Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica que se describe a seguir, tal e como se recollen no proxecto asinado en xullo de 2024 en Salvaterra de Miño polo enxeñeiro técnico industrial José A. Fernández González, colexiado núm. 1968 do COETIVigo, e visado polo citado colexio profesional o día 27.9.2024 co número 224-1406.
Solicitante: Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.
Enderezo: polígono Chan da Ponte, 19, 36450 Salvaterra de Miño, Pontevedra.
Denominación: LMT Saída Reza circuíto núm. 3 LMT peche bucle con LMT Hidrogiesta (fase 1 e 2).
Situación: parroquia de San Salvador de Arnoia, concello da Arnoia.
Orzamento: 117.036,00 €.
Características técnicas:
• LMT aerosubterránea, a 20 kV, con orixe no CPM Reza (expediente IN407A 2022/127) e final no apoio núm. EAD69 existente, para substituír, da LMT Hidrogiesta.
– Tramo 1 (en subterráneo): LMTS, a 20 kV, de 200 m de lonxitude, en condutor RHZ-1 18/30 kV 3x(1x240) Al con orixe na cela de saída do CPM Reza e final no apoio existente núm. 3 da LMTA Xeral Arnoia.
– Tramo 2 (en aéreo): LMTA, a 20 kV, de 597 m, en condutor LA-56, con orixe no apoio existente núm. 3 da LMTA Xeral Arnoia e final no apoio proxectado núm. 9, do tipo C-4500/22, que substitúe ao apoio existente núm. EAD69 da LMT Hidrogiesta.
O 11.6.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu a resolución pola que se formula o informe de impacto ambiental do citado proxecto. O dito informe fíxose público mediante o anuncio publicada no DOG núm. 120, do 25.6.2025. Neste informe conclúese que non é necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria. Ademais, indica que se debe cumprir o recollido no documento ambiental e na restante documentación avaliada, no condicionado e no programa de vixilancia ambiental que figuran na citada resolución.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente, así como no informe de impacto ambiental citado anteriormente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 9 de xullo de 2025
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
