O Pleno do Concello de Ponteareas, na sesión que tivo lugar o día 29 de xullo de 2025, acordou aprobar definitivamente o estudo de detalle para a ordenación de volumes e a definición dunha única área de movemento da edificación nunha parcela de propiedade única situada no ámbito da área de repartición nº 10 Granitos de Galicia (AR-10).
O estudo foi redactado polo arquitecto Leopoldo Ivorra Sáenz-Díez e o avogado Jorge Pérez Maldonado, asinado dixitalmente con data do 11 de xuño de 2025, e promovido pola mercantil Bienes Inmobiliarios Corporativos del Atlántico, 2008 S.L.
De conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), o acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle publicarase no Diario Oficial de Galicia, e a súa normativa urbanística publicarase no Boletín Oficial da provincia. Así mesmo, remitirase á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a documentación exixida no artigo 88.3 da LSG, para os efectos da inscrición do estudo de detalle no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
En todo caso, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan quedan condicionadas ao cumprimento dos trámites anteriores e ao disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, en relación co artigo 65.4 da mesma lei.
O contido íntegro do estudo de detalle estará á disposición das persoas interesadas para a súa consulta presencial no Departamento de Urbanismo do Concello de Ponteareas, en horario de oficina. Así mesmo, poderá consultarse de forma dixital a través do Portal de transparencia do Concello de Ponteareas, na seguinte ligazón:
https://ponteareas.sedelectronica.gal/transparency
Premendo na lapela «7. Urbanismo, Obras Públicas e Ambiente».
Contra o acordo de aprobación definitiva do citado estudo de detalle, con natureza de disposición administrativa de carácter xeral, pódese interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (artigo 84.1 da LSG, e artigo 201.1 do seu regulamento), no prazo máximo de dous meses que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.
Ponteareas, 6 de agosto de 2025
María Nava Castro Domínguez
Alcaldesa
