DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 29 de xullo de 2025 Páx. 41824

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 64/2025, do 15 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Guarda do treito da estrada PO-355, desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+220, xunto co seu dominio público viario, e o cambio de titularidade da rúa Julia Vaquero (unicamente calzada, beiravías e aparcamentos), de titularidade municipal, a prol da Xunta de Galicia.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello da Guarda solicitou á Xunta de Galicia a transferencia de titularidade do treito inicial da estrada de titularidade autonómica PO-355 entre o p.q. 0+000 (intersección coa PO-552) e o p.q. 0+230 (conexión coa rúa Julia Vaquero), correspondente coa rúa Rosalía de Castro, e o cambio de titularidade da rúa Julia Vaquero, de titularidade municipal, a prol da Xunta de Galicia.

O concello quere eliminar o tráfico rodado e proceder á humanización e peonalización deste treito da rúa Rosalía de Castro. Por outro lado, indica que a cesión da rúa Julia Vaquero a prol da Xunta de Galicia permitirá manter a conexión entre a PO-355 e a PO-552.

A estrada PO-355, con categoría funcional de rede local, discorre na súa totalidade polo Concello da Guarda. Ten o seu inicio no p.q. 46+860 da PO-552 e conecta o núcleo da Guarda co Porto da Pasaxe. Esta estrada discorre por solo clasificado como urbano polo planeamento vixente no Concello da Guarda desde o seu p.q. 0+000 ata o seu p.q. 0+240, pola marxe esquerda, e ata o seu p.q. 0+290 pola marxe dereita, constituíndo a rúa Rosalía de Castro do núcleo urbano da Guarda.

Por outro lado, a rúa Julia Vaquero, de titularidade municipal, conecta o p.q. 0+220 da estrada PO-355 co p.q. 47+090 da estrada PO-552. Discorre na súa totalidade por solo clasificado como urbano polo planeamento vixente no Concello da Guarda.

O cambio de titularidade do treito inicial da estrada PO-355, (p.q. 0+000 (intersección coa PO-552) e o p.q. 0+220 (conexión coa rúa Julia Vaquero) a prol do Concello da Guarda, provocaría a interrupción da continuidade da Rede autonómica de estradas de Galicia, quedando desconectadas da rede as estradas PO-355 e PO-352. A transferencia da rúa Julia Vaquero a prol da Xunta de Galicia garante esta continuidade ao conectar o p.q. 0+220 da estrada PO-355 co p.q. 47+090 da estrada PO-552.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xullo de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade do treito inicial da estrada PO-355, do p.q. 0+000 ao p.q. 0+220, de titularidade autonómica, xunto co seu dominio público viario, a prol do Concello da Guarda:

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonx. (m)

Superficie DPV (m2)

Treito inicial da PO-355: A Guarda (PO-552), rúa Julia Vaquero

0+000

X=510.977

Y= 4.639.054

0+220

X= 511.184

Y= 4.639.031

213

2.926

Aprobar o cambio de titularidade da calzada, beiravías e aparcamentos da rúa Julia Vaquero de titularidade municipal, a prol da Xunta de Galicia:

Denominación

Inicio (int. PO-552) coordenadas UTM

(ETRS89 fuso 29)

Final (int. PO-355)

coordenadas UTM

(ETRS89 fuso 29)

Lonx. (m)

Rúa Julia Vaquero (unicamente calzada, beiravías e aparcamentos): int. PO-552-int. PO-355

X= 511.153

Y= 4.639.175

X= 511.190

Y= 4.639.037

144

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño (DOG núm. 129, do 8 de xullo), para incorporar o novo trazado do treito inicial da estrada PO-355 pola rúa Julia Vaquero. Os datos que identifican a estrada (clave, denominación, treito, p.q. inicial, p.q. final e lonxitudes), así como a súa categoría funcional e clase, non sofren variación ningunha respecto do xa reflectido na actualidade no catálogo:

Clave

Denominación

Treito

PQi

PQf

Lonxitude treito (km)

Lonxitude total (km)

Categoría funcional

Clase de estrada

Provincia

PO-355

A Guarda (PO-552)-porto Pasaxe

A Guarda (PO-552)-Porto Pasaxe

0+000

2+290

2,29

2,29

Local

Estrada convencional

Pontevedra

O documento do catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Guarda deberá modificar o seu Catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade serán efectivos o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

A partir da formalización da entrega, correspóndelle ao Concello da Guarda e a Xunta de Galicia respectivamente, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías que pasan a ser da súa titularidade, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlles como novas Administracións titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas