DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 29 de xullo de 2025 Páx. 41907

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

ORDE do 18 de xullo de 2025 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo nesta consellería.

De conformidade co disposto no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 25 a 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2 c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I desta orde.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante o cal se achegará a solicitude segundo o modelo que se inclúe no anexo II, no prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán unir á petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen. Os méritos alegados e non probados ou validados segundo se indica non se terán en conta.

Conforme o previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro), cando as persoas aspirantes sexan ou fosen no pasado persoal empregado público coa condición de persoal funcionario ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, estas poderán indicar neste proceso de provisión que a información relativa ao seu currículo e méritos é a que consta como validada no seu expediente persoal electrónico, accesible na canle do emprego público de Galicia (Fides), para o cal deberán achegar coa solicitude de participación o informe dos méritos validados no expediente electrónico, dispoñible no enderezo https://fides.xunta.gal

Quinto. Se a persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo correspondente que se anuncia no anexo I desta orde ten destino noutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no artigo 29 do citado Decreto 151/2022, do 4 de agosto, e demais disposicións concordantes.

Sexto. Esta convocatoria resolveraa a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas no prazo máximo de dous meses, contados desde a data da súa publicación. No caso de non se resolver no dito prazo, declararase a caducidade do procedemento. A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúna os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta cando proceda, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á comunidade autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

ANEXO I

Denominación do posto de traballo: vicesecretario/a xeral.

Código do posto de traballo: IV.201.00.001.15770.001.

Centro directivo: Secretaría Xeral Técnica.

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo/escala: xeral.

Grupo: A1.

Nivel: 30.

Complemento específico: 25.159,68 euros.

Tipo de adscrición: (A11) adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.

Formación específica: (640) para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.).

missing image file