DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Luns, 18 de agosto de 2025 Páx. 44599

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 6 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas económicas para o alumnado que realiza a formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional (código de procedemento ED202A).

BDNS (Identif.): 851487.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/851487

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que realice prácticas en empresas ou en entidades colaboradoras, entre setembro de 2024 e decembro de 2025, no marco dun ciclo formativo de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas para a realización da formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas económicas para o alumnado que realiza a formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional.

Cuarto. Importe

O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 07.04.422M.480.0 dentro do exercicio orzamentario do ano 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, ata un importe máximo de 1.075.510 € (un millón setenta e cinco mil cincocentos dez euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. O primeiro prazo será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 10 de setembro de 2025, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos de outubro de 2024-marzo de 2025 e nos períodos de xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2025.

Acollerase a este primeiro prazo o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa ata o 31 de agosto de 2025.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2025, para o alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2025.

Acollerase a este segundo prazo o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa no período de setembro-decembro de 2025.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional