A Recomendación do Consello Europeo do 22 de abril de 2013 define a garantía xuvenil como unha recomendación aos Estados para que velen para que todas as persoas mozas menores de vinte e cinco anos que nin traballan, nin estudan, nin seguen unha formación reciban unha oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedaren desempregados ou acabaren a educación formal.
O Plan de garantía xuvenil plus (GX+) 2021-2027 de traballo digno para as persoas mozas ten como obxectivo mellorar a cualificación das persoas mozas para que adquiran as competencias profesionais e técnicas necesarias para acceder ao mercado laboral.
A Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, regula, entre outros aspectos, a creación dun ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e o proceso de inscrición das persoas mozas.
Esta convocatoria de subvencións pretende apoiar a integración das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no mercado laboral e a través dun Programa de colaboración con entidades locais e con organismos intermedios sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.
As axudas recollidas nesta convocatoria están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais», prioridade 5 «Emprego xuvenil», obxectivo específico ES04.1. «Mellorar o acceso ao emprego e a medidas de activación de todas as persoas demandantes de emprego, e en particular das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social», e medida 5.A.02. «Facilitar a mellora da empregabilidade das persoas mozas desempregadas».
Nesta convocatoria incorpórase o uso de opcións de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.
De acordo co disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do programa de axudas ás corporacións locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro para a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.
O procedemento de concesión ten a consideración de concorrencia competitiva, polo que resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas tanto para as entidades locais como para os organismos intermedios sen ánimo de lucro, ata o esgotamento do crédito orzamentario, logo de comprobación da concorrencia nas persoas solicitantes dos requisitos establecidos.
Así mesmo, as solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións desta orde axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.
Igualmente, axustaranse ao disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e política de visados; no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello de 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade e da Intervención Delegada e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro para a contratación durante nove meses de persoas mozas, inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (códigos de procedemento TR350E e TR349Z).
2. Esta convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas que non estudan nin traballan, inscritas como beneficiarias no Sistema nacional de garantía xuvenil, mediante a prestación de servizos que lles posibiliten ás persoas participantes realizar un traballo efectivo que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.
Artigo 2. Marco normativo
1. As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ás seguintes normas: Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
2. No que resulte de aplicación axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, ao seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.
3. Por tratarse de subvencións cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, serán de aplicación:
– Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+).
– Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos, e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.
– Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
Artigo 3. Principios de xestión
A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 4. Orzamento
1. O importe máximo destinado á concesión de subvencións é de 6.500.000 €, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, distribuídos do seguinte xeito:
a) Un orzamento de 3.000.000,00 euros, destinado ás entidades locais de Galicia, a través do crédito consignado na aplicación 14.02.322C.460.1 (código de proxecto 2025 00118).
b) Un orzamento de 3.500.000,00 euros, destinado aos organismos intermedios sen ánimo de lucro, a través do crédito consignado na aplicación 14.02.322C.481.7 (código de proxecto 2025 00118).
As subvencións establecidas nesta convocatoria están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais», prioridade 5 «Emprego xuvenil», obxectivo específico ES04.1. «Mellorar o acceso ao emprego e a medidas de activación de todas as persoas demandantes de emprego, e en particular das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social», e medida 5.A.02. «Facilitar a mellora da empregabilidade das persoas mozas desempregadas».
2. Os créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. E, dado que ambos os programas están cofinanciados polo FSE+, será necesario informe favorable previo por parte do OI para calquera modificación orzamentaria que afecte a esta convocatoria.
Artigo 5. Definicións
1. Para os efectos desta orde, considérase como persoa desempregada aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, e como beneficiaria no Sistema nacional de garantía xuvenil, maior de 18 anos e que, así mesmo, careza de ocupación no día inmediatamente anterior ao da data de inicio do contrato, segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou, na súa falta, certificado da mutualidade do colexio profesional no momento da selección e da contratación.
As persoas mozas traballadoras que sexan contratadas para realizar os servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, maiores de dezaoito anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.
Para o pagamento destas axudas, a comprobación da inscrición no Sistema nacional de garantía xuvenil realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.
2. Para os efectos desta orde, entenderase por organismos intermedios sen ánimo de lucro as entidades que actúan como ligazón entre diferentes actores dun ou varios sectores económicos (como individuos, comunidades, organizacións ou institucións) co obxectivo de facilitar a cooperación, o desenvolvemento de proxectos, a prestación de servizos ou a promoción de actividades sen perseguir beneficios económicos para os seus membros ou dirixentes:
– Organismo intermedio empresarial: asociación empresarial sen ánimo de lucro, consello regulador de denominación de orixe protexida, de indicación xeográfica protexida e de agricultura ecolóxica sen ánimo de lucro, clúster e agrupación industriais empresarial, todos eles con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, domiciliados en Galicia, que representen un colectivo de empresas galegas.
– Agrupación industrial: organización de natureza asociativa sen ánimo de lucro, composta por empresas especializadas arredor dunha cadea de valor, que cooperan estreitamente co fin de promover a súa competitividade, cunha especial atención á innovación e á internacionalización das empresas que forman parte desa cadea de valor, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliada en Galicia.
– Asociación empresarial sectorial: asociación empresarial sen ánimo de lucro cuxo fin é o apoio á competitividade das persoas autónomas, microempresas, pemes e grandes empresas dun sector de actividade económico específico, así como de representación e defensa do empresariado diante das institucións, organismos públicos e axentes sociais, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliada en Galicia.
– Asociación empresarial intersectorial: asociación empresarial sen ánimo de lucro, integrada por unha diversidade de empresas ou de asociacións empresariais de diferentes ramos de actividade económica, e que presta servizos de fomento e apoio á competitividade das persoas autónomas, microempresas, pemes e grandes empresas, así como de representación e defensa do empresariado diante das institucións, organismos públicos e axentes sociais, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliada en Galicia.
Artigo 6. Requisitos xerais dos servizos que prestarán as entidades beneficiarias
Os servizos que se desenvolvan ao abeiro desta orde deberán posibilitarlles ás persoas contratadas realizar un traballo efectivo en tarefas relacionadas cos fins das entidades beneficiarias (tanto entidades locais como organismos intermedios), que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo, e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia europea (entenderase por actividade económica calquera actividade consistente na subministración de bens ou servizos nun mercado determinado), e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos en tarefas relacionadas cos fins da entidade beneficiaria sexa como mínimo de 9 meses e a xornada a tempo completo, ao ser esa a duración e a xornada máxima subvencionable.
d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta orde (artigo 7.3), de ser o caso.
Artigo 7. Contía das axudas
1. Esta convocatoria establece para a determinación da contía das subvencións, tanto para a concesión como para a xustificación das axudas, o uso de opcións de custos simplificados de acordo co disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. En particular, a contía da subvención que se concederá será, por cada persoa moza contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado conforme o disposto artigo 53.1.b) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario, tomando como referencia as bases mínimas de cotización vixentes, segundo o grupo de cotización en que se atopen as persoas mozas traballadoras en cuestión, consonte o cadro seguinte:
|
Grupos de cotización |
Custo unitario (9 meses) |
|
1. Enxeñeiros e licenciados |
22.876,56 € |
|
2. Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados |
18.970,11 € |
|
3. Xefes administrativos e de taller |
16.504,56 € |
|
4 a 10. Axudantes non titulados, oficiais administrativos, subalternos, auxiliares administrativos, oficiais e peóns |
16.380,09 € |
2. A contía da subvención concedida aboarase ás entidades beneficiarias nun único pagamento, logo de presentada a documentación xustificativa establecida nos artigos 32 ou 43 desta orde, respectivamente, por cada persoa moza contratada polo menos por un período de 9 meses e cunha xornada a tempo completo.
3. Para os efectos destas subvencións, terase en conta o previsto no artigo 5 da Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
No caso específico das contratacións efectuadas no marco do Programa II, será preciso acreditar, mediante un informe ou documento equivalente, que as persoas traballadoras contratadas non teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social.
Para o caso de ter bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, para o cálculo do importe elixible descontarase do custo unitario a parte proporcional correspondente ás devanditas bonificacións ou reducións.
4. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.
5. Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.
Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
As entidades solicitantes deberán indicar no formulario normalizado (anexo I.A ou anexo I.B) o grupo de cotización a que pertencen as persoas mozas traballadoras solicitadas. Para cada unha das persoas mozas traballadoras solicitadas deberase consignar na solicitude o CNO a 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección, e deberá existir coherencia entre o CNO solicitado e o grupo de cotización.
Para efectos orientativos, as entidades solicitantes teñen á súa disposición a páxina web http://emprego.xunta.gal/portal/gl/buscador-ocupacions.html, na cal poden consultar o número de persoas mozas (garantía xuvenil), con dispoñibilidade para o emprego por concello, provincia, comarca, ou en toda Galicia.
2. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
3. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
5. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso de presentación de varias solicitudes, só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.
Artigo 9. Emenda das solicitudes
A través da sede electrónica remitiranse as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaráselle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 10. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta nin impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada
Artigo 12. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou ás entidades das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, loco de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 13. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).
As persoas interesadas son informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, asemade, da posibilidade de que fagan constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) da alínea 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 14. Procedemento para a concesión e comisión de avaliación
1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.
2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, a resolución do procedemento virá determinado pola comparación das solicitudes achegadas, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de avaliación establecidos nos artigos 28 e 39, ata esgotar o crédito.
4. Para tal efecto, constituirase unha comisión de avaliación, que terá unha composición paritaria, e estará integrada pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, a persoa responsable do Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao Servizo de Programas de Cooperación, que realizará as funcións de persoa secretaria.
Se por calquera causa no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes algunhas das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.
Artigo 15. Resolución e recursos
1. A resolución dos expedientes das subvencións reguladas na presente orde correspóndelle á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, de acordo co establecido no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, quen, tras a fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.
2. O prazo máximo de resolución e notificación será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Así mesmo, deberá notificarse a cada entidade beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións da axuda (DECA).
Tamén se lle informará ás entidades beneficiarias de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique, nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, de 24 de xuño.
4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto neste programa esgotan a vía administrativa, polo que contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes, computado desde o día seguinte á súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade, no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 17. Requisitos xerais para a xustificación e pagamento
1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A contía da subvención concedida aboarase ás entidades beneficiarias nun único pagamento, unha vez cumprido o obxectivo para o cal foi concedida: a contratación de persoas mozas desempregadas, inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil, polo importe de nove meses por cada persoa contratada, logo de presentada a documentación xustificativa á que se refire o punto 4 deste artigo.
3. O prazo para a presentación da documentación xustificativa finaliza o 30 de novembro de 2025.
4. Achegarase a documentación xustificativa indicada no artigo 32 cando sexa beneficiaria unha entidade local, ou a establecida no artigo 43, no caso de que a entidade beneficiaria sexa un organismo intermedio.
A non presentación da xustificación no prazo establecido no punto 3 deste artigo pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.
5. O cumprimento dos requisitos das persoas mozas traballadoras establecidos no punto 2 dos artigos 29 e 40 (ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estar desempregadas e inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego de Galicia, ser beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil na data de selección e formalización do contrato, e non ter traballado no día natural anterior ao momento de recibir a actuación) será comprobado de oficio polo órgano concedente.
6. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
7. O pagamento da axuda ordenarase, unha vez recibida a documentación xustificativa, no número de conta indicado no anexo I.A ou anexo I.B da solicitude.
Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e ao realizar a proposta de pagamento da subvención.
b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
c) Comunicar, a través da aplicación Contrat@, os contratos formalizados.
d) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
e) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais, de ser o caso.
f) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.
g) Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de nove meses, agás baixa voluntaria da persoa traballadora, suposto en que a entidade beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla, segundo se establece nos artigos 31 e 42 desta orde ou, no caso contrario, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional.
As baixas voluntarias deberán comunicarse por medios telemáticos ao órgano xestor das axudas, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza, achegando a declaración da persoa traballadora en que se indique o motivo da baixa, segundo o modelo dispoñible na sede electrónica.
h) Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas mozas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
i) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, antes do 30 de setembro de 2026, unha memoria final, no modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
j) Garantir os principios horizontais das axudas recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/1060, do 24 de xuño, do Parlamento Europeo e do Consello, e no artigo 28 do Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño de 2021, do Parlamento Europeo e do Consello, respecto á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a non discriminación.
k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.
l) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Igualmente, dado que estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, as entidades beneficiarias deberán cumprir, de ser o caso, coas seguintes obrigas específicas:
a) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, de ser o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
b) Respectar as normas de subvencionalidade do gasto cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, reguladas polo Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño, do Parlamento Europeo e do Consello, o Regulamento (UE) 2021/1060, do 24 de xuño, do Parlamento Europeo e do Consello, e a Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
c) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060, do 24 de xuño, do Parlamento Europeo e do Consello. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou dunha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispor delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.
d) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño, do Parlamento Europeo e do Consello. Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da devandita persoa participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Asi mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data na que se fagan os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos. Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na devandita aplicación informática.
e) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
f) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.
g) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración) e pola Unión Europea. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás persoas participantes.
h) Colaborar coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na impartición ás persoas contratadas dun módulo formativo en materia de igualdade de xénero, co obxectivo de promover unha actitude máis igualitaria entre homes e mulleres.
Artigo 19. Seguimento e control
1. Antes do 30 de setembro de 2026, todas as entidades beneficiarias deberán presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais a seguinte documentación:
– Memoria final da actuación, no modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
– Certificado de fin de actuación asinado pola persoa responsable competente da entidade beneficiaria, segundo o modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
2. A Secretaría xeral de Emprego e Relacións Laborais realizará cantas comprobacións sexan precisas para verificar o cumprimento das obrigas recollidas nesta orde.
A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais realizará, de oficio, para efectos de seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas, e deixará constancia documental do seu cumprimento no expediente.
Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento e reintegro
1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deberá reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
c) Non ter comprobado que a persoa moza contratada non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación, constando para iso como beneficiario no Sistema nacional de garantía xuvenil nesa data: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
d) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable axeitada establecida no artigo 18.2.e): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.
e) En caso de ausencia total de pista de auditoría establecida no artigo 18.2.e): reintegro do 100 % do gasto subvencionado.
f) Non efectuar a devolución voluntaria da subvención segundo o previsto nos artigos 30.11, 31, 41.11 e 42: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
g) Incumprimento do prazo establecido de achega da documentación xustificativa para o pagamento, sinalada no artigo 17.3, reintegro do 50 %. Así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do devandito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.
h) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 18.2.c): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.
i) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.
j) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.
k) No caso de baixa voluntaria das persoas mozas participantes, e se a entidade beneficiaria non efectuou a devolución do importe do salario remanente ou non se levou a cabo a súa substitución, procederá o reintegro do importe correspondente.
3. As obrigas do reintegro establecidas no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
Artigo 21. Loita contra o fraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos, operacións ou actuacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco da presente convocatoria, poderá pór os devanditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx
Mentres non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán pórase en coñecemento a través da seguinte ligazón:
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
CAPÍTULO II
Programa I. Contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil por entidades locais, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento TR350E)
Artigo 22. Finalidade
Este programa ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades locais para a contratación durante nove meses de persoas mozas, inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (código de procedemento TR350E).
Artigo 23. Crédito orzamentario
Destinarase unha partida orzamentaria de 3.000.000,00 euros ás entidades locais de Galicia, a través do crédito consignado na aplicación 14.02.322C.460.1 (código de proxecto 2025 00118).
A porcentaxe de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) será do 60 %, mentres que o 40 % restante será a través de fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
Artigo 24. Entidades beneficiarias e requisitos
1. Serán beneficiarios desta liña de subvencións os concellos de Galicia, como entidade local básica da organización territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Terase en conta a Iniciativa galega de concellos emprendedores, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades nas cales concorra algunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 25. Declaración responsable da solicitude para o Programa I
Forman parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
b) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) A entidade local cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) A disposición de financiamento suficiente para sufragar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade beneficiaria, de ser o caso.
h) Que a actividade que vaian desenvolver as persoas mozas traballadoras contratadas ten relación cos fins da entidade local e vailles procurar unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.
i) Que coa presentación desta solicitude acepta a subvención.
j) Que en relación co establecido no artigo 7 da orde de convocatoria, a entidade local solicitante dispón de capacidade técnica e xestión suficiente para a execución dos proxectos solicitados.
k) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
Artigo 26. Documentación complementaria para o Programa I
1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I.A), deberá anexarse a seguinte documentación:
– Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade local, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido pola persoa secretaria ou acta onde se determine a dita representación. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os ditados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 27. Comprobación de datos para o Programa I
1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade local interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Consulta concesións de subvencións e axudas
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións
h) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
i) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada dos últimos 12 meses.
j) Inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego, nas datas de referencia (selección e contratación).
k) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.
l) Inscrición como beneficiaria no ficheiro do SNGX nas datas de referencia (selección e contratación).
2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 28. Criterios de avaliación e puntuación
Revisados e completados os expedientes, ordenaranse por orde decrecente de puntuación, cun máximo de vinte e dous puntos, co obxecto de outorgarlles a correspondente subvención ás entidades locais que cumpran os requisitos desta orde, seguindo as seguintes regras:
A) Terase en conta, para os efectos da asignación de contratos ás entidades locais, a relación que figure no anexo I.A da solicitude (epígrafe «subvención solicitada», relativa ao número de persoas que van ser contratadas), no cal se especificarán os perfís profesionais para contratar por orde de preferencia.
a.1) Outorgarase a seguinte puntuación, en función da porcentaxe de desemprego xuvenil, que se calcula relacionando o total da poboación nova en situación de desemprego de cada concello co total de poboación nova en situación de desemprego a nivel autonómico, entendendo como tal a poboación entre dezaoito e vinte e nove anos:
– Dez puntos aos concellos no que a porcentaxe de desemprego xuvenil sexa superior ao 3 %.
– Oito puntos aos concellos en que a porcentaxe de desemprego xuvenil sexa superior ao 2 % e inferior ou igual ao 3 %.
– Seis puntos aos concellos en que a porcentaxe de desemprego xuvenil sexa superior ao 1 % e inferior ou igual ao 2 %.
– Catro puntos aos concellos en que a porcentaxe de desemprego xuvenil sexa inferior ou igual ao 1 %.
a.2) Outorgaranse seis puntos aos concellos de Galicia que, independentemente da súa poboación, obtiveron e formalizaron máis de cinco contratacións no procedemento TR351F 2024.
a.3) Outorgaranse catro puntos aos concellos de Galicia cunha poboación superior a 50.000 habitantes (datos do padrón municipal de 2024: IGE).
a.4) Outorgaranse tres puntos aos concellos de Galicia que sexan resultado dunha fusión de concellos.
a.5) Outorgaranse dous puntos aos concellos de Galicia que teñan a condición de emprendedores.
B) O número de contratos que se van asignar inicialmente a cada concello, en función da súa puntuación, será o seguinte:
b.1) Os concellos que acaden unha puntuación igual ou superior a 17 puntos poderán obter ata catro contratacións subvencionadas.
b.2) Os concellos que acaden unha puntuación igual ou superior a 13 puntos, e inferior a 17, poderán obter ata tres contratacións subvencionadas.
b.3) Os concellos que acaden unha puntuación igual ou superior a 9 puntos, e inferior a 13, poderán obter ata dúas contratacións subvencionadas.
b.4) Os concellos que acaden unha puntuación inferior a 9 puntos poderán obter ata unha contratación subvencionada.
Terminada a asignación dos contratos sinalada nas anteriores alíneas b.1), b.2), b.3) e b.4), e de existir crédito dispoñible, o resto dos contratos adxudicaranse sucesivamente de un en un, por orde decrecente de poboación, ata o esgotamento do crédito, única e exclusivamente entre os concellos que teñan a condición de emprendedores.
Artigo 29. Requisitos e criterios para a selección das persoas mozas traballadoras
1. A partir do momento de comunicación da resolución de concesión por parte da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, as entidades locais beneficiarias poderán iniciar o procedemento de selección das persoas desempregadas que se van contratar.
2. As persoas mozas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán cumprir, en todo caso, os requisitos seguintes no momento da selección e da formalización do contrato de traballo:
– Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.
– Ser desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
– Estar inscritas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Ademais, para ser beneficiarias desta medida, as persoas mozas deberán constar como inscritas e beneficiarias no ficheiro do SNGX, así como cumprir os requisitos de non ter traballado ou recibido accións educativas ou formativas o día natural anterior ao momento de recibir a actuación, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, e polo Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo.
Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos, estea desempregada, inscrita como tal e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderá consultar na súa oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil.
3. As entidades locais beneficiarias da subvención solicitarán as persoas traballadoras mozas que necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na correspondente oficina pública de emprego de Galicia, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas mozas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, deberá presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións (CNO) a 4 díxitos. A oferta na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación.
Poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta orde.
4. Para a presentación de oferta ante a oficina de emprego seguirase o seguinte proceso:
a) As ofertas achegaranse, necesariamente, a través de medios telemáticos (sede electrónica da Xunta de Galicia ou por correo electrónico). Presentarase unha oferta de emprego por cada categoría profesional que se demanda e xuntarase tamén a resolución de concesión.
b) Recibida a oferta, a oficina de emprego realizará unha sondaxe de persoas demandantes en función das características da oferta, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando un número de persoas candidatas por posto de traballo, que non poderá ser, sempre que sexa posible, inferior a dúas nin superior a dez.
c) A remisión de novas persoas candidatas só procederá cando a entidade beneficiaria xustifique documentalmente a súa necesidade, por incumprimento dos requisitos da oferta, por rexeitamento voluntario por escrito ou incomparecencia das remitidas.
d) No suposto de que as entidades beneficiarias non consigan cubrir algún dos postos de traballo concedidos, poderán substituílo por outro CNO dentro do mesmo grupo de cotización ao inicialmente concedido.
e) A selección definitiva das persoas candidatas deberá ser notificada pola entidade beneficiaria á correspondente oficina de emprego, que comprobará a inscrición como demandante de emprego e a situación laboral de non ocupada da persoa ou persoas seleccionadas, e proporcionará á entidade beneficiaria un código identificador da oferta, que empregará na comunicación obrigatoria da contratación a través da aplicación Contrat@.
5. Para os efectos de facilitar a selección de persoas candidatas, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais elaborará unha instrución informativa, que publicará na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
6. Terán preferencia na selección a través da oficina de emprego as persoas con maiores dificultades para a inserción laboral, por esta orde: as persoas con discapacidade, as persoas trans e as persoas en risco de exclusión social, e a continuación, as persoas desempregadas mozas que participasen nos últimos 3 anos (2023-2024-2025) en programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (código de procedemento TR353B).
7. Ao tratarse dun programa encadrado no marco das políticas activas de emprego que busca incrementar a empregabilidade das persoas mozas desempregadas, no proceso de selección seguiranse os criterios establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será aplicable a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas; As persoas mozas traballadoras seleccionadas non se considerarán incluídas nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo e, consecuentemente, non será precisa oferta de emprego público previa.
Artigo 30. Contratación das persoas mozas traballadoras
1. Efectuada a selección das persoas mozas traballadoras na forma prevista no artigo 28, a entidade local beneficiaria efectuará a súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2025.
Cada contrato terá unha duración mínima de nove meses e unha xornada laboral do 100 %, e ese será o período laboral máximo subvencionable para cada contrato.
2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá autorizar o inicio da relación laboral con posterioridade ao prazo establecido na resolución de concesión e, en todo caso, dentro do exercicio 2025, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.
3. Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que, no momento de inicio da relación laboral, a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos e non supere a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estea desempregada e inscrita como demandante de emprego, e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, que poderán consultar na correspondente oficina de emprego e no Sistema nacional de garantía xuvenil: https://garantiajuvenil.sepe.es/login.action. As entidades beneficiarias deberán deixar constancia documental da comprobación sinalada, para pista de auditoría (artigo 18.2.e).
4. As entidades beneficiarias darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.
5. As entidades beneficiarias asumen a súa condición de empregador respecto das persoas mozas traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir coa normativa laboral.
6. Os contratos de traballo subscritos coas persoas mozas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse, necesariamente, a través da aplicación Contrat@. marcando a opción específica «interese social corporacións locais», que figura no punto «Datos específicos do contrato», e asignaráselle o código 406: contrato de duración determinada vinculado a programas financiados con fondos europeos.
7. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego, a través da aplicación informática Contrat@, deberán terse en conta os seguintes requisitos:
a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos previstos nesta orde para seren beneficiarias deste programa.
b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego.
8. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento e reintegro, de conformidade co artigo 20.
9. No momento da contratación, a persoa moza cubrirá e asinará o anexo II, coa declaración en que faga constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación. Así mesmo, o órgano xestor realizará esas comprobacións finais, así como a de inscrición como beneficiaria do SNGX da persoa moza contratada.
10. As entidades beneficiarias comunicarán á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o comenzo dos contratos no prazo máximo de dez días hábiles, contado desde o devandito inicio, con indicación do número de persoas mozas contratadas, e presentará a documentación xustificativa recollida no artigo 32.
11. Cando se produza a extinción do contrato antes de que finalice o período de nove meses, poderá optarse por substituír s persoa traballadora segundo o establecido no artigo 31 da presente orde ou, de ser o caso, pola devolución voluntaria da contía proporcional da subvención correspondente ao período de baixa ou de redución do contrato.
12. As contratacións que se realicen non poderán ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na relación de postos de traballo da entidade beneficiaria.
13. A formalización e a execución destes contratos laborais subvencionados non suporán, en ningún caso, relación contractual nin laboral coa Xunta de Galicia.
Artigo 31. Substitución das persoas mozas traballadoras
1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade local beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.
2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de comunicación á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada, nun prazo máximo de 15 días desde que se produza, á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, con indicación da causa da baixa da anterior persoa traballadora que motiva a substitución.
Coa notificación da nova contratación a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:
a) Certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, agás que se trate dunha candidata que quedase en lista de espera na primeira selección e continúe en desemprego no momento de formalizar a contratación.
b) Documento de información da subvención polo Fondo Social Europeo Plus, debidamente asinado pola persoa substituta, segundo o modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
c) Anexo II asinado no momento da contratación: declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación.
d) Anexo III: declaración complementaria e actualizada do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, na cal se declara, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas (segundo o modelo do anexo IV), polo que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta levarase a cabo a través da correspondente oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia, agás que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e que cumpran os requisitos da orde de convocatoria no momento da súa contratación.
5. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e deberá facerse cargo a entidade beneficiaria dos sobrecustos que estas substitucións leven aparellados.
6. No caso de que o contrato subvencionado se extinga antes de nove meses por baixa voluntaria da persoa traballadora, e a entidade beneficiaria opte por non substituíla, procederá a devolución da parte proporcional da axuda recibida con carácter voluntario, sen o requirimento previo da Administración, conforme o disposto no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
A devolución da axuda farase mediante o ingreso na conta do Tesouro ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá achegar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe, o número do expediente e a denominación da subvención concedida.
7. Permítese unha única substitución da persoa contratada inicialmente, de maneira que se a dita persoa é substituída por outra, esa nova persoa contratada pecha o proceso de contratacións incentivadas ao abeiro desta convocatoria
Artigo 32. Xustificación e pagamento ás entidades locais beneficiarias
1. A entidade local beneficiaria achegará, na data establecida no artigo 17.3 (30 de novembro de 2025), a seguinte documentación xustificativa:
a) Anexo II asinado por cada unha das persoas mozas contratadas no momento da contratación: declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa, no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación.
b) Anexo III: declaración complementaria e actualizada do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, na cal se declare, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas (segundo o modelo do anexo IV), polo que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
c) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 18.2.c).
d) Acreditación, de ser o caso, do sitio web da entidade beneficiaria no cal conste unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión Europea.
e) Documentos de información ás persoas mozas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo Plus, debidamente asinados, segundo o modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
f) Certificado de selección da persoa contratada, no modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
2. O cumprimento dos requisitos das persoas mozas traballadoras establecidos no punto 2 do artigo 28 (ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estar desempregadas e inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego, ser beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil na data de selección e formalización do contrato, e non ter traballado no día natural anterior á data da sinatura deste), comprobarao de oficio o órgano concedente.
A non presentación da xustificación no prazo establecido no artigo 17.3 (30 de novembro de 2025) pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.
CAPÍTULO III
Programa II. Contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil por organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027
(código de procedemento TR349Z)
Artigo 33. Finalidade
Esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con organismos intermedios sen ánimo de lucro para a contratación, durante un período mínimo de nove meses, de persoas mozas inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego, e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (código de procedemento TR349Z).
Artigo 34. Crédito orzamentario
Destinarase unha partida orzamentaria de 3.500.000,00 euros aos organismos intermedios sen ánimo de lucro de Galicia, a través do crédito consignado na aplicación 14.02.322C.481.7 (código de proxecto 2025 00118).
A porcentaxe de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) será do 60 %, mentres que o 39,14 % será a través de fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, e o 0,86 % corresponderá a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 35. Entidades beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarios deste programa:
• Os organismos intermedios sen ánimo de lucro que, na data de publicación da presente convocatoria, estean constituídos e inscritos no correspondente rexistro (de asociacións, de clústeres empresariais, de asociacións profesionais de traballadores autónomos, de agrupacións empresariais, etc.), e dispoñan de centro de traballo en Galicia (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores, de acordo coas definicións do artigo 5 destas bases reguladoras). Incluiranse dentro destas entidades:
– Asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico.
– Consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica.
– Agrupacións industriais empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliadas en Galicia) que representen un colectivo de empresas galegas.
– Clústeres empresariais.
– Asociacións de persoas autónomas.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades nas cales concorra algunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 36. Declaración responsable da solicitude para o Programa II
Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
b) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) A disposición de financiamento suficiente para sufragar os custos do proxecto, que terán que ser asumidos pola entidade beneficiaria, de ser o caso.
g) Que a actividade que vaian desenvolver as persoas mozas traballadoras contratadas ten relación cos fins do organismo intermedio beneficiario e vailles procurar unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.
h) Que o organismo intermedio solicitante non ten ánimo de lucro.
i) Que está inscrita no correspondente rexistro.
j) Que dispón dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
k) Que coa presentación desta solicitude acepta a subvención.
l) Que en relación co establecido no artigo 7 da orde de convocatoria, o organismo intermedio solicitante dispón de capacidade técnica e xestión suficiente para a execución dos proxectos solicitados.
m) Que ningunha das persoas que ocupan funcións directivas na entidade solicitante a partir da data de publicación da presente orde, nin as súas cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, van seren contratadas ao abeiro da presente subvención.
n) Que o seu ámbito de actuación é o que figura na solicitude.
ñ) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
Artigo 37. Documentación complementaria para o Programa II
1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I.B), deberá anexarse a seguinte documentación:
– Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación do organismo intermedio, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido pola persoa secretaria ou acta onde se determine a dita representación. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os ditados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 38. Comprobación de datos para o Programa II
1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o organismo intermedio interesado se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Consulta do código conta de cotización.
d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.
i) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
j) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada dos últimos 12 meses.
k) Inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego nas datas de referencia (selección e contratación).
l) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.
m) Inscrición como beneficiaria no ficheiro do SNGX nas datas de referencia (selección e contratación).
2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 39. Criterios de avaliación e puntuación
Revisados e completados os expedientes, ordenaranse por orde decrecente de puntuación, cun máximo de dez puntos, co obxecto de outorgarlles a correspondente subvención aos organismos intermedios sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos desta orde, seguindo as seguintes regras:
A) Terase en conta, para os efectos da asignación de contratos aos organismos intermedios sen ánimo de lucro, a relación que figure no anexo I.B da solicitude (epígrafe «subvención solicitada», relativa ao número de persoas que se van contratar), no cal se especificarán os perfís profesionais para contratar por orde de preferencia.
a.1) Outorgarase dez puntos aos organismos intermedios que pertenzan a parques científicos e tecnolóxicos, ou ben sexan centros tecnolóxicos, de ámbito autonómico ou superior.
a.2) Outorgarase seis puntos aos organismos intermedios que acrediten ter carácter sectorial, de ámbito autonómico ou superior.
a.3) Outorgarase catro puntos aos organismos intermedios que pertenzan a parques científicos e tecnolóxicos, ou ben sexan centros tecnolóxicos, de ámbito provincial ou inferior.
a.4) Outorgarase dous puntos aos organismos intermedios que non se encadren en ningunha das categorías anteriores.
B) O número de contratos subvencionados que se vai adxudicar inicialmente a cada organismo, por orde decrecente de puntuación, será o seguinte:
– Poderán recibir subvención para catro contratacións os organismos intermedios que acaden os 10 puntos.
– Poderán recibir subvención para tres contratacións os organismos intermedios que acaden os 6 puntos.
– Poderán recibir subvención para dúas contratacións os organismos intermedios que acaden os 4 puntos.
– Poderán recibir subvención para unha contratación os organismos intermedios que acaden os 2 puntos.
C) Terminada a asignación dos contratos sinalada na anterior alínea b), e de existir crédito dispoñible, o resto dos contratos adxudicaranse sucesivamente de un en un, por orde decrecente de puntuación, ata o esgotamento do crédito.
Artigo 40. Requisitos e criterios para a selección das persoas mozas traballadoras
1. A partir do momento de comunicación da resolución de concesión por parte da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, as entidades beneficiarias poderán iniciar o procedemento de selección das persoas desempregadas que se van contratar.
2. As persoas mozas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán cumprir, en todo caso, os seguintes requisitos no momento da selección e da formalización do contrato de traballo:
– Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.
– Ser desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
– Estar inscritas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Ademais, para ser beneficiarias desta medida, as persoas mozas deberán constar como inscritas e beneficiarias no ficheiro do SNGX, así como cumprir os requisitos de non ter traballado ou recibido accións educativas ou formativas o día natural anterior ao momento de recibir a actuación, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, e polo Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo.
Será o organismo intermedio beneficiario da subvención o responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos, estea desempregada, inscrita como tal e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderá consultar na súa oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil.
3. Os organismos intermedios beneficiarios da subvención poderán solicitar as persoas mozas traballadoras que necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na correspondente oficina pública de emprego de Galicia, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas mozas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados. Deberase presentar unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións (CNO) a 4 díxitos. A oferta na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación.
Poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal, sempre que se cumpran os requisitos fixados neste artigo.
4. Se se opta por presentación de oferta ante a oficina de emprego, seguirase o seguinte proceso:
a) As ofertas achegaranse, necesariamente, a través de medios telemáticos (sede electrónica da Xunta de Galicia ou por correo electrónico). Presentarase unha oferta de emprego por cada categoría profesional que se demanda, e xuntarase tamén a resolución de concesión.
b) Recibida a oferta, a oficina de emprego realizará unha sondaxe de persoas demandantes en función das características da oferta, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando un número de persoas candidatas por posto de traballo, que non poderá ser, sempre que sexa posible, inferior a dúas nin superior a dez.
c) A remisión de novas persoas candidatas só procederá cando o organismo intermedio beneficiario xustifique documentalmente a súa necesidade, por incumprimento dos requisitos da oferta, por rexeitamento voluntario por escrito ou incomparecencia das remitidas.
d) No suposto de que os organismos intermedios beneficiarios non consigan cubrir algún dos postos de traballo concedidos, poderán substituílo por outro CNO dentro do mesmo grupo de cotización ao inicialmente concedido.
e) A selección definitiva das persoas candidatas deberá ser notificada polo organismo intermedio beneficiario á correspondente oficina de emprego, que comprobará a inscrición como demandante de emprego e a situación laboral de non ocupada da persoa ou persoas seleccionadas, e proporcionará á entidade beneficiaria un código identificador da oferta, que empregará na comunicación obrigatoria da contratación a través da aplicación Contrat@.
5. Para os efectos de facilitar a selección de persoas candidatas, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais elaborará unha instrución informativa, que publicará na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
6. Terán preferencia na selección a través da oficina de emprego as persoas con maiores dificultades para a inserción laboral, por esta orde: as persoas con discapacidade, as persoas trans e as persoas en risco de exclusión social, e a continuación, as persoas desempregadas mozas que participasen nos últimos 3 anos (2023-2024-2025) en programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (código de procedemento TR353B).
Artigo 41. Contratación das persoas mozas traballadoras
1. Efectuada a selección das persoas mozas traballadoras na forma prevista no artigo 40, o organismo intermedio beneficiario efectuará a súa contratación utilizando a modalidade de contrato temporal. Empregarase o modelo de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2025.
Cada contrato terá unha duración mínima de nove meses e unha xornada laboral do 100 %, e ese será o período laboral máximo subvencionable para cada contrato.
2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao prazo establecido na resolución de concesión e, en todo caso, dentro do exercicio 2025, logo da solicitude para o efecto do organismo intermedio beneficiario.
3. Será o organismo intermedio beneficiario da subvención o responsable de comprobar que, no momento de inicio da relación laboral, a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos e non supere a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estea desempregada e inscrita como demandante de emprego, e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, que poderán consultar na correspondente oficina de emprego e no Sistema nacional de garantía xuvenil: https://garantiajuvenil.sepe.es/login.action. Os organismos intermedios beneficiarios deberán deixar constancia documental da comprobación sinalada, para pista de auditoría (artigo 18.2.e).
4. Os organismos intermedios beneficiarios darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.
5. Os organismos intermedios beneficiarios asumen a súa condición de empregador respecto das persoas mozas traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir coa normativa laboral.
6. Os contratos de traballo subscritos coas persoas mozas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse, necesariamente, a través da aplicación Contrat@, marcando a opción específica «interese social», que figura no punto «Datos específicos do contrato», e asignaráselle o código 406: contrato de duración determinada vinculado a programas financiados con fondos europeos.
7. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego a través da aplicación informática Contrat@, deberán terse en conta os seguintes requisitos:
a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos previstos nesta orde para seren beneficiarias deste programa.
b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego.
8. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento e reintegro de conformidade co artigo 20.
9. No momento da contratación, a persoa moza cubrirá e asinará o anexo II, coa declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación. Así mesmo, o órgano xestor realizará esas comprobacións finais, así como a de inscrición como beneficiaria do SNGX da persoa moza contratada.
10. Os organismos intermedios beneficiarios comunicarán á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o comezo dos contratos no prazo máximo de dez días hábiles dende o devandito inicio, con indicación do número de persoas mozas contratadas, e presentarán a documentación xustificativa recollida no artigo 43.
11. Cando se produza a extinción do contrato antes de que finalice o período mínimo de nove meses, poderá optarse por substituír a persoa traballadora segundo o establecido no artigo 42 da presente orde ou, de ser o caso, pola devolución voluntaria da contía proporcional da subvención correspondente ao período de baixa ou de redución do contrato.
12. A formalización e a execución destes contratos laborais subvencionados non suporán, en ningún caso, relación contractual nin laboral coa Xunta de Galicia.
Artigo 42. Substitución das persoas mozas traballadoras
1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, o organismo intermedio beneficiario poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da persoa inicialmente contratada.
2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de comunicación á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada, nun prazo máximo de 15 días desde que se produza, á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, indicando a causa da baixa da anterior persoa traballadora que motiva a substitución.
Coa notificación da nova contratación a entidade beneficiaria deberá achegar os documentos seguintes:
a) Certificado de selección da persoa substituta no modelo publicado na web institucional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, agás que se trate dunha candidata que quedase en lista de espera na primeira selección e continúe en desemprego no momento de formalizar a contratación.
b) Documento de información da subvención polo Fondo Social Europeo Plus, debidamente asinado pola persoa substituta, segundo o modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
c) Anexo II asinado no momento da contratación: declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa, no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación.
d) Anexo III: declaración complementaria e actualizada do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes na cal se declara, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas (segundo o modelo do anexo IV), polo que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta pode levarse a cabo a través da correspondente oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia, agás que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e que cumpran os requisitos da orde de convocatoria no momento da súa contratación.
5. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida, e deberá facerse cargo o organismo intermedio beneficiario dos sobrecustos que estas substitucións leven aparelladas.
6. No caso de que o contrato subvencionado se extinga antes de nove meses por baixa voluntaria da persoa traballadora, e o organismo intermedio beneficiario opte por non substituíla, procederá a devolución da parte proporcional da axuda recibida con carácter voluntario, sen o requirimento previo da Administración, conforme o disposto no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
A devolución da axuda farase mediante o ingreso na conta do Tesouro ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, o organismo intermedio beneficiario deberá achegar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe, o número do expediente e a denominación da subvención concedida.
7. Permítese unha única substitución da persoa contratada inicialmente, de maneira que se a dita persoa é substituída por outra, esa nova persoa contratada pecha o proceso de contratacións incentivadas ao abeiro desta convocatoria.
Artigo 43. Xustificación e pagamento dos organismos intermedios beneficiarios
1. O organismo intermedio achegará, na data establecida no artigo 17.3, a seguinte documentación xustificativa:
a) Anexo II asinado por cada unha das persoas mozas contratadas no momento da contratación: declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación.
b) Anexo III: declaración complementaria e actualizada do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes na cal se declara, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas (segundo o modelo do anexo IV), polo cal autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
c) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 18.2.c).
d) Acreditación, de ser o caso, do sitio web do organismo intermedio beneficiario, no cal conste unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión Europea.
e) Documentos de información ás persoas mozas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo Plus, debidamente asinados, segundo o modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
f) Certificado de selección da persoa contratada, no modelo publicado na páxina web:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0044.xml
g) Informe ou declaración responsable sobre se as persoas traballadoras contratadas teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. En caso afirmativo, deberán indicar cales son esas persoas traballadoras e achegar o documento que reflicta as ditas bonificacións.
2. O cumprimento dos requisitos das persoas mozas traballadoras establecidos no punto 2 do artigo 40 (ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estar desempregadas e inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego, ser beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil na data de selección e formalización do contrato, e non ter traballado no día natural anterior á data da súa sinatura), comprobarao de oficio o órgano concedente.
A non presentación da xustificación no prazo establecido no artigo 17.3 (30 de novembro de 2025) pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.
Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta convocatoria, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
