Expediente: IN407A 2023/168-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: modificado M1 do proxecto para LMT, CT e RBT lugar Vilar Costoia, concello de Oza dos Ríos (IN407A 2023/168-1).
Concello: Oza dos Ríos.
Feitos:
1. Medianta a Resolución deste departamento territorial, do 10 de maio de 2024, concedeuse a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto denominado LMT, CT e RBT lugar Vilar Costoia, da que é titular UFD Distribución Electricidad, S.A. O obxecto do proxecto é mellorar a calidade da subministración eléctrica por mor das subtensións existentes na rede de baixa tensión na zona.
Con data do 24.7.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A., presenta o modificado M1 do proxecto para LMT, CT e RBT lugar Vilar Costoia, concello de Oza dos Ríos (IN407A 2023/168-1), co fin de solicitar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para os cambios introducidos respecto ao proxecto orixinal: cambio da orixe da liña e da localización do CT proxectado.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto mencionado, asinado o día 23.7.2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº de colexiado 2.980 de Vigo.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Oza-Cesuras, Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas e Deputación Provincial da Coruña. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 7.7.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar Vilar Costoia, concello de Oza-Cesuras, e as súas características técnicas son as seguintes:
– LMTS a 15 kV, de 1.020 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm2 Al, coa orixe na cela do CT proxectado no expediente IN407A 2022/210-1, e remate no CTC proxectado.
– CT no lugar Vilar Costoia compacto prefabricado tipo rural, cunha potencia de 160 kVA, unha relación de transformación de 15.000/400-230 V e configuración fin de liña.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
2. As instalacións deberán obter a autorización de explotación antes do 1 de xaneiro de 2026, segundo o indicado no artigo 13.9.a) do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, agás se xustifique algunha das excepcións indicadas no antedito artigo 13.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 14 de xullo de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
