DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 26 de agosto de 2025 Páx. 46537

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2025 pola que se modifica a composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

O presidente do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense comunicou, o día 10 de xullo de 2025, a proposta de modificación da composición do referido comité.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución do 11 de marzo de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23 de marzo de 2022, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Segundo. O presidente do devandito comité comunicou a proposta de modificación da súa composición, consistente:

1. Na renuncia, por petición propia, de Eloy Sánchez Hernández, Marisol Aira Quintela e Luis Anibarro García.

2. Na proposta de nomeamento, en substitución das persoas anteriores, de:

a) María Dolores Durán Vila, xefa de servizo de Radioloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Licenciada en Medicina e Cirurxía.

b) Ramón Javier López Rosell, facultativo especialista en atención primaria. Licenciado en Medicina e Cirurxía.

c) María José Fernández Domínguez, médica de familia de atención primaria. Licenciada en Medicina e Cirurxía. Doutora en Medicina e Cirurxía.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulación correspondente aos comités territoriais.

No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o artigo 9.1, unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, coa referida proposta, a composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense axústase ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.

Segunda. O artigo 9.5 do citado decreto establece que os membros destes comités serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres. As persoas titulares da presidencia, vicepresidencia, secretaría e vicesecretaría serán elixidas polo propio comité de entre os seus membros.

Terceira. O artigo 9.6 do decreto dispón que o nomeamento se efectuará por un período coincidente co da vixencia da acreditación do Comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se modificaren as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o Comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do Comité, e logo de dar audiencia á persoa interesada.

Logo de ver o exposto, e de acordo coa proposta do 7 de agosto de 2025 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O cesamento de Eloy Sánchez Hernández, Marisol Aira Quintela e Luis Anibarro García como persoas integrantes do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

O nomeamento de María Dolores Durán Vila, Ramón Javier López Rosell e María José Fernández Domínguez como novas persoas integrantes do Comité Territorial de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade