De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes á Axencia Galega de Infraestruturas para elaborar os informes técnicos correspondentes na fase de adxudicación dos contratos de obra e de servizos relativos aos proxectos de mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na rede autonómica de estradas de galicia e a dirección de execución dos ditos contratos, que ten as seguintes características:
– Obxecto: no caso dos contratos de obra relativos aos proxectos: a elaboración, de ser o caso, dos informes de supervisión e a realización das actas de implantación dos referidos proxectos; a elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación destes contratos solicite o órgano encomendante, así como a dirección facultativa das obras obxecto dos referidos contratos.
No caso dos contratos de servizo accesorios aos contratos de obra referidos no punto anterior: a elaboración dos pregos de prescricións técnicas; a elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación destes contratos solicite o órgano encomendante, así como a dirección de execución dos servizos obxecto dos contratos.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao seren a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Axencia Galega de Infraestruturas órganos pertencentes a distintas consellerías, con personalidade xurídica propia.
– Prazo de vixencia: esta encomenda estenderase desde o día seguinte ao da súa aprobación e terá a duración estritamente necesaria para a realización dos traballos encomendados.
– Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.
– Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da Axencia Galega de Infraestruturas en concepto de custo polos servizos que se presten en desenvolvemento desta.
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2025
O secretario xeral técnico
Por suplencia (Decreto 136/2024, do 20 de maio)
Vanessa Cal Ríos
Vicesecretaria xeral da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
