DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Luns, 4 de agosto de 2025 Páx. 42516

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 11 de xuño de 2025, do Departamento Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello do Pereiro de Aguiar (expediente IN407A 2024/085-3).

Advertidos erros na citada resolución publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 127, do 4 de xullo de 2025, páxinas 37359 e 37360, substitúese o contido publicado polo seguinte:

«Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: Instalación de reconectador TC no apoio núm. BD5JKMVV//32 da LAMT VLL813 PTE Gozos-Castadón 13.

Situación: lugar de San Salvador, concello do Pereiro de Aguiar.

Orzamento: 18.989,45 €.

Características principais do proxecto de execución, que foi asinado o 21.4.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Tito Arias Santos, colexiado núm. LE-1010 do COIILE:

• Substitución do apoio existente núm. BD5JKMVV//32, por un novo apoio de celosía metálica do tipo C-14/2000, no cal se instala un novo reconectador seccionador.

• Instalación de 113 m de novo condutor LA-110, en substitución do condutor existente, entre o apoio núm. BD3JHD99//31 e o apoio proxectado núm. BD5JKMVV//32.

• Instalación de 13 m de novo condutor LA-56, en substitución do condutor existente, entre o apoio núm. BD59TV8U//32-1 e o apoio proxectado núm. BD5JKMVV//32.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste departamento territorial do 27 de agosto de 2024, que foi inserido no DOG do 19 de setembro de 2024 e no xornal La Región de Ourense do 30 de setembro. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario.

Dentro do prazo establecido para iso presentou alegacións o propietario do predio núm. 1 da relación de bens e de dereitos afectados. Nelas manifesta a súa oposición á definición do proxecto presentado, baseada en catro aspectos:

1. A delimitación incorrecta da súa parcela con respecto á parcela lindeira.

2. A proposta dunha situación alternativa no predio lindeiro para o apoio que se pretende instalar na parcela da cal é titular.

3. Unha falta de xustificación para a actuación proxectada.

4. Solicita unha revisión do alcance da actuación proxectada desde o punto de vista xurídico e económico no que respecta á afección da súa parcela.

Na contestación a estas alegacións UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou o seguinte:

1. Con respecto ao primeiro aspecto, aceptan o alegado. Así pois, a afección de voo que se crea entre o apoio existente núm. BD59TV8U//32-1 e o novo apoio proxectado BD5JKMVV//32 non se sitúa totalmente sobre a súa parcela, xa que parte dela está situada sobre o predio número 2 do proxecto (867 do Catastro). Como consecuencia, o voo do condutor sobre o predio do alegante queda reducido a 6,5 metros lineais. Dada a xeometría do trazado, a superficie total afectada pola servidume de voo no predio do alegante é de 65 m2.

2. Con respecto ao segundo aspecto, non aceptan a localización alternativa que propón o alegante, xa que suporía unha prohibición, de acordo co establecido no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

3. Con respecto ao terceiro punto, indican que a xustificación da obra está incluída na memoria do proxecto e ten como finalidade “instalar un interruptor reconectador na liña de media tensión denominada VLL813 Pte. Gozos-C.H. Castadón 13”, xa que “o apoio existente non é apto para soportar os esforzos a que se verá sometido a causa da instalación do elemento de manobra proxectado, polo que se debe substituír por un novo apoio de celosía C-2000-12 (1800-1500) con cruceta tipo H-35-3×CA-(CS) e paso aero-subterráneo”.

4. Con respecto ao cuarto punto, indica que a relación concreta dos bens e dereitos afectados será recollida na correspondente acta previa á ocupación e os bens e dereitos afectados serán valorados na oportuna peza separada de prezo xusto, en que o titular do predio afectado poderá presentar a correspondente folla de valoración, coas alegacións e as probas que considere pertinentes para a valoración dos bens da súa propiedade.

Á vista do exposto, este departamento territorial considera correcto desde o punto de vista técnico e xurídico o proxecto presentado, coa modificación na afección aceptada polo promotor, que se incorporará no seu momento ao expediente expropiatorio.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado, logo de actualizar a afección do predio núm. 1 da RBDA.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 11 de xuño de 2025

Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense»