Expediente: IN407A 2025/005-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Substitución CT polígono Milladoiro 2 (15CQZ4).
Concello: Ames.
Feitos:
1. O día 14.1.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Por mor da fin da vida útil do centro de transformación CT polígono Milladoiro 2 (15CQZ4) de 400 kVA de potencia, conectado coa liña de distribución LMT SNT832 polígono Milladoiro 32, procedente da subestación Santiago, situado no concello de Ames, proxéctase a retirada do dito centro de transformación e a súa substitución por un de tipo compacto prefabricado de 400 kVA.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Substitución CT polígono Milladoiro 2 (15CQZ4), asinado o día 31.7.2024 por Rubén Fervenza Nicolás, enxeñeiro técnico industrial graduado en Enxeñería Eléctrica, nº colexiado 4.684 de Vigo (COETIVigo).
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ao Concello de Ames como entidade afectada. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co dito informe.
4. O día 7.7.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1.2.2017), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27.5.2024).
Segunda. Lexislación de aplicación.
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
Terceira. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas na rúa Xesta 82, parroquia de Santa María de Biduído, polígono do Milladoiro, concello de Ames, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Novo CT polígono Milladoiro 2 telecontrolado de manobra exterior, cunha potencia de 400 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 2L+1P e conectado á LMT SNT832 polígono Milladoiro 32, procedente da subestación Santiago. Desmantelamento do CT polígono Milladoiro 2 (15CQZ4) existente.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. As instalacións deberán obter a autorización de explotación antes do 1 de xaneiro de 2026, segundo o indicado no artigo 13.9.a do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, agás se xustifique algunha das excepcións indicadas no antedito artigo 13.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 9 de xullo de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
