I
A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, regulou, por primeira vez na nosa comunidade autónoma, a figura das entidades de certificación de conformidade municipal, coa finalidade de habilitar a súa intervención, con carácter facultativo, no desenvolvemento de actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade das instalacións, dos establecementos e das actividades coa normativa aplicable en cada caso no ámbito municipal.
Esta norma foi desenvolvida polo Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, aprobado polo Decreto 144/2016, do 22 de setembro, que recolleu, no seu título IV, unha regulación detallada das referidas entidades e procedeu á creación do seu rexistro, dependente da consellería competente en materia de seguridade industrial.
A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deu un paso máis na colaboración entre a Administración e as entidades de certificación de conformidade municipal, ao introducir no ámbito urbanístico a posibilidade de que puidesen colaborar cos concellos para facilitar e reducir os prazos para o outorgamento dos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística relativos aos actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo para a implantación das iniciativas empresariais e para as actuacións de desenvolvemento de solo empresarial ou residencial.
Posteriormente, a Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na liña de seguir avanzando na senda da simplificación administrativa, modificou a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, facendo extensible a intervención das entidades de certificación de conformidade municipal a todas as solicitudes de licenza e comunicacións previas referidas a actos de edificación ou uso do solo ou do subsolo. Isto permitiu unha redución do prazo de resolución das licenzas a un mes, fronte aos tres meses exixidos con carácter xeral, e a produción de efectos inmediatos, desde o momento da súa presentación, das comunicacións previas.
Non obstante, a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, remitía á Lei 9/2013, do 19 de decembro, no que atinxe aos requisitos técnicos, de persoal, de independencia e de acreditación destas entidades.
A experiencia acumulada durante estes anos demostrou que a intervención das entidades de certificación de conformidade municipal permitiu simplificar os procedementos administrativos e optimizar o uso dos recursos públicos, moitas veces limitados, dotando, deste xeito, a Administración de mecanismos de resposta máis inmediata e flexible, adaptables, en cada momento, ás necesidades de verificación, inspección e control.
Neste contexto, a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modificou tanto a Lei 9/2013, do 19 de decembro, como a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, coa finalidade de unificar o réxime xurídico destas entidades e atribuír á consellería competente en materia de urbanismo as funcións relativas á súa autorización e rexistro, así como a competencia sancionadora.
Ademais, en liña coas distintas medidas de simplificación administrativa que se veñen adoptando, esta norma atribuíu ás certificacións de conformidade que acompañen as solicitudes de licenza urbanística a mesma validez e efectos cós informes técnicos e xurídicos municipais, que se entenderán substituídos automaticamente polas ditas certificacións, establecendo, ao mesmo tempo, mecanismos de salvagarda do principio de autonomía local.
O artigo 48.3 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, establece que regulamentariamente se establecerán os requisitos exixibles para a autorización destas entidades, así como o seu rexistro, o desenvolvemento das súas actividades e o seu réxime xurídico.
Cómpre, polo tanto, desenvolver o novo marco legal mediante unha regulación única, integral e pormenorizada do réxime xurídico das entidades de certificación de conformidade municipal e do seu rexistro, facilitando, así, a súa accesibilidade por toda a cidadanía e as administracións públicas, sempre dentro do marco da lexislación estatal e autonómica e garantindo a seguridade xurídica e o principio de autonomía local.
En definitiva, este decreto constitúe unha oportunidade de mellorar, definir e avanzar nun desenvolvemento normativo completo das citadas entidades, tanto no eido das actuacións urbanísticas como da implantación de actividades e apertura de establecementos. Ao mesmo tempo contribúe ao seu coñecemento por parte da cidadanía, ao acceso aos seus servizos e á transparencia da súa actuación.
II
O decreto consta de 51 artigos estruturados en cinco capítulos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
O capítulo I refírese ao obxecto, réxime xurídico das entidades de certificación de conformidade municipal e ámbito de aplicación da norma.
O capítulo II enumera os requisitos, as funcións e os principios de actuación das entidades de certificación de conformidade municipal, así como o persoal ao servizo destas entidades.
O capítulo III, baixo a rúbrica «Rexistro das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia», regula a súa natureza, estrutura, xestión, os datos inscritibles, o procedemento de inscrición, así como os supostos e o procedemento para a modificación, suspensión e cancelación da inscrición.
O réxime de funcionamento das entidades de certificación de conformidade municipal é obxecto do capítulo IV, que incorpora unha regulación pormenorizada das funcións destas entidades, dos documentos emitidos por aquelas no exercicio destas funcións e do contido destes últimos.
O capítulo V regula, finalmente, as obrigas das entidades de certificación de conformidade municipal, tanto xenéricas como específicas fronte aos concellos e ás persoas e entidades usuarias ou destinatarias dos seus servizos. Tamén se inclúen as prohibicións e incompatibilidades destas entidades, o seu réxime de responsabilidade, control e inspección, as reclamacións contra as súas actuacións que pode presentar calquera persoa que teña un interese lexítimo e as especificacións relativas ao réxime sancionador.
Completan o texto do decreto dúas disposicións adicionais, unha transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras, así como tres anexos relativos aos modelos normalizados para a solicitude de inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia e de modificación dos datos inscritos no dito rexistro.
III
O decreto tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Para estes efectos, con carácter previo á elaboración do anteproxecto de decreto, levouse a cabo unha consulta pública a través do Portal de transparencia e goberno aberto e, unha vez iniciado o procedemento, constituíuse unha comisión encargada da redacción do anteproxecto de decreto, de conformidade co establecido na disposición adicional décimo sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
O proxecto de decreto foi sometido a información pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e a audiencia dos grupos ou sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia. Así mesmo, foron solicitados os informes preceptivos da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, do Instituto Galego de Estatística, da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo e da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
Ademais, este decreto adecúase aos principios de boa regulación –necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia– previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, consonte os cales deben actuar as administracións públicas no exercicio da súa potestade regulamentaria.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xullo de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto deste decreto é desenvolver o réxime xurídico das entidades de certificación de conformidade municipal na Comunidade Autónoma de Galicia e regular o seu rexistro.
2. Para os efectos previstos no número anterior, este decreto ten por obxecto regular os seguintes procedementos:
a) Inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, suspensión e cancelación da inscrición (código de procedemento IF300A).
b) Modificación de datos inscritos no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF300B).
Artigo 2. Réxime xurídico
As entidades de certificación de conformidade municipal (en diante, ECCOM) réxense polo establecido no capítulo IV do título III da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, polas previsións da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que lle son aplicables, polas disposicións deste decreto, e polo resto da normativa específica que resulte de aplicación.
Artigo 3. Ámbito de aplicación
Este decreto aplicarase ás ECCOM que exerzan as súas funcións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
CAPÍTULO II
Entidades de certificación de conformidade municipal
Artigo 4. Definición
1. De conformidade co establecido no artigo 47.1 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, as ECCOM son aquelas entidades dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar que, logo de cumpriren os requisitos que se establecen nesa lei e dos que se determinen regulamentariamente, se constitúan coa finalidade de desenvolver actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade das obras, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal, incluíndo tanto a fase previa ao outorgamento ou á eficacia dos títulos habilitantes como, posteriormente o ámbito da execución da obra ou o funcionamento da actividade.
2. Os colexios profesionais poderán exercer as funcións sinaladas neste artigo sempre que se constitúan como ECCOM cumprindo os requisitos exixidos para tal efecto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, e neste decreto.
Artigo 5. Funcións
As ECCOM exercerán as seguintes funcións:
a) Certificación da conformidade coa normativa aplicable no ámbito municipal das obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades na fase previa ao outorgamento ou á eficacia dos títulos habilitantes municipais.
b) Colaboración coa Administración municipal no exercicio das competencias de comprobación de obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades.
c) Colaboración no control periódico da conformidade das obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal.
Artigo 6. Principios de actuación
1. As ECCOM rexeranse polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia.
2. As ECCOM non terán carácter de autoridade e a súa actuación non substitúe nin exclúe, con carácter xeral, as potestades administrativas de comprobación, inspección ou control propias das administracións públicas competentes.
3. As ECCOM terán todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de entidade empresarial e serán as únicas responsables do cumprimento de cantas disposicións legais resulten de aplicación, en especial en materia laboral, tributaria, de contratación, seguridade social, integración social de persoas con discapacidade e prevención de riscos laborais.
Artigo 7. Requisitos
1. As ECCOM, para exercer a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As ECCOM deberán cumprir os seguintes requisitos para a súa inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Estar acreditadas como entidade de inspección tipo A conforme a Norma UNE-EN ISO/IEC 17020 para as actividades de avaliación. A dita acreditación deberá obterse da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), en virtude do Real decreto 1715/2010, do 17 de decembro, polo que se designa a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) como organismo nacional de acreditación de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 765/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de xullo de 2008, polo que se establecen os requisitos de acreditación e vixilancia do mercado relativos á comercialización dos produtos e polo que se derroga o Regulamento (CEE) nº 339/1993.
b) Ter constituído como garantía patrimonial un seguro mínimo de responsabilidade civil de 2.000.000 de €, que deberá incluír a actividade da entidade e a dos seus profesionais.
Na cobertura do seguro contratado incluiranse, cando menos, todos os factores de risco asociados ás actividades que son obxecto das funcións da entidade, sen que esta contía limite en ningún caso a súa responsabilidade.
c) Dispoñer, como mínimo, do seguinte persoal:
1º. Unha persoa licenciada ou graduada en dereito, habilitada para o exercicio da profesión, con experiencia acreditada por un período mínimo de cinco anos na función de asesoramento xurídico en materia de planeamento, xestión e disciplina urbanística ou aspectos xurídico-técnicos relativos á construción, edificación e urbanización.
2º. Dúas persoas arquitectas ou enxeñeiras habilitadas para o exercicio da profesión, que conten cunha experiencia profesional de cinco anos na redacción, dirección e interpretación de proxectos de obras de edificación e na interpretación e aplicación de instrumentos de planeamento e de xestión urbanística.
No suposto de ECCOM que se inscriban na sección I, como mínimo, un dos profesionais deberá ser arquitecta/o habilitada/o para o exercicio da profesión.
En todo caso, o persoal técnico directamente responsable das actuacións das ECCOM deberá estar en posesión da titulación oficial requirida en función do proxecto que teñen que informar ou do obxecto concreto da específica actuación de certificación, verificación, inspección e control que teñan que desenvolver en cada caso.
Artigo 8. Persoal
En ningún caso o persoal das ECCOM terá vinculación xurídico-laboral cos concellos para os cales realicen funcións de colaboración ou cos seus organismos públicos. Corresponderá ás administracións públicas velar por que no desenvolvemento destas funcións non se produzan situacións que poidan propiciar a existencia dunha cesión ilegal de traballadores prevista no artigo 43.2 do Texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
Artigo 9. Máximo cargo de responsabilidade técnica
1. As ECCOM deberán designar unha persoa que desempeñe o máximo cargo de responsabilidade técnica da entidade, así como a que a substitúa en caso de ausencia ou imposibilidade. Ambas serán nomeadas entre aquelas que posúan a titulación e experiencia mínimas exixidas no artigo 7.2.c).2º e formarán parte do persoal mínimo da entidade.
A persoa que desempeñe o máximo cargo de responsabilidade técnica das ECCOM que se inscriban na sección I deberá ser arquitecta habilitada para o exercicio da profesión.
2. A persoa designada terá a función de supervisar os criterios técnicos, traballos e informes trasladados polo persoal técnico que preste servizos para a ECCOM.
Igualmente, correspóndelle a función de coordinar todas as actuacións de carácter técnico da entidade.
3. A persoa a que corresponda a superior responsabilidade técnica asumirá a mesma responsabilidade que a dos propios técnicos actuantes, e asinará con eles os documentos emitidos polas ECCOM.
CAPÍTULO III
Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal
da Comunidade Autónoma de Galicia
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 10 Natureza
O Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia é un rexistro público de carácter administrativo, adscrito á consellería competente en materia de urbanismo, que ten por obxecto garantir a transparencia e a publicidade no exercicio da actividade das ECCOM que desenvolvan as súas funcións na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 11. Estrutura e xestión
1. O Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia estruturarase nas seguintes seccións:
a) Sección I, en que se inscribirán as ECCOM habilitadas para realizar as funcións previstas no artigo 146.bis da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
b) Sección II, en que se inscribirán as ECCOM habilitadas para realizar as funcións previstas no capítulo IV do título III da Lei 9/2013, do 19 de abril.
2. O Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A xestión do Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia corresponderá á consellería competente en materia de urbanismo, que poderá solicitar, se é o caso, a colaboración da consellería competente en materia de seguridade industrial para as inscricións que se practiquen na sección II.
Artigo 12. Datos inscritibles
1. Serán obxecto de inscrición as ECCOM habilitadas para operar no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as modificacións, suspensións e cancelacións das inscricións que se produzan conforme o disposto neste capítulo.
2. Nas inscricións que se practiquen constarán, como mínimo, os seguintes datos:
a) Número de identificación fiscal (en diante, NIF), razón social ou denominación e domicilio da ECCOM.
b) Número identificativo da acreditación da ENAC.
c) Número de inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Data da inscrición.
e) Funcións para cuxo exercicio estea habilitada a ECCOM.
f) Identificación da persoa ou persoas que asuman os cargos de dirección e xestión da ECCOM, así como da persoa que asuma o máximo cargo de responsabilidade técnica e do persoal mínimo exixido no artigo 7.
3. De acordo co artigo 25.2 da Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia, o Instituto Galego de Estatística terá dereito a solicitar e obter os datos contidos no rexistro para executar a planificación estatística.
Artigo 13. Constancia da inscrición no rexistro
As ECCOM farán constar nos documentos que emitan no exercicio da súa actividade e nas comunicacións coas administracións públicas a referencia da súa inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
Sección 2ª. Procedemento de inscrición
Artigo 14. Solicitude de inscrición
1. A solicitude de inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos e dirixirase á secretaría xeral da consellería competente en materia de urbanismo a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, que figura como anexo I (código de procedemento IF300A).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 15. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de inscrición a seguinte documentación:
a) Escritura pública ou documento de constitución, estatutos ou acto fundacional, nos cales consten as normas polas cales se regula a actividade da ECCOM, debidamente inscritos, de ser o caso, no rexistro público que corresponda, segundo o tipo de persoa xurídica de que se trate.
b) Documentación acreditativa da representación, de ser o caso.
c) Certificado da acreditación da entidade expedido pola ENAC.
d) Póliza do seguro mínimo de responsabilidade civil contratado en que figuren as cláusulas xerais e particulares que reflictan a cobertura e o capital asegurado, xunto co recibo de pagamento das primas correspondentes ao período do seguro en curso.
e) Anexo II de relación de persoal mínimo da ECCOM.
f) Currículo do persoal mínimo da ECCOM en que conste a experiencia profesional requirida.
g) Certificado de vida laboral do persoal mínimo da ECCOM en que conste a experiencia profesional exixida polo artigo 7.2.c).
h) Certificado das entidades para as que prestou servizos o persoal mínimo da ECCOM en que conste a experiencia profesional requirida, no suposto de que non figure no certificado de vida laboral.
i) Documento en que conste o nomeamento da persoa ou persoas que asuman os cargos de dirección e xestión das ECCOM e da persoa que asuma o cargo de máxima responsabilidade técnica.
j) Xustificante do pagamento da taxa, agás que o pagamento da taxa se inicie e finalice electronicamente a través da sede.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada neste artigo. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 16. Comprobación de datos
1. Para a tramitación dos procedementos regulados neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña:
a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante e comunicante e, de ser o caso, da entidade representante.
c) DNI ou NIE das persoas que integran a relación de persoal mínimo das ECCOM.
d) Verificación de títulos oficiais universitarios das persoas que integran a relación de persoal mínimo das ECCOM.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario pertinente e achegar o documento.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 17. Emenda da solicitude
Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo da correspondente resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. A consellería competente en materia de urbanismo poderá solicitar colaboración da consellería con competencias en materia de seguridade industrial para as inscricións que se practiquen na sección II do Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 19. Resolución
1. Correspóndelle á persoa titular da secretaría xeral da consellería competente en materia de urbanismo resolver sobre as solicitudes de inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de inscrición, de conformidade co disposto na lexislación do procedemento administrativo común.
3. A resolución non porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 20. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizarase só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá as persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sección 3ª. Efectos e vixencia da inscrición
Artigo 21. Efectos da inscrición
A inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia habilitará a ECCOM para exercer as súas funcións desde a data en que aquela se produza.
Artigo 22. Prazo de vixencia
A inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia terá carácter indefinido, sen prexuízo da súa suspensión ou cancelación por algunha das causas previstas neste decreto.
Sección 4ª Modificación, suspensión e cancelación da inscrición
Artigo 23. Modificación da inscrición
1. As ECCOM deberán comunicar á secretaría xeral da consellería competente en materia de urbanismo calquera modificación dos datos inscritos no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia no prazo dun mes desde que aquela se produza.
2. A comunicación prevista no número anterior presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal que figura como anexo III (código de procedemento IF300B).
3. As ECCOM deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:
a) Memoria xustificativa da modificación dos datos inscritos no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Documentación acreditativa da modificación dos datos inscritos no rexistro.
c) Anexo II de relación de persoal mínimo da ECCOM, no suposto de modificacións do persoal mínimo da entidade.
d) Currículo do persoal mínimo da ECCOM, en que conste a experiencia profesional requirida, no suposto de modificacións do persoal mínimo da entidade.
e) Certificado de vida laboral do persoal mínimo da ECCOM en que conste a experiencia profesional requirida, no suposto de modificacións do persoal mínimo da entidade.
f) Certificado das entidades para as que prestou servizos o persoal mínimo da ECCOM en que conste a experiencia profesional requirida que non figure no certificado de vida laboral, no suposto de modificacións do persoal mínimo da entidade.
g) Xustificante do pagamento da taxa administrativa, agás que o pagamento da taxa se inicie e finalice electronicamente a través da sede.
4. A forma de presentación da comunicación da modificación dos datos inscritos e da documentación complementaria, a comprobación de datos, as notificacións de resolucións e actos administrativos e os trámites posteriores á presentación das comunicacións realizaranse nos termos previstos na sección 2ª do capítulo III.
Artigo 24. Suspensión da inscrición
1. A inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia poderá suspenderse cando concorra algunha das seguintes causas:
a) Suspensión temporal da acreditación outorgada pola ENAC.
b) Carencia sobrevida do persoal mínimo exixido no artigo 7.
c) Carencia sobrevida do seguro mínimo de responsabilidade civil exixido no artigo 7.
d) Imposición de sanción accesoria pola comisión dunha infracción grave ou moi grave nos termos previstos no artigo 58 da Lei 9/2013, do 19 de decembro.
e) Medida provisional adoptada durante a tramitación do procedemento de cancelación da inscrición, polo tempo que medie desde o seu inicio ata a resolución que lle poña fin.
2. A suspensión da inscrición no rexistro non poderá exceder os tres anos, ou un ano no caso de que se impoña como sanción accesoria pola comisión dunha infracción grave, e impedirá á ECCOM o exercicio das súas funcións no tempo da súa duración. Transcorrido o dito prazo, a persoa titular da secretaría xeral competente en materia de urbanismo ditará a correspondente resolución de levantamento da suspensión ou, de ser o caso, de cancelación da inscrición.
3. A suspensión da inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, realizada con axuste á lei e a este decreto, non dará dereito a indemnización ningunha.
Artigo 25. Cancelación de inscrición
1. A cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia acordarase por algunha das seguintes causas:
a) Solicitude da ECCOM.
b) Extinción da personalidade xurídica ou perda da capacidade de obrar da dita entidade.
c) Retirada da acreditación concedida pola ENAC.
d) Imposición de sanción accesoria pola comisión dunha infracción grave ou moi grave nos termos previstos no artigo 58 da Lei 9/2013, do 19 de decembro.
e) Transcurso do prazo de suspensión de tres anos previsto no artigo 24.2 sen que se dite a correspondente resolución de levantamento daquela.
2. A cancelación da inscrición realizada con axuste á Lei e a este decreto non dará dereito a indemnización ningunha.
Artigo 26. Procedemento para a suspensión e a cancelación da inscrición
1. A suspensión e a cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia poderá realizarse de oficio ou por solicitude da entidade interesada.
2. As solicitudes de suspensión e cancelación da inscrición no dito rexistro presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal que figura como anexo I (código de procedemento IF300A).
3. As ECCOM deberán achegar coa solicitude de suspensión ou cancelación a seguinte documentación:
a) Memoria xustificativa da suspensión ou cancelación dos datos inscritos no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Documentación acreditativa da concorrencia dunha causa de suspensión ou cancelación da inscrición.
4. A forma de presentación das solicitudes e documentación complementaria, a comprobación de datos, as notificacións de resolucións e actos administrativos, os trámites posteriores á presentación das solicitudes e a emenda destas últimas realizaranse nos termos previstos na sección 2ª do capítulo III.
5. A suspensión ou cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá resolución da secretaría xeral competente en materia de urbanismo, que poderá solicitar a colaboración da consellería competente en materia de seguridade industrial cando afecte ECCOM inscritas na sección II.
6. A resolución de suspensión ou cancelación adoptarase logo da instrución do correspondente procedemento no cal, en todo caso, se dará audiencia á ECCOM interesada.
7. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de conformidade co disposto na lexislación do procedemento administrativo común. No suposto de procedementos de suspensión ou cancelación da inscrición incoados de oficio, o transcurso do prazo máximo para resolver sen ditar resolución comportará a caducidade do procedemento.
8. O procedemento previsto nos números anteriores non será de aplicación aos supostos de suspensión da inscrición no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia pola causa prevista no artigo 24.1.e), que se rexerán polo establecido no artigo 56 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
9. A suspensión e a cancelación inscribiranse no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.
10. As ECCOM responderán dos posibles danos e perdas que deriven da cancelación ou suspensión da súa inscrición.
CAPÍTULO IV
Réxime de funcionamento
Sección 1ª. Disposicións comúns
Artigo 27. Actuación das ECCOM
1. As ECCOM desenvolverán as súas funcións en réxime de libre competencia, por solicitude das persoas interesadas e dos concellos sen que, en ningún caso, a súa intervención teña carácter preceptivo.
2. A relación entre as ECCOM e as persoas e entidades privadas que soliciten os seus servizos estará suxeita ao dereito privado.
3. A actuación das ECCOM non substituirá en ningún caso a necesidade da intervención dos organismos de control recollidos na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, para a verificación do cumprimento das condicións e requisitos de seguridade establecidos nos regulamentos de seguridade para os produtos e instalacións industriais.
Artigo 28. Documentación
1. As ECCOM formalizarán as súas actuacións a través de certificacións de conformidade, certificados, actas, informes e ditames.
2. A consellería competente en materia de urbanismo e os concellos poderán aprobar modelos dos documentos que teñan que emitir as ECCOM no exercicio das súas funcións. Os ditos modelos deberán estar dispoñibles na páxina web da Xunta de Galicia e, de ser o caso, dos concellos.
3. Os documentos emitidos polas ECCOM deberán estar asinados polo persoal técnico que efectúe a función de certificación, verificación, inspección ou control, así como pola persoa que desempeñe o máximo cargo de responsabilidade técnica da entidade, de acordo co seu organigrama. Os documentos que inclúan valoracións xurídicas deberán estar asinados tamén polo persoal xurídico da entidade.
Artigo 29. Réxime de responsabilidade
De conformidade co artigo 47.3 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, as ECCOM serán as únicas responsables fronte ás administracións públicas do contido das súas certificacións, verificacións, inspeccións e controis da conformidade, e a súa actuación substituirá a responsabilidade dos demais interesados.
Sección 2ª. Función de certificación de conformidade
Artigo 30. Obxecto
1. A función de certificación de conformidade ten por obxecto verificar a conformidade coa normativa aplicable no ámbito municipal das obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades que vaian ser obxecto de comunicación previa, declaración responsable ou de solicitude de licenza ante a Administración municipal.
Esta función poderá exercerse, así mesmo, naqueles supostos en que as obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades non estean suxeitas a ningún título administrativo habilitante municipal.
2. A función de certificación de conformidade abranguerá as seguintes actuacións:
a) Verificación do cumprimento dos requisitos de integridade documental, suficiencia e idoneidade dos proxectos e da documentación técnica que se presente.
Esta verificación inclúe, de ser o caso, a comprobación de que se solicitaron e obtiveron as autorizacións ou informes sectoriais preceptivos, así como a adecuación do proxecto ou solicitude aos seus condicionamentos.
b) Comprobación de que os proxectos e a documentación técnica se axustan ao ordenamento urbanístico vixente e de que reúnen as condicións exixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade.
Artigo 31. Certificación de conformidade
1. A certificación de conformidade é o documento emitido por unha ECCOM no exercicio da función de certificación de conformidade e terá o seguinte contido mínimo:
a) Datos identificativos da persoa promotora da actuación.
b) Descrición suficiente da obra, edificación, instalación, establecemento ou actividade que constitúe o seu obxecto.
c) Identificación da comunicación previa, declaración responsable ou do expediente de solicitude de licenza en que se integra, de ser o caso.
d) Indicación da normativa e do planeamento urbanístico aplicable.
e) Verificación, de ser o caso, da existencia das autorizacións ou informes sectoriais preceptivos, do seu carácter favorable, e do cumprimento dos seus eventuais condicionamentos.
f) Adecuación do proxecto e da documentación técnica ao ordenamento urbanístico vixente conforme os criterios establecidos no artigo 349 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
2. Cando as actuacións exixan licenza urbanística e licenza de actividade, a certificación de conformidade municipal que se achegue deberá verificar expresamente ambas actuacións.
3. No suposto de actuacións suxeitas a licenza urbanística, a certificación de conformidade deberá incluír os aspectos especificados no artigo 357.4 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
Artigo 32. Presentación da certificación de conformidade
1. A certificación de conformidade poderá presentarse pola persoa interesada ou pola ECCOM coa autorización expresa dela, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. A certificación de conformidade deberá ir acompañada da documentación exixida pola normativa que resulte de aplicación en cada caso, así como, de ser o caso, das autorizacións e informes preceptivos exixidos pola normativa sectorial.
Artigo 33. Efectos da presentación da certificación de conformidade
1. As solicitudes de licenza, as declaracións responsables e as comunicacións previas que se presenten acompañadas dunha certificación de conformidade emitida por unha
ECCOM terán os efectos previstos nos artigos 47.4 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, e 146.bis da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
2. O recoñecemento de dereitos por efecto do previsto nos números 4 e 5 do artigo 146.bis da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, non priva os concellos das competencias de comprobación e inspección que lles recoñece a lexislación urbanística, resultando de aplicación o previsto no artigo 154 do mesmo texto legal.
Artigo 34. Modificación das certificacións de conformidade por instancia dos concellos
Nos supostos en que o órgano municipal competente, dentro do prazo previsto no artigo 146.bis).3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, teña constancia da inadecuación da certificación de conformidade á realidade examinada ou á legalidade vixente, poderá requirir á ECCOM e á persoa interesada, con carácter previo á denegación da licenza e dentro do referido prazo, a modificación da certificación de conformidade emitida.
Sección 3ª. Función de colaboración coa Administración municipal
Artigo 35. Obxecto
1. A función de colaboración coa Administración municipal ten por obxecto prestar asistencia técnica aos concellos para o exercicio das competencias de comprobación de obras, edificacións instalacións, establecementos e actividades.
2. Os concellos poderán recorrer á colaboración por parte das ECCOM cando a acumulación de tarefas, a carencia de medios ou outra circunstancia extraordinaria impidan ou dificulten a atención das atribucións e funcións administrativas na súa integridade coa debida garantía e satisfacción dos principios de eficacia, eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, racionalización e axilidade dos procedementos administrativos e das actividades materiais de xestión, servizo efectivo aos cidadáns e responsabilidade pola xestión pública, previstos na lexislación de réxime xurídico do sector público.
3. O recurso ás ECCOM non poderá supoñer a externalización íntegra das funcións administrativas afectadas. Esta exixencia non se entenderá respectada polo simple feito de que o concello se limite a ditar a correspondente resolución administrativa sobre a base exclusiva das actuacións practicadas pola ECCOM.
4. A colaboración poderá consistir na achega de datos ou na achega de valoracións técnicas ou xurídicas.
No caso da achega de datos, os servizos municipais verificarán que foron solicitados conforme as normas, regras e protocolos técnicos de aplicación.
Cando a colaboración por parte das ECCOM achegue unha valoración técnica ou xurídica, os servizos municipais verificarán a adecuación do proceso lóxico de formación do criterio fixado pola entidade, e o seu axuste á legalidade.
5. As funcións de colaboración inseriranse no marco das actuacións municipais de inspección e control posterior á execución da actuación de que se trate ou implantación da actividade, sen prexuízo das potestades da Administración municipal para comprobar, verificar, investigar e inspeccionar os feitos, actos, elementos, actividades, estimacións e demais circunstancias que deriven das actuacións, establecementos ou actividades obxecto de inspección e control.
Artigo 36. Instrumentación da colaboración
1. A colaboración das ECCOM cos concellos instrumentarase segundo o establecido na lexislación de contratos do sector público, ou normativa a que esta remita para fórmulas distintas ao contrato administrativo cando a natureza das entidades de colaboración así o permita.
2. No expediente de preparación do instrumento xurídico que rexa a colaboración xustificarase a concorrencia das circunstancias habilitantes previstas no artigo 35.2 e definiranse os mecanismos de control fixados no artigo 35.4.
3. O instrumento xurídico polo que se formalice a colaboración recollerá as condicións de desenvolvemento das actuacións requiridas da entidade, para o efecto de determinar o alcance da colaboración.
Artigo 37. Documentación
As ECCOM documentarán as funcións de colaboración que realicen para os concellos mediante certificacións de conformidade, actas, informes e ditames que poderán ser asumidos pola Administración municipal sen prexuízo das súas competencias.
Artigo 38. Actas e informes
1. As actas e os informes son os documentos emitidos polas ECCOM, no exercicio das funcións de colaboración, en que se recolle o resultado das visitas de comprobación que realicen as devanditas entidades.
2. Nas actas reflectiranse os seguintes datos:
a) Data e hora da visita realizada.
b) Identificación da persoa que efectúa a visita.
c) Identificación da obra, edificación, instalación, establecemento ou actividade que constitúe o seu obxecto.
d) Identificación da persoa titular ou, na súa falta, da persoa responsable.
e) Descrición das actuacións e comprobacións practicadas durante a visita á obra, edificación, instalación, establecemento ou actividade de que se trate.
f) Descrición, de ser o caso, das modificacións que se observen na obra, edificación, instalación, establecemento ou actividade, respecto da documentación técnica presentada xunto coa comunicación previa, declaración responsable ou dos termos de concesión da licenza vixente.
g) Incumprimentos da normativa en vigor que, de ser o caso, se detecten como consecuencia das comprobacións efectuadas.
h) Incidencias producidas durante a actuación.
i) Manifestacións efectuadas polas persoas presentes na visita.
j) Sinatura das persoas asistentes ou identificación das que se negasen á sinatura se o aceptan voluntariamente ou consta a súa identidade ao persoal actuante.
k) Indicacións que, de consideralo oportuno, efectúe a ECCOM para a emenda dos incumprimentos detectados.
l) Acordo de traslado das actuacións ao concello, no suposto de comprobar a existencia de incumprimentos, para os efectos previstos no artigo 40.
3. Coa acta poderá achegarse tamén unha reportaxe fotográfica da obra, edificación, instalación, establecemento ou actividade que constitúa o seu obxecto, logo da obtención do permiso por parte da persoa titular cando resulte preceptivo para garantir o dereito á inviolabilidade do domicilio, á intimidade e propia imaxe, á propiedade industrial ou intelectual, ou outros dereitos susceptibles de protección.
4. Naqueles supostos en que así veña establecido pola normativa ou o requira o concello por consideralo oportuno, a ECCOM poderá achegar, xunto coa acta, un informe de valoración sobre as incidencias detectadas durante a visita de comprobación.
5. Consonte o disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común, as actas e os informes emitidos polas ECCOM no exercicio das funcións de colaboración poderán incorporarse aos procedementos sancionadores como medio de proba sometidos ás normas xerais de libre valoración.
Artigo 39. Ditames de colaboración
1. Os ditames son os documentos emitidos polas ECCOM, por instancia dos concellos, no exercicio das funcións de colaboración.
2. Os ditames poden ter carácter técnico ou xurídico e inserirse nun expediente en tramitación ou pronunciarse sobre cuestións específicas de interese e competencia municipais que demande o concello.
Artigo 40. Constatación de deficiencias ou irregularidades
1. A constatación, como resultado das funcións de colaboración desenvolvidas polas ECCOM, de deficiencias ou irregularidades nas condicións dunha obra, edificación, instalación, establecemento ou no exercicio dunha actividade dará lugar á incoación do procedemento de control posterior que será tramitado polos servizos municipais, sen prexuízo da colaboración auxiliar que poida corresponder á entidade de certificación.
2. A ECCOM comunicará ao concello con carácter inmediato os incumprimentos detectados, para os efectos da adopción, de ser o caso, das medidas cautelares que procedan e dos correspondentes procedementos de restauración da legalidade e sancionador, así como de cantas medidas resulten oportunas.
Sección 4ª. Función de colaboración no control periódico de conformidade
Artigo 41. Obxecto
1. O recurso á función de colaboración no control periódico de conformidade pode producirse por instancia das persoas interesadas ou por iniciativa dos concellos.
2. A función de colaboración no control periódico por iniciativa dos concellos ten por obxecto auxiliar os servizos municipais na comprobación da conformidade das obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal, cos requirimentos legais aplicables e, especificamente, cos requirimentos establecidos na comunicación previa, declaración responsable ou licenza, nos prazos e condicións que estableza a normativa reguladora destas.
Os concellos so poderán acudir a esta fórmula de colaboración cando concorran as circunstancias previstas no artigo 35.2.
3. Naqueles casos en que a normativa aplicable prevé un réxime de control periódico de conformidade de competencia municipal de obras, edificacións, instalacións, establecementos ou actividades, as persoas titulares destes poderán dirixirse á ECCOM da súa elección, dentro das que estean habilitadas para realizar actuacións de certificación de conformidade municipal no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de solicitar a realización da función de colaboración no control periódico de conformidade.
4. As previsións contidas nos números 3 e 4 do artigo 35 resultarán de aplicación á función de colaboración regulada nesta sección.
Artigo 42. Documentación
As ECCOM documentarán as súas actuacións de colaboración no control periódico de conformidade mediante certificados, actas e informes que entregarán á persoa solicitante ou directamente ao concello competente, segundo o que estableza a normativa sectorial ou, de ser o caso, a ordenanza municipal que regule o correspondente réxime de control.
Artigo 43. Realización do control periódico de conformidade
1. Para a realización da función de colaboración no control periódico de conformidade, as ECCOM farán visitas de comprobación ás obras, edificacións, instalacións, establecementos ou actividades, que deberán ser documentadas nas correspondentes actas.
2. O resultado do control periódico de conformidade pode ser favorable, con deficiencias ou desfavorable.
3. As ECCOM documentarán o resultado favorable do control periódico de conformidade nun certificado de control periódico, no cal se declarará o cumprimento das condicións da comunicación previa, declaración responsable ou licenza, así como cantos aspectos veñan exixidos pola normativa de aplicación.
O certificado de control periódico presentarase ante o concello competente no prazo máximo de cinco días contados desde o remate do control, de non establecer outro prazo a normativa aplicable, e sempre dentro dos prazos legais fixados para a súa realización.
O resultado favorable do control periódico de conformidade non priva os servizos municipais das súas competencias en materia de control.
4. No caso de que como resultado das actuacións de comprobación a ECCOM non puidese emitir o certificado de control periódico favorable, redactará un informe para xustificar os incumprimentos detectados e non corrixidos, propoñendo a súa consideración como desfavorable ou con deficiencias, e dando traslado aos servizos municipais para os efectos oportunos.
CAPÍTULO V
Obrigas e control
Artigo 44. Obrigas xerais
As ECCOM teñen as seguintes obrigas xerais:
a) Desenvolver as súas funcións con obxectividade, integridade, imparcialidade e independencia, asumindo a responsabilidade da veracidade e a exactitude dos datos e contidos dos seus informes, actas, ditames e certificados.
b) Non subcontratar as actuacións vinculadas ao exercicio das súas funcións. Para estes efectos, non se considera subcontratación a contratación de ensaios en apoio á inspección, que deberán ser emitidos, en todo caso, por unha entidade acreditada conforme a norma UNE-EN ISO/IEC 17020.
c) Entregar nos prazos pactados ou que estableza a normativa aplicable ás certificacións, actas, informes e ditames en que documenten as súas actuacións, e co contido, formato e soporte exixible polos concellos.
d) Garantir a confidencialidade da información que obteñan no exercicio das súas funcións e cumprir a normativa aplicable en materia de protección de datos persoais, sen prexuízo da información que ten que ser facilitada á Administración segundo este decreto. As ECCOM son responsables do tratamento dos datos de carácter persoal que poidan obter no exercicio das súas funcións.
e) Comunicar á secretaría xeral competente en materia de urbanismo calquera modificación dos datos inscritos no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte o establecido neste decreto.
f) Remitir á secretaría xeral competente en materia de urbanismo no primeiro trimestre de cada ano a seguinte documentación:
1º. Un informe xeral de todas as actuacións realizadas no ano anterior, en que se detallen as certificacións de conformidade, certificados, actas, informes e ditames emitidos no exercicio das súas funcións, o seu sentido, a relación de concellos aos cales prestaron a súa colaboración e as reclamacións recibidas.
2º. Unha memoria en que conste todo o persoal técnico ao seu servizo e as actividades de formación que realizou este persoal, melloras na xestión da actividade e as suxestións dos cambios precisos para mellorar a eficacia das súas actuacións.
3º. Póliza do seguro mínimo de responsabilidade civil contratado en que figuren as cláusulas xerais e particulares que reflictan a cobertura e o capital asegurado, así como a certificación do pagamento da prima do seguro de responsabilidade civil.
4º. Renovación da acreditación da ENAC, de ser o caso.
g) As demais que lles impoñan este decreto e a normativa sectorial que resulte de aplicación.
Artigo 45. Obrigas respecto dos concellos
As ECCOM teñen as seguintes obrigas específicas fronte ao concello ou concellos para os que realicen as funcións de colaboración:
a) Cumprir as instrucións técnicas municipais e os protocolos técnicos de actuación aprobados polo concello.
b) Comunicar ao concello os feitos que puidesen ser constitutivos de infracción administrativa ou penal, e que fosen coñecidos con ocasión ou como consecuencia da realización das súas funcións.
c) Rexistrar e conservar por un período mínimo de cinco anos as actas, informes, certificados e ditames emitidos no ámbito territorial do concello, garantindo a súa constancia e autenticidade.
d) Dispor dun sistema de auditoría interna de calidade, debidamente planificada e documentada.
e) As demais que lles impoñan as ordenanzas municipais que regulen as actuacións de comprobación e inspección con que colaboren.
Artigo 46. Obrigas respecto das persoas e entidades usuarias ou destinatarias dos seus servizos
Con respecto ás persoas e entidades usuarias ou destinatarias dos seus servizos, as ECCOM teñen as seguintes obrigas específicas:
a) Informalas, con carácter previo á prestación dos seus servizos, sobre as condicións técnicas, xurídicas e procedementais que poidan suscitarse en relación coa actuación que pretenden executar. Así mesmo, informarán sobre as súas funcións de verificación e control.
b) Comunicar a existencia, de ser o caso, de exixencias técnicas determinantes que fagan a súa actuación inviable no marco normativo aplicable.
c) Informar sobre o estado de tramitación da certificación de conformidade ou de control periódico de conformidade e sobre as funcións de colaboración no exercicio das competencias municipais de comprobación e inspección que realicen.
d) Dispoñer de sistemas de atención ao público, presenciais ou electrónicos, de procedementos para o tratamento e a resolución das reclamacións recibidas polas persoas interesadas con motivo do exercicio das funcións previstas neste decreto e manter un arquivo de todas as reclamacións e actuacións levadas a cabo ao respecto.
e) As demais que impoña a normativa de protección dos consumidores e usuarios ás entidades que presten servizos profesionais ao público.
Artigo 47. Fixación de prezos e publicidade
1. As ECCOM fixarán anualmente os prezos que percibirán polo exercicio das súas funcións.
2. Os ditos prezos comunicaranse á secretaría xeral competente en materia de urbanismo cunha antelación mínima de dous meses á finalización do ano natural anterior e serán publicados no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 48. Prohibicións e incompatibilidades
1. As ECCOM actuarán con independencia orgánica e funcional das partes concernidas na actuación realizada, de acordo cos criterios establecidos no anexo A da norma UNE-EN correspondente para as entidades tipo A.
2. Sen prexuízo da aplicación de todas as situacións de incompatibilidade establecidas na norma UNE-EN de aplicación, as ECCOM non poderán exercer as súas funcións en relación coas obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades que sexan de titularidade das seguintes persoas:
a) As persoas que ocupen ou ocupasen nos últimos dous anos postos directivos na entidade, os seus cónxuxes ou persoas vinculadas con análoga relación de convivencia afectiva e os descendentes dos que desempeñen a representación legal.
b) As persoas que presten ou prestasen nos últimos dous anos servizos para a entidade como persoal técnico directamente responsable das actuacións de certificación, verificación, inspección e control, os seus cónxuxes ou persoas vinculadas con análoga relación de convivencia afectiva e os descendentes dos que desempeñen a representación legal.
c) As persoas xurídicas das cales sexan administradoras as persoas indicadas nas dúas alíneas anteriores.
d) As persoas xurídicas as que estea vinculada organizativamente a entidade ou coas cales manteña calquera tipo de relación de dependencia, ou a mantivese nos últimos dous anos.
3. As ECCOM non poderán ter relación directa nin ter implicación na elaboración de proxectos técnicos de obras, memorias e documentación técnica de instalacións, nin coa dirección nin execución das obras que se desprendan dos ditos proxectos técnicos, necesarios e imprescindibles para a obtención de licenza ou para a presentación dunha comunicación previa ou declaración responsable.
4. A certificación emitida por unha ECCOM non producirá efectos cando exista unha relación ou vínculo de dependencia demostrados entre a dita entidade e as persoas e entidades indicadas neste artigo.
5. No caso de concorrer algunha das circunstancias previstas neste artigo, as ECCOM deberán inhibirse de realizar calquera actuación de verificación ou control de actuacións. Sen prexuízo do anterior, serán de aplicación, cando procedan, as causas de abstención reguladas na lexislación en materia de réxime xurídico do sector público.
Artigo 49. Control e inspección
1. As ECCOM, así como as súas actuacións e os seus actos xurídicos, estarán sometidos ao control e á inspección da Administración local e da consellería competente en materia de urbanismo, de conformidade co establecido no artigo 50 da Lei 9/2013, do 19 de decembro.
2. No caso de que os concellos, no exercicio das ditas facultades de control e inspección, detecten incumprimentos das obrigas ou das prohibicións e incompatibilidades previstas neste capítulo por parte das ECCOM, porano en coñecemento da consellería competente en materia de urbanismo, sen prexuízo das medidas que eles mesmos poidan adoptar no ámbito das súas competencias. A comunicación deberá ir acompañada dos documentos ou das testemuñas que resulten oportunos para a tramitación, de ser o caso, do correspondente procedemento sancionador.
Artigo 50. Reclamacións contra as actuacións das ECCOM
1. Calquera persoa que teña un interese lexítimo poderá reclamar contra as actuacións das ECCOM que impliquen un incumprimento das obrigas establecidas neste decreto.
2. A reclamación presentarase ante a propia ECCOM, que estará obrigada a darlle unha resposta expresa no prazo máximo dun mes.
3. No caso de que a ECCOM desestime a reclamación ou non a responda no prazo previsto no número anterior, a persoa interesada poderá remitila á secretaría xeral competente en materia de urbanismo para que adopte a correspondente resolución.
4. A secretaría xeral competente en materia de urbanismo concederá á entidade interesada un prazo de dez días para que formule as alegacións que considere oportunas e, logo de realizar os actos de instrución que sexan precisos, notificará a resolución da reclamación á persoa reclamante e á ECCOM no prazo máximo de tres meses. Transcorrido este prazo sen que se realice a notificación á persoa reclamante, a reclamación poderá entenderse desestimada.
5. A resolución da reclamación, que non porá fin á vía administrativa, declarará se se aprecia ou non o incumprimento por parte da ECCOM das súas obrigas. De apreciarse o incumprimento, a resolución adoptará as medidas necesarias para a súa corrección. Estas medidas son independentes das responsabilidades sancionadoras que procedesen, que se deberán exixir a través do correspondente procedemento sancionador, así como das indemnizacións que as persoas interesadas eventualmente poidan reclamar á entidade polos danos e perdas provocados polo incumprimento das súas obrigas.
Artigo 51. Réxime sancionador
1. O réxime sancionador das ECCOM será o establecido no capítulo V do título III da Lei 9/2013, do 19 de decembro, respecto das ditas entidades e as súas actuacións, coas especificacións que se sinalan neste artigo.
2. Correspóndelle a consellería competente en materia de urbanismo a competencia para incoar, instruír e resolver os procedementos sancionadores pola comisión das infraccións previstas na Lei 9/2013, do 19 de decembro, no ámbito das ECCOM e as súas actuacións, sen prexuízo da posibilidade de delegación nos concellos.
3. A instrución do procedemento corresponderalle á secretaría xeral competente en materia de urbanismo.
4. As autoridades competentes para a imposición das sancións serán:
a) Por infraccións moi graves, a persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo.
b) Por infraccións graves e leves, a persoa titular da secretaría xeral competente en materia de urbanismo.
Disposición adicional primeira. Exclusión da intervención das ECCCOM
De conformidade co establecido no número 7 do artigo 146.bis da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, os concellos, mediante ordenanza, poderán excluír expresamente a intervención das ECCOM tanto na tramitación dos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística como na verificación, a inspección e o control do cumprimento da normativa aplicable en cada caso.
A exclusión poderá ser total ou parcial e limitarse a actuacións específicas e ámbitos territoriais concretos.
Non obstante o anterior, para os supostos de actuacións suxeitas a licenza urbanística, as persoas interesadas poderán facer uso dos servizos das entidades certificadoras unha vez vencido o prazo máximo do procedemento sen que se notificase resolución expresa, resultando entón de aplicación o disposto nos números 2, 3 e 4 do citado artigo 146.bis.
Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados neste decreto poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición transitoria única. Réxime transitorio do Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia
1. As ECCOM inscritas no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia creado polo artigo 45 do Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, poderán continuar no exercicio das funcións para as que están habilitadas durante un período de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto.
2. As entidades que pretendan continuar o exercicio da súa actividade de modo indefinido deberán solicitar a súa inscrición no rexistro creado por este decreto cunha antelación mínima de 3 meses á finalización do prazo indicado no número anterior, salvo que, coa mesma antelación, opten por solicitar unha prórroga do dito prazo por outros 6 meses.
Neste último suposto, e para o caso de que pretendan continuar o exercicio da súa actividade, deberán solicitar a súa inscrición no rexistro creado por este decreto, cunha antelación mínima de 3 meses previos á finalización do prazo da prórroga única.
3. As inscricións vixentes serán canceladas na data da práctica da nova inscrición no rexistro regulado neste decreto.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
1. Quedan derrogados os artigos 35 a 66 do Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, agás o artigo 45, que permanecerá en vigor ata que finalice o prazo previsto no número 1 da disposición transitoria única ou, de ser o caso, o fixado no número 2 da mesma disposición para o caso de prórroga.
2. Igualmente, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
1. Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento deste decreto.
2. Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de urbanismo para actualizar o importe do capital mínimo asegurado polo seguro de responsabilidade civil previsto no artigo 7.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
