xunta Directiva.
d) Por tres cuartas partes dos membros de un dos colectivos dos estamentos da Asemblea Xeral, sempre que se trate de artigos que afecten directamente o devandito estamento.
Artigo 87
Aprobada a modificación dos estatutos, esta entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
TÍTULO X
Distincións
Artigo 88
Para premiar os méritos relevantes na orde deportiva, contraídos por cantas persoas, entidades e clubs estean relacionados co deporte atlético, ben sexan nacionais ou estranxeiros, a FGA, a través da Xunta Directiva, poderá outorgar recompensas honoríficas que distingan o labor que en pro do atletismo se queira premiar.
Estableceranse regulamentariamente a clase de recompensas, os méritos precisos para a súa consecución e o relativo á súa solicitude e concesión.
TÍTULO XI
Disolución e liquidación da FGA
Artigo 89
A FGA extinguirase polas seguintes causas:
a) Por acordo dos dous terzos dos votos da totalidade dos membros da Asemblea Xeral, ratificada polo organismo competente da Xunta de Galicia.
b) Pola revogación do seu recoñecemento polo órgano competente da Xunta de Galicia.
c) Por resolución xudicial firme.
d) Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.
e) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico.
Artigo 90
Unha vez acordada a disolución da FGA procederase á liquidación do patrimonio desta. Para tal fin, a Asemblea Xeral deberá elixir unha comisión liquidadora que constará dun mínimo de tres membros. A devandita comisión liquidadora someterá a proposta de liquidación á aprobación da Asemblea Xeral, que se levará a efecto por maioría simple dos seus membros.
Artigo 91
Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto será destinado aos fins de carácter deportivo que determine a Asemblea Xeral na mesma sesión en que aprobe a proposta de liquidación. No seu defecto, a Administración autonómica daralle o destino que lle corresponda.
O incumprimento do deber de disolver a federación deportiva cando sexa legalmente procedente dará lugar á exixencia das responsabilidades que correspondan ás persoas titulares dos órganos competentes, sen prexuízo do dereito do correspondente órgano administrativo a instar a súa disolución.
TÍTULO XII
Estrutura territorial da FGA
Artigo 92
A FGA estrutúrase territorialmente en delegacións. Cada delegación quedará integrada por clubs, atletas, adestradores/as, xuíces/xuízas e outros colectivos interesados estatutariamente establecidos que correspondan ao límite xeográfico fixado pola Asemblea Xeral.
Artigo 93
As delegacións axustarán a súa actividade ás normas ditadas polos órganos de goberno e funcionamento da FGA. As delegacións facilitarán á FGA toda a información que esta lle requira sobre as súas actividades.
Artigo 94
Os delegados federativos serán nomeados e cesados polo presidente da FGA de acordo co artigo 29, letra h) destes estatutos.
A composición do equipo directivo e a competencia deste será libre facultade do delegado federativo.
Do réxime económico das delegacións
Artigo 95
Os pagamentos dos custos xerados nas delegacións, ben en estrutura ou pola actividade deportiva desenvolvida serán efectuados e controlados desde a sede central da FGA a través do único departamento de tesouraría e contabilidade, agás os excepcionais pagamentos efectuados en metálico. Así mesmo, todos os ingresos xerados por calquera das actividades propias das delegacións serán canalizados a través do sistema de conta única bancaria da FGA.
Artigo 96
As delegacións axustarán a súa actividade económica ao réxime de orzamentos e informarán deste á FGA. En calquera caso, en consonancia coa Lei 3/2012, e co indicado no artigo 45, letra 1.a) destes estatutos non poderán organizar ningunha competición sen que exista previamente o aval documental asinado polo patrocinador e/ou organizador, no formato aprobado pola Xunta Directiva e Comisión Delegada da FGA.
TÍTULO XIII
Identidade da FGA
Artigo 97. O Escudo
O escudo oficial da Federación Galega de Atletismo está formado pola Cruz de Santiago sobre a que se presenta un escudo, que consta no seu interior dunha banda diagonal de cor azul representando a bandeira de Galicia, un discóbolo e as siglas FGA. Na espada da Cruz de Santiago figura o ano de fundación: 1921.
Artigo 98. O himno
A FGA posúe un himno propio composto por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense, e foi presentado publicamente en Ourense o 22 de xuño de 2017 coa seguinte letra:
Pra ti cantamos Galicia
un canto de honor e gloria,
somos atletas galegos
honrando a nosa memoria,
Os Castros Celtas proclaman
o valor das túas xentes,
sangue do monte Medulio
desde as montañas aos mares,
cal bardos da Terra Celta,
xermolo da vella Europa,
xunguidos de amor á Matria,
brindámosche esta victoria.
Camiños de Finisterrae
pegadas da nosa historia
honor, valor e grandeza,
Galicia, Nai e Señora
Disposición derradeira. Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

