Mediante a Resolución da directora da Axencia Galega de Innovación, do 4 de outubro de 2024 (publicada no DOG núm. 199, do 15 de outubro), establecéronse as bases reguladoras e convocouse o VI Premio aos empregados/as públicos/as innovadores/as, co obxectivo de sensibilizar e incentivar o uso da innovación para a mellora dos servizos públicos e a optimización na xestión dos recursos públicos.
En cumprimento do establecido no artigo 13 das bases reguladoras «A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución da directora da Gain, de acordo coa proposta do Comité de Avaliación».
De acordo co exposto, e seguindo o procedemento regulado nas bases reguladoras, faise pública a Resolución do 23 de decembro de 2024 da concesión do VI Premio empregados/as públicos/as innovadores/as, e que literalmente di:
RESOLVO:
Adxudicar o VI Premio aos empregados/as públicos/as innovadores/as na súa convocatoria do ano 2024, logo da proposta do Comité de Avaliación:
– Na categoría de identificación de oportunidades, a solicitude achegada por Teresa Carrera Babarro, con NIF ***5206**, polo proxecto «Protocolo de toma de decisións de alertas meteorolóxicas no deporte galego federado». Ao tratarse dunha solicitude individual, o premio consistirá nun importe en metálico de 2.000 euros, suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
– Na categoría de proxecto coa temática máis innovadora, a solicitude achegada por Noemí Morte Tamayo, con NIF ***3692**, e Manuel Conde Porteiro, con NIF ***9946**, polo proxecto «Robot INE-Libro de autopsias dixital». Ao tratarse dunha solicitude en equipo, o premio consistirá nun importe en metálico de 3.000 euros, suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
– Na categoría de simplificación administrativa, a solicitude achegada por Juana Isabel Ferreiro López-Riobóo, con NIF ***2840**, polo proxecto «Sistema intelixente de interpretación e transcrición da fala galega». Ao tratarse dunha solicitude individual, o premio consistirá nun importe en metálico de 2.000 euros, suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
Esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto polos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Asemade, cabe a interposición directa de recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous (2) meses contados tamén a partir do día seguinte ao da publicación deste acto no devandito boletín oficial, de acordo co disposto nos artigos 8.2.a), 14 e 46.4, respectivamente.
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación
