Na sesión do 23 de xullo de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 24 de febreiro de 2025 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1), escala superior de finanzas (DOG número 39, do 26 de febreiro), convocado pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (DOG número 20, do 29 de xaneiro),
ACORDOU:
Primeiro. Mediante a Resolución do 13 de maio de 2025 convocouse, segundo o previsto na base II.1.4.6 da convocatoria, o segundo exercicio do proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o acceso ao corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.
De conformidade co disposto na base II.1.3.2 da convocatoria, o segundo exercicio do proceso selectivo pola quenda de acceso libre consiste na realización dun suposto práctico de contabilidade e cálculo financeiro.
En virtude do previsto na citada base, mediante Acordo deste tribunal do 8 de maio de 2025, establecéronse os seguintes criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio:
1. Cuestións xerais sobre a proba.
O segundo exercicio consiste na resolución por escrito dun caso práctico composto de oito (8) supostos. Cada suposto ten a valoración de 3,75 puntos.
A puntuación máxima do exercicio é de 30 puntos e para superalo é necesario obter un mínimo de 15 puntos.
Os supostos non contestados non penalizan nin reciben puntuación.
Valóranse tanto os contidos correctos como as resolucións razoadas para cada suposto, sen que as resolucións erróneas penalicen na puntuación.
A duración do proba é de 4 horas.
2. Determinación da superación da proba e número de persoas aprobadas.
Son consideradas aptas no exercicio as persoas aspirantes que obtivesen as mellores puntuacións ata completar o número máximo de 65 aspirantes, sempre e cando acadasen unha puntuación mínima distinta de cero (0) en catro (4) dos oito (8) supostos que contén o caso práctico.
Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada coa nota de corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se supere o número de 50 persoas aspirantes indicado.
Asígnase unha valoración de 15 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtivesen unha nota equivalente á nota de corte. O resto de persoas declaradas aptas ten unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos proporcional aos contidos resoltos correctamente. Do mesmo xeito, asígnaselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.
Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas o 12 de xuño de 2025 ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal
Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.4.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025
Juan José Rodríguez Díaz
Presidente do tribunal
