DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 1 de agosto de 2025 Páx. 42220

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 68/2025, do 21 de xullo, polo que se aproba o escudo da entidade local menor de Morgadáns, no concello de Gondomar (Pontevedra).

A entidade local menor de Morgadáns, no concello de Gondomar (Pontevedra), considerou conveniente solicitar o escudo municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevouse o informe histórico-heráldico coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro, que aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xullo de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar o escudo da entidade local menor de Morgadáns, no concello de Gondomar (Pontevedra), organizado do seguinte xeito e do cal se achega como anexo unha representación gráfica:

De sinople (verde), unha pinza de canteira de ouro (amarelo); mantelado de ouro, con senllas cabezas de cabalo ao natural sobre ondas azuis. Ao timbre, a coroa real pechada.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

missing image file