O Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados, fixa no seu artigo 5 uns obxectivos políticos entre os que se recolle unha Europa máis verde e hipocarbónica, mediante a promoción dunha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos.
O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004, recolle, no seu artigo 3, que o FEMPA contribuirá á aplicación da política pesqueira común (PPC) e da política marítima da Unión e terá, entre as súas prioridades, fomentar unha pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos.
Dentro desta prioridade a axuda contribuirá ao logro do obxectivo específico de reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables e encadrarase dentro do tipo de actividade 1.1.9 Formación.
Un dos retos do FEMPA no ámbito social é a promoción da remuda xeracional, para o que o programa operativo establece como prioridade de actuación, entre outras, a formación e o impulso da entrada ao sector de novos profesionais.
Así, a natureza das actividades financiadas irá encamiñada a promover as condicións para un sector da pesca economicamente viable, competitivo e atractivo a través da realización de prácticas en embarcacións destinadas á adquisición de novos coñecementos e á mellora de capacidades que impulsen a competitividade do sector, o desenvolvemento profesional e a remuda xeracional.
En relación co principio de non causar danos significativos, o alcance e condicións do FEMPA aseguran isto. O fondo ten como obxectivo promover a sustentabilidade ambiental no marco da política pesqueira común e a lexislación ambiental da Unión, e inclúe condicións precisas e unha lista de operacións non elixibles para prever operacións daniñas. Ademais, mediante a avaliación do programa sobre a base do punto 5 do artigo 8 do FEMPA, garántese que os tipos de accións descritos no programa sexan coherentes, cando proceda, co principio de non causar danos significativos.
Mediante a Decisión de execución da Comisión, do 29 de novembro de 2022, aprobouse o programa para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período 2021-2027, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución das prioridades e obxectivos do FEMPA en España. Este programa ten por obxectivo manter a pesca como actividade produtora sustentable a través da conservación dos ecosistemas mariños e debe afrontar importantes retos como a remuda xeracional mediante a mellora das condicións laborais.
A nivel da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, estipula no seu artigo 117 que a consellería competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, capacitación e reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores, así como daquelas persoas que poidan demandar a dita prestación formativa. O artigo 118 desta lei fixa como obxectivo que as actuacións formativas se adaptarán ás necesidades formativas e de reciclaxe demandadas polo sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola.
A pesca é un sector estratéxico para Galicia, tanto desde o punto de vista económico como social. Non obstante, debe afrontar a problemática da remuda xeracional. As peculiaridades da actividade pesqueira a bordo de embarcacións fan que esta actividade sexa percibida como dura, con traballos pesados e longas tempadas fóra da casa. Outra limitación é o feito de que os/as estudantes teñan que facer prácticas no mar para completar o ciclo formativo e obter a titulación náutico-pesqueira correspondente.
Esta orde pretende facilitar o embarque destes/as estudantes que necesitan completar a súa formación profesional en buques pesqueiros, os chamados «días de mar», para que teñan a oportunidade de comprobar como é realmente o traballo a bordo dun buque de pesca e a mellora das condicións de traballo e seguridade acadadas nos últimos anos.
Por outro lado, permitirá que os armadores poidan compensar parte dos gastos que deben asumir no equipamento e manutención dos/das estudantes enrolados/as.
Así mesmo, segundo o establecido no artigo 116.3 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, as políticas activas de emprego en Galicia terán en conta de modo prioritario a situación das mulleres do medio rural e do sector marítimo-pesqueiro, implantando programas e medidas destinadas á súa efectiva inserción laboral, así como á mellora da calidade do emprego. Ademais, segundo o establecido no artigo 118.2 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, os órganos competentes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia adoptarán medidas de acción positiva que favorezan o acceso efectivo das mulleres aos estudos e actividades de formación, perfeccionamento e de reciclaxe profesional, conducentes ás titulacións e capacitacións profesionais que permitan a inserción e promoción laboral no sector da pesca, en canto se rexistre infrarrepresentación das mulleres na proporción sinalada na normativa vixente.
Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2025, para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas financiadas polo FEMPA, para fomentar a experiencia e a remuda xeracional a través da formación dos/das estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros, de cara a facilitar o seu embarque e a súa formación a bordo (código do procedemento PE610C).
Artigo 2. Marco normativo
Para o outorgamento e a execución das axudas observarase o disposto nesta orde e na seguinte normativa:
– Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.
– Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004.
– Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014, e (UE) nº 283/2014, e a Decisión nº 541/2014/UE, e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.
– Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis no sector da pesca e a acuicultura.
– Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións.
– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistro de axudas, subvencións, convenios e sancións.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
– Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
– Real decreto 193/2023, do 21 de marzo, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e emprego dos bens e servizos á disposición do público.
– Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia.
– Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
– Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional.
– Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.
– Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro.
– Decreto 194/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Navegación e Pesca de Litoral.
– Decreto 94/2013, do 6 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Transporte Marítimo e Pesca de Altura.
– Decreto 191/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Mantemento e Control de Maquinaria de Buques e Embarcacións.
– Decreto 193/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións.
– Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia.
– Calquera outra norma da Unión Europea, nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.
Artigo 3. Crédito orzamentario
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de trescentos cincuenta mil euros (350.000,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.422K.770.1, código de proxecto 202300177, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
2. Os importes consignados, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias e respectarase o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
3. As axudas recollidas nesta orde están cofinanciadas de acordo coa sección 1, capítulo VII, título II do citado Regulamento (UE) 2021/1139, nun 70 % con fondos FEMPA e nun 30 % con fondos propios da Comunidade Autónoma.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas, armadoras de buques pesqueiros inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, que faciliten o embarque dos/das estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros que necesiten un período de embarque nun buque de pesca para obter un título profesional pesqueiro, de acordo co Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro.
O buque debe ter o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e atoparse de alta na 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras. Ademais, a persoa beneficiaria debe ter a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas físicas ou xurídicas en que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos nos puntos 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.
b) As sinaladas no artigo 10, apartados 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) As incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
Artigo 5. Obrigas das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias, ao formalizar a solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento dos requisitos e condicións establecidas nesta orde, no documento que establece as condicións da axuda (DECA) e na normativa que poida resultar de aplicación.
2. As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
2.1. Específicos.
a) Velar pola formación do/da estudante, de xeito que os labores a bordo do buque estean relacionados co desenvolvemento da súa formación.
b) Facilitar ao/á estudante o apoio, os medios e o equipamento necesarios para o desenvolvemento das prácticas a bordo do buque, segundo a lexislación vixente (EPI, roupa de traballo, etc.).
c) Realizar un seguimento e titorización do/da estudante dentro do barco por parte do/da titor/a designado/a para tal fin.
d) Comunicar á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro calquera modificación das condicións polas que se concedeu a subvención.
2.2. Xerais.
a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención nos termos e prazos indicados nesta orde e na demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.
b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.
e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración Xeral do Estado e da Unión Europea.
f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude, durante todo o período de execución da operación e durante un período adicional de cinco anos despois da realización do pagamento á persoa beneficiaria, establecidas no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139. No caso de incumprimento neste período, recuperarase a axuda concedida de conformidade cos artigos 44 do citado Regulamento 2021/1139 e 103 do Regulamento (UE) nº 2021/1060. No caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase a axuda concedida de conformidade co disposto no artigo 202 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.
g) Manter un rexistro e asegurarse de que os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba a axuda se conserven adecuadamente durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o organismo intermedio de xestión efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.
Os rexistros e documentos conservaranse en forma de orixinais ou en forma de copias auténticas ou en soportes de datos comunmente aceptados como versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais, se os ditos documentos cumpren os requisitos legais para poder ser considerados equivalentes a orixinais e fiables, para os efectos de auditoría.
h) Facer mención á orixe do financiamento, con expresa mención á porcentaxe de financiamento do FEMPA e da Comunidade Autónoma, e velar por darlle visibilidade, en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios/as, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) nº 2021/1139.
i) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, nos termos regulamentariamente establecidos.
j) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
k) Proporcionar e actualizar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo e dar cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, someténdose ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente e os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
l) Respectar a carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e a igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, se é o caso.
m) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación.
Artigo 6. Gastos subvencionables
1. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos:
a) Manutención: 33,26 euros por estudante e día de embarque.
b) Equipamento e roupa de traballo: 500 euros por estudante.
c) Os custos indirectos. Enténdense por custos indirectos aqueles que, aínda que non poden vincularse directamente cunha actividade obxecto de subvención, por teren carácter estrutural, resultan necesarios para a súa realización, como gastos de oficina, administrativos, servizos básicos, subministracións (auga, electricidade, teléfono, gas, etc.). Para o cálculo destes custos empregarase o método de financiamento a tipo fixo aplicando unha porcentaxe fixa do 7 % do gasto directo total subvencionable.
2. Os períodos de embarque deben estar comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de agosto de 2025.
3. Serán subvencionables como máximo os gastos de dous/dúas estudantes por barco e período de embarque.
4. A contía da axuda concedida aboarase ás persoas beneficiarias nun único pagamento, logo de presentar a documentación requirida.
Artigo 7. Compatibilidade das axudas
As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teña financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE (fondos estruturais e de investimento europeos) ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.
Estas axudas ampáranse no réxime de minimis previsto no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura. O importe total das axudas de minimis por beneficiario non poderá exceder os 40.000 € durante un período calquera de tres exercicios fiscais.
Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará en sete (7) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Mar, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 30 de setembro de 2025.
Artigo 9. Forma de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I do procedemento PE610C) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
As persoas solicitantes profesionais do sector pesqueiro terán a capacidade administrativa para o acceso e a dispoñibilidade para a tramitación electrónica. Deste xeito, para as persoas físicas consideradas persoas beneficiarias por esta orde, establécese a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos de acordo co disposto nos artigos 3 e 10.2 da Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia, e no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Forma parte da solicitude unha declaración responsable en que a persoa solicitante fai constar os seguintes aspectos:
a) O conxunto de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, incluídas as axudas suxeitas ao réxime de minimis.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Que respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.
d) Que ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes.
e) Que evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.
f) Que ten en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.
g) Que cumpre os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia.
i) Que non se atopa en ningún dos supostos establecidos nos puntos 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, é dicir:
1º. Ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.
2º. Ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDNR da Unión Europea segundo dispón o artigo 40.3, do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no artigo 33 do citado regulamento.
3º. Ter cometido fraude, tal e como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA, e así o determinase a autoridade competente.
j) Que non foi sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
k) Que non é unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C246/01).
l) Que, en aplicación do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, xeral de subvencións, os gastos das operacións comerciais están sendo aboados nos prazos previstos na normativa sectorial que lle é de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade.
m) Que cumpre coa normativa comunitaria, nacional e autonómica vixente, en particular, en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade e en materia ambiental.
A presentación da solicitude de subvención polas persoas interesadas ou representantes comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento FEMPA, a autorización terá validez nos cinco (5) anos posteriores á concesión da axuda.
2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, as persoas interesadas non poderán modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento subvencionable.
3. O organismo intermedio de xestión, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, recollerá información sobre os titulares reais perceptores do financiamento da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) nº 2021/1060, con base no establecido no artigo 62.2 do dito regulamento.
De conformidade co artigo 5, número 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, a información contida no rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos e cuxas funcións veñan determinadas nun regulamento comunitario no cal estea establecido que a información sobre titulares reais da entidade beneficiaria dos fondos pode cumprirse empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Copia da folla de asento do buque, certificada, actualizada e desencriptada.
b) Convenio específico para o desenvolvemento da formación en empresa ou organismo equiparado.
c) Acreditación dos días de embarque dos/as estudantes de acordo ao modelo do anexo V do Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro.
d) Carpeta de seguimento do/da alumno/a ou documentación equivalente que recolla as tarefas e actividades realizadas polo/a estudante durante a estancia formativa e as competencias adquiridas.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Domicilio fiscal da persoa física ou xurídica solicitante.
e) Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Concesións de subvencións e axudas.
i) Concesións pola regra de minimis.
j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Emenda da solicitude
1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, porase de manifesto por escrito ás persoas interesadas para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.2.2.c), resulta que o/a solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.
2. En calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a persoa solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.
Artigo 15. Publicidade
1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.
2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 16. Órganos de instrución, xestión e resolución
1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, que realizará, de oficio, cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.
O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria pola persoa beneficiaria.
2. Sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se tivese presentado a documentación completa requirida nestas bases reguladoras, ata esgotar o crédito.
3. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.
Artigo 17. Valoración das solicitudes
1. Conforme o sinalado no documento Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA, para a valoración das solicitudes utilizaranse unicamente criterios de selección xerais, por tratarse de subvencións sometidas ao réxime de concorrencia non competitiva.
O obxectivo é garantir que todas as operacións seleccionadas se inclúen no ámbito de aplicación do FEMPA.
O seu detalle é o seguinte:
a) Contribución á Estratexia, ao DAFO e ao tipo de actividade do programa.
Subcriterios:
1º. Adecuación á Estratexia (0-2 puntos). Comprobarase se a operación está prevista na Estratexia, de acordo coas liñas descritas no número 1 do Programa do FEMPA para España e se é unha operación da «lista de operacións de importancia estratéxica» (apéndice 3, Programa do FEMPA para España). Unha operación que non encaixe coa Estratexia no marco do FEMPA obterá neste subcriterio unha puntuación de «0» e, polo tanto, non será financiable.
2º. Adecuación ao DAFO (0-2 puntos). Comprobarase se a operación achega, contribúe ou recolle algún dos aspectos do DAFO da ficha nº 9 «Formación» dos Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA.
3º. Adecuación ao tipo de actividade (0-2 puntos). Comprobarase que a operación estea prevista no tipo de actividade da ficha nº 9 sinalada anteriormente, tendo en conta que as liñas xerais do Programa non son unha listaxe exhaustiva das accións que se poden levar a cabo neste tipo de actividade e co apoio do documento de Criterios de selección.
b) Contribución aos indicadores de resultado (0-2 puntos). De acordo co Programa, todos os tipos de actividade teñen asociado, polo menos, un indicador de resultado. Polo tanto, terase en consideración, por defecto, que todas as operacións contribuirán aos indicadores de resultados.
c) Contribución a plans e programas (0-2 puntos). Valorarase a adecuación da operación a plans, políticas ou compromisos nacionais e internacionais, así como a plans ou programas autonómicos, rexionais e/ou locais. Os de ámbito nacional e internacional poderán ser os sinalados no documento Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA.
2. O órgano instrutor emitirá un informe onde se cualificará a operación como apta ou non apta. As solicitudes que non acaden unha puntuación mínima de 5 puntos serán consideradas non aptas, e quedarán excluídas para obter financiamento.
3. A aplicación dos criterios de selección xerais, para asegurar que se dirixe ao logro dos obxectivos do programa operativo, poderá realizarse de forma conxunta, ao ser todas as operacións homoxéneas, alcanzando, por tanto, a mesma valoración.
Artigo 18. Resolución
1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Consellería do Mar. Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.
2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles ás persoas beneficiarias no prazo máximo de tres (3) meses desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución.
A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:
a) Que a modificación non poida dar lugar a unha nova análise da solicitude.
b) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade desta orde.
c) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.
d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.
4. As modificacións requirirán resolución expresa da Consellería do Mar.
Artigo 19. Aceptación
1. No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, as persoas interesadas deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo II. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.
2. A aceptación da axuda, sexa de forma tácita ou expresa, implicará:
a) A autorización da inclusión da operación subvencionada na lista de operacións seleccionadas para recibir axudas do FEMPA, consonte o sinalado no artigo 49, do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
b) A autorización do uso de materiais de comunicación e visibilidade da UE, logo de solicitude, e a posibilidade de utilizalos sen que supoñan custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa para as persoas beneficiarias nin para os órganos xestores.
Artigo 20. Recursos
1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se produzan ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.
2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 21. Xustificación
Tendo en conta a natureza e fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte da persoa beneficiaria, xa que todos os datos necesarios son achegados polo/pola solicitante na súa solicitude de axuda, ou figuran nas bases de datos oficiais dos rexistros correspondentes.
Artigo 22. Pagamento
1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento unha vez comprobados os requisitos para ser persoa beneficiaria desta subvención establecidos na presente orde e resolta a concesión da axuda. O importe da axuda aboarase nun único pagamento mediante transferencia bancaria á persoa beneficiaria e na contía que corresponda.
2. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán un certificado no que conste que a persoa solicitante cumpre todos os requisitos necesarios para acceder á axuda.
3. Para o pagamento da axuda é imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento e reintegro das axudas
1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
No caso de cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.
2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe para reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios:
a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles. Se as axudas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) O incumprimento das obrigas de información, comunicación e visibilidade do apoio procedente do FEMPA recollidas nos artigos 47 e 50.1 e 2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, sen adoptar medidas correctoras, suporá un reintegro de ata un máximo do 3 % da subvención.
c) Suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados co FEMPA.
3. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
Artigo 24. Infraccións e sancións
As actuacións das persoas beneficiarias en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 25. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 26. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf
Disposición adicional primeira
Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
Marta Villaverde Acuña
Consellería do Mar
