DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 19 de agosto de 2025 Páx. 45138

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2025 pola que se aproba o documento denominado Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais, previsto no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, e se dispón a súa publicación.

O Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, ten por obxecto definir a estrutura do Marco galego de competencias dixitais, regular a certificación galega en competencias dixitais e establecer os requisitos, os criterios e os procedementos para a súa obtención.

Este decreto regula o documento denominado Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais, no cal se determinarán, entre outros, os criterios de validación, homologación e recoñecemento de certificados de competencias dixitais doutras administracións públicas, ou a través da acreditación de títulos, diplomas ou certificados oficiais que acrediten ter os coñecementos, as competencias e as actitudes descritos para a obtención dalgunha das certificacións recollidas nese decreto.

Por outra banda, o Decreto 123/2021, do 2 de setembro, tamén regula que o desenvolvemento concreto das dimensións, que definen a estrutura e os contidos do Marco galego de competencias dixitais, e as especializacións en función dos colectivos destinatarios quedarán recollidos no citado documento, que estará dispoñible a través do portal web institucional da Xunta de Galicia htpp://www.xunta.gal

Así mesmo, establece que os modelos de tipo de certificación por nivel de aptitude tamén se recollerán nese documento.

A persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia é o órgano competente para aprobar este documento de bases, en virtude do disposto no artigo 11.2 do Decreto 123/2021, do 2 de setembro.

A proposta deste documento de bases, elaborado no ámbito do Comité especializado para a definición do Marco galego de competencias dixitais, foi aprobado polo Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na súa sesión do 30 de xuño de 2025.

Co obxecto de acadar unha maior difusión e unha máis doada localización, este documento de bases tamén se publicará no portal web da Xunta de Galicia https://competenciasdixitais.xunta.gal e no espazo https://intranet.xunta.gal/competencias-dixitais

Á vista do exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar o documento denominado Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais.

Segundo. Ordenar a publicación do citado documento, previsto no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, no portal web institucional da Xunta de Galicia https://competenciasdixitais.xunta.gal e no espazo https://intranet.xunta.gal/competencias-dixitais

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025

Julián Cerviño Iglesias
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia