DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 8 de agosto de 2025 Páx. 43330

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ANUNCIO do 5 de agosto de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, polo que se somete a información pública, para a súa declaración como proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública, o proxecto de construción do novo edificio Datacenter do Cesga, que se implantará no parque empresarial da Sionlla, no concello de Santiago de Compostela.

En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, modificado pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, así como nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a continuación.

1. Antecedentes:

1º. O 18.6.2025, a Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga) solicitou á Conselleria de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a declaración como proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública do proxecto de construción do novo datacenter do Cesga. A solicitude ven acompañada da documentación exixida pola normativa aplicable.

2º. Conforme o establecido no artigo 79.2 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, a Consellería remitiu a solicitude e documentación á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para o informe de coherencia entre a actuación proxectada e os instrumentos de ordenación do territorio, e ao Concello de Santiago para que, no prazo de 15 días, emita informe sobre conformidade ou non co planeamento urbanístico en vigor.

3º. O 27.6.2025, a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informe favorable sobre a declaración como proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública do edificio para o centro de procesamento de datos do Cesga, que se implantará no parque empresarial da Sionlla, no concello de Santiago de Compostela, por resultar compatible coas previsións dos instrumentos de ordenación do territorio.

Transcorrido o prazo, o Concello de Santiago de Compostela non contestou sobre a conformidade ou non do proxecto co planeamento urbanístico en vigor.

2. Datos do proxecto.

• Solicitante/promotora: Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga).

• NIF: G15852981.

• Domicilio social: avenida de Vigo, s/n. 15705 Santiago de Compostela.

• Denominación do proxecto: construción do novo edificio datacenter do Cesga, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

• Concello afectado polo proxecto: Santiago de Compostela (A Coruña).

• Situación do proxecto: proxecto de execución.

• Actividade: actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, actividades formativas, así como de investigación relacionadas coa creación, aplicación e difusión do coñecemento.

• Descrición do proxecto: a Fundación Cesga, como institución pública participada pola Xunta de Galicia e o CSIC, constituíuse para facilitar a investigación de calidade, obter o mellor uso e rendemento de investimentos científico-tecnolóxicos, propiciar a creación de novas capacidades de investigación e contribuír, cos seus servizos e tecnoloxía, ao avance do coñecemento, ao desenvolvemento social e á mellora da calidade de vida das persoas.

O Cesga foi recoñecido polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2008 como instalación científico-tecnolóxica singular (ICTS) do Estado español, polo que permite a utilización dos seus recursos e servizos á totalidade da comunidade investigadora nacional e internacional. Desde o ano 2015, o Cesga, por medio do seu supercomputador principal Finis Terrae II, foi integrado na Rede española de supercomputación (RES). No ano 2018, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades aprobou o novo mapa de ICTS do Estado, no que se incluíu a RES como unha ICTS distribuída. Para a execución do investimento cómpre construír un edificio Datacenter, onde serán instalados o resto de equipamentos que se corresponden coas actuacións Finisterrae IV, Quantum computer PHASE II e Permanent Data Storage System: second expansion of storage capacity, que serán adquiridas polo Cesga con posterioridade.

• Investimento: o deseño e construción do novo edificio Datacenter do Cesga foi contratado mediante o expediente CTS-2025-0013: contratación, polo procedemento negociado sen publicidade e de tramitación urxente, para a redacción do proxecto básico e de execución, e a construción do novo edificio Datacenter do Cesga no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU, adxudicado á UTE, S.A. de Obras y Servicios, Copasa Dominion I&I Applied Engineering, S.A. polo importe total de 13.061.950,00 €.

• Principais instalacións da planta:

Instalacións específicas:

– Sistema de climatización con DryCoolers adiabáticos para arrefriamento de auga, combinado con intercambiadores de calor para sistema de alta temperatura (Direct Liquid Cooling) e arrefriadoras de condensación por auga para o sistema de refrixeración de media temperatura.

– Equipamento de CRAH e fancoils para a refrixeración por aire.

– Sistemas de tratamento de aire UTA.

– Instalación fotovoltaica.

– Instalación para monitorización, control e vixilancia.

– Protección contra raios.

– Sistema de detección e extinción de incendios.

– Centro de transformación e distribución de media tensión.

– Bloques de potencia compostos de celas MT, transformador, grupo electróxeno, CGBT, SAI e baterías.

Espazos:

– Sala Data Hall Cesga, dedicada ao aloxamento supercomputadores e equipamento de computación mediante tecnoloxías emerxentes.

– Peirao de carga.

– Sala de preinstalacións computacionais.

– Salas de reunións.

– Laboratorios e salas de experimentación e validación de equipamento.

– Almacén.

– Sala de lixo.

– Sala de climatización.

– Sala de extinción.

– Sala de cadros.

– Salas de técnicos.

– Sala de mantemento.

– Sala de vixilancia exterior.

– Conserxería.

– Patio.

– Espazos representativos para a recepción e presentación a visitantes.

– Servizos públicos e privados.

– Aparcadoiro.

3. Obxecto da información pública.

O proxecto de investigación estratéxico.

Documentación que se expón:

• Datos xerais.

• Memoria descritiva.

• Orzamento.

• Memoria construtiva.

• Sistema de acondicionamento e instalacións.

• Urbanización da parcela.

• Cumprimento do código técnico da edificación.

• Normativa aplicable.

• Documentación gráfica.

• Anexo I: estudo xeotécnico.

• Anexo II: xestión de residuos.

• Anexo III: estrutura.

• Anexo IV: media tensión.

• Anexo V: baixa tensión.

• Anexo VI: iluminación.

• Anexo VII: cálculos hidráulicos.

• Anexo VIII: PUE/WUE.

• Anexo IX: cálculos de climatización e ventilación (HVAC)

• Anexo X: cálculos de saneamento e pluviais

• Anexo XI: extinción contra incendios.

• Anexo XII: estudo acústico.

• Anexo XIII: estudo de seguridade e saúde.

O anterior faise público de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e demais normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas, dentro do prazo de trinta (30) días hábiles, que se contarán a partir do día 12 de agosto de 2025.

A dita documentación poderá consultarse no portal web do Cesga a través da seguinte ligazón, a partir do día 12 de agosto de 2025:

https://www.cesga.es/doga/pie/LEE.html

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Secretaría Xeral Técnica
da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional