O artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, establece que os conselleiros exercen a representación do departamento do cal son titulares.
Segundo dispón o artigo 24 do Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria correspóndelle impulsar, planificar, coordinar e avaliar o conxunto das actuacións da Consellería de Política Social e Igualdade en materia de benestar, destinadas á atención das persoas maiores.
Pola Orde CIN/676/2023, do 16 de xuño, do Ministerio de Ciencia e Innovación, aprobáronse as bases reguladoras para a concesión de axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación, e pola Orde do 19 de xuño de 2025, do Ministerio de Ciencia e Innovación, aprobouse a súa convocatoria para o ano 2025.
A Consellería de Política Social e Igualdade ten interese en participar nesta convocatoria de axudas de compra pública de innovación (CPI). A CPI é unha actuación administrativa de fomento da innovación orientada a potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras desde o lado da demanda, a través do instrumento da contratación pública, e estas axudas permiten desenvolvelo.
Dado o elevado volume de documentación que é necesario preparar para formular a candidatura da consellería a estas axudas e co fin de acadar unha maior eficacia e axilidade, considérase axeitado que sexa a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria quen realice os trámites e actuacións derivados do procedemento para a concesión das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID), para a compra pública de innovación (CPI).
En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, e as demais disposicións de xeral aplicación,
RESOLVO:
Primeiro. Delegar na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria a realización de todos os trámites e actuacións administrativas necesarios para o procedemento de concesión das axudas públicas a esta consellería no ámbito da Orde CIN/676/2023, do 16 de xuño, do Ministerio de Ciencia e Innovación, pola que se aprobaron as bases reguladoras para a concesión de axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación no relativo á convocatoria do ano 2025, con excepción da sinatura do anexo III da devandita Orde CIN/676/2023.
En particular, esta delegación comprende a presentación formal da solicitude, a interlocución cos distintos organismos durante todo o proceso administrativo e a realización de cantas actuacións e xestións resulten necesarias para o desenvolvemento, seguimento e execución técnica e administrativa do proxecto, así como a súa posterior xustificación. Así mesmo, poderá achegar cantos datos e documentos se soliciten ou sexan de interese, recibir todo tipo de comunicacións, formular peticións, presentar declaracións responsables ou comunicacións, presentar escritos e alegacións, manifestar a súa decisión de non efectuar alegacións nin achegar novos documentos no correspondente trámite de audiencia e, en xeral, realizar cantas actuacións sexan necesarias no curso do devandito procedemento.
Segundo. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
Terceiro. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
