DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 11 de agosto de 2025 Páx. 43663

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de tesouraría do Concello de Outeiro de Rei como posto reservado a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada polo Concello de Outeiro de Rei, relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base no seguinte

Antecedente de feito:

Primeiro e único. O Concello de Outeiro de Rei achegou, a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2025/2096838), a solicitude relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría como reservado a PFHN, xuntando a esta petición a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa para a clasificación do posto de Tesouraría do Concello de Outeiro de Rei como reservado a PFHN.

– Certificación relativa aos recursos do último orzamento do Concello de Outeiro de Rei aprobado, publicado no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 17.9.2024, polo importe de 9.324.537,08 euros.

– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Outeiro de Rei, que ascende a 5.359 habitantes.

– Certificado da secretaría municipal relativo ao Acordo plenario do 24.4.2025 polo que se aproba inicialmente a modificación da relación de postos de traballo do concello, no cal acredita que nela figura o posto de traballo reservado de Tesouraría como reservado a PFHN e que, logo de realizar a súa publicación no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 6.5.2025, non se achegaron alegacións, e publicouse a aprobación definitiva desta modificación da relación de postos de traballo no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 17.6.2025.

Xa que logo, pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A creación e a clasificación do posto de Tesouraría no Concello de Outeiro de Rei como reservado a PFHN veñen impostas polo preceptuado no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018), ao sinalar que nas corporacións locais cuxa Secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de Tesouraría reservado a PFHN da subescala de Intervención-Tesouraría.

A Secretaría do Concello de Outeiro de Rei está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativa a creación e a clasificación do dito posto de traballo reservado, ao cal lle corresponde a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación numeradas no artigo 5 do Real decreto 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de Intervención-Tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.

Segundo. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Outeiro de Rei, coas seguintes características:

– Entidade local: Concello de Outeiro de Rei.

– Posto: Tesouraría.

– Subescala: Intervención-Tesouraría.

– Categoría: sen distinción de categoría.

– Forma de provisión: concurso de méritos.

– Nivel de complemento de destino: 30.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, as pesoas interesadas poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente un requirimento no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local