DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 25 de agosto de 2025 Páx. 46332

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 13 de agosto de 2025 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Trezeluzes.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Trezeluzes, con domicilio na rúa Ícaro, número 2, en Oleiros (A Coruña).

Feitos:

1. O 11 de xuño de 2025, Luis Miguel Fontal Vázquez, presidente do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Trezeluzes constituíuna a entidade Disashop, S.L., representada por María Rosa Arias Quintana, mediante a escritura pública outorgada o 29 de maio de 2025 ante o notario de Oleiros (A Coruña) Andrés Antonio Sexto Presas, co número de protocolo 1.530.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto as axudas ás persoas, familias e comunidades en risco de exclusión social.

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade Disashop, S.L., representada por Luis Miguel Fontal Vázquez, como presidente, María Rosa Arias Quintana, como secretaria, e Lorena Otero Saavedra, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Trezeluzes, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social e Igualdade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de xullo de 2025,

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Trezeluzes, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes