Expediente: IN407A 2025/020-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Recuamento da LMTA San Pedro de Visma.
Concello: A Coruña.
Feitos:
1. O día 7.2.2025 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de efectuar o recuamento das liñas que afectan a construción da urbanización proxectada.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan a seguinte documentación:
– Proxecto de execución denominado Recuamento da LMTA San Pedro de Visma, asinado o 7.5.2025 por Carlota Martínez Rúa, graduada en Enxeñería Eléctrica, número de colexiada 4.776 de Vigo.
– Anexo, asinado o 30.6.2025 pola mesma enxeñeira.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ao Concello da Coruña como entidade afectada. Posteriormente, a empresa promotora presentou a correspondente licenza municipal.
4. O día 1.7.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de San Pedro de Visma, no concello da Coruña, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Desmontaxe de 666 m de dobre circuíto das GRN739 e GRN742 existentes, desmontando o actual condutor LA-180, entre o apoio ADFNELKC//D16 e o apoio ADR1V5DL//D21. Desmontaxe dos apoios intermedios e substitución do apoio ADFNELKC//D16 por un novo apoio tipo FL C-13000/22.
– Retensado das liñas eléctricas de media tensión aéreas GRN-739 e GRN-742, a 15 kV, con orixe no apoio ADC5NRF7K//D14 existente e final no novo apoio proxectado en substitución do existente ADFNELKC//D16, cunha lonxitude de 154 m, en condutor existente LA-180.
– Actuación 1 GRN739: liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15 kV, cunha lonxitude de 1.010 m, con orixe en apoio proxectado, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1×240) mm2 Al, e final en cela proxectada en 15CGWT.
– Actuación 2 GRN742: liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15 kV, cunha lonxitude de 881 m, con orixe en apoio proxectado, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1×240) mm2 Al, e final en empalme en PAR proxectado.
– Para enlazar a liña recuada, GNR-739, proxéctase unha cela no 15CGWT, Aparcadoiro Mariñeiros.
– Debido a que as celas do 15CGWT actuais son antigas e non son compatibles coas novas, é necesaria a reforma, realízase nova bancada e proxéctanse un total de 3 celas de liña e unha de protección.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. As instalacións deberán obter a autorización de explotación antes do 1 de xaneiro de 2026, segundo o indicado no artigo 13.9.a) do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, agás que se xustifique algunha das excepcións indicadas no antedito artigo.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 3 de xullo de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
