De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte resolución de revogación de encomenda coas seguintes características:
I. Pola Resolución do 20 de abril de 2023, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, encomendouse á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras de ampliación do Hospital Público da Mariña, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.
II. Mediante un escrito do 6 de xuño de 2025, a Axencia Galega de Infraestruturas solicita a desistencia da dita encomenda, con base na carga de traballo sobrevida na Axencia e na Sociedade Pública de Investimentos, así como nas circunstancias actuais que fan posible que a Consellería de Sanidade xestione os contratos e actuacións de carácter técnico, necesarios para acometer as obras de ampliación do Hospital Público da Mariña.
III. Por estas circunstancias sobrevidas, considérase a necesidade de que, en aplicación dos principios de eficiencia e optimización dos medios das administracións públicas, a xestión das actuacións encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. sexa asumida directamente polo Servizo Galego de Saúde.
Á vista destas circunstancias, a Resolución do 11 de agosto de 2025, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, revoga e deixa sen efecto a Resolución do 20 de abril de 2023 pola que se encomendaba á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras de ampliación do Hospital Público da Mariña, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
