Expediente: IN407A 2024/312-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: Ampliación de potencia do CT rúa Cervantes (36CXF1) e desmantelamento do CT praza da Liberdade 36SSP7.
Concello: Vilagarcía de Arousa.
Feitos:
1. O 7.10.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Ampliación de potencia do CT rúa Cervantes (36CXF1) e desmantelamento do CT praza da Liberdade 36SSP7.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Rubén Fervenza Nicolás, colexiado 4684 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 99.276,07 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade anular o centro de transformación praza da Liberdade (36SSP7), mediante as seguintes actuacións no lugar do Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra):
– Retirada do centro de transformación subterráneo praza da Liberdade (36SSP7), que sofre constantes problemas de inundacións por precipitacións e/ou mareas altas.
– Ampliación de potencia do centro de transformación rúa Cervantes (36CXF1) de 250 kVA a 630 kVA.
– Realización de empalmes na arqueta existente na liña de media tensión subterránea (LMTS) VAR807A O Carril II 7.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilagarcía de Arousa e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Vilagarcía de Arousa.
O Servizo do Patrimonio Cultural informou de que a actuación está fóra do ámbito de protección específico que o PXOM do Concello establece para os elementos que cómpre protexer, polo que non precisa autorización previa en materia de patrimonio cultural.
Consideracións legais e técnicas.
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Ampliación de potencia do centro de transformación rúa Cervantes (36CXF1) a 630 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V.
– Realización de empalmes na LMTS VAR807A (O Carril II 7), a carón do centro de transformación praza da Liberdade (36SSP7).
– Desmantelamento do centro de transformación praza da Liberdade (36SSP7).
– As instalacións están situadas na rúa Cervantes, nº 32, e na praza da Liberdade, O Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Ampliación de potencia do CT rúa Cervantes (36CXF1) e desmantelamento do CT praza da Liberdade 36SSP7, expediente IN407A 2024/312-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se encontren afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación, ante este departamento territorial, xunto coa da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 9 de xullo de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
