De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.
A propia Lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.
Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 42/2024, do 14 de abril).
A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 28 que a aprobación dos estatutos se efectuará logo de verificación da súa legalidade pola consellería competente en materia de colexios profesionais e que se publicarán no Diario Oficial de Galicia o decreto aprobatorio e os estatutos.
Dando cumprimento a esta disposición, o Consello da Avogacía Galega acordou, no pleno que tivo lugar o 14 de marzo de 2025, a modificación dos seus estatutos.
En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1. Aprobación dos estatutos do Consello da Avogacía Galega
Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do dito consello, que figuran como anexo a este decreto.
Artigo 2. Publicación e inscrición
Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores
Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
Estatutos do Consello da Avogacía Galega
TÍTULO I
Disposicións xerais
CAPÍTULO I
Natureza, personalidade xurídica e sede
Artigo 1. Denominación e natureza xurídica
1. O Consello da Avogacía Galega é una corporación de dereito público integrada polos ilustres colexios da Avogacía da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.
2. Estas corporacións someteranse, na súa actuación e funcionamento, aos principios democráticos e ás normas estatais e autonómicas ditadas en materia de Colexios Profesionais.
Artigo 2. Personalidade xurídica
1. O Consello da Avogacía Galega e os colexios que o integran están recoñecidos e amparados pola Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia e as leis de colexios profesionais.
No seu respectivo ámbito de actuación, cada un deles é autónomo e ten personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para cumprir os seus fins, poderá a título oneroso ou lucrativo transferir, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos e, en xeral, ser titulares de todo tipo de dereitos, exercer ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións, incluída a constitucional.
2. A representación legal do Consello da Avogacía Galega recaerá na persoa que exerza a presidencia, que está lexitimada para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores, letrados ou calquera clase de mandatarios, logo de acordo do Pleno.
3. O Consello da Avogacía Galega terá un emblema composto pola superposición do escudo de Galicia, tal como se describe na Lei de símbolos do Parlamento de Galicia, sobre a balanza simbólica da xustiza.
Artigo 3. Sede
1. O Consello terá a súa sede na cidade onde radique o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o seu domicilio actual na rúa Federico Tapia, número 11, 1º A, da Coruña. As súas reunións poderán realizarasse fóra da súa sede.
2. A sede electrónica axustarase ao disposto na Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, e as normas de desenvolvemento, no que sexa de aplicación.
CAPÍTULO II
Natureza, personalidade xurídica e sede
Artigo 4. Fins
1. O Consello da Avogacía Galega terá como finalidade agrupar e coordinar os colexios integrados nel e asumir a súa representación nas cuestións de interese común ante a Xunta de Galicia e, en xeral, ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, no que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio.
2. En virtude do disposto no parágrafo anterior, o Consello da Avogacía Galega estará lexitimado para subscribir convenios de calquera clase no seu propio nome ou en representación dos colexios da avogacía, logo de mandato do Pleno en cada caso.
Artigo 5. Competencias
1. No seu ámbito territorial, o Consello terá as competencias atribuídas ao Consello Xeral da Avogacía Española en canto teñan ámbito ou repercusión soamente no territorio da Comunidade Autónoma
2. En todo caso, perténcenlle ao Consello ás seguintes competencias:
a) Elaborar, aprobar e modificar o seu propio estatuto e emitir informe sobre os dos colexios galegos.
b) Informar con carácter preceptivo os proxectos de fusión, absorción, segregación, cambio de denominación e disolución dos colexios da avogacía de Galicia
c) Formar e manter o censo dos profesionais incorporados aos colexios da avogacía de Galicia.
d) O exercicio e a xestión daquelas competencias que lle poidan ser delegadas por lei ou por acordo de calquera Administración pública.
Para tal fin, poderá establecer relacións de colaboración e subscribir convenios coas administracións públicas e con outras corporacións e entidades públicas ou privadas, en canto sexan de interese para a profesión.
e) As competencias e funcións previstas na Lei de colexios profesionais de Galicia, xunto coas que lle sexan transferidas, delegadas ou encomendadas polo Consello Xeral da Avogacía Española ou os colexios de Galicia de acordo con cadanseu estatuto, e calquera outra que se considere de interese para a profesión.
f) Designar representantes da avogacía para participar nos consellos, comisións e organismos consultivos da Administración pública do ámbito de Galicia.
g) Coñecer e resolver os recursos que se poidan interpoñer contra os acordos dos colexios da avogacía de Galicia sometidos a dereito administrativo.
Así mesmo, coñecer e resolver os recursos de reposición e revisión que se interpoñan contra os acordos ou resolucións do propio Consello.
h) Coñecer e resolver os expedientes disciplinarios que se instrúan contra membros das xuntas de goberno dos colexios da avogacía de galicia e do propio Consello da Avogacía Galega.
Así mesmo, levar un rexistro de sancións que afecten os integrantes dos colexios galegos.
i) Elaborar as normas deontolóxicas comúns á profesión.
j) Elaborar e aprobar o seu orzamento e as contas.
k) Fixar equitativamente a cooperación dos colexios para os gastos do Consello, por achegas fixas, eventuais ou contribucións extraordinarias, así como establecer os ingresos propios que poida ter por taxas, dereitos e retribucións como consecuencia dos servizos e actividades que preste.
l) Realizar, no que atinxe ao patrimonio propio do Consello, toda clase de actos de administración, disposición e gravame.
m) Establecer as súas normas de protocolo, que serán de aplicación prioritaria sobre calquera outro protocolo do ámbito da profesión en Galicia.
n) Dirimir os conflitos que se poidan suscitar entre os colexios da avogacía de Galicia.
ñ) Manter a sede electrónica coas funcións do portelo único regulada nas leis de colexios profesionais estatal e autonómica.
o) Aprobar a creación, suspensión ou disolución de agrupacións, comisións ou grupos de traballo de ámbito autonómico, que carecerán de personalidade xurídica propia actuarán baixo as directrices do Consello.
Artigo 6. Funcións
Para o exercicio das competencias citadas no artigo anterior, o Consello desenvolverá as seguintes funcións:
a) Fomentar, crear e organizar institucións, servizos e actividades relacionados coa avogacía, que teñan por obxecto a promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actuacións convenientes. Establecer, para tales fins, os concertos ou acordos máis oportunos coa Administración e coas institucións ou entidades que correspondan.
En especial, a formación profesional continua da avogacía, complementando a fornecida polos colexios e en coordinación con eles, así como a homologación dos requisitos de formación profesional cando fose preciso acreditala para a pertenza a quendas ou servizos, ou cando así o dispoña a lei.
b) Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares relacionados co dereito galego e co exercicio da avogacía na Comunidade Autónoma. Así mesmo, terá a función, compartida neste caso con todos ou con calquera dos colexios, de convocar ou patrocinar outros actos científicos e culturais.
c) Editar e publicar obras de carácter xurídico que sexan de interese para a profesión.
d) Colaborar cos poderes públicos na realización e no pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio, así como na protección, regulación e garantía máis eficientes, xustas e equitativas dos dereitos e liberdades da persoa.
e) Defender os dereitos e intereses dos colexios da avogacía galegos, así como os dos seus colexiados, cando sexa requirido polo colexio respectivo ou así estea legalmente establecido, velando polos cumprimento dos fins da avogacía pola dignidade, a liberdade e a independencia da profesión.
f) Emitir ditames e informes xurídicos, en especial sobre calquera aspecto relativo á profesión, agás en materia de honorarios, que lle corresponderán aos colexios nos termos do artigo 6.2.e) da Lei orgánica do dereito de defensa, polos que poderán percibir taxas ou dereitos de intervención.
Emitir informe, nos trámites de audiencia ou cando sexa solicitado expresamente, sobre os proxectos normativos por iniciativa da Xunta de Galicia, o Parlamento autonómico ou calquera outra institución, que afecten directa ou indirectamente o exercicio da avogacía, ou os dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución e no resto do ordenamento xurídico.
g) Impulsar e desenvolver medios adecuados de solución de controversias, para o cal se poderá crear ou constituír en institución de mediación e en administrador de arbitraxes.
h) Perseguir e denunciar a intrusión profesional ou o seu encubrimento no seu ámbito territorial.
i) Procurar a igualdade no exercicio profesional para todos os avogados e avogadas de Galicia, evitando calquera actuación contraria ao dito principio.
j) Fomentar a publicidade institucional da avogacía no seu ámbito territorial.
k) Crear, regular e outorgar distincións para premiar os méritos acreditados ao servizo da avogacía.
l) Calquera outra función análoga ás contidas nos puntos anteriores.
TÍTULO II
Organización e funcionamento do Consello
CAPÍTULO I
Órganos
Artigo 7. Órganos
O Consello contará cos seguintes órganos:
a) O Pleno.
b) A Presidencia.
c) A Vicepresidencia.
d) A Secretaría, que exercerá tamén as funcións de tesouraría nos termos do artigo 14.
Artigo 8. O Pleno
Correspóndelle ao Pleno do Consello da Avogacía Galega adoptar acordos nas materias, competencias e funcións que pertencen ao Consello da Avogacía Galega segundo este estatuto, e velar pola súa execución.
Artigo 9. Composición
1. O Pleno estará integrado polos decanos e decanas dos colexios da avogacía de Galicia, que elixirán de entre eles, en votación secreta, a persoa que exerza a presidencia, a vicepresidencia e a secretaría-tesouraría.
2. A duración destes cargos será dun ano, sen que poidan ser elixidos para máis de dous mandatos consecutivos.
3. Se algún membro cesa no seu cargo no Consello, elixirase a persoa que deba substituílo na mesma forma e polo mesmo período estatutarios, no primeiro Pleno que teña lugar.
4. Nas eleccións para tales cargos, cada un dos membros do Consello disporá dun só voto e será elixido o candidato ou candidata que obteña máis votos. En caso de empate, será nomeado quen teña máis antigüidade no decanato.
5. O presidente ou presidenta ocupará un lugar preferente en todos os actos oficiais que organicen os colexios da avogacía de Galicia. Terá a mesma consideración honorífica e tratamento que o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, e os conselleiros, que os maxistrados do dito tribunal.
Artigo 10. Funcionamento do pleno. Sesións e adopción de acordos
1. O Pleno reunirase, como mínimo, cada tres meses, e cantas veces o convoque o seu Presidente, por decisión propia ou por petición de tres conselleiros, como mínimo.
2. Cada conselleiro poderá estar representado por un membro da Xunta de Goberno do colexio respectivo ou por outro membro do Pleno. A representación conferirase para cada sesión.
3. A convocatoria do Pleno farase, polo menos, con oito días de anticipación, salvo casos de urxencia. Será cursada pola Secretaría Técnica, logo de mandato da Presidencia, que porá ao dispor das persoas convocadas a orde do día e a documentación pertinente.
A convocatoria sinalará o lugar da realización e poderá ser telemática para todos ou para algún dos asistentes.
4. As reunións do Consello quedarán validamente constituídas cando asistan, polo menos catro dos seus compoñentes e poderán ser gravadas se así o decide a totalidade dos asistentes.
5. Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas asistentes, presentes ou representadas. Cada unha delas terá un só voto. As abstencións non se computarán para apreciar a maioría.
6. As deliberacións serán secretas e o seu contido non poderá transcender do ámbito interno do Consello da Avogacía Galega. As actas, acordos e documentos que non se deban publicar no portal de transparencia non se poderán difundir fóra do ámbito colexial, salvo polas canles de comunicación oficiais que o Consello estableza. O incumprimento destas obrigas constituirá infracción disciplinaria grave e será sancionado conforme o disposto no Estatuto xeral da avogacía española.
Artigo 11. A presidencia
1. Correspóndelle ao presidente ou presidenta:
a) Exercer a representación máxima da avogacía galega en calquera acto público ou órgano en que estea integrado. Así mesmo, exercer a representación orgánica do Consello da Avogacía Galega, e correspóndelle o exercicio de cantas competencias, facultades e funcións lle atribúa este estatuto e sexan necesarias para as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera índole, sempre que se trate de materias de carácter xeral para a profesión dentro do ámbito do Consello.
b) Exercer as accións que correspondan en defensa dos colexios integrados no Consello da Avogacía e dos seus colexiados, ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral para todos os colexios de Galicia, sen prexuízo da autonomía e competencias que correspondan a cada colexio.
c) Convocar, fixar a orde do día e presidir as reunións do Pleno do Consello. Ordenar as deliberacións e abrir, suspender ou levantar as sesións.
d) Presidir e dirixir as deliberacións, abrir, suspender e pechar as sesións dos congresos, xornadas e simposios que organice o Consello.
e) Dirimir con voto de calidade os empates que resulten das votacións do Pleno, agás no caso previsto no artigo 9.4.
Artigo 12. A Vicepresidencia
O vicepresidente ou vicepresidenta asumirá as funcións da Presidencia en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.
Desempeñará, ademais, todas aquelas funcións que lle confira ou delegue nel/nela o presidente ou o Pleno.
Artigo 13. A Secretaría
Correspóndelle ao secretario ou secretaria:
a) Autorizar as actas das sesións do Consello. Dar conta das inmediatamente anteriores para a súa aprobación, se for o caso. Informar, se procede, sobre os asuntos que en tales reunións se deban tratar e lle encomende o/a presidente/a.
b) Supervisar a execución dos acordos do Consello, así como as resolucións que, conforme o estatuto, dite a Presidencia.
c) Informar o Consello e os seus membros, con facultade de iniciativa, en todos cantos asuntos sexan de competencia do Consello da Avogacía Galega.
d) Auxiliar na súa misión a presidencia e promover cantas iniciativas de orde técnico-profesional e corporativa se deban adoptar.
e) Asinar e custodiar as actas e demais documentación xerada ou recibida, redactar e autorizar as certificacións dos acordos.
f) Dirixir e supervisar as funcións e tarefas da Secretaría Técnica e da oficina administrativa, conforme o disposto no artigo 15.2 deste estatuto.
g) Levar o rexistro de sancións, anotando en cada expediente as circunstancias do artigo 5.2.h) deste estatuto.
h) Redactar e autorizar a publicación da memoria anual das actividades e proxectos do Consello.
i) Exercer a alta dirección dos servizos que se poidan crear no Consello e calquera outro que lle encomende o Pleno.
j) Asumir a Xefatura do persoal administrativo e das dependencias do Consello. Solicitar os informes precisos segundo a natureza dos asuntos que se resolvan, sen que estes informes sexan vinculantes para á secretario/a.
k) Propor e xestionar cantos asuntos sexan conducentes ao bo funcionamento administrativo.
Artigo 14. Funcións de tesourería
Tamén lle corresponden á Secretaría as seguintes funcións de tesouraría:
a) Realizar ou autorizar os cobramentos, os pagamentos e as operacións contables e bancarias que procedan para o funcionamento do Consello.
b) Levar os libros necesarios para o rexistro dos ingresos e gastos que afecten a caixa do Consello e, en xeral, o seu movemento patrimonial.
c) Dar conta á Presidencia e ao Pleno do Consello da situación da tesouraría e do desenvolvemento das previsións orzamentarias.
d) Propor e xestionar cantos asuntos sexan conducentes ao bo funcionamento contable do investimento dos fondos do Consello.
e) Formular a memoria económica anual coas contas xerais de tesouraría.
f) Elaborar o proxecto anual de orzamentos.
g) Subscribir o balance que se deduza da contabilidade, efectuando os arqueos que correspondan de maneira regular e periódica.
CAPÍTULO II
A Secretaría Técnica
Artigo 15. Natureza e funcións
1. A Secretaría Técnica é un órgano executivo de coordinación designado polo Pleno, que servirá de apoio a este e aos restantes órganos do Consello.
2. A Secretaría Técnica exercerá a xerencia da infraestrutura do Consello, será a responsable administrativa dos servizos e terá as funcións que lle sexan encomendadas ou delegadas, que desenvolverá baixo as directrices e a supervisión da Secretaría do Consello.
3. Ademais, informará sobre cantos asuntos poidan convir ou resulten máis económicos ao Consello e aos colexios integrados nel.
En todo caso, os servizos dos diferentes colexios integrados no Consello constituirán órganos de apoio ao mesmo.
CAPÍTULO III
Principios de actuación e transparencia
Artigo 16. Principios de actuación
1. O Consello axustará o seu funcionamento aos principios de legalidade, eficiencia, economía, coordinación, control orzamentario e servizo á cidadanía.
2. Para a coordinación e o exercicio das súas funcións e competencias, o Consello poderá aprobar os regulamentos internos e protocolos de actuación máis convenientes.
Artigo 17. Transparencia
1. O Consello da Avogacía Galega estará suxeito ao principio de transparencia e responsabilidade na súa xestión.
2. O Consello elaborará unha memoria anual que conteña, polo menos, a información a que se refire o artigo 10 ter da Lei de colexios profesionais de Galicia, que será publicada nos termos do artigo 20 deste estatuto.
Artigo 18. Obrigas de comunicación do Consello á Xunta de Galicia
O Consello terá que lle comunicar ao órgano competente da Administración autonómica:
a) O texto do seu estatuto e as súas modificacións, para que, logo de cualificación da súa legalidade, sexan inscritos e publicados no Diario Oficial de Galicia.
b) As persoas que integran o Consello, con indicación dos cargos que ocupan.
Artigo 19. Obrigas de comunicación dos colexios ao Consello da Avogacía Galega
Os colexios da avogacía de Galicia terán que lle notificar á Secretaría do Consello:
a) Os seus respectivos estatutos e modificacións.
b) Os nomes dos membros das súas xuntas de goberno.
c) A relación de persoas colexiadas, exercentes ou non exercentes, ata o 31 de decembro de cada ano, e as altas e baixas que se produzan, con indicación da causa destas últimas, co obxecto de poder manter actualizado o censo.
d) As sancións disciplinarias que impoñan; a firmeza das resolucións sancionadoras; os recursos e acordos de suspensión; os acordos resolutorios daqueles; o inicio da execución; o cumprimento e a cancelación.
CAPÍTULO IV
Portelo único e atención á cidadanía
Artigo 20. Portelo único, Portal de transparencia e sede electrónica
As funcións de portelo único previstas nas leis de colexios profesionais serán realizadas a través da páxina web do Consello, na cal se inserirá o seu portal de transparencia, o acceso á sede electrónica e as demais publicacións previstas na lexislación vixente.
Artigo 21. Servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias e colexiadas
1. O Consello disporá dun servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias e colexiadas nos termos establecidos na Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O dito servizo tramitará e, cando sexa competente, resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade do Consello, dos colexios ou dos profesionais da avogacía presente calquera persoa interesada, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.
TÍTULO III
Réxime económico
Artigo 22. Autonomía financeira
1. A economía do Consello da Avogacía Galega é independente da dos respectivos colexios integrados nel e cada colexio será autónomo na xestión e administración dos seus bens, aínda que contribuirán ao orzamento do Consello na forma que a continuación se sinala.
2. O Consello da Avogacía Galega disporá dos seus propios medios instrumentais, tanto económicos como persoais.
Artigo 23. Recursos económicos
Para cubrir os gastos do Consello da Avogacía Galega, este disporá dos seguintes recursos:
a) As cotas que estableza aos colexios da avogacía de Galicia, que serán fixadas en proporción ao número de persoas colexiadas, exercentes e non exercentes, inscritas neles ata o 31 de decembro do ano anterior.
b) O importe dos dereitos económicos polos documentos e certificados que expida.
c) Subvencións públicas ou privadas, doazóns e legados que o Consello poida recibir.
d) As derramas extraordinarias que o Consello poida determinar por circunstancias excepcionais.
e) Os dereitos por prestación de servizos e actividades que realice o Consello.
f) Outros ingresos que o Consello poida percibir con motivo das súas actividades.
Artigo 24. Orzamento e contabilidade
1. O Consello pechará o exercicio económico ao final de cada ano natural e formulará o proxecto de orzamento para o ano seguinte e un balance xeral e a liquidación do orzamento do ano anterior, que someterán ao estudo e aprobación do seu pleno.
2. O orzamento terá un carácter meramente estimativo e comprenderá todos os ingresos e gastos previstos para cada ano natural.
Artigo 25. Control financeiro e orzamentario
1. O Consello da Avogacía Galega sométese ao principio de control orzamentario, garantindo a xestión eficiente, transparente e responsable dos seus recursos.
2. Deberá ser auditado de forma interna cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles poida corresponder aos organismos públicos no ámbito da súa competencia. A auditoría deberá ser aprobada polo Pleno do Consello e asegurarase que os membros saíntes dos órganos directivos se absteñan de participar na votación para garantir a imparcialidade.
3. Así mesmo, os fondos públicos que reciba estarán sometidos ao control e a fiscalización das administracións públicas conforme a normativa aplicable.
TÍTULO IV
Réxime xurídico dos actos sometidos a dereito administrativo e potestade sancionadora
Artigo 26. Réxime xurídico
1. Os colexios da avogacía de Galicia e o Consello da Avogacía Galega, en canto corporacións de dereito público, están suxeitos ao dereito administrativo no relativo á constitución dos seus órganos e no exercicio de funcións administrativas.
2. A actividade xurídico-administrativa do Consello axustarase ao disposto na Lei de colexios profesionais de Galicia e na Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo do disposto neste estatuto e dos acordos, instrucións e regulamentos de réxime interno que adopte.
3. As resolucións ditadas polo Consello da Avogacía Galega porán fin á vía administrativa, sen prexuízo do disposto no artigo 27.3.
Artigo 27. Recursos administrativos
1. Contra os acordos suxeitos ao dereito administrativo emanados do órgano de goberno dos colexios da avogacía de Galicia caberá recurso de alzada ante o Consello da Avogacía Galega.
2. Contra as resolucións do Consello poderán interporse recurso potestativo de reposición e recurso extraordinario de revisión, nos prazos e supostos previstos na lexislación administrativa común.
3. No suposto de actos e resolucións ditados no exercicio de competencias administrativas delegadas, observaranse os termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer, de ser o caso, do recurso correspondente.
Artigo 28. Exercicio da potestade sancionadora
1. O Consello da Avogacía Galega é titular da potestade sancionadora para depurar as infraccións administrativas ou deontolóxicas cometidas polos avogados e avogadas con ocasión do exercicio profesional no seu ámbito territorial, e exerce a competencia para o exercicio da función disciplinaria:
a) En única instancia, cando a persoa afectada sexa membro da Xunta de Goberno de calquera dos colexios da avogacía de Galicia, e respecto dos membros do propio Consello.
b) En única instancia, naqueles supostos que transcendan a competencia territorial dun colexio da avogacía dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, pola grave repercusión no ámbito da profesión ou no ámbito económico, ou por producir un prexuízo económico a unha xeneralidade de persoas.
c) En segunda e última instancia administrativa, na resolución dos recursos interpostos contra os acordos dos colexios neste eido.
2. A tipificación das infraccións e a determinación das sancións correspondentes realizaranse tendo en conta a normativa aplicable no colexio da avogacía en cuxo ámbito territorial se producise a conduta presuntamente infractora, de acordo co disposto no Estatuto xeral da avogacía española.
3. Os procedementos en materia deontolóxica e disciplinaria axustaranse con carácter xeral, ao disposto na Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 133 do Estatuto xeral da avogacía española, coas seguintes especificacións:
a) O Pleno do Consello será, en todo caso, o órgano competente para ditar a resolución do procedemento.
b) A tramitación impulsaraa de oficio a Secretaría Técnica do Consello baixo as directrices do relator designado polo Pleno, que non poderá intervir no debate nin na votación da resolución do expediente.
c) O prazo máximo para resolver será dun ano para os expedientes disciplinarios e de seis meses para os recursos de alzada.
4. Na falta das previsións deste estatuto e dos regulamentos e acordos que poida adoptar o Consello da Avogacía Galega neste eido, aplicarase o título XI do Estatuto xeral da avogacía española.
TÍTULO V
Extinción
Artigo 29. Extinción
1. A extinción do Consello da Avogacía Galega terá lugar por iniciativa do propio Consello ou da maioría dos colexios que o integran, sempre que representen, pola súa vez, a maioría dos colexiados da profesión na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para tal fin, a iniciativa someterase á decisión das asembleas dos sete colexios, convocadas con carácter extraordinario para este único fin, nun prazo común de dous meses. Para a validez de tales acordos, deberán cumprirse os mesmos requisitos de convocatoria, quórum e maiorías que os previstos para a extinción do propio colexio, segundo cadanseu estatuto.
3. O acordo establecerá cal será o órgano que asuma as súas funcións e competencias, o procedemento de liquidación, así como o destino do patrimonio, dos créditos e das débedas resultantes.
4. O acordo deberá ser aprobado mediante decreto, de acordo co disposto na Lei de colexios profesionais de Galicia.
