Á vista da solicitude formulada polo Concello de Brión, relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base no seguinte
Antecedente de feito:
Primeiro e único. O Concello de Brión achegou, a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2025/2085915), a solicitude relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría como reservado a PFHN, xuntando a esta petición a seguinte documentación:
– Memoria económica e xurídica xustificativa para a clasificación do posto de Tesouraría do Concello de Brión como reservado a PFHN.
– Certificación relativa aos recursos do orzamento do Concello de Brión para o exercicio económico 2025 (prorrogado do ano 2024), polo importe de 13.807.541,84 euros.
– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Brión segundo a última rectificación referida ao 1.1.2024, aprobada polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a 8.197 habitantes.
– Certificado da secretaría municipal relativo ao acordo plenario do 20.6.2018, polo que se aproba inicialmente a relación de postos de traballo do Concello, en que acredita que nela figura o posto de traballo reservado de Tesouraría como reservado a PFHN e que, logo de realizar a súa publicación no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 120, do 26.6.2018, non se achegaron alegacións en relación con este posto de traballo reservado, e aprobouse definitivamente na sesión plenaria do 31.7.2019 a citada relación de postos de traballo, aprobación definitiva que se publicou no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 149, do 8.8.2019.
Xa que logo, pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A creación e a clasificación do posto de Tesouraría no Concello de Brión como reservado a PFHN veñen impostas polo preceptuado no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en adiante, Real decreto 128/2018), ao sinalar que nas corporacións locais cuxa Secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de Tesouraría reservado a PFHN da subescala de Intervención-Tesouraría.
A Secretaría do Concello de Brión está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativa a creación e a clasificación do dito posto de traballo reservado, ao cal lle corresponde a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación numeradas no artigo 5 do Real decreto 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de Intervención-Tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.
Segundo. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.
A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción do presente acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,
RESOLVO:
Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Brión, coas seguintes características:
– Entidade local: Concello de Brión.
– Posto: Tesouraría.
– Subescala: Intervención-Tesouraría.
– Categoría: sen distinción de categoría.
– Forma de provisión: concurso de méritos.
– Nivel de complemento de destino: 26.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente un requirimento no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
