DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 22 de agosto de 2025 Páx. 45942

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 6 de agosto de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas Estratéxicas Abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408D).

BDNS (Identif.): 852237.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/852237

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades mercantís con centro de actividade en Galicia, coa forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima que excedan a definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable en territorio galego.

b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 40 % dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

c) Que teñan sede social ou algún centro de actividade en Galicia.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto subvencionar os proxectos de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar o contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 1, punto 1 das bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas Estratéxicas Abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408D).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7701 e polos seguintes importes e distribución plurianual: 1.000.000 € no ano 2025; 2.000.000 € no ano 2026 e 2.000.000 € no ano 2027.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a contar o sexto día hábil posterior ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica