DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 22 de agosto de 2025 Páx. 46270

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ACORDO do 1 de agosto de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, de levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación eléctrica no concello de Boiro (expediente IN407A 2023/343-1).

Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada Nova saída subestación Boiro peche Cabo de Cruz, 1ª fase, no concello de Boiro (expediente IN407A 2023/343-1), mediante a Resolución deste departamento territorial, do 23 de xullo de 2025, a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo na avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.

Este departamento territorial, de conformidade co artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e co 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar o día 22 de setembro de 2025 para o levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Boiro, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 5.12.2023, no BOP do 17.11.2023 e no xornal La Voz de Galicia do 30.10.2023, acto a que deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, ás cales se lles practicará notificación individual sinalándolles os horarios de toma de datos sobre o terreo e posterior levantamento efectivo das actas nas oficinas da casa consistorial do dito concello.

Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese practicar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.

A Coruña, 1 de agosto de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña