DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 14 de agosto de 2025 Páx. 44321

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (código de procedemento PE610C).

BDNS (Identif.): 851345.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/851345

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas, armadoras de buques pesqueiros inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, que faciliten o embarque dos/das estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros que necesiten un período de embarque nun buque de pesca para obter un título profesional pesqueiro, de acordo co Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro.

O buque debe ter o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e atoparse de alta na 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras. Ademais, a persoa beneficiaria debe ter a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2025, para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas financiadas polo FEMPA, para fomentar a experiencia e a remuda xeracional a través da formación dos/das estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros, de cara a facilitar o seu embarque e a súa formación a bordo (código de procedemento PE610C).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (código de procedemento PE610C).

Cuarto. Contía

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de trescentos cincuenta mil euros (350.000,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.422K.770.1, código de proxecto 202300177, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará en sete (7) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Mar, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 30 de setembro de 2025.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar