O artigo 27, en harmonía co artigo 5, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece como competencia da Comunidade Autónoma galega a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da cultura e investigación.
O Decreto 42/2024, do 14 de abril, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14 de abril).
O Decreto 49/2024, do 22 de abril, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24 de abril).
O Decreto 146/2024, do 20 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e no seu artigo 7, punto 1, figura a Secretaría Xeral da Lingua como órgano superior desta.
Dentro das competencias e funcións da Secretaría Xeral da Lingua, baixo a súa dirección, establécese que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ten a función de promover a formación e capacitación de persoas tituladas universitarias, tanto no ámbito galego coma internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.
Na súa virtude, apróbanse as seguintes
Bases
Primeira. Obxecto e destinatarios
Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria correspondente ao ano 2025, de once bolsas de formación nos proxectos de investigación que se desenvolven no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (código de procedemento PL500D).
Serán as destinatarias destas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias nas titulacións exixidas nos distintos proxectos de investigación.
Os proxectos concretos inclúense no anexo I á presente orde e nel detállanse os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Segunda. Dotación das bolsas e orzamento
A contía de cada bolsa será de 1.100 € brutos mensuais, aos que se lles aplicarán os descontos e retencións legais vixentes, incluída a cotización á Seguridade Social, que correspondan.
En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 2.774,64 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais, correspondentes á cota empresarial.
Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito axeitado e suficiente por un importe total de 293.174,64 €, que será imputado ás aplicacións orzamentarias 13.02.151A.480.0 e 13.02.151A.484.0, para ao pagamento das mensualidades e da cota patronal da Seguridade Social, respectivamente. Non obstante, esta contía poderá ser incrementada cando a cotización patronal á Seguridade Social –en virtude do regulado ao respecto na correspondente lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento– sexa actualizada á alza.
A desagregación por anualidades é a seguinte:
– Ano 2025: 12.215,61 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, dos cales, 12.100,00 € financiaranse con cargo á aplicación 13.02.151A.480.0 e 115,61 €, con cargo á 13.02.151A.484.0.
– Ano 2026: 146.587,32 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, dos cales, 145.200,00 € financiaranse con cargo á aplicación 13.02.151A.480.0 e 1.387,32 €, con cargo á 13.02.151A.484.0.
– Ano 2027: 134.371,71 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2027, dos cales, 133.100,00 € financiaranse con cargo á aplicación 13.02.151A.480.0 e 1.271,71 €, con cargo á 13.02.151A.484.0.
A distribución entre ambas as aplicacións faise con base no recollido na Orde PJC/178/2025, do 25 de febreiro, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, desemprego, protección por cesamento de actividade, Fondo de Garantía Salarial e formación profesional para o exercicio 2025.
Terceira. Duración
As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada tal e como dispón a base décimo cuarta desta convocatoria; a data estimada de comezo é o 1 de decembro de 2025 e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2027. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.
Cuarta. Requisitos xerais das persoas solicitantes
Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias que non incorran en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan no anexo I desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao exixido no proxecto para o que presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2007/08 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro).
As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas; e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE nº 224, do 18 de setembro) como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.
Quinta. Presentación de solicitudes e prazo
1. Debido á capacidade técnica das persoas físicas ás que van dirixidas estas bolsas, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos recursos electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico e realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.
Así, de conformidade cos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, do 14 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos, polo que as solicitudes han de ser presentadas a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, de conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Sexta. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación complementaria:
a) Certificación académica oficial completa (non extracto de expediente virtual), en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta.e) desta orde. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.
b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.
c) Currículo, acompañado da documentación que acredite os méritos que desexe alegar.
d) Certificado do coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou equivalente, non expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Sétima. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Títulos oficiais universitarios.
e) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.
f) Títulos oficiais non universitarios.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
i) Estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
De se opoñer a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser feitos electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Novena. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas e efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. Porén, por se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45, punto 1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións cos requirimentos de emenda, coas puntuacións provisionais e coas correccións de erros previos á resolución desta convocatoria, se as houber, realizaranse mediante publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Décima. Instrución
A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle ao Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, este servizo revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No suposto de que estean incompletas, conteñan erros ou non acheguen toda a documentación acreditativa, poderán ser requiridas para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Non serán obxecto de requirimento os documentos acreditativos dos méritos alegados no currículo.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (www.cirp.gal).
A avaliación das solicitudes efectuaraa unha Comisión de Valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na sección 3ª do capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
A Comisión de Valoración estará integrada polos seguintes membros:
Presidente: o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Vogais: dous funcionarios da Secretaría Xeral da Lingua e un director dos proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, propostos polo presidente da Comisión de Valoración e nomeados polo secretario xeral da Lingua.
Secretario: o secretario do Consello Científico e do Consello Executivo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Coa finalidade de prestarlle apoio técnico ou asesoramento con respecto ás materias dos proxectos para os que se convocan as bolsas, a Comisión de Valoración poderá solicitar informes dos especialistas e/ou directores das distintas áreas de investigación.
A composición da Comisión de Valoración farase pública no portal web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puidese asistir, será substituída por alguén nomeada para os efectos.
A Comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estivesen acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
Se ningunha das persoas candidatas presentadas resultase idónea, a Comisión de Valoración poderá establecelo así no seu informe.
Terase en conta, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda, de acordo co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Décimo primeira. Criterios xerais de valoración e procedemento
A) Criterios xerais de valoración de solicitudes.
A Comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes, conforme o seguinte baremo e criterios:
1. O expediente académico: ata un máximo de 10 puntos.
Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media do expediente académico persoal, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro).
En caso de varias titulacións válidas para os proxectos aos que se presenten, terase en conta a nota máis alta.
2. Formación complementaria: ata un máximo de 11 puntos.
Por segundas titulacións universitarias, das que permitan acceder a cada proxecto: 1 punto, ata un máximo de 2.
Valoraranse os cursos, mestrados de investigación e diplomas de estudos avanzados (DEA), relacionados co obxecto de cada bolsa, organizados por organismos públicos, universidades, asociacións profesionais e outros organismos e entidades:
Pola realización de cada máster relacionado coa actividade a que se opta: 2,50 puntos.
Pola realización de cada DEA relacionado coa actividade á que se opta: 2 puntos.
Pola realización de prácticas externas de grao ou de mestrado, relacionadas coa actividade á que se opta: 1 punto. Non se puntuarán para este efecto os Practicum.
Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.
Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de entre 40 e 69 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.
Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de entre 70 e 99 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.
Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de máis de 100 horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 2,50 puntos.
Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.
Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.
3. Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto das bolsas: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 3 puntos.
Forma de acreditación: copia dos certificados de participación activa nos referidos congresos, e texto ou póster da comunicación.
4. Por publicacións individuais e participación en publicacións colectivas relacionadas coa especialidade da investigación á cal opta, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, ata un máximo de 3 puntos:
– Por publicacións individuais: 0,50 puntos por publicación.
– Por participación en publicacións colectivas:
• Publicacións de dous autores: 0,25 puntos por publicación.
• Publicacións de 3 ou máis autores: 0,20 puntos por publicación.
As publicacións que non consignen o ISBN ou o ISSN non se valorarán.
Forma de acreditación: versión en formato pdf da publicación ou ben copia da cuberta, da páxina onde figuren os créditos (ISBN ou ISSN) e a autoría da publicación, e as 10 primeiras páxinas do libro, capítulo ou artigo onde figure como autora a persoa solicitante. No caso de publicacións en formato electrónico, os interesados deberán presentar un informe emitido polo organismo emisor en que se certifique o título da publicación e os autores, así como a ligazón onde aparece a mencionada publicación.
Un mesmo mérito alegado nos puntos 3 e 4 valorarase unha soa vez, ben como comunicación ou, de ser o caso, como publicación.
B) Procedemento.
Rematado o proceso de avaliación das solicitudes, a Comisión de Valoración elaborará un informe no que se concrete o resultado desta.
O servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Valoración, formulará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada.
Esta proposta farase pública na páxina web do centro, xunto coa relación de suplentes, por orde decrecente de puntuación.
No suposto de que unha mesma persoa resultase ser a titular en máis dunha bolsa, atenderase á orde de prelación indicada na solicitude (anexo II), por rigorosa orde de puntuación.
A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a persoa seleccionada non se incorporase na data establecida, cando manifestase expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renunciase a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.
Décimo segunda. Alegacións e trámite de audiencia
Segundo o artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución definitiva, o prazo de exposición pública da proposta de resolución provisional será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da data de publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes na forma indicada na base quinta desta convocatoria.
Non obstante, ao abeiro do artigo 76, as persoas interesadas poderán presentar alegacións en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia.
Examinadas as alegacións presentadas, de ser o caso, formularase a proposta de resolución definitiva.
De non presentarse solicitudes ou de non cumpriren algún dos requisitos xerais e específicos, a convocatoria será declarada deserta.
Décimo terceira. Resolución. Notificación e publicación
1. O órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución definitiva á persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua, quen resolverá, por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro do Decreto 42/2024, do 14 de abril, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14 de abril) de conformidade coa disposición derradeira primeira da orde de convocatoria. Na resolución constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así coma os demais aspectos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
2. A resolución de concesión da bolsa publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web do Centro Ramón Piñeiro e da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal) mediante relación nominal das persoas beneficiarias e suplentes, e demais supostos, polo que se entenderán notificados/as para todos os efectos, sen prexuízo das notificacións individuais ao abeiro do recollido na base novena desta convocatoria, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude (Orde do 28 de xuño de 2024, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais desta consellería, DOG nº 130, do 5 de xullo) e para resolver os recursos de reposición que, de ser o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
4. De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo, sen que sexa notificada a resolución, lexitima os interesados para entender desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.
5. As persoas solicitantes excluídas terán un prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia para recuperar a documentación presentada.
Décimo cuarta. Aceptación da bolsa e incorporación
Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez días naturais para comunicarlle ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a súa aceptación ou renuncia. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desde ese momento adquirirán a condición de beneficiarias.
A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. De non se incorporar na data sinalada, perderanse os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa de forza maior, debidamente xustificada mediante un escrito achegado con anterioridade á data de incorporación, así apreciada polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. No suposto de incorporación tardía xustificada, dun prazo máximo de dez días naturais, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se percibirá.
Décimo quinta. Natureza xurídica da relación
O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e as persoas bolseiras. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, o persoal bolseiro queda asimilado a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Os dereitos e obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.
Décimo sexta. Aboamento das bolsas
O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, logo da correspondente certificación emitida pola persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua, de acordo co informe emitido polo coordinador científico do centro, sempre que as actividades de formación se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa.
Décimo sétima. Condicións, incompatibilidades, obrigas e cumprimento das persoas bolseiras
1. As persoas beneficiarias das bolsas comprométense a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde.
2. A persoa titular da Secretaría xeral da Lingua poderá conceder ou denegar, en función das necesidades do proxecto de investigación ao que está adscrito, a interrupción temporal da bolsa, por petición razoada da persoa interesada, logo do informe do seu director de proxecto. O tempo máximo de interrupción será de dous meses e unicamente poderá fraccionarse en dous bloques de un mes. En ningún caso existirá a posibilidade de recuperar o período interrompido e tampouco terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa suspensión.
3. Se a formación e o aproveitamento non ten unha evolución positiva nin acada os obxectivos mínimos previstos no programa de formación que lle asignen, a bolsa poderá ser revogada. Isto deberá ser confirmado mediante un informe do director do proxecto, logo de audiencia ao interesado, co visto e prace do coordinador científico do centro. Esta revogación seralle comunicada por escrito no prazo de quince días previos á fin da bolsa. Tamén se poderá revogar a bolsa cando o proxecto ao que está vinculado deixe de estar vixente, cambie as liñas de investigación ou así o determinen as dispoñibilidades orzamentarias.
4. Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria da persoa bolseira ou con calquera tipo de ingresos habituais pola prestación de servizos profesionais ou coa realización de traballo remunerado, excepto con aquelas bolsas ou axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o/a solicitante vai realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios ou cursos de especialización).
5. A persoa bolseira está obrigada a:
a) Formarse no Centro Ramón Piñeiro, en horario de mañá e/ou tarde, a non ser cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.
b) Realizar as actividades previstas nos programas de formación e cumprir os obxectivos destes mesmos con aproveitamento.
c) Comunicarlle ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a causa que determine a incompatibilidade dentro das 24 horas seguintes ao momento en que teña coñecemento da concorrencia desta e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia á bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia (declaración responsable do conxunto de bolsas concedidas e informe do director do proxecto en relación coas actividades de formación realizadas).
d) Facer constar na produción escrita derivada dos traballos nos que participe ou realice no seu proceso de formación, a expresión: «Co apoio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral da Lingua, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia», e achegar un exemplar do traballo publicado.
e) Deberá dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. No caso de incumprimento das súas obrigas, deberá proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas xunto cos xuros de mora que lle correspondan en cada caso, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral da Lingua.
7. O incumprimento de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Décimo oitava. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.
Disposición adicional primeira
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional segunda
A concesión da bolsa regulada nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.
Disposición adicional terceira
Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira primeira
Delégase expresamente na persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua o exercicio das facultades que a normativa en materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva lle atribúe á persoa titular da consellería, ao abeiro da Orde do 28 de xuño de 2024, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais desta consellería (DOG nº 130, do 5 de xullo), así como para resolvela e para resolver os recursos de reposición que, de ser o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
1. Unha bolsa para o proxecto Tesouro paleográfico.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Estar en posesión do grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Estudos de Galego e Español, grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, grao en Filoloxía Clásica, así como as licenciaturas equivalentes aos ditos graos ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
Aínda que o coñecemento do alemán e do latín non se exixe para acceder a esta bolsa, si será considerado como mérito relacionado coa actividade a que se opta e será valorado como formación relacionada co obxecto da bolsa na epígrafe de formación complementaria.
2. Unha bolsa para o proxecto Corpus de referencia do galego actual (Corga).
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
Ser licenciado/a en Filoloxía Galega, Románica, Hispánica, Portuguesa ou Tradución e Interpretación ou ben graduado/a en Lingua e Literatura Galegas; en Lingua e Literatura Españolas; en Lingua e Literatura Inglesas; en Lingua e Literatura Modernas (Francés, Italiano, Románicas e Portugués); en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Tradución e Interpretación; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
3. Unha bolsa para o proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (Codolga).
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Clásica, en Historia ou en Humanidades ou titulación universitaria equivalente pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Ter cursados estudos de Latín, xustificados cun mínimo de dúas materias superadas no expediente académico ou cun máster en estudos medievais. Aínda que os coñecementos no manexo de ferramentas informáticas (bases de datos, follas de cálculo, xestores de referencias bibliográficas e outras) e a experiencia no uso da aplicación Codolga non se atopan entre os requisitos exixidos para acceder a esta bolsa, si que serán considerados como méritos relacionados coa actividade a que se opta, e serán valorados segundo a epígrafe de formación complementaria, sempre que estean acreditados documentalmente.
4. Unha bolsa para o proxecto Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega).
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Posuír algunha das seguintes titulacións ou outras que se consideren equivalentes: licenciatura en Filoloxía Galega, Románica, Hispánica ou Portuguesa ou ben o grao en Lingua e Literatura Galegas; en Lingua e Literatura Españolas; en Lingua e Literatura Modernas; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios ou en Estudos de Galego e Español, ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura, dependendo da universidade de procedencia.
• Acreditar nivel B2 nalgunha das seguintes linguas: portugués, catalán, francés, inglés, italiano ou alemán.
5. Unha bolsa para o proxecto Terminoloxía científico-técnica.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía ou Tradución e Interpretación, ou ben do grao en Lingua e Literatura Galegas; en Lingua e Literatura Españolas; en Lingua e Literatura Inglesas; en Lingua e Literatura Modernas; en Linguas Estranxeiras; en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Tradución e Interpretación ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Posuír coñecementos de inglés ou francés equivalentes ao nivel B2.
• Ter formación, polo menos elemental, en terminoloxía ou en lexicografía (demostrable mediante a superación dalgunha materia, publicacións científicas, asistencia a simposios, seminarios ou congresos especializados, comunicacións presentadas a congresos, etc.).
6. Unha bolsa para o proxecto Informes de literatura.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Ter o título de licenciatura en Filoloxía Galega ou ben o grao en Lingua e Literatura Galegas; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Filoloxía Aplicada Galega e Española; en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Tradución e Interpretación (Lingua A1: Galego-outra lingua); ou as mesmas titulacións universitarias, pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Acreditar coñecementos na elaboración de repertorios bibliográficos comentados, ben mediante estudos que inclúan formación a este respecto a nivel de licenciatura/grao ou máster, ben pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios...) ben pola publicación de traballos concretos arredor deste contido.
7. Unha bolsa para o proxecto Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Ter o título de licenciatura en Filoloxía Galega ou ben o de grao en Lingua e Literatura Galegas; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Filoloxía Aplicada Galega e Española; en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Tradución e Interpretación (con materia A1: Galego); ou as mesmas titulacións universitarias, pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Acreditar coñecementos específicos en crítica e investigación literarias, ben mediante estudos que as inclúan a nivel de licenciatura/grao ou máster, ben pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios...), ben pola publicación de traballos concretos dos cales participen estas disciplinas.
Aínda que a formación e o coñecemento en edición de textos literarios non se atopan referidos expresamente entre os requisitos exixidos para acceder a esta bolsa, si que serán considerados como méritos relacionados coa actividade a que se opta e serán valorados segundo a epígrafe de formación complementaria. Para este fin, deberán ser acreditados ben mediante estudos que os inclúan a nivel de máster, ben pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios...), ben pola publicación de traballos concretos dos cales participen esta formación e coñecemento.
8. Unha bolsa para o proxecto Lírica medieval galego-portuguesa.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Posuír o título de Licenciatura ou de Grao en Filoloxía Clásica, Galega, Románica, Hispánica, Portuguesa ou ben graduado/a en Filoloxía Galega, Linguas e Literaturas Modernas (Mención Filoloxía Románica, Mención en Lingua portuguesa e Literatura Lusófonas), Lingua e Literatura Españolas, Filoloxía Clásica, ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Acreditar coñecementos específicos de literatura medieval (en particular, de lírica) mediante estudos que a inclúan a nivel de licenciatura/grao ou máster, e/ou pola asistencia xustificada a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios...).
• Acreditar a capacidade para ler/traducir textos en diferentes linguas romances no período medieval mediante estudos realizados durante a licenciatura/grao ou máster, e/ou pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios). Os solicitantes deberán evidenciar nos seus expedientes os datos que avalan tal competencia.
• Ter capacidade para comprender textos escritos en diferentes linguas romances e inglés (valoraranse as linguas que poidan ser acreditadas ou certificadas, conforme a epígrafe de formación complementaria).
Aínda que a formación e o coñecemento en gramática histórica e crítica textual non se recollen entre os requisitos exixidos para acceder a esta bolsa, serán considerados méritos relacionados coa actividade a que se opta e, consecuentemente, serán valorados segundo a epígrafe de formación complementaria.
9. Unha bolsa para o proxecto BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Estar en posesión do título de grao en Lingua e Literaturas Modernas (itinerario: Filoloxía Románica ou Lingua Portuguesa e Literaturas Lusófonas), grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Filoloxía Clásica, grao en Lingua e Literatura Españolas, ou calquera outra titulación de grao en Lingua e Literatura con minor en Filoloxía Románica; grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; licenciatura en Filoloxía Románica, Galega, Portuguesa, Clásica ou Hispánica; as mesmas titulacións universitarias pero con distinta nomenclatura ou denominación dependendo da universidade de procedencia.
• Acreditar coñecementos en literatura medieval, demostrable mediante a superación de materias que os inclúan a nivel de licenciatura/grao ou máster, TFG e/ou TFM, e/ou a asistencia certificada a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios...), e/ou a publicación de traballos concretos con afinidade á disciplina.
• Nivel mínimo B1 nalgunha das seguintes linguas: portugués, francés, italiano ou inglés (valoraranse unicamente as linguas que poidan ser convenientemente acreditadas mediante certificado ou título académico).
Aínda que a formación e o coñecemento en literatura medieval galego-portuguesa non se recolle entre os requisitos exixidos para acceder a esta bolsa, será considerado mérito relacionado coa actividade a que se opta e, consecuentemente, será valorado segundo a epígrafe de formación complementaria.
10. Unha bolsa para o proxecto Dimensións da identidade colectiva de Galicia.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Posuír o título de licenciatura ou de grao en Ciencias Políticas e da Administración ou en Relacións Internacionais, Estudos Internacionais.
• Ter coñecementos avanzados de estatística quer avalados con título oficial a nivel de máster que conteñan materias relativas a estes coñecementos, quer con graos específicos neste campo.
• Avalar experiencia no manexo dos softwares de análise estatística, SPSS, STATA ou R.
11. Unha bolsa para o proxecto Estudo e edición de textos literarios galegos.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Ter o título de licenciatura en Filoloxía Galega ou ben o de grao en Lingua e Literatura Galegas; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Filoloxía Aplicada Galega e Española; en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Tradución e Interpretación (con materia A1: Galego); ou as mesmas titulacións universitarias, pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Acreditar coñecementos específicos en estudo e edición de textos literarios, ben mediante estudos que os inclúan a nivel de licenciatura/grao ou máster, ben pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios...), ben pola publicación de traballos concretos dos cales participen estas disciplinas.
