DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 29 de xullo de 2025 Páx. 41787

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 62/2025, do 15 de xullo, polo que se aproba a agrupación voluntaria entre os concellos de Agolada, na provincia de Pontevedra e Santiso, na provincia da Coruña, para o sostemento en común do posto de traballo de Secretaría-Intervención, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Os concellos de Agolada e Santiso acordaron aprobar definitivamente a súa agrupación voluntaria para o sostemento en común dun único posto de traballo de Secretaría-Intervención reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

De conformidade coa normativa estatal, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e o Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, corresponde ás comunidades autónomas, de acordo coas súas normas propias, acordar a constitución e a disolución de agrupacións de Secretaría dentro do seu ámbito territorial.

A normativa autonómica regula as agrupacións voluntarias de municipios para o sostemento en común de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 11, 12, 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. E o artigo 10 do citado Decreto 49/2009 regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación anteriormente referida, constando os informes da Deputación Provincial de Pontevedra, da Deputación Provincial da Coruña e da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. Así mesmo, consta a proposta de clasificación do posto resultante.

A competencia para a aprobación da agrupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do quince de xullo de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a agrupación voluntaria dos concellos de Agolada, na provincia de Pontevedra, e Santiso, na provincia da Coruña, para o sostemento en común do posto de traballo reservado de Secretaría-Intervención, así como os estatutos polos que se rexerá a dita agrupación que forman parte integrante do expediente.

Segundo. Clasificar o posto de traballo reservado resultante da agrupación voluntaria dos concellos de Agolada e Santiso nos seguintes termos:

Posto: Secretaría de clase 3ª.

Subescala: Secretaría-Intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 28.

Terceiro. Adscribir a David Criado Taboada, funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de secretaría-intervención ao novo posto de secretaría de clase 3ª resultante da agrupación de concellos de Agolada e Santiso, revogando o nomeamento temporal outorgado á citada persoa funcionaria para o desempeño do posto de traballo reservado de Secretaría de clase 3ª no concello de Santiso.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes