DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 21 de agosto de 2025 Páx. 45548

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 15 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN308C).

Galicia é unha das rexións de Europa con maior riqueza en augas minerais e termais. As augas termais, ademais de poderen ser utilizadas polos balnearios con fins terapéuticos, poden ser aproveitadas para unha finalidade lúdica, de diversión e esparexemento. Estas novas demandas no uso lúdico das augas termais experimentaron un extraordinario desenvolvemento nalgunhas zonas de España, especialmente en Galicia, proliferando novos proxectos turísticos ao redor das devanditas augas.

Este tipo de establecementos relacionados co aproveitamento lúdico de augas termais, aínda que se consolidaban como focos de atracción turística, carecían das condicións establecidas legalmente para seren considerados balnearios e non dispoñían de regulamentación específica, polo que, respondendo aos obxectivos de garantir as condicións sanitarias dos devanditos establecementos e regular e ordenar este sector tan diverso e singular, se aprobou a Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

A Lei 8/2019, do 23 de decembro, ten por obxecto a regulación do aproveitamento lúdico das augas termais en Galicia, en harmonía co seu aproveitamento terapéutico e coa valorización patrimonial e cultural e, así mesmo, entre as súas finalidades está promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden as augas termais.

Neste sentido, cómpre indicar que, para os efectos do disposto na Lei 8/2019, do 23 de decembro, enténdese por «espazos termais» aquelas instalacións de uso público destinadas mediante o baño ao aproveitamento lúdico das augas termais, e que se distinguen dos «establecementos balnearios», que son obxecto de regulación específica na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, e que se caracterizan pola aplicación con fins terapéuticos das augas mineromedicinais e termais. No concepto xenérico de «espazos termais» convén singularizar aquelas instalacións agrupadas baixo o termo legal de «piscina termal de uso lúdico».

Doutra banda, cómpre destacar que a maior parte dos recursos hidrominerais e termais susceptibles de seren aproveitados para a actividade termal se localizan en rexións do interior da Comunidade Autónoma, para as cales este sector de actividade constitúe unha vía de desenvolvemento local ou rexional mediante a xeración de investimento e emprego.

Ademais, na actualidade as persoas titulares das autorizacións ou concesións necesarias para o aproveitamento lúdico destas augas termais consonte a Lei 8/2019, do 23 de decembro, son maioritariamente entidades locais que ou ben xestionan os espazos termais directamente ou mediante sistema de concesión, o que xustifica as actuacións que vén levando a cabo a Consellería de Economía e Industria, orientadas a apoiar as devanditas entidades na realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais xa existentes ou ben daqueles novos en fase de desenvolvemento. E así o vén reforzar coa posta en marcha da Axenda de impulso da minaría sustentable de Galicia (AMSG) 2030, unha ferramenta a modo de folla de ruta que inclúe, na súa iniciativa 10. Programa para a promoción do sector das augas minerais e termais, axudas a entidades locais para o acondicionamento e a mellora dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Bases reguladoras e convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria, dirixidas a entidades locais, para fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o ano 2025.

3. O código asignado a este procedemento administrativo é o IN308C, mediante o cal se facilitará a identificación e o acceso para a tramitación destas axudas ás persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2025 e 2026, e imputaranse á aplicación orzamentaria e de acordo coa distribución que se indican a continuación:

Aplicación

Denominación

Anualidade 2025

Anualidade 2026

Total

09.04.734A -760.1

Axudas aproveitamentos lúdicos

150.000,00 €

600.000,00 €

750.000,00 €

A procedencia dos fondos é propia.

2. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Solicitudes

1. Para solicitar estas axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 8 das bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comenzará ás nove horas do décimo quinto día hábil posterior a aquel en que se publique esta orde no DOG e concluirá no mes de vencemento, ás nove horas do mesmo día ordinal en que comezou o prazo. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comenza o cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. No suposto de que se esgotase o crédito establecido no artigo 2 desta orde, así como, de ser o caso, as ampliacións de crédito efectuadas, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 4 meses desde que remate o prazo para a súa presentación.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento da persoa afectada.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN308C, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: https://economia.xunta.gal

b) Nos teléfonos da dita dirección xeral: 981 95 70 92 ou 981 95 72 59.

c) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 981 90 06 43).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso
lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases regulan a concesión das axudas que teñen por obxecto fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As actuacións que se subvencionan ao abeiro desta convocatoria deberanse desenvolver ao longo dos anos 2025 e 2026.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo tramitaranse por orde de entrada da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia e ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non se considera necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións para a mellora e acondicionamento das instalacións que configuran os espazos termais, contribuíndo en gran medida ao desenvolvemento económico das poboacións onde xorden as devanditas augas termais, o que fai que todas as actuacións que se promovan neste sentido revertan no interese público.

4. Para os efectos previstos nesta orde, os conceptos de espazo termal e piscina termal de uso lúdico axustaranse á definición contida no artigo 3 da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

«Espazos termais»: instalacións de uso público destinadas mediante o baño ao aproveitamento lúdico das augas termais.

«Piscina termal de uso lúdico»: tipo de espazo termal que reúne as características e os requisitos técnicos para a súa consideración como piscina, de acordo co previsto no Real Decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais, ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación de aproveitamentos lúdicos das augas termais de Galicia, ou aquelas en que, con anterioridade á data de presentación da solicitude da axuda, fose declarada a condición termal das ditas augas. Neste último caso, será requisito necesario para cobrar a axuda concedida, que no momento da xustificación, segundo o prazo establecido no artigo 20 destas bases reguladoras, dispoñan do título habilitante para o seu aproveitamento lúdico.

As entidades locais poderán xestionar estes aproveitamentos lúdicos directamente ou mediante sistema de concesión.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, só poderán ser beneficiarias as entidades locais que cumprisen co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas todas aquelas actuacións destinadas a acondicionar e mellorar as instalacións dos espazos termais de uso lúdico que, entre outras, poderán ser das seguintes tipoloxías:

– Adquisición e instalación de caudalímetros.

– Adquisición e instalación de sistemas de bombeo.

– Adquisición e instalación de equipamentos de medición que formen parte da instalación.

– Colocación de sinalética, particularmente a establecida para estas instalacións na Orde do 30 de marzo de 2022 pola que se aproba o contido das obrigas de información pública e sinalética das instalacións termais autorizadas ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, e que foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 70, do 11 de abril de 2022.

– Obras de acometida e canalizacións de auga.

– Mellora dos espazos verdes e instalacións de lecer.

– Actuacións en vestiarios, duchas e aseos.

– Instalación de peches perimetrais.

– Mellora das condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data de xustificación do investimento.

Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto/s necesarios para levar a cabo as actuacións subvencionables que se vaian realizar, de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde, e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos cales se refire o artigo 18.h) destas bases reguladoras.

Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando o órgano competente da entidade local contabilizase o recoñecemento da obriga.

Artigo 4. Financiamento e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de subvención de 200.000,00 € para cada solicitude. Ademais, en todo caso, non se poderá solicitar unha contía de subvención con cargo á anualidade de 2025 superior ao 20 % do importe total da subvención.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexan de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.

2. A persoa solicitante deberá dar a coñecer mediante declaración responsable as axudas que solicitase ou obtivese para a actividade subvencionada, tanto ao presentar a solicitude de axuda como en calquera momento ulterior en que se produza esta circunstancia. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto se coñeza e, en todo caso, coa xustificación da axuda.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. A verificación da concorrencia de axudas para a mesma finalidade realizarase sobre os mesmos custos subvencionables, de forma que non excedan as intensidades permitidas definidas no artigo 4.

Artigo 6. Procedemento de concesión

As axudas reguladas por estas bases tramitaranse conforme o procedemento de concorrencia non competitiva.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 7. Órganos competentes para a ordenación, instrución e resolución do procedemento de concesión

1. O órgano competente para efectuar a convocatoria e ditar a resolución de outorgamento das axudas a que se refire esta orde será a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, sen prexuízo das delegacións existentes nesta materia.

2. O órgano responsable da instrución e ordenación do procedemento de concesión e do seguimento das actuacións financiadas será a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

2.1. Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa a persoa representante da entidade local solicitante.

2.2. Acordo do Pleno da entidade local ou do órgano municipal que exerza a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

2.3. Memoria técnica xustificativa, asinada por un técnico competente, da actuación que se vai desenvolver. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada que se inclúe como anexo II desta orde, tomaranse como válidos os da solicitude.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para a súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por una persoa técnica competente.

2.4. Orzamento desagregado e asinado dos gastos.

Con independencia do documento técnico achegado de acordo co punto 2.3 do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel de partidas e indicarase para cada unha delas a medición, prezo unitario e importe, así como o prazo previsto da súa execución.

2.5. Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do espazo termal e o conxunto das actuacións.

2.6. Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, a través da Subdirección Xeral de Recursos Minerais, comprobará os requisitos establecidos na orde para a admisión da solicitude, tanto o relativo á persoa beneficiaria como á actuación e gastos subvencionables, así como a documentación complementaria achegada xunto con ela e, se for o caso, requirirá a persoa interesada para que emende a falta ou deficiencia na información facilitada ou xunte os documentos preceptivos no prazo de 10 días desde a recepción da notificación, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Non se admitirán modificacións á alza do investimento subvencionable sinalado na solicitude inicial (anexo II).

2. O órgano instrutor poderá solicitar os informes necesarios para unha mellor comprobación dos requisitos indicados no punto anterior.

3. Realizados os trámites anteriores, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais emitirá informe sobre as solicitudes presentadas, en que se concrete o resultado da comprobación e avaliación efectuadas.

4. Os expedientes que non cumpran os requisitos exixidos contidos nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas formulará a correspondente proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que será notificada ás persoas interesadas para que no prazo de 10 días poidan formular as alegacións que consideren oportunas.

2. De conformidade co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase prescindir do trámite de audiencia a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

3. Transcorrido o prazo de alegacións e unha vez examinadas estas, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas formulará a correspondente proposta de resolución definitiva.

Artigo 14. Resolución, prazo de resolución e notificación

1. Unha vez formulada a proposta de resolución definitiva, a conselleira de Economía e Industria ditará a correspondente resolución do procedemento, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa solicitante ou relación de persoas solicitantes ás cales se lles concede a subvención, a actuación que se subvenciona, o importe do investimento subvencionable e a contía da axuda concedida e, se é o caso, a causa de denegación.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia emitindo o informe da Subdirección Xeral de Recursos Minerais sobre a solicitude indicado no artigo 12.3, ata o esgotamento de crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de 4 meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, que se computará segundo o establecido no artigo 30 da Lei 39/2015. Se, transcorrido o devandito prazo, o órgano competente para resolver non notificase a dita resolución, as persoas interesadas estarán lexitimadas para entender desestimada a súa solicitude.

4. A resolución de concesión notificaráselle á persoa solicitante, conforme o disposto nos artigos 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Sen prexuízo da devandita notificación, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de axudas concedidas, con expresión do programa, concepto orzamentario, titular e finalidade da axuda.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

4. Cando a modificación da resolución proposta afecte un cambio de tipoloxía da actuación, considerarase que se alteran as condicións tidas en conta para a concesión da axuda. Neste caso, a modificación non será autorizada.

5. A modificación da resolución non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou, se non for expresa, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que a persoa beneficiaria desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos, e comunicará este feito co fin de proceder ao remate do expediente.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

A persoa beneficiaria da subvención queda obrigado a:

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos, tal como recollen o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 23 destas bases reguladoras.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Naqueles casos en que a xestión das instalacións do espazo termal de uso lúdico supoña a realización dunha actividade económica por parte da entidade local beneficiaria, isto implicará que as axudas reguladas por estas bases estarán amparadas polo Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L), polo que o importe total das axudas de minimis concedidas á dita entidade non excederá os 300.000 euros durante calquera período de tres anos, e non poderá ser acumulable a outros réximes de minimis, salvo que polo seu importe non superen ese límite.

g) Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida cumplir as obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

h) Colocar un cartel informativo no lugar de execución da actuación subvencionada, conforme o modelo indicado no anexo V, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizada a execución da actuación subvencionada, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, conforme o modelo indicado no anexo VI. A devandita placa debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4.

i) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa ás persoas beneficiarias na resolución de concesión ou no documento en que se establezan as condicións da axuda.

Artigo 19. Subcontratación

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións subvencionables, que estará suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que as entidades locais precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos na actuación subvencionada, debe observarse o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, as persoas beneficiarias deberán presentar electronicamente para cada anualidade unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo IV, acompañada da documentación sinalada nas seguintes epígrafes. O prazo máximo para presentar a xustificación será:

– Ata o 4 de decembro de 2025 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2025.

– Ata o 4 de decembro de 2026 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2026.

1.1. Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

1.2. Copia das facturas das actuacións realizadas.

1.3. Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados a entidade receptora e a entidade emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet, se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

1.4. Certificación de obra cando se trate dun contrato de obras ou, no resto de contratos, documento equivalente coa desagregación da actuación realizada (indicando concepto, unidades e prezos unitarios).

1.5. Certificado da Secretaría da entidade local en que se indique que o procedemento de contratación pública se realizou consonte a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e onde se indiquen, ademais, a persoa adxudicataria do contrato e o importe de adxudicación.

1.6. Certificado da Secretaría ou Intervención da entidade local onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte da entidade beneficiaria.

1.7. Proxecto de execución. No caso de non dispoñer deste por tratarse dunha obra ou instalación que non o requira legalmente, achegarase a documentación técnica que serviu de base para levar a cabo a actuación.

1.8. Informe técnico en que se describan a realización da actuación e os datos e incidencias máis significativos na súa execución, asinado por un técnico municipal.

1.9. Fotografía do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 18.h) destas bases reguladoras.

1.10. Reportaxe fotográfica onde aparezan reflectidas todas as actuacións materiais obxecto de axuda.

1.11. Declaración da persoa solicitante, mediante o modelo normalizado do anexo III, relativa a:

– O conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, destinadas ao financiamento da mesma actuación, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

– Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Se, por algún motivo, a entidade local non pode xustificar no prazo indicado a subvención concedida con cargo á anualidade de 2025, deberá comunicar esta circunstancia á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, co fin de poder realizar un reaxuste de anualidades, sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A devandita comunicación deberá realizarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de xustificación.

3. As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta, ou ben cando a normativa aplicable exixa o consentimento expreso para a comprobación de datos, non autorizase a súa consulta, deberá indicalo nos recadros correspondentes habilitados no formulario correspondente (anexo IV) e achegar os documentos.

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que conforme a lei correspondan.

5. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos pola persoa beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á subvención e declararase a perda do dereito ao cobramento, segundo o procedemento establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente das actuacións, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000,00 € no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como pola persoa beneficiaria, consonte o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento das actuacións, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, de ser o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o devandito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte gradación:

– Non comunicarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

– Non darlle publicidade ao financiamento da actuación, de acordo co establecido no artigo 18.h) destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Para facer efectivas as devolucións ás que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa obriga por parte das persoas beneficiarias de achegar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Maila o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais, e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file