O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 15 de xullo de 2025, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025, e facultou a persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025, e convocar para o ano 2025 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408O).
Esta convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará a contar o sexto día hábil posterior ao da publicación Resolución de homologación de entidades provedoras no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 15 de novembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito. En ningún caso o prazo de presentación de solicitudes poderá ser inferior a un mes.
Terceiro. Créditos
O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:
|
Partida orzamentaria |
Ano 2025 |
Ano 2026 |
Total |
|
09.A1.741A.7700 |
350.000 € |
1.150.000 € |
1.500.000 € |
A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.
Cuarto. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 40 días naturais desde a presentación da solicitude de axuda no Igape e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda. En todo caso, as resolucións deberán quedar notificadas no exercicio 2025.
O prazo de execución dos gastos subvencionables non poderá superar o 30 de novembro de 2026. As persoas beneficiarias deberán presentar, a través do provedor homologado, unha solicitude de cobramento da subvención. O prazo para presentala rematará o 30 de novembro de 2026.
Poderase, así mesmo, presentar unha única solicitude de cobramento parcial da subvención. No caso de que exista recoñecemento de obriga na anualidade 2025, deberá presentarse unha solicitude de cobramento parcial nesa anualidade. O prazo para presentala rematará o 26 de decembro de 2025.
Para a anualidade 2026 poderá presentarse solicitude de cobramento parcial entre o 1 e o 30 de abril, e a solicitude final deberá presentarse, como máximo, ata o 30 de novembro.
De ser o caso, as solicitudes de cobramento comprenderán gastos executados desde a data de presentación da solicitude de axuda ata a data de solicitude de cobramento parcial; e a solicitude de cobramento final, gastos desde a solicitude de cobramento parcial presentada, se é o caso, ata a data de xustificación final.
Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.
Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025
A Consellería de Economía e Industria, no recente Decreto 140/2024, do 20 de maio, onde se define a súa estrutura orgánica, establece entre as súas funcións a promoción e a dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como o apoio xeral ao sector empresarial, fomentando a mellora da competitividade das empresas, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación, na transformación dixital, na sustentabilidade e na internacionalización.
O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un rol fundamental no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.
O Igape, como ente de dereito público é responsable, conforme a súa lei de creación, de definir a iniciativa e os programas de promoción e fomento do desenvolvemento rexional en cooperación coas distintas administracións e con outros entes públicos de promoción para contribuír á dinamización da economía de Galicia, impulsando a capacidade de innovación, a explotación das vantaxes propias e dos factores endóxenos, a atracción de investimentos, a competitividade da economía e o conxunto de actuacións de asesoramento, promoción, información e apoio que exixa o cumprimento dos seus obxectivos. Á súa vez focalizará, entre as súas outras competencias, o fomento e a promoción da innovación empresarial no sistema produtivo rexional como resposta directa para impulsar o crecemento e a competitividade empresarial.
O Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 (PEG) é a folla de ruta principal para orientar as políticas públicas galegas cara a un crecemento máis sustentable, competitivo e inclusivo ao longo desta década. O PEG articúlase en 5 eixes, 21 prioridades de actuación e 70 obxectivos estratéxicos, e afonda en retos como o demográfico, a transición ecolóxica, a dixitalización e a competitividade empresarial. Con especial relevancia no eixe 3 (Competitividade e Crecemento), o plan procura afianzar un tecido produtivo innovador, dixitalmente avanzado e resiliente fronte ás ameazas actuais e futuras, entre elas, as derivadas da seguridade dixital.
A crecente dependencia das infraestruturas dixitais e a evolución constante das ameazas cibernéticas fan imprescindible mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas do tecido empresarial galego. Non abonda con dispoñer dunha oferta de servizos e recursos de ciberseguridade: resulta esencial incentivar a súa adopción, particularmente entre as pequenas e medianas empresas, que adoitan atopar maiores dificultades para incorporar solucións de protección adecuadas.
Neste contexto, as normativas europeas, como a Directiva (UE) nº 2022/2555 (NIS2), reforzan a importancia de adoptar medidas que garantan a seguridade dos sistemas de información e dos servizos esenciais. Nese sentido, o obxectivo desta convocatoria é promover unha verdadeira cultura de protección e mellora continua que permita ás empresas incrementar a súa preparación dixital fronte aos riscos dixitais, fortalecendo así a súa competitividade e capacidade de crecemento sustentable.
Con esta finalidade, establécese o programa Empresa Cibersegura 2025, que lles permitirá ás empresas beneficiarias acceder, a través de provedores previamente homologados, a servizos especializados, orientados á avaliación dos riscos de ciberseguridade, á implantación de solucións técnicas e organizativas axeitadas e á mellora dos seus procedementos internos de protección.
A través dun procedemento simplificado de concesión directa de axudas, facilitaráselles ás empresas a integración efectiva destas medidas, garantindo que sexan executadas por entidades con solvencia contrastada. Isto contribuirá de forma directa á modernización operativa das empresas galegas e ao fortalecemento dun tecido empresarial máis resiliente, dixitalizado e competitivo fronte aos retos do entorno dixital actual.
As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007.
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, mediante a adopción de medidas de ciberseguridade que lles permitan reforzar a protección dos seus activos críticos, reducir o risco de incidentes e mellorar a súa capacidade de prevención, detección e resposta ante ameazas no contorno dixital.
2. A finalidade destas axudas é facilitarlles ás empresas galegas a avaliación dos riscos de ciberseguridade aos que están expostas, a implementación de servizos técnicos especializados e a incorporación de prácticas que melloren a súa madurez en materia de seguridade dixital. Este apoio contribuirá a fortalecer a súa continuidade operativa, competitividade e posicionamento estratéxico nun mercado crecente en exixencias de seguridade.
3. As axudas destinaranse a financiar o acceso a servizos de ciberseguridade prestados por entidades provedoras homologadas, que poderán abranguer:
• A realización dun diagnóstico inicial de madurez e riscos, cando a empresa beneficiaria o considere necesario, especialmente nos casos nos que non dispoña dun diagnóstico recente conforme estándares recoñecidos.
• Acceso a servizos especializados en pagamento por uso durante 12 meses, adaptados ás necesidades detectadas, que poderán incluír a migración segura de infraestruturas a contornos cloud (IaaS), a operación segura de infraestruturas TI (ITaaS) ou a protección de contornos industriais OT (OTaaS).
• A execución de actuacións complementarias de reforzo, tales como probas de hacking ético, accións de concienciación e sensibilización ou a implantación de políticas de seguridade baseadas en estándares recoñecidos como ISO/IEC 27001, o Esquema Nacional de Seguridade (ENS) ou a Directiva NIS2, así como servizos de acompañamento estratéxico tipo CISO as a Service, orientados á definición, seguimento e supervisión do plan de ciberseguridade da empresa.
Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
2. As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.
Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e a hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e a hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
3. Non se poderán outorgar subvencións por unha contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación, transferencia ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.
4. As axudas previstas nestas bases encádranse no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis; no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola e no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura, ou nas normas que os modifiquen.
5. Esta convocatoria finánciase mediante Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións para os mesmos gastos.
2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda e para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 50.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda.
3. A solicitude e/ou obtención doutras axudas ou subvencións aos mesmos gastos ou a solicitude e/ou obtención doutras axudas ou subvencións en réxime de minimis deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza. En todo caso, antes de conceder a axuda, requirirase da persoa solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para os mesmos gastos ou en réxime de minimis. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas os empresarios individuais e persoas xurídicas que teñan a condición de empresa, con independencia do seu tamaño.
2. As entidades solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia no que se desenvolva a actuación subvencionada.
b) Atoparse validamente constituídas no momento de presentar a solicitude.
c) Estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que presten servizos de ciberseguridade de natureza análoga ao obxecto da axuda e que puidesen actuar como provedores homologados segundo o artigo 5 destas bases.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
4. Para seren admitidas, as solicitudes deberán presentar un gasto subvencionable igual ou superior a 18.000 €, conforme o establecido no artigo 7 destas bases. As solicitudes cun orzamento inferior serán inadmitidas por non cumprir os requisitos mínimos da convocatoria.
Artigo 5. Entidades provedoras homologadas
1. Os servizos subvencionables ao abeiro deste programa deberán ser executados por entidades provedoras homologadas polo Igape conforme o procedemento regulado na súa correspondente resolución.
2. As entidades homologadas deberán manter, durante toda a vixencia da súa inclusión no catálogo, o cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases, así como atender ás obrigas derivadas da súa participación no programa.
3. A relación de provedores homologados estará dispoñible para consulta pública na sede electrónica do Igape (https://www.igape.gal/gl/entidades-homologadas-ciber), e poderá ser actualizada en función das altas e das baixas no catálogo.
4. A homologación non implica ningún dereito ao outorgamento da axuda, nin garante a contratación por parte das empresas beneficiarias, que conservarán a liberdade de escolla entre as entidades homologadas dispoñibles.
5. As entidades provedoras homologadas estarán suxeitas a un procedemento de control por parte do Igape. Este procedemento abranguerá os requisitos e as obrigas establecidos nestas bases para as ditas entidades, así como na convocatoria de homologación e establecerase de forma continua durante o período de vixencia do programa. En caso de detectarse o incumprimento de calquera dos requisitos ou obrigas dispostas nestas bases e na convocatoria de homologación, darase de baixa do catálogo a devandita entidade, logo de audiencia.
Esta medida poderase adoptar sen prexuízo das consecuencias contractuais previstas no acordo de prestación de servizos definido no artigo 10 destas bases, así como das accións legais que puidesen corresponder, segundo o caso.
Artigo 6. Condicións e conceptos subvencionables
1. Poderán ser obxecto de subvención os gastos derivados do acceso a servizos especializados de ciberseguridade prestados por entidades provedoras homologadas, co obxectivo de mellorar a capacidade das empresas galegas para previr, detectar, responder e recuperarse fronte a incidentes de seguridade dixital, sempre que se realicen desde a data de solicitude da axuda.
2. As actuacións subvencionables deberán enmarcarse nalgunha das seguintes categorías segundo o definido no artigo 13 da convocatoria de homologación de entidades provedoras:
a) Diagnóstico de madurez e análise de riscos:
Realización de auditorías técnicas orientadas á avaliación da madurez dixital e dos riscos de ciberseguridade da empresa beneficiaria, así como a elaboración dun informe técnico con recomendacións e propostas de mellora.
b) Prestación de itinerarios técnicos en modelo de servizo (12 meses):
As entidades homologadas deberán estar en condicións de executar calquera dos seguintes itinerarios técnicos en función da demanda da empresa beneficiaria:
• Cloudificación IaaS (Infrastructure as a Service): actuacións orientadas á migración segura a contornos cloud, que incluirá a xestión do acceso a datos, a continuidade operativa, as copias de seguridade e o control de riscos asociados.
• Securización ITaaS (Information Technology as a Service): implantación e operación de solucións de seguridade TIC, como sistemas de detección e resposta ante incidentes (SOC, EDR, MDR ou equivalentes), monitorización e xestión de alertas.
• Securización OTaaS (Operational Technology as a Service): despregamento de solucións de seguridade en contornos industriais, que incluirán redes OT, sistemas SCADA ou PLC, e ferramentas de visibilidade de activos e monitorización de tráfico en tempo real.
c) Actuacións complementarias de prestación única:
As entidades homologadas deberán estar en condicións de implementar, cando así o requira a empresa beneficiaria, as seguintes actuacións:
• Hacking ético: test de intrusión, análise de vulnerabilidades e informes técnicos asociados.
• Concienciación e cultura en ciberseguridade: programas para a creación dunha cultura empresarial en materia de ciberseguridade e campañas de sensibilización e concienciación (que incluirán simulacións de phishing).
• Gobernanza e políticas de ciberseguridade: asistencia técnica na implantación ou revisión de SXSI (sistemas de xestión da seguridade da información), adaptación ao ENS ou á Directiva NIS2, e elaboración de políticas e procedementos internos.
• CISO as a Service (CISOaaS): asistencia técnica especializada para o acompañamento estratéxico continuo en materia de ciberseguridade. Inclúe a definición e execución da folla de ruta en seguridade, apoio á dirección na toma de decisións, supervisión da implantación de medidas técnicas e organizativas, cumprimento normativo e coordinación cos provedores tecnolóxicos e responsables internos.
Os servizos deberán ser prestados por entidades provedoras homologadas de acordo co establecido no artigo 5 destas bases reguladoras.
Non serán subvencionables:
• Actuacións iniciadas con anterioridade á solicitude da axuda, salvo o diagnóstico inicial preexistente conforme os requisitos establecidos, que, en todo caso, non será obxecto de subvención.
• Gastos recorrentes alleos á actividade subvencionada ou gastos de mantemento ordinario das infraestruturas existentes.
• Investimentos en hardware ou adquisición de equipamentos físicos.
• Custos internos da empresa solicitante ou prestados por persoal propio.
• O IVE non é subvencionable e deberá ser asumido integramente pola empresa beneficiaria.
3. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de única empresa definida no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.
4. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.
5. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben.
As entidades ofertantes deberán estar incluídas na relación de provedores homologados conforme o procedemento regulado nestas bases.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referise á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; así mesmo, tomarase en consideración a definición de única empresa definida no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.
c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos nas que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da xustificación da súa elección mediante a presentación dunha memoria que motive que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
6. En ningún caso os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.
7. Os gastos deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo de execución establecido na resolución de concesión e, en todo caso, antes do 30 de novembro de 2026.
Non serán subvencionables os gastos realizados ou pagados con posterioridade a esa data, en particular os relativos a pagamento por uso.
Artigo 7. Contía e intensidade da axuda
1. Concederase unha axuda do 75 %, ata un máximo de 30.000 €, para os gastos realizados pola empresa beneficiaria durante o período subvencionable, tal e como se detalla a seguir:
|
Gasto |
Subvención |
Intensidade |
|
De 18.000 € ata 40.000 € |
De 13.500 € ata 30.000 € |
75 % |
Para os efectos destas bases, considérase gasto subvencionable admisible un investimento mínimo de 18.000 €. As actuacións cun orzamento inferior non serán obxecto de axuda.
No caso de actuacións cuxo gasto total supere os 40.000 €, a subvención aplicarase unicamente sobre os primeiros 40.000 € de gasto subvencionable conforme o límite máximo establecido.
2. A axuda farase efectiva mediante o pagamento directo polo Igape á entidade provedora homologada que prestase os servizos, unha vez validada a xustificación da actuación.
A empresa beneficiaria non percibirá directamente fondos públicos nin deberá adiantar o custo total da actuación. Unicamente deberá aboarlle á entidade provedora o 25 % da base impoñible máis o IVE correspondente, segundo o exemplo de factura establecido no anexo VII destas bases reguladoras.
Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Cada empresa só poderá ter unha solicitude activa dentro da convocatoria. Considérase solicitude activa a presentada dentro do prazo que non fose inadmitida, denegada nin desistida ou renunciada.
Se a empresa presenta renuncia, desiste ou a solicitude resulta inadmitida ou denegada mediante resolución expresa, a empresa poderá presentar unha nova solicitude sempre que o prazo de presentación permaneza aberto e exista crédito suficiente.
De presentarse máis dunha solicitude, arquivaranse automaticamente as rexistradas despois da primeira, agás que a persoa solicitante desista expresamente das anteriores.
2. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
No devandito formulario, a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.
d) Que conservará os libros contables, os rexistros dilixenciados e os demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e do aboamento dos gastos subvencionables durante un período de catro anos desde a súa presentación.
e) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de única empresa definida no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.
f) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.
g) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda.
h) Declaración de non atoparse nas circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei de subvencións de Galicia.
i) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obriga de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.
j) Que acepta someterse ás actuacións de comprobación, inspección e control que poidan realizar os órganos de control competentes da Administración, tanto autonómica como estatal e comunitaria.
k) Que se compromete a cumprir as obrigas de visibilidade e publicidade establecidas nas bases, especialmente as relativas á mención do financiamento público polo Igape.
l) Que se compromete a contratar exclusivamente entidades provedoras homologadas conforme o establecido nestas bases, e a conservar os acordos de prestación asinados.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma de la Administración Xeral del Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, a escritura ou o documento xuridicamente válido de constitución, os estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, as modificacións posteriores destes, e a acreditación da representación coa que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).
No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, o Igape poderá solicitar, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
b) As tres ofertas de entidades provedoras homologadas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, cos requisitos indicados no artigo 6.5 das bases.
c) Acordo de prestación de servizos de ciberseguridade subscrito entre a empresa beneficiaria e a entidade provedora homologada, segundo o indicado no artigo 10 destas bases, conforme o modelo do anexo VI. Este acordo deberá presentarse xunto coa solicitude de axuda, e será requisito imprescindible para a concesión da subvención. O acordo recollerá as condicións da actuación prevista, o orzamento estimado e as obrigas asumidas polas partes, e incluirá a cesión do dereito ao cobramento á entidade homologada e a colaboración na xustificación técnica.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 10. Acordo de prestación de servizos entre a empresa beneficiaria e a entidade provedora homologada
1. Para poder optar á subvención, a empresa solicitante deberá presentar, xunto coa súa solicitude, un acordo de prestación de servizos de ciberseguridade formalizado coa entidade provedora homologada que executará a actuación.
2. O acordo de prestación de servizos de ciberseguridade recollerá, ademais, do importe estimado da subvención, tamén o custo total do servizo, así como as cláusulas e condicións entre a entidade provedora homologada e o solicitante da subvención, entre elas:
a) A persoa solicitante, no caso de resultar beneficiaria da axuda, cederá á entidade provedora homologada o dereito ao cobramento polo importe asociado ao acordo de prestacións do servizo de ciberseguridade.
b) A persoa solicitante obtén, mediante este acordo, o compromiso da entidade provedora homologada de colaborar nas tarefas de xustificación da axuda, conforme o establecido nesta convocatoria, así como nas actuacións de verificación, seguimento e control que se deriven da concesión da subvención.
c) A persoa solicitante, no caso de resultar beneficiaria da axuda, aboará á entidade provedora homologada os custos incorridos en caso de incumprimento por parte da primeira que motive a perda total ou parcial do dereito ao cobramento asociado.
d) As indemnizacións que deban recibir as partes en caso de incumprimento e os mecanismos de resolución de conflitos.
3. Este acordo deberá formalizarse antes do inicio da actuación, e poderá realizarse conforme o modelo que se establece no anexo VI destas bases reguladoras.
4. Non poderá formalizarse o acordo de prestación de servizos cando exista vinculación directa ou indirecta entre a entidade provedora e a empresa beneficiaria, nos termos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 43.2 do seu regulamento, ou no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.
5. A subscrición deste acordo será requisito imprescindible para iniciar o proceso de xustificación da actuación subvencionada e habilitará a entidade provedora homologada para presentar, en nome da empresa beneficiaria, a documentación xustificativa correspondente.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Consulta da documentación rexistral da entidade solicitante no Rexistro Mercantil, segundo as letras a) e b) do artigo 9.1 das bases.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Consulta de concesións pola regra de minimis.
h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
i) Imposto de actividades económicas (IAE).
j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo de internet https://spiga-sede.igape.es
Artigo 13. Órganos competentes
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape.
A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
Artigo 14. Instrución do procedemento, resolución e notificación
1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.
En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva, as axudas resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes completas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira ás persoas solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento foi correctamente atendido.
De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.
Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente, logo da correspondente resolución.
2. A Área de Competitividade ditará unha proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.
A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan. Informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento de minimis que corresponda.
Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.
3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria é o establecido na resolución de convocatoria; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse a través do Sistema de notificación electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición as notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de aseguraren o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 16. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse modificacións dos gastos aprobados dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis aló das datas límites establecidas na resolución de convocatoria nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.
2. A persoa beneficiaria deberá comunicar ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. A solicitude de modificación (unha como máximo por proxecto) deberán presentala cunha antelación mínima dun mes respecto da data de finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, ás persoas interesadas.
Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias:
a) Xustificar, a través da entidade provedora, os gastos que fundamentan a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.
b) Aboar á entidade provedora homologada a parte do custo da actuación non subvencionada, equivalente ao 25 % da base impoñible máis o IVE total, segundo o previsto nestas bases e no acordo de prestación de servizos.
c) Xustificar ante o Igape, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións da axuda, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.
d) Garantir a correcta execución dos servizos contratados coa entidade provedora homologada, supervisando que estes se prestan de acordo co acordo de prestación subscrito e coas obrigas previstas nestas bases, sen prexuízo da responsabilidade directa do provedor na xustificación técnica.
e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de in-cumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.
f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, ou calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, e o Consello de Contas.
Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos desde a súa presentación.
g) Comunicarlle ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os gastos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
h) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, segundo o establecido no anexo III a estas bases durante a execución do proxecto.
i) Contratar os servizos subvencionados exclusivamente a través de entidades provedoras homologadas segundo o establecido nestas bases, e conservar o correspondente acordo de prestación.
j) Aplicar medidas eficaces e proporcionadas para previr, detectar e corrixir a fraude no uso dos fondos públicos, e comunicar ao Igape calquera sospeita razoable de prácticas irregulares detectadas no marco da execución da actuación.
k) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 18. Obrigas das entidades provedoras homologadas
As entidades provedoras homologadas, no marco das actuacións subvencionadas ao abeiro destas bases, asumirán as seguintes obrigas:
a) Someterse ás actuacións de control, verificación e auditoría que realicen o Igape, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou calquera outro órgano competente.
b) Prestar os servizos comprometidos conforme o acordo subscrito coa empresa beneficiaria, dentro dos prazos establecidos e segundo as condicións aprobadas pola resolución de concesión da axuda.
c) Dispoñer dos recursos técnicos, humanos e materiais necesarios para a correcta execución dos servizos, garantindo a cualificación do persoal asignado.
d) Garantir que o custo do servizo facturado non é superior ao valor de mercado e que non existen diferenzas inxustificadas respecto doutras condicións comerciais ofrecidas a terceiros para solucións equivalentes.
e) Emitir a factura correspondente ao servizo prestado dentro dos prazos previstos, coa estrutura e contido exixidos polas bases reguladoras, incluíndo expresamente a desagregación entre:
a. A parte subvencionada polo Igape (75 % da base impoñible).
b. E a parte por conta da empresa beneficiaria (25 % da base impoñible + total do IVE).
A entidade provedora non poderá condicionar a prestación do servizo ao pagamento anticipado do importe subvencionado.
f) Presentar a xustificación da axuda e colaborar coa empresa beneficiaria na preparación da xustificación técnica e documental da actuación subvencionada, achegando os informes, evidencias e certificacións requiridas, e conservando copia da documentación durante un prazo mínimo de 4 anos a partir do 31 de decembro do ano no que se presente a correspondente xustificación da actuación subvencionada.
g) Facilitar a información e a documentación adicional que lles sexa requirida para a verificación técnica, económica e de resultados do programa.
h) Participar, se así se solicita, nas accións de difusión ou comunicación promovidas polo Igape, incluíndo a elaboración de casos de éxito, a visibilidade do programa nas súas canles dixitais e a colaboración en eventos divulgativos.
i) Cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos, accesibilidade, seguridade da información e demais regulacións sectoriais aplicables.
j) Incluír de forma visible na páxina web corporativa da entidade a súa condición de provedora homologada no marco do programa Empresa Cibersegura 2025, de acordo coas instrucións e os requisitos de visibilidade establecidos na convocatoria de homologación, durante todo o período de vixencia da homologación.
k) Facilitar orzamentos ás empresas solicitantes que así o requiran, co obxecto de dar cumprimento á obriga de solicitar tres ofertas previstas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, cando o importe do proxecto supere os límites establecidos para o contrato menor.
As entidades homologadas comprométense a emitir os orzamentos de forma detallada, comparable e conforme os servizos definidos no artigo 6 destas bases, no prazo máximo de dez (10) días hábiles desde a solicitude da empresa interesada.
Así mesmo, os orzamentos deberán recoller o importe total do servizo e a desagregación da parte subvencionable, para facilitar a tramitación da axuda.
l) A entidade provedora deberá adscribir aos servizos de ciberseguridade regulados nesta convocatoria o equipo mínimo definido no artigo 4 da convocatoria de homologación de entidades, garantindo a súa dedicación efectiva durante toda a vixencia da homologación. Calquera substitución ou baixa deberá comunicarse ao Igape no prazo máximo de dez (10) días hábiles, xunto coa documentación acreditativa da nova persoa incorporada, que deberá cumprir un nivel de experiencia igual ou superior ao exixido.
m) As tarefas esenciais da prestación do servizo deberá executalas exclusivamente o persoal propio ou polos socios-traballadores adscritos pola entidade. Só poderá subcontratarse ata un 20 % do importe elixible de cada servizo, limitado a actividades auxiliares, e sempre mediante autorización previa e expresa do Igape. Para estes efectos, consideraranse tarefas esenciais as seguintes:
• Avaliación de riscos en ciberseguridade.
• Implantación de solucións de seguridade.
• Actividades de concienciación e sensibilización.
• Definición ou revisión de políticas e protocolos de ciberseguridade.
Artigo 19. Xustificación das subvencións e solicitude de cobramento
1. A xustificación da actividade subvencionada presentarase de maneira individualizada para cada solicitude de axuda concedida. A actividade deberá axustarse ao establecido no acordo de prestación do servizo formalizado entre a beneficiaria e a provedora homologada.
Será responsabilidade da entidade homologada elaborar e presentar a documentación técnica de xustificación, en nome da empresa beneficiaria, conforme o establecido no punto 2 deste mesmo artigo.
En todo caso, a responsabilidade última da xustificación recaerá sobre a persoa beneficiaria da axuda.
2. A presentación da xustificación da subvención será realizado polas entidades provedoras homologadas, no nome do beneficiario, segundo o establecido no acordo de prestación de servizos de ciberseguridade. Para iso, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009, para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.
3. A entidade provedora homologada deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a entidade provedora homologada deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.
5. No caso de que a solicitude de cobramento non fose presentada no prazo previsto, requiriráselle á entidade provedora homologada que a presente no prazo de dez (10) días hábiles desde a notificación do requirimento correspondente.
A falta de presentación da xustificación no citado prazo, que ten carácter improrrogable, implicará a perda do dereito ao cobramento total da subvención concedida. Así mesmo, poderá dar lugar á exixencia do reintegro das cantidades que procedan e á exixencia das demais responsabilidades previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conforme o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei; todo iso respecto da entidade beneficiaria.
Así mesmo, será de aplicación á entidade provedora homologada o previsto no artigo 5.5 e as penalizacións que se establezan nos «acordos de prestación de servizos de ciberseguridade», de conformidade co artigo 10.2.d). A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. No caso da entidade provedora homologada, o incumprimento das obrigas de xustificación poderá dar lugar ás consecuencias previstas no artigo 16 das bases de homologación, incluíndo a perda da súa condición e as penalizacións, que, se é o caso, se establezan no acordo de prestación de servizos. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.
6. Xunto coa solicitude de cobramento, a entidade provedora homologada presentará a seguinte documentación:
a) A xustificación técnica da actuación subvencionada deberá realizarse mediante unha memoria técnica de execución elaborada pola entidade provedora homologada que prestase os servizos, que inclúa, como mínimo:
i) Un informe técnico e funcional dos servizos prestados, elaborado pola entidade homologada, que deberá incluír, como mínimo:
• A descrición detallada das actuacións realizadas, o seu contido, o alcance, o tempo de execución, os sistemas ou procesos afectados e os recursos empregados.
• A vinculación destas actuacións coas necesidades da empresa beneficiaria.
• No caso de substitución de solucións ou medidas previas, deberá indicarse expresamente a mellora funcional achegada con respecto á situación anterior.
• As evidencias técnicas e documentais que xustifiquen a execución efectiva, como rexistros, informes, capturas de pantalla ou certificacións técnicas, segundo a natureza da actuación.
ii) No caso das actuacións que non sexan facilmente verificables mediante evidencias documentais obxectivas –como servizos operativos en contornas IaaS, ITaaS ou OTaaS, políticas organizativas ou medidas de gobernanza-, deberá achegarse unha certificación técnica asinada pola entidade provedora homologada (anexo IV das bases reguladoras) na que se indique expresamente que os servizos foron prestados segundo os compromisos asumidos, que a solución implantada se atopa operativa e que está adaptada á realidade da empresa beneficiaria.
b) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas que deben seguir o exemplo indicado no anexo VII, e incluirase a seguinte información:
i. Data de emisión.
ii. Nome ou razón social e NIF da persoa beneficiaria.
iii. Descricións do servizo prestado.
iv. Importe neto do servizo, que conformará a base impoñible da factura.
v. IVE e total da base impoñible máis IVE.
vi. Axuda do programa Empresa Cibersegura 2025 do Igape, calculada de acordo co artigo 7 como o 75 % do importe fixado do servizo. Na factura deben figurar o importe da Axuda e constar o seguinte literal:
«programa Empresa Cibersegura 2025: axuda do Igape como cesión de crédito do beneficiario ao provedor homologado».
vii. Total que ten que pagar a persoa beneficiaria (a persoa beneficiaria ten que pagar o total, IVE incluído, menos a axuda do Igape).
viii. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.
c) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:
1º. Xustificante no que unha entidade bancaria certifique que o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, identifique claramente o concepto da transferencia, o receptor e o emisor do pagamento e a súa data efectiva. En particular, non se admitirán pagamentos en efectivo.
2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e o pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas; deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.
As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.
De acordo co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, os gastos para os que se solicite axuda deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Atendendo ao punto c) anterior, cada factura debe ser xustificada mediante o pagamento do 25 % da base impoñible e a totalidade do IVE da factura.
d) Certificación de recepción do servizo asinado pola empresa beneficiaria, de acordo co anexo V destas bases reguladoras.
e) Calquera soporte dos establecidos no anexo III das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.
7. A entidade provedora homologada deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. A entidade provedora homologada responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.
8. En todos os casos, tanto as persoas beneficiarias como as entidades provedoras homologadas deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.
9. Advírtese de que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.
Artigo 20. Pagamento na conta sobre gasto realizado
1. Poderase autorizar un único pagamento na conta a favor da entidade provedora homologada, sempre que se xustifique documentalmente a realización e pagamento efectivo dunha parte da actuación subvencionada.
2. Este pagamento na conta poderá solicitarse unha soa vez por expediente e abranguerá o conxunto dos gastos subvencionables efectivamente realizados e pagados ata o momento da solicitude.
Inclúense, para estes efectos, tanto os gastos correspondentes a actuacións finalizadas, como as mensualidades xa vencidas e aboadas pola empresa beneficiaria, no caso de servizos prestados en réxime de pagamento por uso.
3. Para solicitar este pagamento, deberá presentarse a seguinte documentación:
a) Memoria técnica parcial ou informe de avance dos servizos prestados, elaborada pola entidade homologada.
b) Facturas emitidas pola entidade homologada e documentos acreditativos do pagamento efectuado pola empresa beneficiaria, segundo os medios previstos no artigo 19. De acordo co establecido no devandito artigo 19, cada factura debe achegar o xustificante de pagamento correspondente ao 25 % da base impoñible e o total do IVE da factura.
c) Declaración responsable da empresa beneficiaria indicando que a actuación continúa segundo o previsto e que se compromete a completar a súa execución e xustificación nos prazos establecidos.
4. O importe mínimo do pagamento na conta será do 20 % da subvención concedida. Non se tramitarán solicitudes por importes inferiores a este limiar, agás no caso de que o importe previsto na anualidade para o expediente sexa inferior a ese 20 %, suposto no cal o límite mínimo se adaptará ao crédito dispoñible na anualidade.
5. O importe máximo do pagamento na conta non poderá superar o 50 % da subvención concedida, e, no caso de que se solicite para a anualidade de 2025, quedará condicionado á existencia de crédito suficiente nesa anualidade de 2025 no momento da resolución.
6. De conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o pagamento na conta previsto neste artigo poderá realizarse sen exixencia de garantía, ao contar coa autorización expresa do Consello da Xunta de Galicia.
7. En todo caso, o conxunto dos pagamentos anticipados e na conta que se poidan realizar ao abeiro destas bases non poderá superar o 80 % do importe total da subvención concedida, de conformidade co establecido no artigo 62.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais, estes pagamentos non poderán exceder o importe da anualidade prevista para o expediente no correspondente exercicio orzamentario.
8. Para que poida efectuarse o pagamento na conta, tanto a empresa beneficiaria como a provedora homologada deben estar ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como non seren debedoras por resolución de procedencia de reintegro.
9. O pagamento na conta non eximirá da presentación da xustificación final, que deberá incluír a totalidade das actuacións subvencionadas e cumprir os requisitos do artigo 19 destas bases.
10. En caso de que se produza un incumprimento parcial ou total, aplicarase o procedemento de reintegro previsto na normativa vixente, e a cantidade anticipada poderá ser obxecto de devolución.
Artigo 21. Pagamento das axudas
1. O pagamento das axudas realizarase directamente á entidade provedora homologada que prestase os servizos subvencionados, unha vez comprobada a correcta xustificación da actuación pola empresa beneficiaria e pola propia entidade provedora homologada, e validada pola Administración conforme o establecido nestas bases reguladoras.
2. A empresa beneficiaria deberá presentar, a través da entidade provedora homologada, a documentación xustificativa técnica e económica da actuación, conforme o artigo 19 destas bases reguladoras, e asinar o documento que acredite a correcta recepción do servizo prestado (anexo V).
Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade provedora homologada ou, se é o caso, a beneficiaria os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.
O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, e no título IV do seu regulamento.
3. Unha vez verificada a execución efectiva das actuacións, e validada a xustificación técnica e económica, o órgano concedente emitirá resolución de pagamento e realizará a transferencia da axuda directamente á entidade provedora homologada, polo importe correspondente ao tramo subvencionado.
4. Para que poida efectuarse o pagamento, será necesario que:
• A actuación estea xustificada correctamente nos termos previstos.
• Tanto a empresa beneficiaria como a provedora homologada estean ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como non seren debedoras por resolución de procedencia de reintegro.
O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, e no título IV do seu regulamento.
5. A empresa beneficiaria deberá asumir directamente a parte do custo non cuberta pola subvención e será responsable de efectuar o seu pagamento á entidade provedora nos termos pactados. A entidade provedora homologada non poderá percibir da Administración máis do importe subvencionado, nin reclamar a esta cantidades que correspondan á parte non subvencionada.
6. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da axuda cando a actuación subvencionada non se realizase ou se xustificase de forma insuficiente, ou cando se detecten incidencias ou incumprimentos que impidan a súa validación.
Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento, reintegro e sancións
1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.
d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario.
e) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido, ou ben o importe subvencionable sexa inferior aos 18.000 €.
f) En relación con outras subvencións e axudas, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida:
– A non comunicación ao Igape da súa obtención, cando estas financien as actividades subvencionadas.
– A percepción doutras subvencións públicas incompatibles coa subvención prevista nestas bases reguladoras.
g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo III destas bases.
i) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.
3. Terán a consideración de incumprimento parcial aqueles casos nos que, malia non cumprirse integramente as obrigas, se aprecie unha execución substancial da actuación subvencionada, coa existencia de resultados verificables e a acreditación dunha actuación inequivocamente dirixida ao cumprimento da finalidade da axuda.
No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.
4. Devolución voluntaria da subvención.
De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da subvención concedida.
5. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 23. Fiscalización e control
As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas
Artigo 24. Comprobación de subvencións
1. O Igape comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.
2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de catro anos desde a súa presentación.
3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 25. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 26. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:
a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15 de decembro de 2023; Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e o Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), ou as normas que os modifiquen.
b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións pública.
e) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica).
f) No resto da normativa que resulte de aplicación.
Artigo 27. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, as instrucións, as aclaracións ou as interpretacións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento destas bases reguladoras.
